Desde un feito histórico á realidade escolar

O caso da Sociedade Filharmónica de Vigo
Acotío atopamos acontecementos memorables na nosa contorna que forman parte do saber popular, elementos da nosa propia cultura que son coñecidos ou estan por coñecer, e o interese polo patrimonio galego é un dos contidos transversais do currículo de educación primaria. Partindo dun evento concreto, a celebración do centenario da Sociedade Filharmónica de Vigo, extrapolaremos o feito histórico á realidade curricular da aula.

Tamar Adán García
Mestra de Educación Musical no CEIP Sárdoma-Moledo (Vigo))
tamar.adan@edu.xunta.es

 

Introdución

A pesar de versar sobre unha entidade dedicada á promoción musical, non se trata dunha unidade didáctica exclusivamente da disciplina artística, xa que busca un enfoque multidisciplinar que englobe a multitude de obstáculos aos que se ten que enfrontar unha sociedade cultural deste tipo, sempre adaptada ao noso fin: presentala ao alumnado de educación primaria xa que “o florecemento das culturas abre un horizonte máis optimista dun futuro máis humanizado e fraternal onde os valores creadores do espírito iluminen a traxectoria vital das persoas e os pobos” (Zulueta de Haz, 2007).

 

Descrición da unidade didáctica

É obvio que a creación, hai cen anos, dunha sociedade artística como a Filharmónica de Vigo é un exemplo de afouteza para a nosa sociedade, e o obxectivo principal desta unidade é valorar o patrimonio artístico e cultural da urbe na que vivimos. Pensada para realizar ao longo de catro sesións e destinada ao alumnado de quinto, inclúe contidos de Ciencias Sociais, Lingua Galega, Matemáticas, Lingua Estranxeira: Inglés e Educación Artística.

A metodoloxía que se utilizará empregará a multidisciplinariedade como un todo; a aprendizaxe construirase sobre o coñecemento previo empregando recursos xa interiorizados para desenvolver os novos. Este enfoque global defenderá a participación activa do alumnado no proceso de ensino-aprendizaxe, para así conseguir unha aprendizaxe significativa.

O motivo polo que se inclúe unha descrición minuciosa das actividades é para compartir o material que calquera docente pode levar á práctica na aula. Paralelamente presentaremos datos concretos da experiencia, xa que o proxecto foi levado a cabo con 19 cativos de quinto de primaria, nunha clase que no curso 2014/15 viviu un cambio significativo xa que a acción titorial propiciou un maior interese entre o alumnado polo coñecemento, incrementando, a grandes trazos, a súa comprensión lectora, resolución de problemas e empatía e gozo polo idioma galego.

O alumnado provén de diversos puntos da cidade de Vigo, polo que o descoñecemento da urbe na que viven era relevante. O centro no que se levou a cabo a experiencia atópase nos arrabaldes de Vigo e é dunha única liña. No presente curso ten 158 alumnos, a maioría deles é do centro da cidade, desde onde veñen no autobús do colexio. Ademais, unha porcentaxe moi elevada do alumnado, arredor do 30 %, naceu fóra do país ou os seus pais son extranxeiros, polo que teñen un escaso coñecemento dos elementos culturais da urbe e unha competencia lingüística en galego deficitaria. Neste contexto nace a idea de intentar crear actividades que poidan perfeccionar o apego cultural do alumnado, ademais da miña directa vinculación coa Sociedade Filharmónica de Vigo, o que axuda á cristalización do proxecto nesta unidade didáctica.

Para levar a cabo este propósito contamos coa axuda da titora de quinto de primaria, María José Oliveira Antón, quen compartía a intención de mellorar o obxectivo principal do proxecto, así como o enfoque multidisciplinar por ofrecerlle maior riqueza. A mestra estivo presente ao longo de toda a posta en práctica, xa que a unidade se levou a cabo baixo a tutela das dúas mestras, axudando os grupos de alumnos para unha atención máis especializada.

A continuación preséntase unha táboa na que se pode observar a relación de contidos, criterios de avaliación e competencias clave das áreas curriculares.

 

Táboa 1.Relación de elementos curriculares da unidade didáctica

Fonte: Elaboración propia

 

Presentación das actividades da unidade didáctica

Primeira sesión: Vigo a principios do século XX

Vigo desenvolve importantes avances na súa situación económica e social como a industria de salgadeira, estaleiros e navíos de transporte, tanto de pasaxeiros como de mercadorías, o tranvía como medio de comunicación interna e os periódicos locais que rexistraron os acontecementos máis importantes (Álvarez, 1980). A continuación preséntase a ligazón dun quebracabezas onde poderás descubrir parte dunha das rúas máis céntricas da cidade:

Co desenvolvemento industrial comezaron a crearse elementos propios dunha vida máis acomodada coa xeración de espazos onde a xente se xuntaba para gozar do seu tempo de lecer. Estas actividades deixaron a súa pegada nos edificios, que en moitos casos foron derruídos, pero que podemos lembrar neste vídeo:

 

 

Esta sesión resultou moi motivadora para o alumnado, xa que unha gran parte deles descoñecía moitos recunchos da cidade, así como o esplendor que lucía hai anos. Ademais tamén se pon de relevancia a valoración e coidado polos elementos históricos, propoñendo pautas para o seu coidado. Resultou moi rechamante que moitos deles comezaron a dedicar máis tempo a pasear pola cidade e descubrir espazos que antes despoñecían, así como a implicación dalgunhas familias na realización de rutas nas fins de semana.

Segunda sesión: a actividade cultural de Vigo, o caso da Sociedade Filharmónica

A finais do século XIX comezaron a xurdir círculos culturais dentro da cidade; moitos tiñan diferentes focos de interese, pero entre todos eles a música era unha constante. O desexo de mellorar a situación musical da urbe e poder acceder á escoita de moitas das obras musicais levou a un grupo de empresarios a xestionar a chegada de relevantes artistas aos teatros da cidade.

Moitos deses empresarios formaban parte dunha sociedade recreativa coñecida como A Tertulia, á que pertenecían os cidadáns máis insignes da vila. En 1918 crean unha entidade dentro da propia Tertulia coñecida como Sociedade Filharmónica co fin de organizar concertos e promover a música. Pero para poder formar parte da Filharmónica era preciso ser membro da Tertulia e os integrantes, co paso dos meses, comezaron a sentir que a vinculación entre ambas non resultaba tan beneficiosa como ao principio, polo que finalmente se separan.

Os primeiros anos de actividade da sociedade foron dunha rápida adaptación á vida viguesa, e a súa temporada máis importante foi en 1925/26, pola cantidade e calidade de artistas que visitan a nosa cidade. Os primeiros concertos ata 1926 organizáronse no teatro Odeón, pero por motivos de espazo trasladáronse ao teatro Tamberlick, que presentaba unha sala con maior capacidade de oíntes. A continuación solicítaselle ao alumnado a busca na web da fachada do teatro Odeón, que a describan con verbas propias e a copien no caderno.

Continuaron a ser bos tempos polo que a sociedade, impulsada pola necesidade de mercar un piano, accedeu á compra dunha importante marca alemana: Bechstein. Navarra, do compositor catalán Albéniz, foi a obra pianística máis interpretada na Sociedade Filharmónica (esta obra está escrita no compás 3/8). Despois de observar as correspondencias, pregúntaselle ao grupo as equivalencias dos outros compases. Acceso ao exercicio.

A continuación proponse a repetición dos ritmos para o motivo A: ♪♩, e o motivo B: ♪♬♪. Tras observar a partitura do enlace e os lugares onde se interpretará o ritmo A, sinalado con cor vermella, e B, con cor azul, suxírese o traballo no seguinte vídeo.

 

Na práctica, esta sesión deixou bos resultados no ámbito artístico, xa que valoraron moi positivamente a obra de Albéniz na que loaron a capacidade de traballo dos pianistas para poder levar a cabo a obra que se presenta. Ademais os cativos foron minuciosos na representación gráfica da fachada do Odeón, reproducindo os detalles arquitectónicos no seu caderno.

Terceira sesión: rexurdindo das propias cinzas

Durante a década dos anos trinta, a Sociedade Filharmónica viviu unha etapa na que os socios comezaban a decaer e o número de concertos diminuiu ata case desaparecer, especialmente durante o ano 1935 e 1936. Formúlase a busca de tres acontecementos importantes que pasasen durante esas datas na nosa cidade e póñense en común cos compañeiros.

Non obstante, durante o ano 1936 creouse a Orquestra Filharmónica de Vigo en parte grazas ao intenso traballo do seu director Mónico García de la Parra, compositor de Toledo que chegou á nosa cidade para cubrir a dirección da Banda Municipal de Vigo. Tras observar no mapa, pedimos a distancia que percorreu o compositor para chegar ata a nosa urbe, tendo en conta a escala para poder atopar a distancia real. Como xa sabemos, a distancia máis curta entre dous puntos é a liña recta, non obstante, en 1912 Mónico García de la Parra non puido chegar ata Vigo dun xeito tan directo. Polo tanto, propoñemos que descubran que lonxitude tivo que percorrer desde Toledo a Pontevedra pasando por Madrid, León e Ourense.

Unha das obras máis interpretadas pola orquestra da sociedade, e pola maioría dos conxuntos que visitaron a Sociedade Filharmónica durante a primeira metade do século XX, foi a Obertura dos Mestres Cantores de Nüremberg de Richard Wagner (Adán, 2015). A continuación suxírese a realización dunha guía auditiva atendendo aos timbres predominantes que van xurdindo na audición, con fin de comprender mellor as partes da obra e o seu sentido (Wuytack, 1996).

Para comezar a desenvolvelo débense recortar os debuxos dos instrumentos (instrumentos de corda fretada, vento metal, frauta traveseira, clarinete, óboe, trompeta, timbais, violín, conxunto orquestral) e colocalos por orde nun folio en branco. Queda o enlace do vídeo do que se propón a realización do musicograma durante os dous primeiros minutos. É importante que na primeira escoita o alumnado non teña acceso visual a este.

 

Contrario ás nosas sospeitas sobre a localización xeográfica e o traballo coa escala, o alumnado resolveu con facilidade o problema e incluso o pasou ben por ser un traballo conxunto de Matemáticas e Xeografía. Ademais o recurso do musicograma resultou motivador, xa que cada acerto foi festexado como o que é: un gran logro.

Cuarta sesión: a predilección dos vigueses polas orquestras

Desde 1939 a orquestra que dirixía Mónico García de la Parra formou parte da Sociedade Filharmónica de Vigo. Non obstante, unha vez que a contenda bélica foi remitindo, os mellores intérpretes comezaron a volver ás grandes urbes en busca de traballos máis destacados. Pouco a pouco a orquestra rebaixou o seu nivel artístico e foi cubrindo como podía os instrumentos que quedaban libres. A Xunta Directiva da sociedade decidiu reducir a número de músicos, de xeito que se pasou dunha orquestra filharmónica a unha de cámara pero o seu director non aceptou a modificación e dimitiu do cargo.

Coa nova redución do gasto, a Sociedade Filharmónica comezou a contratar a chegada de máis artistas, especialmente na década dos cincuenta e sesenta a visita de orquestras centroeuropeas á nosa cidade é relativamente frecuente, polo que formulamos o seguinte problema:

A Xunta Directiva da Sociedade Filharmónica decide contratar unha orquestra checa, que países deberá atravesar para chegar ata Vigo? Cales son as capitais deses países. Hoxe en día a Orquestra Filharmónica Checa conta con 118 músicos, se a sociedade viguesa paga por un recital en Vigo 70.000 euros, e a orquestra dedica un 10 % a pagar o seu aloxamento, instalándose cada un deles durante dúas noites nun cuarto individual. Canto custa cada habitación? Ademais de pagar o aloxamento, a agrupación tamén debe contratar o desprazamento ata a cidade de Vigo, o cal supón un 15 %, canto gaña cada músico?

Unha vez que chegan á estación do tren, propoñemos unha dramatización entre os cativos, indicando como chegar ata o hotel e desde aí ao teatro García Barbón, sen esquecer que non deben falar nin galego nin castelán, deberán empregar o inglés (mapa da cidade coas localizacións dos establecementos.)

A pesar de que esta sesión presenta un problema arduo, o alumnado recoñeceu a vinculación da actividade con problemas reais, e isto levounos a traballar coma un verdadeiro equipo. Non obstante, a última proposta de guiar no mapa non foi moi ben recibida pola reticencia que mostran os nenos de utilizar o inglés nunha conversa, pero entenderon que é o idioma que deberían utilizar nun diálogo cos personaxes que se propoñen nesta sesión.

 

Conclusións

A valoración do patrimonio artístico é un elemento transversal que debe traballarse ao longo de todo o curso e desde diferentes ópticas, non obstante, a realidade poliédrica dunha entidade musical proporciona retos desde diversas áreas, o que conforma unha aprendizaxe máis signiticativa. Este enfoque dinamizou o traballo na aula e incrementou os seus tempos de concentración.

Na posta en práctica deste proxecto descubrimos como o alumnado mostra sentimentos encontrados da realidad da súa urbe manifestando actitudes de respeto pola cidade, os compañeiros e as actividades de emprendemento que os colectivos levan a cabo. Esta iniciativa didáctica sentou as bases para que eles propuxesen descubrimentos propios e rutas pola cidade que lles proporcionan un maior sentimento de apego e gozo da contorna. Ademais o gozo co proxecto fíxose tanxible sesión a sesión e con cada tarefa, relacionando datos concretos con conceptos anteriormente adquiridos, fomentando a ilusión por aprender e descubrir facetas culturais da súa propia vida.

Pola contra, revelouse un leve vestixio de indignación entre moitos cativos pola destrución de parte do patrimonio vigués, polo que estamos a traballar nun seguinte proxecto que faga especial fincapé na estima dos elementos históricos que aínda posúe a cidade, así como a música en vivo e unha relación máis estreita coa Sociedade Filharmónica viguesa coa presenza de escolares nalgún concerto no teatro García Barbón. Antes de dar por rematado o presente artigo queremos agradecer a colaboración da mestra María José Oliveira Antón e dos nenos e nenas de quinto de primaria do CEIP Sárdoma Moledo, os cales estimularon as propostas de mellora e nos ensinan a perfeccionar a nosa práctica día a día.

 

 

Bibliografía: 

 

 

ADÁN GARCÍA, T. (2015): Sociedad Filarmónica de Vigo: cien años de música. Vigo: Deputación de Pontevedra.

ÁLVAREZ BLÁZQUEZ, J. (1980): Vigo en su historia. Vigo: Caja de Ahorros Municipal (2.ª ed.).

LEI ORGÁNICA 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa (BOE núm. 295, do 10 de decembro de 2013, páxinas 97858 a 97921).

WUYTACK, J. (1996): Audición musical activa. Oporto: Associação Wuytack de Pedagogía Musical.

ZULUETA DE HAZ, A. (2007): Discurso de ingreso do membro numerario don Alfonso Zulueta de Haz e resposta do membro numerario don Luís Manuel García Mañá. Vigo: Instituto de Estudos Vigueses (1.ª ed.).

Sección: