Educación deportiva e comprensiva co brilé

Elena Bauluz de la Iglesia
CEIP Víctor López Seoane
<ebicc@edu.xunta.es

Andrés Saavedra Molinero
CEIP Sada y sus Contornos
<andressaavedramolinero@edu.xunta.es


XUSTIFICACIÓN DA EXPERIENCIA

Todos somos conscientes da repercusión do deporte hoxe en día en todos os estamentos e parámetros que compoñen a nosa sociedade. Por iso, debemos ter claro a súa influencia no noso alumnado, as súas connotacións e a onde pode derivar a súa práctica. De aí que sexa un contido propicio para influír positivamente na formación integral do noso alumnado.

 

QUE É A EDUCACION DEPORTIVA OU SPORT EDUCATION?

A educación deportiva (ED) céntrase na aprendizaxe do alumno a través dunha pedagoxía cooperativa e construtivista, que se ve facilitada polo traballo en pequenos grupos e xogos reducidos e nos que cada membro ten un rol. En xeral, perséguese unha mellora conceptual na técnica, na toma de decisións e no grao de responsabilidade e autonomía (Siedentop, 1994).

Son numerosas as investigacións (fundamentalmente realizadas no Reino Unido e nos Estados Unidos) que desde principios dos oitenta ata o de agora analizaron este modelo de ensinanza. A gran maioría delas céntrase no efecto positivo que ten sobre a participación entusiasta de alumnos e profesores; entendendo como entusiasta a promoción e o interese por preservar a “cultura deportiva”.

Os alumnos resaltan, tras a vivencia do modelo, a mellora do seu entusiasmo pola cultura deportiva e que as diferentes responsabilidades (roles) que teñen dentro do equipo estimulan o seu sentido de afiliación e implicación coa práctica.

Os profesores senten “un sopro de aire fresco” renovador e unha liberdade de atención e movementos na clase, que lles supón poder atender e asesorar os grupos de alumnos que requiren unha maior atención ou as necesidades individuais de mellora de habilidades específicas e/ou de aspectos afectivos.

 

QUE PRETENDEMOS CONSEGUIR?

  • Educar en, por e para o deporte xa que, a través do coñecemento e comprensión do que supón unha tempada deportiva, o noso alumnado deberá relacionar e utilizar todas as habilidades cognitivas, motrices e sociais das que dispón.
  • Facer a súa experiencia o máis real posible a través dunha tempada deportiva con todo o que iso implica: adestramentos, organización dos equipos, normas do xogo, tácticas dos partidos…
  • Educar para ser xogadores intelixentes, é dicir:
  •  
    • COMPETENTES
      • Tendo habilidades técnicas para participar nos xogos deportivos.
      • Comprendendo as tácticas dos xogos.
    • CULTOS
      • Entendendo e valorando as regras, rituais, valores e tradicións do deporte.
      • Distinguindo as boas das malas prácticas deportivas.
      • Coa capacidade de lles explicar aos outros o que sucede durante a práctica.
    • ENTUSIASTAS
      • Axudando a crear un clima deportivo positivo nas clases, no colexio ou en calquera competición.
      • Participando de xeito activo nun equipo e nunha competición deportiva.

 

PARA QUE?

Con toda esta teoría, pensamos na posibilidade de levalo á práctica nas nosas clases de Educación Física. Queriamos probar outra maneira de enfocar a iniciación deportiva, non só como a aprendizaxe dunha técnica e unhas regras senón, tamén, como a aprendizaxe comprensiva da táctica do xogo e, ademais, tendo en conta que podiamos facer un traballo cooperativo, con todo o que iso significa: mellorar as relacións entre rapaces e rapazas, entre iguais e diferentes etc. e reconducir as situacións conflitivas ás que lles debemos dar unha solución.

 

COMO?

Nós eliximos o brilé porque nos parecía que reunía unha serie de características que influían positivamente nos nenos e nenas (aínda que se podería elixir calquera outro xogo ou deporte), como, por exemplo:

  • Darlle homoxeneidade ao grupo de práctica (en xeral, todos coñecen as bases do xogo tradicional).
  • O nivel de dificultade da táctica e da técnica non é alto, o que dá lugar á asimilación máis rápida do xogo.
  • Favorece a aprendizaxe cooperativa entre os membros do equipo, polo que a actividade resulta motivadora e significativa.

Unha vez exposto que foi o que nos levou a poñer en práctica esta experiencia, imos explicarvos como fixemos e organizamos a nosa tempada deportiva co brilé como eixe vertebrador.
 

MATERIAIS ELABORADOS

O primeiro que fixemos foi buscar información, ler moita bibliografía e sentarnos a pensar como podiamos facer a nosa propia experiencia.



Despois de toda a fase de información e borrador do proxecto, elaboramos todos os materiais que utilizariamos durante a unidade didáctica: presentación en Power Point, información escrita para os equipos, actas, regras do xogo, batería de xogos, protocolo de saúdos, quecemento, modelos de táctica e estratexias, sistema de puntuación, fotocopias...
Toda esta documentación está colgada nos nosos blogs:


TEMPORIZACIÓN

Decidimos realizar a unidade didáctica en 8-10 sesións de 50 minutos.

Habería que considerar a posibilidade de empregar unha ou dúas sesións máis como pretempada no caso de que non saiban as regras deste brilé de competición.

Propuxemos esta unidade didáctica para o segundo e o terceiro ciclo de primaria (8-12 anos).

SESIÓNS  ACTIVIDADE
Presentación Power Point
Organización interna dos equipos
Adestramento 1
Partido 1
Adestramento 2
Partido 2
Adestramento 3
Arbitraxe
Avaliación
10ªEntrega de trofeos

 

DESCRICIÓN DA EXPERIENCIA

Presentación da unidade didáctica

Nesta primeira sesión abordamos, entre outras cosas, a organización xeral da clase (equipos, roles, días de práctica, días de competición...), a explicación do sistema de puntuación e a elección dos capitáns pola nosa parte, dándolles pautas para formar uns equipos mixtos e compensados.

SISTEMA DE PUNTUACIÓN (1-9 puntos por partido)
PARTIDO3-gañado, 2-empatado, 1-perdido
FAIR PLAY1 punto-concéllelos o capitán do equipo que arbitra
XOGO EN EQUIPO1 punto-concéllelos o capitán do equipo que arbitra
EQUIPACIÓN1 punto
GRITO DE EQUIPO1 punto
BANDEIROLA DE REGALO1 punto
BANDEIRA1 punto
TROFEO FEITO POR ELES1 punto

 

Organización interna dos equipos (3 equipos de 8 xogadores)

Cada equipo tiña que escoller os seus sinais de identidade: nome, grito de guerra, vestiario de competición, construción do trofeo, bandeirola... Estes aspectos eran fundamentais para o desenvolvemento da competición e o funcionamento do equipo.



Elección dos membros e dos roles dentro do equipo. Roles: capitán, árbitro, anotador-cronometrador, encargado material, observador fair play, observador “xogo en equipo” e xogador (pódense poñer máis segundo o número de alumnos da clase).

Días de práctica

Cada membro do equipo desenvolvía o seu rol seguindo as premisas do capitán, que era o encargado de elixir os xogos para quentar e para traballar os obxectivos da sesión de adestramento.



O encargado do material debía preguntarlle ao capitán o material que necesitaban para traballar.

O árbitro encargábase de facer cumprir as regras nos xogos.

O anotador custodiaba os materias de traballo facilitados (carpeta), escribía os acordos, dúbidas, problemas, solucións... que saíran durante a sesión e entregáballos ao final da clase ao mestre.

Como xogador as súas obrigas eran traballar, colaborar, propoñer e o que fixese falta para mellorar o traballo do equipo.

 

Días de partido

Os dous equipos que competían debían facer un pequeno quecemento dirixido polo capitán, que debía recordarlles aos xogadores as claves de aprendizaxe: colocación, salvar os compañeiros, onde lanzar, como pasar... Estes aspectos recollíanos na ficha de partido.



O equipo libre encargábase de controlar o xogo: arbitrar, sinalizar o campo, proporcionarlles material para o quecemento aos equipos, anotar os resultados...

Entrega de diplomas e trofeos

 
   

   
Como para conseguir 10 puntos extra os equipos podían presentar un trofeo construído por eles, tiñamos estes como agasallo para cada equipo, de tal xeito que ían elixindo cal lles gustaba máis dos trofeos presentados; e por rigorosa orde de clasificación final ían elixindo.

EQUIPO PROPIORESTO DOS EQUIPOS
Máis animador/aMáis animador/a
Máis deportivo/a    Máis deportivo/a
Mellor xogador/a-Mellor xogador
-Mellor capitán


Ademais, para destacar e recompensar os xogadores individualmente, cada neno tiña que outorgar o seu voto a membros do seu equipo e a outros dos outros dous.


Os alumnos e alumnas que tiveron máis votos recibiron un diploma e un ovo de chocolate como agasallo polo seu esforzo.

 

METODOLOXÍA

Toda esta organización “teórica” traducíase no día a día en que cada equipo se organizaba de xeito autónomo e independente, tomando as decisións que os conformaban como equipo e que consideraban as máis adecuadas para acadar os seus obxectivos; decisións relativas á identidade do equipo (nome, equipamento, bandeira...), organización e funcionamento interno (quendas de palabra, distribución de roles...), obxectivos dos días de práctica e os xogos para conseguilos, táctica para os días de partido, reflexións da súa mellora, participación, entrega...

Ademais eles eran os encargados de organizar, xestionar e supervisar o funcionamento de toda a tempada deportiva: arbitrando os partidos, preparando o material necesario para os días de partido e práctica, cubrindo as actas dos partidos, respectando as normas, asignándolles os puntos aos equipos...
A metodoloxía cooperativa convértese no eixe a partir do que regularemos as interaccións co seus compañeiros e o seu contorno. Cooperar significa actuar conxuntamente cos outros para conseguir o mesmo fin e que os obxectivos individuais estean relacionados coa consecución dos obxectivos do grupo. A implicación de todos os membros é imprescindible e todos teñen que sentirse responsables, tendo en conta que as súas accións condicionan o funcionamento do grupo e viceversa.


Trátase dunha metodoloxía activa, participativa, global, cooperativa, interdisciplinar e que utiliza o xogo como instrumento fundamental para lograr a consecución dos obxectivos formulados nesta unidade didáctica e na nosa área.

 

AVALIACIÓN

A finalidade das competencias básicas é permitirlles aos nenos e nenas integrar as súas aprendizaxes, relacionalas con distintos tipos de contidos, e utilizalas de xeito eficaz cando lles resulten necesarias en diferentes situacións. Con esta unidade didáctica contribuímos a esa integración.


COMPETENCIAS

COMUNICACIÓN LINGÜÍSTICA

  • Ler e comprender as fichas coas características do seu rol.
  • Explicarlles aos demais membros do grupo as súas funcións.
  • Responder ás posibles dúbidas que xurdan.
  • Expoñerlle ao grupo a súa opinión para cubrir as fichas de cada sesión.
  • Escoitar a información que nos presentan e procesala.
  • Escribir nas fichas da unidade.
  • Utilizar o vocabulario específico do brilé.

 

MATEMÁTICA E COMPETENCIAS BÁSICAS EN CIENCIA E TECNOLOXÍA

  • Asimilar o sistema de puntuación da competición.
  • Controlar o tempo de duración das distintas partes da sesión.
  • Controlar a orde dos brilados.
  • Ver as formas xeométricas.

 

DIXITAL

  • Buscar información no blog de educación física.
  • Buscar e seleccionar xogos para realizar nos días de práctica.
  • Buscar en internet  imaxes de trofeos para construír.

 

APRENDER A APRENDER

  • Tomar decisións relacionadas coa súa aprendizaxe.
  • Analizar os puntos fortes e débiles do equipo.
  • Decidir os xogos que se van realizar nos días de práctica.
  • Establecer unha táctica de equipo nos partidos.
  • Integrar as ideas propias coas dos seus compañeiros para mellorar.
  • Reflexionar sobre as cuestións tácticas formuladas.

 

SOCIAIS E CÍVICAS

  • Organizar o grupo entre todos e todas.
  • Participar e aceptar as decisións colectivas.
  • Identificar as normas básicas de convivencia a través do deporte (respectar as quendas de palabra, cumprir coas miñas tarefas, o fair play, participar de maneira activa no grupo...).
  • Asimilar as normas da competición.

 

SENTIDO DE INICIATIVA E ESPÍRITO EMPRENDEDOR

  • Participar de maneira activa nas decisións do equipo.
  • Valorar a súa importancia dentro dun grupo.
  • Realizar as súas tarefas de maneira autónoma.

 

CONCIENCIA E EXPRESIÓN CULTURAIS

  • Elaborar a bandeira do equipo.
  • Crear as bandeirolas.
  • Inventar o grito de equipo.
  • Construír os trofeos.

 

CRITERIOS DE AVALIACIÓN

  1. Cumpre o seu rol dentro do equipo.
  2. Participa dun xeito activo na dinámica do equipo.
  3. Participa activamente en todos os xogos favorecendo a actividade do grupo.
  4. Executa lanzamentos con certa precisión.
  5. Coñece e respecta as normas do brilé.
  6. Esfórzase para alcanzar os obxectivos propostos.
  7. Respecta as normas dos xogos e os compañeiros.
  8. Respecta as decisións dos árbitros.
  9. Xoga con fair play.
  10. Aplica os principios tácticos básicos do brilé durante os partidos.
  11. Respecta e acepta o nivel de competencia motriz dos compañeiros.

INSTRUMENTOS DE AVALIACIÓN

  • Observación sistemática.
  • Rexistro anecdótico.
  • Traballos realizados.
  • Cuestionario táctico en liña nos blogs de educación física.
  • Autoavaliación. Entrega de cuestionarios a cada alumno sobre os obxectivos acadados, resolución de conflitos no equipo, o traballo cooperativo, desenvolvemento dos roles propios e alleos...

 

CONCLUSIÓNS

A nosa experiencia foi positiva ao 100 %. Aprendemos un montón do que os rapaces son capaces de facer se os deixamos e, dándolles tanta autonomía e responsabilidade como lles demos, demostráronnos que son capaces de moitísimo.    
    
Debemos aproveitar a motivación e as ganas de gozar que teñen durante as clases de Educación Física. O uso de metodoloxías de ensinanza innovadoras e variadas, como a ED, pode contribuír a este obxectivo.

Por iso, evitemos a “rutina metodolóxica”; espertemos no noso alumnado comportamentos autónomos e o gusto pola práctica de actividade física e deportiva. Deixemos que sexan eles os construtores do seu propio proceso de aprendizaxe, participando na resolución de problemas, na toma de decisións etc. O seu grao de madurez e autonomía pode estimular actitudes e comportamentos positivos, que incluso poderían facerse extensivos a outras materias.

Intentemos conseguir iso do que falan as competencias... deámoslles a posibilidade de ser competentes, cultos e entusiastas!

Sección: