Uso dos libros electrónicos nunha biblioteca de secundaria
Xoán Xosé Saá Fernández
Profesor de Lingua Galega e responsable da biblioteca do IES Marqués de Sargadelos (Cervo)
saafernandez@edu.xunta.es
Introdución
Estamos nunha nova etapa na historia do libro, transformación en curso motivada pola chegada dos libros dixitais; usemos transformación e non revolución porque seguen a ter moita importancia os formatos impresos, ao tempo que os dixitais están lonxe de encontrar a súa forma definitiva. Este é o contexto no que se circunscribe a experiencia obxecto deste artigo: os primeiros pasos na introdución dos libros electrónicos nun instituto de secundaria.
A sociedade da información e as novas tecnoloxías
Se entramos en Google, escribimos “Online in 60 seconds” e prememos en imaxes, veremos un esquema moi representativo do que é a sociedade da información. Cómpre ler con atención esta imaxe que Javier Guallar Delgado proxectou nas V Xornadas de Bibliotecas Escolares que se celebraron en Compostela no mes de novembro de 2014. Todo canto aí se ve é efémero; é o reflexo da rápida obsolescencia da información.
Cando existe un concepto, semella que este non acada categoría ata que se crea unha palabra para designalo e difundilo, como fai o profesor Alfons Cornella co termo “infoxicación”. A diversidade de fontes e a súa variabilidade fainos dubidar da súa fiabilidade.
Nos centros de ensino cómpre dotar o alumnado dos medios máis innovadores de acceso á información, mais convén deixar moi claro que, en ocasións, é tan prexudicial utilizar mal os medios e a información que estes nos achegan como carecer dela.
Sociedade da información e novas tecnoloxías
Quen somos e onde estamos
Na Mariña occidental lucense, encóntrase o concello de Cervo. Ocupa unha superficie de 75 quilómetros cadrados cunha poboación de menos de 5000 habitantes.
O IES Marqués de Sargadelos é unha das institucións educativas deste concello na que se imparten estas ensinanzas: educación secundaria obrigatoria; bacharelato: modalidade de Ciencias da Natureza e da Saúde e Humanidades e Ciencias Sociais. Tamén funciona un ciclo superior de Química Industrial
As características académicas e sociais do alumnado aproxímanse ao seguinte perfil: heteroxeneidade no rendemento académico; alumnos e alumnas cun moi bo expediente fronte a outros que amosan un claro desinterese polo estudo. Encontrámonos con estudantes motivados e outros con escaso interese e capacidade de aprendizaxe para os que se organizan reforzos, agrupamentos específicos, adaptacións e sesións de apoio.
Sociedade da información e novas bibliotecas
Marco de referencia
Esta experiencia de uso dos libros electrónicos inscríbese dentro do proxecto lector do centro como unha actuación máis no proceso global de fomento da lectura; un proceso con varios obxectivos entre os que mencionamos aqueles máis acordes co asunto que nos ocupa:
- Continuar coas accións de modernización da biblioteca: mobiliario e equipamento.
- Actualizar os fondos e os servizos respondendo aos retos da sociedade da información e difusión cultural.
- Contribuír a compensar as desigualdades sociais. Achegarlle ao alumnado todos os recursos dispoñibles para que todos teñan as mesmas posibilidades de acceso.
- Converter a biblioteca nun instrumento de axuda para o desenvolvemento do proxecto lector, o proxecto interdisciplinar ou o equipo de dinamización lingüística.
- Modernizar a biblioteca con materiais atractivos e espazo acolledor para o estudo, a difusión cultural e o acceso á información nos máis diversos formatos.
Fomento da lectura a través dos libros electrónicos. Unha experiencia nun instituto de secundaria
A incorporación da biblioteca do centro ao PLAMBE (Plan de mellora de bibliotecas escolares) supuxo unha inxección económica que deu como resultado a presenza de novos medios de acceso á información e difusión desta. Con este proceso de cambio en marcha, xurdiron conversas con representantes da ANPA sobre a posibilidade de ir incorporando libros electrónicos para familiarizar o alumnado con eles. Estas conversas deron os seus froitos; un grupo de pais e nais estudaron as posibilidades económicas e ofrecéronse para cubrir os gastos derivados da súa adquisición a través da asociación; eles mesmos os mercaron e puxeron á disposición da biblioteca os sete primeiros dispositivos Kindle coas correspondentes fundas e cargadores.
Agasallo da ANPA
Esta iniciativa viuse reforzada o curso seguinte grazas á concesión dunha axuda económica a través do proxecto E-LBE da Consellería de Educación. Adquiríronse cinco novos lectores, máis modernos e táctiles. A día de hoxe hai doce dispoñibles.
Relato do proceso de posta en funcionamento:
► Rexistráronse estes libros do mesmo xeito que se fai cos impresos, pegándolles unha etiqueta pola parte de atrás co selo da biblioteca e asignándolle un número a cada un. Seguidamente, catalogáronse co programa Meiga simplemente co título “Libro electrónico número ( 1…….12) ”.
► Aproveitando o Día do Libro 2013, organizouse unha exposición no taboleiro da biblioteca cun gran cartel no que se reproducían en imaxes e enunciados breves as distintas fases na evolución do libro desde as primeiras manifestacións ata o libro electrónico. Ao tempo, preparouse unha mostra colocando a un lado libros antigos de diversas temáticas e en fronte os electrónicos que acababamos de recibir. Foi o seu acto de presentación antes de poñelos en circulación.
A historia do libro
► En canto rematou a presentación, habilitouse unha vitrina na biblioteca para a súa colocación.
► Feito isto, había que dotalos de contido. A través de ligazóns de internet que autorizan copias legais e actualizadas, procedeuse a descargar lecturas de interese. Pouco a pouco fóronse conseguindo títulos variados ata chegar a máis de trescentos.
► Organizáronse os documentos dispoñibles elaborando unha táboa con varias columnas: autoría, título e número do libro electrónico no que figura cada un. Ordenáronse alfabeticamente segundo os apelidos dos autores. Posteriormente, creouse no blog da biblioteca unha ligazón para esta táboa.
► Chegou o momento de poñer os libros á disposición dos usuarios, optouse por facelo coma con calquera outro documento, prestándoos durante 15 días. Comezouse polos cursos altos por tratarse dun tipo de alumnado máis maduro e responsable para a utilización destes materiais delicados e sensibles. Empezaron usándoos os alumnos e alumnas de cuarto da ESO; primeiro os integrantes do club de lectura. Mercouse o título establecido no club para ese período e tamén os de lectura obrigatoria de Lingua Castelá, Lingua Galega e Ética. A medida que xurdían propostas de novas lecturas, incorporábanse novos títulos aos distintos dispositivos; ao tempo que se actualizaba a táboa publicada no blog da biblioteca.
O alumnado de cuarto do curso pasado, no presente curso 2014/15, continúa a usar en primeiro de bacharelato os libros electrónicos. Mantemos deste xeito unha promoción xa familiarizada con esta nova modalidade de lectura, con usuarios iniciados en cuarto da ESO, que seguen usándoos no curso actual en primeiro de bacharelato e que os usarán o vindeiro curso en segundo de bacharelato cando se incorporen os libros de lectura obrigatoria de Lingua Galega, Lingua Castelá ou outras materias do currículo.
► Non foi preciso realizar sesións de formación de usuarios. Cando se prestan por primeira vez explícaselles con claridade e individualmente o funcionamento básico e, por suposto, insístese moito na importancia de coidalos, de que non reciban golpes nas mochilas e evitar posibles roubos. Esta formación de usuarios básica vaise complementando coa publicación no blog da biblioteca de entradas relacionadas con novidades que van xurdindo sobre o tema.
Nunha ocasión, durante a hora de ler, unha alumna notou como a metade da pantalla do seu lector quedaba en branco. A usuaria e a compañeira que estaba ao lado quedaron abraiadas e mesmo preocupadas, pois foran advertidas de que eran aparellos caros e delicados. Inmediatamente baixaron falar co director e co responsable da biblioteca. Certamente, o aparello estragouse; os responsables da dirección e da biblioteca quitáronlle importancia ao asunto; asúmense estas eventualidades que poden darse en calquera intre.
Este proceso comezou no ano 2012, os libros electrónicos xa levaban un tempo no mercado e había curiosidade e entusiasmo con este novo xeito de acceder á lectura; tamén había moitos receos: cales eran as mellores marcas, os tipos de formato, se habería oferta de libros en galego etc. Como o mundo das novas tecnoloxías avanza a velocidade de vertixe, o que daquela era innovador, a día de hoxe xa o é menos, algunhas dúbidas xa se clarexaron mais xurdiron outras. Veremos o que nos depara o futuro neste eido.
Libros electrónicos na biblioteca escolar
Avaliación
Despois dun curso enteiro usando os libros electrónicos propúxoselles aos usuarios e usuarias que valorasen a experiencia. En non máis dun folio, expresaron as súas opinións ao respecto. Reprodúcense a continuación algunhas ideas que poden resultar ilustrativas e que serviron para avaliar o proceso. Mantense a expresión literal dos escritos elaborados polo alumnado.
Cando trouxen o libro prestado da biblioteca para a casa, miña nai interesouse moito por el e polo seu funcionamento. Pareceulle moi cómodo e moi interesantes os libros que contiña.
Á hora de falar dos coidados do libro, eu déixoo na casa, non o levo normalmente ao instituto e, no caso de que o leve, lévoo sempre comigo para que non mo rouben. Estou moi atenta de non perdelo porque son caros e ademais non é meu. Judith, 4.º ESO
-----
Agora mesmo estouno a utilizar para ler Cuentos de Eva Luna, e nestes poucos días de proba, podo dicir que me sinto moi cómoda lendo desta maneira (…)
Grazas a que os hai na biblioteca, todos os meus compañeiros poden facer uso deles coma min. Cando me piden consello sobre eles, eu sempre os recomendo, ademais aforramos cartos pois se lemos estes libros podemos destinar o diñeiro aforrado a comprar outros máis adiante.
Teño que agradecerlle ao centro que nos ofreza esta oportunidade de coñecer e usar estes novos adiantos que non sempre podemos comprar porque son caros. Lucía, 4.º ESO
-----
Oín falar dos libros dixitais por primeira vez na televisión. Coñecía xente do meu contorno que empezaba a usalos e dicíame que estaban moi ben. Cando chegaron á biblioteca, decidín usalos, parecíame algo innovador. Causoume unha boa impresión ver o fácil que é usalos. Con todo, prefiro o libro tradicional, gústame pasar as follas, tocarlles etc., pero o libro dixital tamén está moi ben, anímovos a que os usedes. Aida, 4.º ESO
-----
A miña impresión foi boa; nuns minutos sabía xa usalo. Ao meu parecer, non teñen inconveniente, son lixeiros, non ocupan moito e teñen unha batería duradeira.
Eu prefiro o libro electrónico polos motivos anteriormente mencionados, pero depende de cada persoa; por exemplo, o meu irmán prefíreos en papel porque é máis clásico. Martín, 4.º ESO
-----
Na miña clase comezámolos a usar un grupiño animados polos nosos profesores. Ao resto dos compañeiros gustoulles a idea. En canto á miña familia, estes libros úsanse bastante porque somos bastante “ratas de biblioteca”. Calquera dos meus familiares, tanto avós coma tíos e, por suposto, meus pais, introducíronme no mundo da lectura. Así, este aparello foi recibido cos brazos abertos.
Parécenme moi prácticos para os estudantes xa que durante todo o noso período escolar manexamos estes libros. Outra das vantaxes que afectan especialmente aos estudantes por este uso elevado de libros é o aforro económico que nos permiten. Nerea, 4.º ESO
-----
Miña nai ten un na casa e, a verdade, di que é moi cómodo nos aspectos que xa mencionei, pero que non podería substituír os libros normais, con follas de papel (…)
A pesar de todo, sigo quedándome cos libros tradicionais, non sei por que, pero transmítenme máis a maxia dos libros, e iso é algo que nin a tecnoloxía pode cambiar.
Como eu teño o libro ao lado da cama, miña irmá preguntoume por el, aínda que meus pais interesáronse máis en saber que tal me ía con el, como o conseguira e demais cousas. Teba, 4.º ESO
-----
Con estas valoracións, e aproveitando a conmemoración do Día do Libro 2014, preparouse unha exposición na entrada da biblioteca que tiña como finalidade difundir esta experiencia ao tempo que se lles daba publicidade aos libros electrónicos. A exposición espertou interese entre o alumnado e entre os propios usuarios que viron publicadas as súas opinións con fotos.
Unha colaxe a modo de resumo
Conclusións e perspectivas de futuro
Cómpre recoñecer o importante labor que poden realizar as bibliotecas públicas, neste caso, as escolares, á hora de poñer á disposición do alumnado instrumentos innovadores que poidan espertar o gusto pola lectura. Tamén as bibliotecas contribúen deste xeito a paliar o avance da fenda dixital entre os sectores máis deprimidos da nosa sociedade, que son en realidade os que máis necesitan formarse e informarse.
Como ensinantes, e como responsables dunha biblioteca escolar, estamos a atender a diversidade de preferencias lectoras: as dos que compatibilizan o libro en papel e mais o electrónico, e as dos que non lles gusta a lectura dixital. Cos primeiros, estamos a traballar no labor de difusión da plataforma Galicia Le, para que os que xa teñen libro electrónico lle saquen o máximo proveito, se así é o seu gusto; e outros que poden telo e aínda non o teñen pensen na posibilidade de adquirilo se descubrir vantaxes neles.
Recentemente, un alumno de cuarto da ESO do noso centro, usuario da plataforma Galicia Le preparou unha presentación que expuxo na biblioteca diante dos seus compañeiros de ESO e bacharelato explicándolles a súa experiencia. A presentación foi gravada e publicada no blog da biblioteca. Velaquí a ligazón por se é de interese: vídeo explicativo e presentación.
Para os que non lles gustan os lectores electrónicos, a biblioteca ten que seguir estando aí para poñer á disposición da comunidade educativa o libro en papel que tanta aceptación segue tendo.
Han de ser os usuarios os que elixan e valoren a funcionalidade, preferencia e gusto persoal á hora de ler. No noso caso, ao principio, a lectura dixital resultou moi atractiva polo innovador da proposta mais cómpre dicir que, tras o entusiasmo inicial, se vén observando un certo esgotamento no reclamo dos lectores electrónicos. Recentemente, o alumnado de bacharelato leu A Esmorga de Blanco Amor e O sol de verán de Carlos Casares; ambos os dous dispoñibles en formato dixital; mais, na realidade, observamos que mentres houbo os citados títulos en papel na biblioteca, estes fóronse esgotando; e xa finalmente, cando non quedaban máis, foron solicitando os electrónicos.
Esta é a experiencia real: o alumnado usa, coñece, valora e decide. Dámoslles a coñecer novos instrumentos, aplicacións e modalidades lectoras; pero non os poñemos na controversia de escoller senón que máis ben o que se pretende é lograr que compatibilicen cantas formas de lectura sexan posibles. Como consta nas primeiras liñas deste relatorio, non se trata dunha disxuntiva senón dunha suma; a cuestión neste caso non é libro dixital ou libro en papel senón libro dixital e libro en papel. O obxectivo é conseguir lectores sen importar a modalidade escollida.
"Dicir que os homes son persoas e como persoas son libres
e non facer nada para lograr concretamente que esta afirmación sexa obxectiva é unha farsa."
Paulo Freire
Os centros de ensino teñen que obxectivar a devandita afirmación fomentando a lectura. Libro en papel, libro electrónico, audiolibro, películas sobre libros, poemas recitados ou musicados; no fondo, todo é ler. Na sociedade da imaxe temos tamén que ensinar a ler imaxes, mensaxes curtas, microrrelatos; afrontar as novas modalidades de lectura e de creación que vaian xurdindo para que o espírito crítico dos nosos alumnos e alumnas permaneza activo fronte aos desafíos e acontecementos dos novos tempos.
Agradecemento aos compañeiros e compañeiras que día a día contribúen a que teñamos unha biblioteca mellor, á ANPA e á dirección do centro. Sen eles non tería sentido canto aquí se relata.
San Cibrao, 7 de maio de 2015