Bibliotecas escolares

Biblioteca escolar, compensadora de desigualdades

Para que a biblioteca escolar sexa un verdadeiro factor de compensación social debe cumprir unha serie de condicións. Máis alá de ofrecer os seus servizos ao alumnado en desvantaxe, a biblioteca ha ser proactiva e dirixirse directamente a atender as necesidades deste alumnado.

Cristina Novoa Fernández
Pilar Sampedro Martínez
Asesoría de Bibliotecas escolares
bibliotecasescolares@edux.unta.es

"Ademais de apoiar programas destinados a evitar o fracaso escolar ou
atender a alumnado con necesidades educativas específicas,a biblioteca
debe ser un factor de compensación social ofrecendo libros e materiais
multimedia ou electrónicos, así como o acceso a internet, a aquel
alumnado (e ás súas familias) que non pode acceder a estes recursos por
razóns de desigualdade socieconómica."

Marco de referencia para as bibliotecas escolares, MEC 2011

No ADN de toda biblioteca, escolar ou pública, está presente a función de ofrecerlle recursos informativos, educativos e culturais a toda a poboación, especialmente a aqueles que carecen deses bens. As bibliotecas públicas deben ter esa misión, e as escolares non só a teñen senón que deben comprometerse con levala a cabo dun xeito audaz porque, por definición, estas son as bibliotecas polas que pasa toda a poboación infantil e xuvenil do país mentres realiza o ensino obrigatorio.

En tempos de crise financeira, nos que aumenta a porcentaxe da infancia sometida a desvantaxe económica e social, as bibliotecas escolares dos centros públicos están chamadas a ser eses axentes compensadores nos que o alumnado máis desfavorecido vai atopar todo o que necesita para a súa educación. Aqueles que non contan con biblioteca persoal nin familiar deben saber que a biblioteca escolar pode suplir estas carencias acompañándoos ao longo da súa escolaridade. Así está a suceder nun bo número dos centros educativos galegos, de aí que consideremos que é o momento de facer visibles esas prácticas, ao tempo que se pretende abrir unha reflexión que nos faga avanzar neste empeño.

 

 Montaxe do IES Gregorio Fernández de Sanz (Sarria)

 

Cando e como a biblioteca pasa a ser un factor de compensación social

A biblioteca escolar dun centro educativo é compensadora cando é unha biblioteca accesible a todo o alumnado, presente ou non necesidades educativas especiais ou algún tipo de discapacidade: salas de lectura accesibles para persoas con mobilidade reducida, situadas na planta baixa, a ser posible con entrada tamén desde a rúa, con ramplas en lugar de escaleiras ou dotadas dun ascensor. O espazo da biblioteca ha de convidar a entrar a todo o alumnado e profesorado, e ás familias. Neste sentido cómpre salientar prácticas de interese, como a creación de espazos “de biblioteca” na entrada do centro, ou no corredor de acceso aos despachos de dirección, que chaman a que os pais e nais senten mentres agardan para seren recibidos e que o fagan cun libro axeitado para eles nas mans. Dar a lectura na man, entregala facéndolle sentir á persoa que a recibe que ese libro a estaba a agardar, que estaba aí pensado para ela. Por esta razón é tan importante a selección dos materiais que se poñen á disposición das familias nestes espazos pensados para elas con criterios de calidade, actualidade, interese e pertinencia.

 

Espazo para as familias. CEIP Francisco Vales Villamarín (Betanzos)

 

A accesibilidade da biblioteca escolar tamén se mide pola distribución e deseño dos espazos e das posibilidades de circulación entre eles: un lugar o máis amplo posible e distribuído segundo os diferentes servizos da biblioteca: lectura informal, zona de traballo individual e grupal, espazo de xestión, recuncho de audiovisuais para uso autónomo e, tamén, para uso común; zona de ordenadores para acceso a internet; zona de reunión para clubs de lectura e de gran grupo para sesións de narración oral ou lecturas compartidas.

Unha biblioteca escolar é compensadora cando selecciona os seus fondos entre toda a oferta do mercado: libro a libro, música a música, filme a filme, atendendo ás necesidades e intereses da comunidade educativa. Cada hora ocupada nesa escolla é un investimento de futuro porque na colección terase en conta a calidade de cada un dos produtos; a adecuación ao alumnado e ás materias que se imparten; o idioma no que está escrito, para recoller todas as linguas que teñen presenza no centro e os obxectivos de normalización da lingua propia; a representación do fondo local para que se vexa reflectida a realidade máis próxima; os fondos propios elaborados no centro; a relación cos países de orixe do alumnado; a atención a todas as necesidades educativas específicas. Terase en conta cales son os libros de lectura obrigatoria ou recomendada por cada un dos departamentos ou ciclos, os itinerarios literarios e as publicacións de actualidade; teranse en conta as subscricións a revistas e xornais, a presenza de libros en papel e dixital, a presenza da música e a creación dunha filmoteca de interese. Completarase a colección cunha boa selección de recursos electrónicos, de espazos web fiables e de calidade, para traballar coa información en cada unha das materias do currículo, convenientemente clasificadas e accesibles desde a páxina web ou blog da biblioteca escolar.

