![](http://www.edu.xunta.gal/eduga/sites/site.eduga/files/formacion_65.jpg)
DesQRficando o mundo
M.ª Rosario Fernández Molares/Mónica P. Muñoz Sobrino
CEIP Frian - Teis (Vigo)
charofm@edu.xunta.es
munozsobrino@edu.xunta.es
OS PROFES COÑECEN AS POSIBILIDADES DIDÁCTICAS DOS CÓDIGOS QR
Esta aventura didáctica (que aínda non ten fin) comezou co curso titulado Desenvolvemento da competencia nas TIC a través da resolución de tarefas, organizado polo CFR de Vigo durante o ano escolar 2013/14. A este curso asistiu unha de nós (Mónica), moi interesada en coñecer as posibilidades das aplicacións para ipad no ensino e, en particular, dos códigos QR.
O curso cubriu amplamente as expectativas creadas, xa que se nos deron a coñecer unha selección de apps realmente útiles. Delas, as que focalizaron a nosa atención foron as vinculadas coa competencia escrita, xa que como membros do equipo de biblioteca nos ofreceron un campo de acción novo e cheo de posibilidades.
Así pois, respondendo ao xeneroso ofrecemento do CFR (que nos emprestou os seus ipads), levamos adiante a segunda fase da nosa aventura: unha sesión de formación para o profesorado do centro. Organizados en grupos (en función do nivel ou da especialidade na que imparten docencia) propúxose a realización dunha tarefa para o que se empregou unha selección de apps:
- Thinglink
- Snapguide
- Storehouse
- Toontastic
- Creappcuentos
- I-nigma
Blog da biblioteca do CEIp Frián-Teis.
Algúns profes comezaron a mostrar moito interese polo tema. Por iso Mónica volveu participar noutra fantástica acción formativa: as Xornadas de Robótica e Realidade Aumentada (CFR de Vigo, curso 2014/15). Esta terceira fase formativa ampliou moitísimo a nosa visión sobre as posibilidades didácticas dos códigos QR, e permitiunos programar algunhas das actividades máis estimulantes que se desenvolveron este curso na nosa escola.
INVESTIGAR CON CÓDIGOS QR
Actividade para conmemorar o Día das Bibliotecas Escolares (24 de outubro)
Esta proposta didáctica desenvolveuse inmediatamente despois da xornada de formación do profesorado do centro. Esta formación previa resultaba necesaria, xa que os rapaces farían uso dos ipads e, en concreto, do navegador e da app I-nigma, que permite escanear códigos QR.
A actividade tiña que resultar moi motivadora, xa que con ela lle dariamos comezo ao noso PDI deste curso. Por iso ideamos un xogo de pistas no que mesturabamos a nosa mascota, o Pergamiño Vindel (estabamos a celebrar o centenario do seu descubrimento), mapas e imaxes.
O relato detallado da actividade podédelo ler premendo nesta ligazón.
Os nenos de infantil investigan sobre o pirata Benito Soto Aboal
Cando Charo e os compañeiros de infantil do equipo de biblioteca empezaron a deseñar a proposta de traballo para comezar a súa investigación, decidiron que querían facer unha introdución innovadora que fose algo que nunca fixeran cos nenos e nenas. Querían algo impactante e que chamase a atención dos rapaces dunha maneira distinta.
Despois de varios intentos, xurdiu a idea de empapelar o cole con carteis típicos da época dos piratas. Xa o tiñan claro: encher os corredores ata a biblioteca de carteis coa expresión “BÚSCASE A BENITO SOTO POR PIRATERÍA”.
A idea era boa e ía ser motivadora. Entón comentaron a decisión coa coordinadora da biblioteca, Mónica. E mentres llo estaban contando, ela sorriu e propuxo probar a engadirlles códigos QR aos carteis, de xeito que, ao escanealos, poderían falar dunha forma “máxica”.
Así, xeramos códigos QR coa aplicación QRvoice, que crea un arquivo de audio a partir dun texto escrito.
O resultado si que foi impactante e o obxectivo de motivar conseguímolo dun xeito superlativo. A partir de aquí quedou aberto un novo campo de experiencias para os nosos nenos e nenas.
Podedes ver premendo nesta ligazón todo o desenvolvemento da actividade e o motivados que estaban con este novo descubrimento.
OS CÓDIGOS QR CONÉCTANNOS CO MUNDO
Os códigos QR non só permitiron que o noso alumnado se “conectase” coa información e, polo tanto, co mundo que o rodea. Curiosamente, tamén nos deron a posibilidade de estreitar as relacións entre as familias e a escola. Unha anécdota explica todo: unha tarde chegou unha nai co seu fillo de infantil á biblioteca, móbil en man, seguindo os códigos QR “que falaban” e que foran empregados para motivar a investigación dos cativos sobre Benito Soto Aboal.
E non só anécdotas, este curso non resulta infrecuente que as nosas circulares informativas ás familias leven engadido un código QR. Este dá acceso a novas publicadas no blog da biblioteca ou na páxina web do centro nas que se amplía a información.
Por último, o uso de códigos QR permítenos recuperar, nun documento impreso, audios e vídeos. Isto é o que tentamos facer coa nosa escolma Recitando nas ondas, unha selección de poemas sobre o mar que, nalgúns casos, nos conectan coa gravación en audio realizada polo alumnado bibliotecario co gallo do Día da Poesía, e outras, cos vídeos do concurso de recitado convocado polo mesmo motivo.
CONCLUSIÓNS
- Os ipad constitúen unha tecnoloxía moi intuitiva para o alumnado, incluso para o máis cativo.
- Esta tecnoloxía móbil permite un ensino realmente vinculado coa realidade. Xa non necesitamos estar conectados fisicamente a un PC. Desde o propio mundo real podemos investigar e obter información relevante.
- A sinxeleza destas aplicacións permítenos centrarnos máis no contido que queremos traballar e non tanto na mecánica de uso.
- O uso das apps e, en concreto, dos códigos QR na escola resulta moi motivador para o alumnado.
- O traballo cos ipad achega un toque de maxia para alumnado de infantil.
- Os códigos QR teñen un gran potencial, son moi axeitados para organizar xincanas e cazas do tesouro, xa sexa como motivación para iniciar unha actividade, xa sexa como conclusión para rematala.
- Constitúen poderosas ferramentas para achegar a información ao usuario (por exemplo, ofrecendo explicacións sobre os diferentes obxectos dunha exposición ou sobre os diferentes puntos dun itinerario).
- Son un instrumento moi áxil para conectar o formato impreso e o dixital, podendo acceder así (desde o papel) tanto a páxinas web como a vídeos ou arquivos de audio.
- Son un elemento que pode contribuír a mellorar e a cambiar o xeito de comunicarse coas familias.