A competencia comunicativa en primeiro e segundo da ESO

Este libro dixital pretende, desde un enfoque cooperativo e mediante a realización de tarefas, achegar un material para o ensino da materia de Lingua Galega e Literatura nos niveis de primeiro e segundo da ESO desde unha perspectiva da comunicación tanto oral como escrita.

Ana Rial Aparicio
Profesora de Lingua Galega e Literatura no IES Aquis Celenis de Caldas de Reis.
arial@edu.xunta.es

Manuel Rosales Graña
Profesor de Lingua Galega e Literatura no IES Aquis Celenis de Caldas de Reis.
manuel.rosales@edu.xunta.es

 

O libro dixital A competencia comunicativa en primeiro e segundo da ESO foi desenvolvido por Ana Rial Aparicio e Manuel Rosales Graña durante dúas licenzas de formación nos cursos 2013/14 e 2014/15. Pode utilizarse nesta ligazón ou descargarse, en dúas partes, no repositorio de recursos Abalar da Consellería de Educación.

Contextualización

Este traballo naceu guiado polos seguintes motivos: a) a miúdo o estudo de linguas convértese nun fin en si mesmo, esquecendo que o seu obxectivo ha de ser a adquisición de habilidades comunicativas; b) a práctica docente adoita centrarse na linguaxe escrita, pero é fundamental tamén a atención á linguaxe oral; c) pensamos que cómpre un cambio metodolóxico que, apoiado nas novas tecnoloxías, implique o alumnado na súa formación e lle propoña tarefas motivantes, sobre todo a través do seu carácter social.

A través deste material desenvólvese o currículo de primeiro e segundo curso da ESO a modo de libro dixital buscando potenciar un elemento clave deste: a competencia comunicativa. O punto de partida é o texto (tanto oral como escrito) e o obxectivo final é que o alumnado poida aplicar o aprendido en contextos comunicativos reais. Ademais este enfoque despraza o centro de atención de maneira moi especial cara á adquisición de competencias básicas do ámbito comunicativo, o que transcende os obxectivos da materia e lle dá ao proxecto unha dimensión interdisciplinar e transversal xa que permite, e persegue, afondar na adquisición das distintas competencias, principalmente a competencia comunicativa e dixital mais tamén as competencias social e cívica, as de aprender a aprender, sentido da iniciativa e conciencia e expresións culturais.

Tal e como nós o entendemos, na nosa práctica docente cómpre aproveitarmos todos os recursos das novas tecnoloxías, pero sen esquecer que a esencia da materia é o uso instrumental da lingua, e isto só se pode adquirir dunha única maneira: practicando lingua. As novas tecnoloxías pódennos axudar nos soportes, pero en ningún modo deben substituír o papel do profesorado como guía na análise e interpretación de textos, como tampouco poden facer o seguimento necesario no proceso que cada alumno e alumna desenvolve para crear os seus propios textos orais e escritos e, por desgraza para o docente, tampouco poden suplir o seu papel corrector. Por outra banda, o uso das novas tecnoloxías conta aínda con bastantes limitacións pois, a pesar de que están estendidas no sistema educativo e en moitos fogares galegos, segue habendo problemas de acceso a internet, insuficiente cantidade de terminais para o uso do alumnado en cada aula, conexións lentas, dificultades xeográficas e económicas das familias para a conectividade… É por iso que o noso proxecto tamén intenta superar algunhas destas eivas, prescindindo como elemento necesario da conexión a internet e tendo como único requisito o acceso a calquera navegador. Ademais pretende un papel máis activo do profesorado, pois non está creado para o seguimento autodidacta por parte do alumnado, senón para que, de xeito permanente, o profesor guíe e dirixa o proceso de aprendizaxe.

Obxectivos

Con este traballo perseguimos os seguintes obxectivos:

  • Motivar o alumnado a través do incentivo que supón o uso das TIC na aula como elemento dinamizador e que, ademais, pode axudar a superar estereotipos que asocian o galego cunha lingua afastada dunha sociedade dixital propia do século XXI.
  • Suplir a carencia que neste momento segue a existir de materiais en soporte informático en lingua galega mediante un material que pode ser utilizado incluso como complemento doutras materias da área de lingua, abrindo o camiño de cara a un eventual tratamento integrado de linguas.
  • Experimentar novos enfoques metodolóxicos baseados na aprendizaxe por proxectos e no traballo cooperativo.
  • Ensinar lingua dentro de contextos comunicativos e non como un mero compendio de contidos teóricos sen relación coas habilidades que o alumnado precisa.
  • Traballar de maneira expresa a lingua oral xa que habitualmente queda relegada a un segundo plano cando, en realidade, é a carencia maior que presenta o alumnado. Isto en dous sentidos: por un lado, o alumnado presenta déficits no uso formal da lingua (cústalles falar en público e exprésanse con dificultade) e, por outro, é o ámbito onde máis se percibe a falta de competencia na lingua galega, xa que non son quen de se expresaren con fluidez nin sequera nos usos cotiáns.
  • Elaborar un libro dixital que aglutine todos os elementos do currículo e que poida ser utilizado por calquera profesor de Lingua Galega nas súas aulas.

Recursos empregados

Para a aplicación na aula do material, o contorno ideal é a aula Abalar, aínda que o único requisito imprescindible é que o alumnado teña acceso a un ordenador e que este teña instalado un navegador.

Unha premisa básica que orientou tanto a elección dos soportes como a propia dinámica de elaboración do material era a facilidade de acceso por parte do profesorado e do alumnado; o libro dixital está escrito todo el en formato html5 e en JavaScrit, e incorpora tamén animacións e vídeos creados en Flash. O acceso á interface principal realízase a través dun arquivo index.html que dá acceso a todas as funcionalidades, e para que funcione abonda cun navegador que soporte Flash e Scripts, requisitos que cumpren a práctica totalidade dos navegadores actuais. Tampouco se precisa unha conexión a internet, pois o programa funciona na súa totalidade sen liña.

Descrición do libro dixital

As distintas unidades didácticas que conforman o libro dixital van desenvolvendo os contidos curriculares de primeiro e segundo da ESO que, na práctica, coinciden en ambos os cursos. Estes contidos están distribuídos en catro unidades didácticas: Unidade 1. Falamos de nós , Unidade 2. Falamos cos demais, Unidade 3. Contamos a nosa historia e Unidade 4. Informamos do que pasa.

A intención é ofrecer un conxunto de unidades didácticas, cada unha centrada nun tipo de texto: o texto descritivo, o expositivo, o narrativo e o informativo. Para abordar cada un deles proponse unha tarefa, que ten a súa culminación ao final da unidade didáctica, cando o alumnado ten que pór en práctica todo o aprendido para poder realizala con éxito. Cada tarefa desenvólvese en vinte chanzos (trátase de crear a imaxe de que, a medida que avanzamos chanzos, imos gabeando ata culminar o noso obxectivo e, de feito, na pantalla que serve de presentación a cada unidade vaise marcando “o camiño andado”, o que xa se superou con éxito, e “o camiño por andar”, o que aínda falta.

O chanzo 1 é unha explicación-presentación sobre o contido da unidade e cal é o obxectivo final que se persegue e o chanzo 20 dedícase á concreción e avaliación do traballo desenvolvido. Entremedias incorpóranse dezaoito chanzos para levar a cabo en arredor de corenta sesións de traballo (varía un pouco en cada unidade). Cada un deles presenta unha estrutura na que sempre están presentes, cando mínimo, os seguintes elementos:

1) Tema–Exercicios–Actividades

  • Os temas son explicacións teóricas sobre diversos aspectos relacionados co currículo: morfoloxía, sintaxe, léxico, tipoloxía textual, sociolingüística e literatura. Cada un deles conta con exemplificacións en distintos soportes (textos escritos, vídeos, audicións, esquemas, mapas interactivos…) que permiten achegar de maneira máis directa e entretida os contidos que se abordan.
  • Seguidamente propóñense exercicios prácticos nos que o alumnado debe demostrar que adquiriu os coñecementos explicados. Estes exercicios son interactivos e de autocorreción, e están elaborados de xeito secuenciado.
  • Logo están as actividades, que supoñen a exercitación das habilidades de recepción e emisión de mensaxes e, polo tanto, lévanse a cabo no caderno de aula ou de maneira oral, segundo o caso, nas que o alumnado debe demostrar que é capaz de facer un uso efectivo deses coñecementos e aplicalos a circunstancias diversas da vida real.

2) Autoavaliación

Nela valídanse as respostas e, no caso de non seren acertadas, impídese que o alumno avance e recoméndase volver repasar novamente os contidos precisos. Ademais, como indicación para o profesorado, márcase o número de intentos que precisou realizar cada alumno.

3) Que aprendín?

Pretende ser unha chamada de atención para que o alumnado reflexione sobre o significado do material que estivo traballando. Vai sempre asociado tamén a algunha actividade de repaso da que o alumnado debe deixar constancia escrita no seu caderno.

4) Para a tarefa

Non queremos que o alumnado perda de vista que todo o que fai en cada chanzo non é máis ca unha preparación indispensable para estar en disposición de realizar a tarefa, por iso se pecha cada chanzo recordándolle cal é o sentido do traballo realizado.

Nalgúns chanzos substitúense os temas por lecturas ou audicións de determinadas obras literarias ou audicións de temas musicais, sempre seleccionadas en función de que o seu contido estea relacionado co tema que se está traballando. Estas lecturas van sempre acompañadas da realización de exercicios interactivos que pretenden guiar o alumnado na realización dunha lectura comprensiva e, a continuación, da proposta de actividades de expresión oral e/ou escrita.

Ademais do xa dito, nalgúns dos chanzos inclúese tamén o que denominamos “Competencias” e que na realidade son presentacións que funcionan a modo de guía práctica para a adquisición por parte do alumnado de determinadas ferramentas imprescindibles para o seu desenvolvemento académico (Como maquetar en formato radiofónico, Como elaborarmos un guión de radio, Como elaborarmos un anuncio publicitario...).

Metodoloxía

Como xa indicamos, o noso traballo centra a atención no esencial para unha área de lingua: a adquisición de habilidades comunicativas que lle permitirán ao alumnado acadar os obxectivos específicos da nosa área pero que, ao mesmo tempo, o dotarán de ferramentas preciosas para conseguir tamén mellores resultados noutras disciplinas. Ademais concibimos este proxecto como un recurso, unha posibilidade que permita que o alumnado, desde a nosa área, poida desenvolver outras destrezas imprescindibles: aprender por si mesmo, interrogarse sobre o mundo que o rodea, traballar en grupo, adquirir autonomía persoal..., en definitiva, adquirir as competencias claves que lle permitirán integrarse de maneira activa na sociedade actual.

Cada unidade didáctica céntrase nun tipo de texto (descrición, diálogo, narración, exposición, argumentación e textos informativos) e para traballalo todo xira arredor da tarefa, que serve de guía na aprendizaxe gramatical, de vocabulario, sintáctica, fonética...; a intención é darlle un sentido práctico a todo o que se aprende. En todo momento, o alumno ten acceso á información que precisa, pode abrir ventás onde atopar breves reflexións teóricas e tamén consultar dicionarios en liña e material diverso para formarse nas cuestións básicas necesarias para alcanzar con éxito os obxectivos propostos. Sempre que sexa posible, o traballo hase realizar de xeito cooperativo e debe ser desenvolvido en gurpos; o grupo é o elemento básico dentro do que se produce a comunicación e permite a posta en práctica das habilidades aprendidas.

Especial mención merece a atención á linguaxe oral, que se materializa en exposicións orais e a achega de modelos, en soporte de audio e vídeo, que permiten a imitación para a mellora das habilidades; sobre eses modelos elabóranse exercicios adaptados que incorporan tamén a fraseoloxía, conectada con frecuencia coa linguaxe oral.

Para acadar a finalidade que persegue o libro dixital, o docente pode empregar este material dun xeito flexible pois non hai unha única maneira de utilizalo, senón que se pode orientar o seu uso no sentido que se considere máis conveniente:

  1. O modo de traballo ideal é seguir as tarefas tal e como se van indicando; trátase de seguir a secuencia que se propón, e que debe ser orientada e matizada polo profesor.

  2. Outra posibilidade é utilizar o libro unicamente accedendo aos bloques de contidos, competencias, actividades e exercicios prescindindo da súa integración nas tarefas propostas, o que facilita que cada docente poida adaptar o material para o deseño doutras tarefas se así o estima oportuno.

  3. A terceira alternativa é utilizar esporadicamente aspectos puntuais do programa, pois o seu carácter modular garante un acceso rápido e directo a calquera aspecto que se queira traballar.

O nivel de profundidade co que se abordan os diferentes aspectos do currículo é suficiente como para satisfacer as necesidades do alumnado con maior interese, por iso formulamos varias medidas que permitirán unha adecuación do noso traballo ao alumnado con dificultades na súa aprendizaxe:

  • As tarefas están organizadas de xeito que deben ser realizadas conxuntamente por toda a aula, de maneira que todo o alumnado ten que participar; isto obriga a integrar a todos os alumnos, pero ao mesmo tempo tamén permite adecuar a parte da tarefa que lle corresponde a un alumno de acordo coas súas posibilidades e en colaboración con aqueles compañeiros que mellor lle poidan axudar a progresar nas súas aprendizaxes.
  • Nos exercicios autoavaliables que se propoñen existen varias opcións numeradas segundo o seu nivel de dificultade, de maneira que o alumno que precisa máis tempo para a asimilación dos contidos pode realizar unicamente os exercicios iniciais de cada serie e o resto do alumnado seguir realizando os que requiren máis destrezas, garantindo deste xeito os distintos ritmos de aprendizaxe.
  • As actividades propostas en moitos dos casos son para a súa realización en grupo, isto posibilita a introdución de diversas estruturas propias do traballo cooperativo que teñen como finalidade, precisamente, a atención á diversidade.
  • De haber no grupo alumnado con tales dificultades de aprendizaxe que non lle permitan facer un seguimento normal da materia, será preciso establecer algunha medida de adaptación curricular por parte do profesorado; nalgúns casos poderase botar man dos materiais que aquí se ofrecen pero noutros haberá que completalo con materiais máis acaídos a niveis inferiores, en todo caso sempre procurando que o alumno receptor da dita adaptación poida participar nas actividades encamiñadas á elaboración da tarefa final.

Avaliación

A avaliación do alumnado realízase de diversos xeitos:

  • Cada tema incorpora unha autoavaliación que o alumno debe superar; o programa garda a información do rendemento na realización desta proba.
  • As actividades que incorpora cada tema deben ser avaliadas polo profesor a partir dos traballos desenvolvidos por cada alumno no seu caderno de aula e nas súas intervencións orais.
  • Os exercicios son unha ferramenta útil para practicar as destrezas que logo ha de avaliar o profesor nunha proba obxectiva.
  • Aínda que vai ser unha decisión de cada docente, é de esperar que ademais de avaliar as competencias do alumnado se teña tamén en conta o grao de implicación da cada alumno na realización da tarefa.
  • Ao final de cada unidade inclúense os estándares de aprendizaxe que se deben superar, sempre en relación coas distintas competencias traballadas para a realización de cada tarefa e que deberon ser adquiridas polo alumnado, así como unha proposta de rúbrica que pode permitirlle a cada alumno a súa propia autoavaliación.

Conclusión

Nesta altura, na que estamos empregando nas nosas aulas este libro, podemos salientar de maneira positiva os seguintes aspectos:

  • Maior motivación por parte do alumnado, incluso naqueles alumnos e alumnas que tenden a distraerse ou a mostrar unha actitude máis pasiva, pois a realización dos exercicios moitas veces é abordada coma un xogo no que se implican activamente.
  • Mediante a autoavaliación conséguese que o alumnado se esforce máis para comprender os contidos propios de cada chanzo cara a conseguir unha avaliación positiva e volve as veces que precise revisar os contidos sen amosar actitudes de desidia.
  • Que as tarefas que se propoñen teñan sempre un carácter de exposición pública conduce a que o alumnado se implique máis na adquisición das habilidades que precisa para “quedar ben”.
  • A finalidade práctica das tarefas fai que o alumnado se encontre máis motivado e se comprometa na aprendizaxe necesaria para poder levalas a cabo con éxito.

Como aspecto negativo queremos salientar que a fluidez das clases se ve afectada en moitos casos polo feito de que a miúdo se producen erros informáticos como desactualizacións do sofware, plugins, baterías descargadas... o cal, ás veces, dificulta o traballo previsto para unha determinada sesión ou que os alumnos que en cada caso se ven afectados por estes problemas non poidan continuar a clase con normalidade; nestes casos cómpre sempre ter á man un plan B.

Outra situación que se dá con frecuencia é que o feito de que o alumno teña un ordenador diante dispersa a súa atención con respecto ás instrucións do profesor.

Mais, a pesar destas dificultades que imos atopando (e outras que seguramente habemos atopar), consideramos que se trata dun material que consegue os obxectivos que inicialmente nos propuxemos cando decidimos elaboralo e pensamos que se lle pode tirar moito rendemento nas aulas, non só nas de Lingua Galega.