Unitarias. Historia dun mestre galego (1961-1996)

Un documental que revisita os últimos cincuenta anos da educación en Galicia
Esta peza audiovisual é unha viaxe pola experiencia profesional e persoal de José Alberto Sacido Tuñas, mestre en activo desde o seu primeiro destino provisional en Camboño (Lousame-A Coruña) en 1961 ata a súa xubilación en 1996 no Colexio de Educación Infantil e Primaria de Igrexa–Calo (Teo-A Coruña). Pero fundamentalmente é un percorrido polos espazos vitais das persoas que o acompañaron na súa peregrinaxe de escola en escola, das parroquias e aldeas aos centros comarcais que xorden coa EXB, implantada pola Lei xeral de educación de 1970. O fío condutor da historia leva á última unitaria visitada, a de San Xián de Sales, en Vedra (A Coruña), integrada nun colexio rural agrupado (CRA), onde o vello mestre recala con 78 anos nun edificio moi familiar, pero cunhas dinámicas de funcionamento moi diferentes ás seguidas por el e os seus colegas nos anos sesenta e setenta.

Alberto Sacido Romero
IES Rosalía de Castro
Guionista do documental Unitarias
asacido@edu.xunta.es

 

 

 


 

 

O mestre, José Alberto Sacido Tuñas, co alumnado da súa última unitaria en Tállara (Lousame) a principios dos anos setenta

 

As orixes

A historia deste mestre galego iníciase coa vista cara atrás, á Lei de instrución pública (Lei Moyano) de 1857, que implanta un sistema escolar que vai estar vixente ata 1970.

O Goberno coidará de que nas escolas se adopten, ademais daqueles que sexan propios para formar o corazón dos nenos, inspirándolles sans máximas relixiosas e morais, outras que os familiaricen cos coñecementos científicos e industriais máis sinxelos e de máis xeral aplicación aos usos da vida; tendo en conta as circunstancias particulares de cada localidade.

 Lei de instrución pública (Gaceta de Madrid, 10 de setembro de 1857)

Pero a escola na que entra a traballar e na que previamente foi alumno José Alberto remóntase á época da República e, sobre todo, á situación de retroceso que trouxo a ditadura franquista. A lei pola que se rexe esa escola de 1961 é a de educación primaria de 1945 e non é ata dez anos despois cando o réxime fai un primeiro esforzo para ofrecer, polo menos, un espazo minimamente decente para recibir a educación elemental. Isto faise a partir da segunda parte dos anos cincuenta coa Lei de construcións escolares iniciada polo ministro Ruiz Jiménez.

A nova lei invoca, entre os seus principios inspiradores como o primeiro  e máis fundamental, o relixioso. A escola española, en harmonía coa tradición dos seus mellores tempos, ha de ser ante todo católica [...] A escola na nosa Patria ha de ser esencialmente española. E neste aspecto, a lei inspírase no punto programático do Movemento Nacional polo que se supedita a función docente aos intereses supremos da Patria. [...] En fin, por razóns de índole moral e de eficacia pedagóxica, a lei consagra o principio cristián da separación de sexos na ensinanza.

Preámbulo

Lei do 17 de xullo de 1945 sobre educación primaria (BOE do 18 de xullo)

Uns eixes “esenciais”, Deus e Patria, que veñen complementariamente explicitados no Decreto do 7 de xullo de 1950 polo que se aproba o regulamento para as escolas de Maxisterio:

A nota característica esencial da vixente Lei de educación primaria, inspirada nos máis claros principios da clásica pedagoxía cristiá é a dignificación do educador. Todo o novo sistema docente apóiase na clara idea, case tópica nos vellos tratadistas españois, de que o mestre debe ser, ante todo, un ministro da verdade, que é vida en Deus e que de Deus sae e aos mestres vén. E aínda se diría que ao saír deles e comunicarse aos alumnos se volve facer vida. Esta misión vital do mestre de servir ao home, como obra divina predilecta, perfeccionándoo coa educación para achegalo a Deus e facelo útil á súa Patria, constitúe a aquel en nervio e eixe da nova escola española.

 

A escola unitaria nos sesenta e setenta

A primeira escola de José Alberto é unha casa alugada a un particular sen auga corrente nin baños, fría e moi húmida. Os recursos escolares eran mínimos:  encerado, xiz, encerados de man, lapis de lousa, cadernos, plumas e tinteiros para escribir. Uns poucos  silabarios, enciclopedias e mapas completaban a escasa dotación da escola.

 

 

 

Non só hai falta de medios, senón que a vida nas aldeas é complexa, sobre todo para as mestras solteiras, que teñen que coidar moito o que fan, como confesa Isabel Presedo, mestra da escola unitaria de Fruíme a principios dos anos setenta:

Unha situación que deixaba claramente establecida Pilar Primo de Rivera no seu discurso no Primeiro Consello Nacional do Servizo Español de Maxisterio, que tivo lugar en Madrid no mes de febreiro de 1943:

As mulleres nunca descobren nada: fáltalles, desde logo, o talento creador reservado por Deus para intelixencias virís; nós non podemos nada máis que interpretar mellor ou peor o que os homes fixeron.

Por outra parte, a masificación destas escolas facía complexa a xestión da sala de clase, que chegaba a albergar a máis de setenta alumnos ou alumnas de seis a catorce anos de idade, unha ampliación de dous anos que data de 1964 e que supuxo tamén, segundo Antón Costa,  un impulso de “tecnificación educativa” da man do ministro Lora Tamayo (Costa, 2012, p. 11). Un dos efectos foi un incremento na masificación das aulas que levaba a que a disciplina fose un reto para os docentes. Isto resolvíase ben pola vía tradicional da “letra con sangue entra” ou por outras vías menos traumáticas:

 

 

José Alberto chega ao seu segundo destino provisional na Unitaria Número Dous da Serra de Outes, no seu concello, pero atópase con que ten que pedirlle a un carpinteiro que faga unha mesa dobre para acomodar a catro alumnos que superan o número de cincuenta asentos cos que conta a aula:

Outro reto para un mestre novo que iniciaba a súa vida familiar é a mobilidade territorial, que o leva, en primeiro lugar, un ano ao concello de La Umbría en Huelva e, posteriormente, ao seu segundo destino definitivo, a aldea remota da Esculqueira, no concello ourensán da Mezquita, onde pasa tres anos:

Diante da escola de nenos da Esculqueira (A Mezquita - Ourense) retratáronse en 1966 a mestra de nenas, Mari Carmen Arca Cores (diante), o mestre, José Alberto Sacido, e a súa dona, Mª Carmen Romero Cruz (detrás), sobre a Vespa da parella.

 

En 1967 a familia trasládase á última escola unitaria na que traballará José Alberto, a do lugar da Igrexa, en Tállara (Lousame-A Coruña). Estrean o último modelo de escola unitaria na que o salón de clase dos nenos está á esquerda e o das nenas á dereita. As vivendas do mestre e da mestra ao cargo están situadas enriba das aulas.

Volta dos tres (pai, nai e fillo) á unitaria de Tállara (Lousame) cuarenta anos despois.

 

A educación xeral básica

Aquí pasarán sete anos ata que, no mes de febreiro de 1974, todo o alumnado e docentes do concello de Lousame son trasladados ao Colexio Nacional de Educación Xeral Básica da Silva. Alí compartirán aulas, comedor, patios, transporte escolar e claustro en 16 unidades, dúas por curso, repletas cos moitos nenos e nenas que nacen nos anos sesenta e que, finalmente, comparten espazos e tempos grazas á Lei xeral de educación de 1970, promovida polo ministro Villar Palasí, un intento tardío do réxime de equipararse a Europa:

O marco legal que vén rexendo o noso sistema educativo en conxunto respondía ao esquema xa centenario da Lei Moyano. Os fins educativos concibíanse de maneira moi distinta naquela época e reflectían un estilo clasista oposto á aspiración, hoxe xeneralizada, de democratizar a ensinanza. […] [A lei] trata, en última instancia, de construír un sistema educativo permanente non concibido como criba selectiva dos alumnos, senón capaz de desenvolver ata o máximo a capacidade de todos e cada un dos españois.

Preámbulo

Lei 14/1970, do 4 de agosto, xeral de educación e financiamento da reforma educativa  (BOE do 6 de agosto)

Pero aínda que as condicións materiais melloran ostensiblemente e remata o illamento dos docentes espallados polas aldeas, a situación destes centros pechados e situados nos extremos das poboacións require adaptación por parte tanto dos mestres como do alumnado que, en moitos casos, pasa unha parte importante da xornada sendo transportado e perde ese contacto próximo co seu contorno que antes tiña nas unitarias:

 

 

 

A escola en democracia

A transición á democracia pilla a José Alberto xa no seu último destino, o Colexio Nacional de EXB da Igrexa-Calo, no concello coruñés de Teo. Aquí os docentes viven a loita, xa iniciada clandestinamente os anos anteriores, pola dignificación da súa profesión:

 

 

Os anos noventa traen a primeira gran reforma educativa da democracia, a Lei xeral de ordenación do sistema educativo (LOXSE), e esta xeración de mestres chega ao final da súa carreira profesional:

O obxectivo primeiro e fundamental da educación é o de lles proporcionar aos nenos e ás nenas, á xente moza dun e doutro sexo, unha formación plena que lles permita conformar a súa propia e esencial identidade, así como construír unha concepción da realidade que integre á vez o coñecemento e a súa valoración ética e moral. [...] A educación permite, en fin, avanzar na loita contra a discriminación e a desigualdade, sexan estas por razón de nacemento, raza, sexo, relixión ou opinión, teñan unha orixe familiar ou social, ben arrastradas tradicionalmente ou aparecidas continuamente coa dinámica da sociedade.

Preámbulo

Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro de 1990, de ordenación xeral do sistema educativo (BOE do 4 de outubro)

A unitaria do século XXI

Pero a viaxe pola experiencia vital de José Alberto Sacido non remata coa xubilación. Con 78 anos visita a unitaria de San Xián de Sales en Vedra (A Coruña) e atópase con que eses edificios dos anos cincuenta e sesenta non están en ruína ou dedicados a outras funcións como sedes para reunións veciñais ou almacéns, tal e como puido comprobar José Alberto na súa visita a eses lugares. Nunha réplica exacta da unitaria de Tállara aprenden e xogan nenos e nenas de tres a oito anos desta parroquia. E fano dun xeito ben diferente. Forman parte do proxecto do Centro de Supercomputación de Galicia “Escolas na nube”, unha plataforma dixital que permite que as seis  unitarias do colexio rural agrupado poidan estar interconectadas mediante vídeo-conferencia e que conten cun espazo virtual común no que non só almacenen actividades, senón que tamén se abran ás familias e ao mundo. Ademais, os alumnos e alumnas realizan as súas actividades e tarefas fundamentalmente a través de metodoloxías activas, mediante o desenvolvemento de proxectos que os fan protagonistas das súas propias aprendizaxes.

José Alberto na unitaria de San Xián de Sales

 

Como peche, os participantes no documental, docentes e especialistas universitarios, propoñen unha reflexión sobre este modelo de organización escolar que intenta axudar a fixar poboación nas zonas rurais de Galicia, pero que se atopa coa marea contraria e aparentemente imparable do despoboamento das aldeas e das parroquias. De momento, estes mestres e mestras do século XXI seguen loitando por dar o mellor de si e ir “licenciando” de camiño aos centros agrupados as xeracións de rapaces e rapazas que seguen vivindo esta experiencia escolar minoritaria pero claramente valiosa.

Entrega de diplomas en San Fins de Sales ao alumnado que remata 2º e pasa á escola comarcal

 

Talvez así sexa posible converter en realidade unha proposta didáctica feita no número 66 da revista Vida Escolar que, en 1965, chegaba ás escolas públicas como a da Esculqueira, na que estaba destinado José Alberto Sacido Tuñas e que, aínda cincuenta anos máis tarde, soa a utopía:

A expresión «escola como laboratorio de aprendizaxe» reflicte a vontade de facer a ensinanza activa en grao máximo, convertendo as situacións de aprendizaxe en traballos persoais dos alumnos aos que se concibe como pequenos investigadores, profundamente interesados na súa tarefa e plenamente mergullados na busca de respostas e solucións a problemas que senten como propios, como parte do seu mundo, do seu ámbito vital. Como resultado deste proceso, o escolar instrúese, desenvolve a súa intelixencia e a súa personalidade toda; nunha palabra, edúcase. Esta concepción da escola, como reacción ante a realidade educativa da escola tradicional, xustifica o título de «laboratorio de aprendizaxe» co que intenta caracterizarse.

“A escola, laboratorio pedagóxico” (Orden,1965, p.15)

 

 

 

Bibliografía: 

 

 

COSTA RICO, ANTÓN (2012). “Aínda non raiaba o día. Educación e sociedade galega nun tempo agrisallado (1961-1977)”. Sarmiento 16: 11.

COSTA RICO, ANTÓN (2004). Historia da educación e da cultura en Galicia. Vigo: Xerais.

ORDEN HOZ, ARTURO DE LA (1965). “La escuela, laboratorio pedagógico”. Vida Escolar (66), p. 15.

SUÁREZ PAZOS, MERCEDES E MEMBIELA IGLESIAS, PEDRO (2010). “Nostalgia por la escuela rural en los recuerdos de sus antiguos estudiantes”. Profesorado. Revista de Currículum y Formación de Profesorado (15:2), pp. 315-325.

Lexislación educativa:

Lei de instrución pública (Gaceta de Madrid, 10 de setembro de 1857)

Lei do 17 de xullo de 1945 sobre educación primaria (BOE do 18 de xullo)

Lei 14/1970, do 4 de agosto, xeral de educación e financiamento da reforma educativa  (BOE do 6 de agosto)

Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro de 1990, de ordenación xeral do sistema educativo (BOE do 4 de outubro)

Máis información e documentación:

www.unitarias.es

Sección: