Inteligencias múltiples. Claves y propuestas para su desarrollo en el aula
O enfoque das intelixencias múltiples, unha “moda” máis?
Amparo Escamilla, con esta publicación, transmite a convicción, sustentada en numerosos traballos de investigación, de que o enfoque por intelixencias múltiples non pode supoñer unha moda que suscite algunhas propostas illadas de formación e a realización dalgún proxecto efémero, senón un avance firme en obxectivos que definen un desenvolvemento equilibrado do alumno, que se constrúen nun contexto determinado.
O papel do profesorado é clave no proceso de estimulación das intelixencias múltiples, promovendo experiencias e empregando estratexias e ferramentas capaces de mobilizar diferentes formatos de representación e comunicación que posúe o alumnado, para estimular o desenvolvemento integral e equilibrado de todas as competencias clave.
Pero... Como facelo? Que precisamos saber? Como empezar?
Quizais a lectura deste libro poida ser un punto de partida xa que nel, despois dunha breve narración sobre o nacemento e a evolución das intelixencias múltiples e os criterios para validar as intelixencias, atoparemos un estudo das súas características e a súa tipoloxía. Amparo proponnos suxestións didácticas para cada intelixencia: materiais e propostas para impulsala, aplicando técnicas de pensamento, de modo que as prácticas de cada intelixencia constitúan exercicios mentais contextualizados que integren e fusionen estruturas de pensamento e contidos, e favorezan a transferencia do aprendido a diversos tipos de situacións da súa vida escolar, familiar, social e, máis adiante, profesional. Tendo en conta, sempre, que aínda que se fala de oito intelixencias, a mente é un sistema e todos os seus elementos son interdependentes. Ao traballar os contidos de forma significativa e perseguindo unha aprendizaxe situada empregamos un gran número de intelixencias.
É de salientar a orientación práctica desta publicación, xa que nos proporciona un conxunto de técnicas que perseguen impulsar o pensamento, favorecendo a mobilización das distintas intelixencias, traballando con distintos contidos e diferentes formas de simbolización para lograr gradualmente o pensamento estratéxico.
Preséntanos cada unha das técnicas facendo unha análise exhaustiva dos seus elementos máis representativos: intelixencia que estimula, formulación/fases e interrogantes, funcionalidade, relación con outras técnicas. Ademais de ofrecernos variadas propostas para o seu desenvolvemento e algunha exemplificación.
Inclúe, tamén, para cada técnica algúns organizadores, estruturas visuais que favorecen a atención, a comprensión, a análise e a categorización, a valoración e o recordo.
Finalmente achéganos a visión da avaliación desde o enfoque das intelixencias múltiples, requisitos, conceptos e principios, á vez que explica diversas estratexias, técnicas e instrumentos e presenta algunhas propostas de probas de avaliación desde este enfoque e tamén de rúbricas.
Carmen Vaz
CFR Vigo