Entrevista a Guillermo Llorca Freire

Guillermo Llorca Freire (Ferrol, 1950) profesor, historiador, escritor e xornalista. Xubilado dende hai pouco do seu labor como profesor no IES Sofía Casanova de Ferrol, o polígrafo ferrolán concédelle unha intensa entrevista á Revista Galega do Ensino. EDUGA a través da que fai cumprida revisión á súa inxente tarefa de publicista e á súa maneira de concibir o ensino dende esa perspectiva do docente “emérito”, referente da alta cultura ferrolá e galega.

 

Falamos de Ferrol, a súa querida cidade, da súa rica historia a partir da creación do Arsenal do Rei no noroeste peninsular. Da súa posterior evolución cara a formas de monocultivo industrial, por veces paliadas polo espírito emprendedor dos ferroláns. Falamos tamén da intensa vida cultural do Ferrol dos séculos XIX e XX, das tertulias, do Casino, da “refundación” do Ateneo e da riqueza produtiva da intelectualidade ferrolá, en especial no campo da historia que permanecera case esquecida dende o tempo de Montero Aróstegui ou Fort y Roldán.

Preguntámoslle pola súa faceta xornalística, tamén pola súa vocación de profesor e condición de referente no campo da historia para moitas xeracións de ensinantes, e cóntanos o afervoamento que lle producían o saber dende rapaz, a vontade de querer coñecer, e a tristeza que lle causa atopar os alumnos e alumnas das novas xeracións collidos con forza a unha cultura meramente visual, ao corta e pega de internet e a unha certa falta de espírito crítico, que tanto se bota en falta.

Ilústranos sobre as súas ferramentas docentes: a prensa, o cinema, o aproximarse ao medio saíndo das aulas, recalca o valor do traballo de campo, estratexias docentes que proceden do desexo de contaxiar saber ao alumnado, explicando, en definitiva, como un profesor entusiasta xera entusiasmo por coñecer e aprender, “isto –asegura – sempre foi así, non hai fórmula secreta”.

Acceso á entrevista completa no seguinte vídeo:

 

 

 

Sección: