Violencia de xénero, a punta do iceberg

Un proxecto interdisciplinario sobre a desigualdade de xénero realizado no IES Carlos Casares (Vigo)
Durante o curso académico 2013/14, no marco do programa do plan Proxecta, Por 365 días de respecto e igualdade, realizáronse actividades interdisciplinares co alumnado de cuarto A, B, C, D da ESO e un grupo de segundo de bacharelato.

Almudena Lacomba Maruri (Debuxo)
alacomba@edu.xunta.es
María Eugenia Fernández Fernández (Lingua Castelá e Literatura)
eugeniafernandez@edu.xunta.es
María Rosa Gómez Gómez (Matemáticas)
mrosagg@edu.xunta.es
Xosé Pérez González (Bioloxía e Xeoloxía)
xperez@edu.xunta.es

 

A violencia de xénero podémola considerar como a cima máis dramática e rexeitable dun grande iceberg que somerxe a súa raíz nun océano social de denigracións, prexuízos e estereotipos sexuais. Debemos sacar á superficie todo este pensamento sexista que poderiamos pensar superado na sociedade actual, pero que segue moi presente no inconsciente colectivo, mesmo das nosas alumnas e alumnos.

Por iso, algunhas das actividade que temos programadas e estamos a desenvolver se centran neste labor de traballar o espírito crítico do alumnado cara a ideas, comportamentos e actividades cotiáns nos que subxace este pensamento sexista, poñendo o foco especialmente nos medios de comunicación.

 

Que suscitou o noso interese polo proxecto?

Nos medios de comunicación, oímos falar da lacra da violencia de xénero, tal vez como algo distante do eido escolar. Pero nestes últimos anos, estamos a observar no noso centro, nas relacións entre adolescentes, comportamentos enfermizos. Desde rapaces que agriden as súas mozas e que acaban en denuncias nos xulgados, ata actitudes de control “normais” empregando as novas tecnoloxías.

 

Obxectivos

Que os adolescentes coñezan cada situación, tipo de maltrato, as dinámicas das relacións, os mitos sobre a violencia, as pistas para recoñecer se hai maltrato, os mitos do amor romántico, a media laranxa, os roles femininos e masculinos, en definitiva, que é unha relación saudable de parella para poder así previr a violencia de xénero nas súas relacións.

Obxectivos específicos acadados:

* Utilizamos recursos variados, dixitais e tradicionais.

* Vivimos o camiño da igualdade entre xéneros.

* Fomentouse a construción dunha identidade individual, non sexista e non violenta.

* Déronse a coñecer os distintos tipos de violencia de xénero, facendo fincapé na psicolóxica.

* Favoreceuse a adquisición de habilidades para enfrontar as situacións de maltrato.

* Potenciáronse as relacións igualitarias e a solidariedade coas vítimas da violencia.

* Aprenderon a relacionarse, responsabilizarse, respectar, compartir e convivir.

*Fomentouse un traballo en grupo cooperativo no que participou todo o alumnado.

* Fomentouse o espírito crítico das alumnas e alumnos cara a ideas, comportamentos e actividades cotiáns nos que subxace este pensamento sexista, poñendo o foco especialmente nos medios de comunicación.

*Fíxose un traballo interdisciplinario que queda patente no concurso Haikus, onde se traballou nas áreas de Educación Plástica, Lingua Galega, Castelá e Bioloxía.

 

Actividades e metodoloxía

No mes de novembro algúns dos profesores implicados no proxecto asistimos á xornada de formación do plan Proxecta e desde aí establecemos un plan inicial de traballo e colaboración entre o profesorado. Realizamos xuntanzas periódicas para compartir experiencias e deseñar as diferentes actividades que iamos levar a cabo, entre as que se inclúen as seguintes:

  • O 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, os tres grupos de cuarto da ESO participaron no programa do Concello Enlaza Vigo contra a Violencia de Xénero.

A rúa Urzáiz de Vigo foi tomada por 1900 estudantes de secundaria que, xunto co alcalde de Vigo, a concelleira de Igualdade, representantes da corporación municipal e diversas entidades do Consello Municipal da Muller, puxeron de manifesto, a través dun tapiz humano, o seu rexeitamento da violencia de xénero.

O Departamento de Educación Plástica participou neste evento mediante a realización de dúas pancartas para a exposición colectiva na rúa do Príncipe co noso alumnado de cuarto da ESO.
 

 

  • O Concello convidounos a unha charla, “Enredámonos?”, sobre redes sociais, whatsapp e demais ferramentas de control virtual, que nos afectan tamén nas relacións de parella, pero non só. O formato de monólogo de humor desta charla impartida pola psicóloga Ianire Estebánez, especialista en violencia de xénero e creadora do blog Mi novio me controla... lo normal,  destinada a mozas e mozos a partir dos 15 anos foi un éxito absoluto. Nós asistimos co noso alumnado de cuarto da ESO, que amosou un grande interese e se divertiu moito. Posteriormente aproveitamos o material que nos oferta Ianire no seu blog para traballar nas aulas.
  • Realizamos un stop motion a partir dun poema de Jorge Bucay titulado “Ceremonia del té”, actividade que levamos a cabo despois de acudirmos á charla de Ianire Estébanez e que nos serviu de base para afondar na análise destas actitudes tan a miúdo difíciles de xestionar.

CEREMONIA DEL TÉ

Te encuentro...

Te escucho...

Te hablo...

Te abrazo...

Te beso...

Te tengo...

Te aprieto...

Te aprieto...

Te absorbo...

Te asfixio...

¿Te quiero?

 

Con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, organizamos arredor deste breve poema de Jorge Bucay unha serie de actividades na materia de Lingua Castelá e Literatura co alumnado de cuarto da ESO. O obxectivo fundamental era sementar nelas e neles unha reflexión crítica sobre determinadas condutas, moito máis habituais do que pensamos, dentro das relacións de parella.

O seguinte stop motion creouse a partir do traballo elaborado por dúas alumnas de cuarto B.

 

 

  • O alumnado de segundo de bacharelato elaborou na materia de Métodos Estatísticos e Numéricos a enquisa que despois habería de contestar o alumnado de cuarto da ESO. Posteriormente fixeron o reconto de cada resposta, crearon táboas de frecuencias e analizaron os resultados..
  • O concurso Proxectando Haikus foi outra das actividades levadas a cabo neste proxecto. Logo de traballarmos sobre o haiku nas clases de linguas e Plástica, o noso alumnado xa estaba preparado para lanzarse a plasmar ideas mediante esas fermosas estrofas. A participación foi moi grande: xuntáronse arredor de 90 haikus. A gañadora do concurso foi a alumna Sara Fernández de cuarto B.

 

  • Tivemos unha charla da asociación Rede de Mulleres contra os Malos Tratos de Vigo.

O xoves 23 de abril unha mediadora da asociación Rede de Mulleres contra os Malos Tratos de Vigo visitou no noso centro as aulas de cuarto da ESO. Explicounos como se inician os malos tratos dentro dunha parella, xeralmente de forma sutil, e como esta situación vai evolucionando nunha espiral da que é difícil saír.

  • Démoslle visibilidade ao uso do sexismo na publicidade.

Dada a importancia tan grande que ten a publicidade nos medios de comunicación e como estes son un reflexo da mesma sociedade, pretendemos evidenciar certas técnicas publicitarias que fan uso máis ou menos evidente dos prexuízos sexistas co fin de promover os seus produtos. E para isto deseñamos una serie de actividades que se implantaron nas horas de Titoría, Educación Plástica, linguas en cuarto da ESO e Métodos Estatísticos e Numéricos en segundo de bacharelato.

Levamos ás aulas unha serie de imaxes publicitarias sacadas da prensa. A continuación, o noso alumnado debía cubrir unha ficha para cada anuncio cunha serie de datos que podían extraer del, e salientar especialmente o papel da muller ou do home neles.

Presentámoslles ás alumnas e alumnos un documental sobre un concurso de publicidade internacional no que se poden visualizar as diferentes campañas premiadas. É importante destacar que son anuncios recentes correspondentes a produtos que se atopan actualmente no mercado; deste xeito, elas e eles podíanse sentir identificados e consideralos como algo propio da sociedade na que se desenvolven. No vídeo hai anuncios “neutros” e outros con algún carácter discriminador cara á muller. Os alumnos e alumnas analizaron mediante comentarios orais cada un deles facendo uso do seu sentido crítico.

  • Unha nova actividade de visibilización de roles e estereotipos: “Isto é de homes… isto é de mulleres”.

Trátase de facer saír á superficie as crenzas do noso alumnado arredor dos estereotipos masculino e feminino no relativo aos conceptos que as persoas temos de nós mesmas e de como procuramos clasificar tales ideas segundo o sexo.

 O obxectivo fundamental consiste en que alumnas e alumnos manifesten inicialmente a súa opinión respecto de si mesmos para despois expoñer de xeito aleatorio e anónimo esas opinións. Ao conxunto da aula tócalle entón determinar se pensan que determinada idea corresponde a un home ou a unha muller.

Esta tarefa organízase da seguinte maneira: divídese a aula en dúas categorías de grupos: A e B (poden ser máis de dous grupos, sempre que sexan pares e con semellante número de membros). Repártense as fichas de tipo A e B respectivamente a cada grupo. Estas débense cubrir preferiblemente de xeito individual e privado.

Entre as preguntas da ficha inclúense ítems como, por exemplo:

Considero que eu son .............................................................................................

O que máis me gusta é ...........................................................................................

O que menos me gusta é ........................................................................................

Creo que se me dá ben ...........................................................................................

Gustaríame ..............................................................................................................

O profesor ou profesora recolle todas as fichas clasificadas en ambas as categorías (mesmo sería apropiado mesturar entre si todas as fichas da mesma categoría). Deseguido, o docente encargado da actividade escolle ao chou ideas dos diferentes apartados para unha categoría de grupo, coa intención de que o alumnado da categoría alternativa decida se tal idea corresponde a un home ou a unha muller.

Finalmente o conxunto de alumnas e alumnos debe reflexionar, guiados polo docente, que foi o que os levou a decidir esas clasificacións e se existen motivos obxectivos para facelo, dadas as características xerais de homes e mulleres.

  • Volvemos sobre os mitos do amor romántico nas nosas cancións de amor favoritas.

Esta actividade foi organizada por grupos de alumnas e alumnos que traballan coas súas cancións favoritas e ten como obxectivo clave reflexionar sobre os mitos do amor romántico. Os recursos empregados son sinxelos: un reprodutor de CD e unha memoria USB, as cancións e as copias das letras.

En primeiro lugar, analizamos unha canción proposta por nós. É preciso ter a letra fotocopiada e escoitar a interpretación. Despois traballamos coas cancións de amor favoritas das alumnas e alumnos que previamente lles pedimos que trouxesen.

Inicialmente a análise fixémola en gran grupo para, posteriormente, facer en pequeno grupo o estudo dunha das súas cancións, procurando que cada grupo traballase sobre unha diferente.

  • Trouxemos ao noso centro a exposición Cartas de Amor.

Cartas de Amor é unha mostra do cómic galego sobre violencia de xénero, con debuxos de 15 artistas que plasmaron nunha imaxe situacións ou momentos que consideraron como violentos entre adolescentes.

Como complemento á exposición, desenvolveuse co alumnado un obradoiro práctico explicativo, impartido por Gloria Isabel Serrato, sobre varias das unidades didácticas: "Mitos do amor romántico" (para 4º A), "A Linguaxe" (para 4ºB), "Ata onde?" (para 4ºC/D).

 

 

  • O alumnado de terceiro e cuarto da ESO e de primeiro de bacharelato asistiu ao espectáculo I´ll be watching you (Hei estar vixiándote), que se realizou no salón de actos do noso centro o día 7 de maio.

Trátase dun espectáculo lúdico-musical e pedagóxico que analiza os roles de xénero que transmiten as cancións de temática amorosa da música comercial de consumo masivo. Fala dos valores que moitas veces se agochan detrás das baladas románticas, cuestionando os estereotipos ríxidos de home e muller que non contemplan outras opcións, a cosificación da muller, os celos como proba de amor, a convivencia coa violencia e o sentimento de propiedade sobre a outra persoa. Fala das relacións de igual a igual fronte ás que non o son, da autoestima, da necesidade da reacción das propias mulleres para lle poñer fin á violencia de xénero.

  • Arrincamos o ano 2014 coa creación do Calendario IES Carlos Casares, 365 días de respecto e igualdade.

Este calendario foi elaborado multidisciplinarmente polo noso alumnado de cuarto da ESO nas áreas de Plástica e linguas. A idea básica foi a proposta de doce lemas, un para cada mes, relacionados co tema do noso proxecto e acompañados dun debuxo que os ilustrase. O obxectivo que pretendiamos acadar con esta actividade foi a activación dos conceptos traballados ao longo do primeiro trimestre.

Imprimíronse en total 300 calendarios que, coa colaboración de Vicedirección, o alumnado vendeu, dentro e fóra do centro, para recadar fondos destinados á súa viaxe de estudos a Londres.

 

 

Avaliación

Avaliación inicial: ao inicio do curso todo o alumnado de cuarto da ESO contestou unha enquisa sobre desigualdade de xénero e roles. Esta enquisa fora elaborada polo alumnado de segundo de bacharelato da materia de Métodos Estatísticos e Numéricos.
Despois das charlas e obradoiros dirixidas ao alumnado e desenvolvidas ao longo do curso, observamos un incremento no espírito crítico dos alumnos e alumnas cara a ideas, comportamentos e actividades cotiáns nos que subxace un pensamento sexista.
O traballo en grupos foi cooperativo, e analizouse o sexismo especialmente nos medios de comunicación.

Valoráronse os traballos presentados polo alumnado no concurso Haikus para a nota final na materia de Educación Plástica e Lingua Castelá.

 


 

Sección: