Unha ollada sobre a diversidade e outros retos educativos nas aulas de hoxe
Anxos García Fonte e Mercedes Núñez
IES Fraga do Eume
ies.fraga.eume@edu.xunta.es
IES Fraga do Eume.
Todos somos conscientes dos grandes cambios aos que nos temos que enfrontar os profesionais da educación para adaptarnos ás necesidades da sociedade. A educación deixou de ser un privilexio de certas clases sociais durante un breve período da vida para ser un dereito universal que abrangue desde as máis tenras idades ata, practicamente, despois da xubilación.
A educación obrigatoria experimentou notables cambios que teñen que ver coa súa ampliación, tanto no que se refire á franxa de idade como no que se refire ao tipo de alumnado ao que vai dirixida. Asemade, estes cambios levan implícita unha redefinición do obxectivo fundamental da etapa: a educación secundaria non é xa un complemento dirixido a un segmento da poboación privilexiado social ou intelectualmente, senón parte da educación básica universal e, polo tanto, garante da adquisición de competencias emocionais, sociais, culturais e técnicas suficientes para integrarse positivamente na sociedade. A diversidade entra nas aulas e o sistema debe facer fronte ás necesidades educativas que implica, pero os problemas, como sabemos, son enormes. O fracaso escolar é, antes de nada, un fracaso do sistema e unha fonte de problemas sociais. A todos nos interesa reducilo o máximo posible, pero como facelo?
A participación en cursos de formación sobre atención á diversidade no IES Fraga do Eume durante os cursos 2013/14 e 2014/15 pode servir de exemplo da inquietude dos profesionais da educación por coñecer que é a diversidade e por aprender novas estratexias que axuden a integrar o alumnado con necesidades especiais na aula, logrando para eles unha educación inclusiva de calidade en condicións de equidade.
A formación que impartiu o equipo psicopedagóxico Unidad Focus inclúe nocións básicas de psicopedagoxía, estratexias comunicativas e intervención social en grupos. As clases teóricas sempre se completaban coas observacións de casos concretos detectados nas aulas por parte dos participantes, a súa discusión en grupo e, por último, a intervención nas aulas, en calidade de observadores críticos.
- En primeiro lugar, ofrecéusenos unha descrición detallada dos trastornos de aprendizaxe máis frecuentes e as repercusións que teñen na vida cotiá e académica de quen os padece. A partir deste coñecemento, puxémonos como tarefa observar con outra sensibilidade os alumnos con problemas de adaptación social na aula ou cunha historia de fracaso escolar. Tamén foi de grande utilidade a formación que tivo que ver con aspectos básicos da pedagoxía que deben guiar o labor dos docentes de calquera ámbito.
- Outro dos piares fundamentais do curso foi traballar na mellora das estratexias comunicativas na nosa relación diaria tanto cos alumnos no ámbito individual como grupal. A práctica da comunicación asertiva nas aulas tivo resultados inmediatos e sorprendentes que, semanalmente, poñiamos en común nas nosas reunións. Deste xeito, foise creando unha interesante dinámica de grupo onde compartiamos experiencias e opinións: Foi o primeiro paso para vencer o pudor profesional con respecto ao “recinto sagrado” da aula.
- A introdución da estratexia do “faro”, un observador crítico dentro das nosas aulas, permitiunos contrastar con alivio os acertos das nosas prácticas pedagóxicas habituais, detectar erros e traballar na súa solución. Despois da clase, o observador e o observado facían un feed-back que incluía comentarios que tiñan que ver coa comunicación, o vínculo co alumnado, as estratexias pedagóxicas, pero tamén coa resposta dos alumnos aos estímulos do docente, así como un mapa urxente do funcionamento da clase en canto grupo. Este foi o paso definitivo que nos vai permitir no futuro perder o medo a abrir a porta da aula a outros compañeiros para compartir experiencias a pé de obra, pero tamén para recibir os beneficios da súa mirada crítica.
Imaxe dunha das clases co "faro" tomando notas.
Hoxe preguntabámonos en que medida a formación recibida durante estes meses cambiou a nosa forma de dar as clases, pero, en canto iamos contestando as nosas particulares percepcións, decatámonos de que cómpre dar un pasiño máis alá na cuestión e preguntármonos se, en realidade, non cambiou a nosa maneira de entender a educación.
Por unha parte, e esa era a idea inicial destes dous cursos de formación, está a comprensión e a aceptación da diversidade nas aulas. Esta nova ollada sobre o que significa a diversidade supón un esforzo para que o alumnado diverso reciba a atención necesaria que evite que sufra fracaso escolar e exclusión social. Sabemos que os pequenos xestos como adaptar exames axudan, lograr clases máis interactivas e experimentais melloran os procesos de aprendizaxe, pero, sobre todo, é fundamental ser quen de crear un bo vínculo afectivo co alumnado. Un docente que transmita seguridade e afecto, que saiba utilizar sabiamente as estratexias comunicativas, logrará dinámicas positivas na clase que crearán o ambiente idóneo para aprender e socializarse. Toda esta experiencia fíxonos poñer enriba da mesa a necesidade urxente de revisar en profundidade que avaliamos e como.
Nós, agora, con todos os nosos defectos e todo o que nos queda por mellorar, sabemos que temos as claves para lograr unha educación integradora e eficaz. Temos tamén a forza que dá a certeza de que no noso centro de traballo hai un grupo de compañeiros que nos vai apoiar neste proceso.