 

A colección ao servizo da comunidade educativa. CEIP Mestres Goldar (Vigo)

 

A biblioteca escolar, para servir de factor de compensación social, debe atender, así mesmo, aos tempos: debe contar cun horario de atención específica amplo, que coincida co horario lectivo e tamén que amplíe a atención aos momentos non lectivos nos que o alumnado pode facer un uso autónomo dos recursos que alberga e as familias poden acudir para cubrir as necesidades propias e as dos seus fillos en materia de lectura e de información.

Pero a biblioteca é algo máis ca un espazo amigable e un catálogo de recursos diverso e actualizado, que atende a todas e cada unha das persoas da comunidade educativa. A biblioteca escolar debe ser un espazo vivo que chama polos lectores, que se estende por todo o centro, que resulta útil e necesario para toda a comunidade educativa, e iso conséguese a través dun coidado programa de actividades.

 

Programas integradores

Cómpre deseñar e levar a cabo un programa de formación de usuarios de biblioteca para espertar no alumnado o gusto por este tipo de contedores culturais e estimular o hábito de ir (e de volver); para que se sintan seguros nese medio e sexan autónomos no seu uso; para que non desenvolvan resistencias e recoñezan as posibilidades que lles ofrecen todas as bibliotecas para o seu crecemento persoal, e para o seu tempo de traballo e de lecer. Este programa debe incluír, ademais, a visita á biblioteca pública máis próxima e, cando sexa posible, a tramitación do carné de socio/a, un carné que os acredita como cidadáns con acceso a outros espazos culturais, máis aló do centro, e lles permite repetir a experiencia as veces que queiran. Actividades pensadas para vincular os alumnos e as alumnas á cultura, enlealos nesa rede de coñecemento, para que poidan gozar deses bens que tamén lle pertencen, para que poidan sentirse parte da cidadanía, copartícipes do patrimonio cultural, para evitar que se distancien e se coloquen do outro lado, considerándose fóra do que é de todos e todas.

Resulta imprescindible que as actividades da biblioteca estean planificadas e organizadas tendo en conta as tarefas que realmente constrúen lectores e alfabetizan en información en calquera dos seus formatos e soportes; cando esas actividades se van realizando de forma sistemática, ademais, adoitan ser inclusivas e facilitan que todo o alumnado do centro poida aproveitar as oportunidades para a adquisición da competencia de aprender a aprender, de aprendizaxe ao longo da vida. Un exemplo constitúeno as iniciativas para a inclusión dos dispositivos electrónicos de lectura nos servizos da biblioteca escolar, de forma que todo o alumnado poida vivir a experiencia de lectura dixital, o que resulta ser unha maneira moi axeitada de contrarrestar as desigualdades socioeconómicas; e moito máis aínda cando estes dispositivos viaxan aos fogares de alumnas e alumnos, onde poden compartir coa súa familia os recursos da biblioteca escolar.

Algunhas iniciativas moi estendidas por toda a rede de bibliotecas escolares son claramente inclusivas: as mochilas viaxeiras que levan fondos da biblioteca para todos os membros da familia. As “bolsas de libros que van e veñen” que poñen nas costas de cada alumno e alumna de infantil o libro que quere que lle lean na casa, antes de durmir. O préstamo de vacacións que organizan moitos equipos de biblioteca de maneira flexible, que permite que o alumnado leve todos os exemplares que precise para a lectura nese tempo no que pode non ter acceso a outros libros... Todas elas son iniciativas que, tamén, pretenden levar produtos culturais a aqueles fogares nos que non abundan.

Pero existen programas específicos de compensación de desigualdades que poden paliar necesidades concretas. Por exemplo, o IES Lagoa de Antela conta cun programa de préstamo de ordenadores portátiles para que o alumnado que o precise poida redactar os seus traballos na casa e máis tarde imprimilos na propia biblioteca.

 

Novas experiencias de lectura. CEIP A Gándara (Monforte de Lemos)

 

Algunha outra biblioteca, coma a do IES de Vilalonga, puxo en práctica a experiencia que comezara Guillermo Castán en Salamanca, cando abriu a biblioteca do seu IES en horario de tarde, con profesorado especialista de diferentes materias, para atender directamente o alumnado con dificultades. Diagnosticar, o antes posible, cal é o alumnado con risco de exclusión e abandono escolar e proporlles a eles a ás súas familias o uso da biblioteca para recibir unha atención personalizada, coa finalidade de resolver as dúbidas que non se atreve a preguntar na aula e mantelos dentro do sistema con todas as medidas posibles. As diferentes responsables da biblioteca deste centro dirixiron a súa mirada directamente a este tipo de alumnado para facelo partícipe do acervo patrimonial, para dar pasos na igualdade de oportunidades. Este tipo de iniciativas pode levarse a cabo a través do programa da biblioteca ou a través doutras iniciativas como o programa PROA, pero dentro da biblioteca escolar, porque a biblioteca conta cunhas posibilidades inmellorables para atender os diferentes pois nela caben todos os materiais sen restricións. Cando a responsable de biblioteca do IES Río Cabe tiña en marcha o club de lectura Balbordo con grupos de alumnado e adultos, un bo día uns alumnos con dificultades de lectura propuxéronlle entrar en Balbordo (eles tamén tiñan dereito!) e a profesora organizou un novo grupo de lectura centrado nos álbums ilustrados, ese libros tan versátiles nos que a cantidade de texto non asusta e as ilustracións axudan a comprender.

O colectivo de profesores que poñen en marcha bibliotecas escolares activas son sensibles, en xeral, a esta problemática (do contrario non se farían cargo deste contedor cultural e educativo no que se invisten horas sen conta e non se reciben beneficios que non sexan educativos e sociais). Esta é a razón pola que día a día deseñan e desenvolven iniciativas que se irán transformando en estruturas e dando solucións aos problemas formulados. A socialización da lectura, a realización de lecturas públicas aproveitando o calendario civil ou as oportunidades que ofrece o medio máis próximo é algo que vai en aumento e cada ano obsérvase un aumento na participación do alumnado con dificultades (de aprendizaxe ou de relación) neste tipo de actividades. Tamén se atopa este alumnado nos grupos de voluntariado de biblioteca e de lectura: o profesorado, con estratexias varias, vainos achegando e mantendo preto daquilo que lles fai ben: dos libros “sandadores”, das accións que acompañan, das xentes que coidan... e eles coidan, pola súa vez, e len para os demais e fan traballo para o ben común.

 

Bibliotecas proactivas

Traballar na biblioteca é desenvolver as competencias clave, especialmente a de aprender a aprender, que será a base das aprendizaxes posteriores e a que máis necesita o alumnado con dificultades de diverso tipo.

De calquera maneira, é preciso deterse a deliberar nun punto delicado. Atender este tipo de alumnado require ir á súa busca, non agardar a que veña, imaxinar diferentes reclamos porque é posible que polo seu propio pé non o faga nunca. Pódense ter varios exemplares dos libros de lectura obrigatoria na biblioteca, pero pódese correr o risco de que ningún deles chegue ás mans deste alumnado que ten menos práctica de uso da biblioteca ou incluso pode sentir vergonza de non telo en propiedade (coma os outros); igual que moitas vivendas de protección oficial non chegan nunca á poboación que máis as necesita senón que quedan nas mans dos mellor informados, os recursos da biblioteca poden non chegar a esta poboación se non se asume que é imprescindible a aposta por medidas das chamadas “de discriminación positiva” ou compensadoras. O equipo de orientación dos centros, xunto co profesorado titor e bibliotecario han de artellar estas medidas para que os recursos cheguen ás mans que máis os necesitan. Se se trata a todos por igual, as diferenzas aumentarán progresivamente e a inxustiza será evidente, pois non poñer en marcha esas medidas é colaborar a manter as desigualdades.

 

Bibliotecas Escolares Solidarias

A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, puxo en marcha no curso 2014/15 un novo programa denominado Bibliotecas Escolares Solidarias, a través do cal se quere centrar o enfoque nun ámbito de traballo da biblioteca escolar que pode dar importantes resultados co alumnado e as súas familias, á vez que constitúe unha oportunidade para a educación en valores.

 

 Logo do programa "Bibliotecas Escolares Solidarias"

 

Este programa integra unha acción xa iniciada no curso anterior e que puxo de manifesto as posibilidades da biblioteca como espazo para a formación do espírito de solidariedade e de convivencia: o voluntariado de lectura-A. Esta acción, dirixida ao alumnado de quinto e sexto de ensino primario, busca a estabilidade dos grupos de colaboradores da biblioteca nos centros de primaria; estimula, pola súa vez, que este alumnado participe, ademais, no deseño e desenvolvemento de actividades de lectura compartida dentro e fóra do centro. Segundo se desprende das memorias recibidas desde os centros, este alumnado voluntario desenvolve competencia lingüística, entre outras pero ademais, medra en autoestima e gaña autonomía e capacidade de decisión ao participar en actividades nas que ten unha gran responsabilidade: xestionar o préstamo na biblioteca, manter ordenados os fondos, colaborar na difusión no centro das actividades da biblioteca, axudar a orientarse aos máis pequenos na busca de libros que lles poidan gustar ou preparar lecturas e narracións para este alumnado; organizar os fondos das mochilas viaxeiras e contribuír á súa xestión; preparar lecturas e dramatizacións para avós e avoas nos centros de maiores da localidade; seleccionar textos e preparar a súa lectura para nenas e nenos das escolas infantís ou para presentarse en actos de lectura pública en espazos da súa localidade como bibliotecas, prazas, mercados... Os catro centros que resultan seleccionados en cada convocatoria, representando a cada unha das provincias galegas, participan nunha xornada de convivencia na que, ademais de compartir obradoiros e actividades que lles acheguen recursos para as súas actividades como voluntarios de lectura, comparten as súas experiencias co resto dos compañeiros e compañeiras dos outros centros. Resulta de grande interese oírlles falar da experiencia de colaborar co profesorado e cos seus compañeiros na biblioteca, traballando para todos, ou do que senten cando len para os máis pequenos ou para os maiores, facendo da lectura un vínculo de unión e comunicación cos demais.

O programa de Bibliotecas Escolares Solidarias inclúe outras dúas accións: o selo de Biblioteca Escolar Solidaria e o Voluntariado na Biblioteca, destinada a recoñecer o traballo de colaboración do alumnado de ensino secundario. Para obter o selo de Biblioteca Escolar Solidaria os centros deben presentar a súa candidatura. Recoñeceranse aquelas bibliotecas nas que se traballa de forma salientable a compensación de desigualdades e se fomenta o voluntariado cultural entre os integrantes da comunidade educativa. En datas recentes publicouse a resolución coa concesión do selo correspondente ao curso 2014/15, o cal recibiron nesta primeira ocasión catro centros de ensino primario:

  • CEIP de Leirado, de Salvaterra de Miño (Pontevedra)
  • CEIP Montemogos, de Bueu (Pontevedra)
  • CEIP Plurilingüe A Pontenova, da Pontenova (Lugo)
  • CEIP Seis do Nadal, de Vigo (Pontevedra)

 

Voluntariado de lectura. CEIP Gregorio Sanz (Ribadeo)

 

O selo é un distintivo de calidade en termos de traballo solidario e a favor da comunidade educativa, no ámbito da lectura e as compensacións das desigualdades en materia de acceso aos recursos culturais e de aprendizaxe. Trátase, pois, de identificar aquelas bibliotecas nas que se fai un especial esforzo nunha tripla vertente: por unha parte, a biblioteca debe contar cun grupo de alumnos e alumnas colaboradores, coas funcións que lles corresponden, de forma cotiá; por outra, debe intentar a implicación das familias e arbitrar medidas ou deseñar accións que permitan a colaboración de nais, pais, avós e outros familiares que queiran participar en actividades de lectura compartida, narración oral, xestión da biblioteca en tempo extraescolar etc. Outro requisito é que a biblioteca deseñe actuacións específicas para contribuír á compensación de desigualdades: programas de atención ao estudo fóra do horario lectivo para aquel alumnado con maior risco de abandono escolar, por exemplo, ou iniciativas para que este alumnado poida contar cos recursos imprescindibles para realizar os seus traballos escolares; en definitiva, que a biblioteca exerza a súa función de axuda a todo o alumnado nos seus procesos de aprendizaxe e de acceso e uso dos recursos culturais, especialmente en favor daquel que máis o necesita.

Unha terceira iniciativa, o Voluntariado na Biblioteca Escolar, vai dirixida a alumnado de ensino secundario, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial para que lle sexa recoñecido o tempo que dedica a labores de voluntariado na biblioteca escolar. No curso 2014/15 inscribíronse un total de 20 centros con alumnado destas ensinanzas que recibirán o seu diploma ou certificado (en función da idade) correspondente ás horas de voluntariado realizadas. Estas actividades están a promover valores de responsabilidade, de compromiso e de solidariedade, ao tempo que aumentan capacidade de iniciativa e a autoestima no alumnado e contribúen ao reforzo de competencias clave.

Confírmase que a biblioteca é inclusiva cando nestas actividades se integra alumnado con problemas de relación ou que dificilmente desenvolve as súas competencias co traballo cotián da aula e que, pola contra, no contexto do traballo en grupo a favor do ben común, a favor dos outros, exercita habilidades e destrezas imprescindibles e realiza con responsabilidade as tarefas asignadas. Entón a biblioteca constitúe realmente un factor de compensación social.

Sección: