
A atmosfera, a meteoroloxía e climas do mundo
Alberte Xosé Méndez López
Profesor de Tecnoloxía no CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco
tuchodefresa@gmail.com
Juan Martínez Martínez
Produtor audiovisual
Contextualización
O material proposto foi elaborado no curso 2010/11 e os autores fomos Tucho Méndez (profesor de Tecnoloxía) e Juan Martínez (estudante), co imprescindible asesoramento de Carmen Cuesta García, profesora de Xeografía e Historia no IES de Canido (Ferrol).
Presentamos dúas secuencias didácticas, unha sobre os climas do mundo para Xeografía e Historia e outra sobre a atmosfera para Ciencias da Natureza, ambas as dúas para primeiro da ESO. Estas secuencias didácticas, como detallaremos ao longo desta guía, están compostas por animacións, imaxes e actividades interactivas, e son aptas para ser traballadas empregando o EDI ou os propios ordenadores dos alumnos.
Enfocamos o material cara aos recursos multimedia e renunciamos a producir un traballo baseado na abundancia de texto e na imaxe estática, xa que consideramos que, naquel intre, a oferta dese tipo de recursos era grande e, frecuentemente, moi boa. Ao contrario, atopar animacións e exercicios interactivos de calidade, sobre todo en galego, era un dos grandes ocos que se precisaba cubrir.
Os contidos foron presentados á convocatoria de premios a recursos educativos elaborados por profesorado do 2010, onde acadamos un cuarto premio. Vostedes dirán se o merecemos!
Obxectivos
- Os obxectivos xerais que perseguimos poderíanse resumir en ofrecer recursos de calidade que:
- Complementen o labor docente nas aulas Abalar.
- Sexan atractivos e motivadores para o alumnado.
- Sexan sinxelos e fiables no seu uso.
- Sexan coherentes visual e tecnicamente.
- Permitan o seu uso modular.
- Resulten efectivos para o proceso de ensino-aprendizaxe.
- Favorezan o proceso de autoavaliación.
Dentro das áreas concretas nas que podemos aplicar estes recursos, en Ciencias Sociais quixemos traballar contidos relacionados coa meteoroloxía e os climas do mundo, os mapas climáticos e a representación gráfica de datos climáticos, as causas de que existan diferentes climas, identificación e caracterización de climas, climas fríos, climas temperados e climas cálidos.
En Ciencias da Natureza os contidos que se desenvolveron foron a atmosfera, a súa importancia, a súa estrutura e composición, as condicións que moldean o tempo atmosférico, a explicación dos fenómenos meteorolóxicos e a diferenza entre tempo atmosférico e clima, así como os mapas de clima e a representación gráfica de datos climáticos.
Recursos empregados
Para a elaboración dos recursos, a ferramenta empregada foi o contorno Flash de Adobe. Esta é unha tecnoloxía que, pouco despois, caeu en desuso, pero que conserva aínda a súa gran capacidad para presentar produtos con alto grao de interactividade e atractivo visual. De querer hoxe afrontar un proxecto semellante, sería recomendable recorrer á linguaxe HTML5.
Cremos importante dicir que a elaboración destes recursos lles levou un número de horas moi grande, probablemente máis de 200, a dúas persoas con dedicación case exclusiva.
Descrición
Podemos dicir que as secuencias didácticas presentan tres tipos de recursos:
Vídeos
Animacións expositivas dos contidos, son curtas e dinámicas para favorecer o traballo progresivo do alumnado. Para favorecer a accesibilidade, amosan subtítulos na parte inferior da imaxe e, ademais, aparecen resaltadas as palabras máis importantes de cada apartado para mellorar a súa retención por parte do alumnado.
Imaxes interactivas
O alumnado pode interactuar con estas imaxes e obter así informacións complementarias aos vídeos. O docente pode escoller o mellor xeito de traballalas co alumnado (preguntas sobre os contidos, busca de información, exposicións...).
Actividades
Actividades de síntese, reforzo e/ou avaliación sobre os contidos expostos, tanto nos vídeos como nas imaxes interactivas. Esixen do alumnado unha participación activa e todas ofrecen retroalimentación para a súa avaliación, ben sexa informando dos acertos e dos erros obtidos, ben sexa informando do tempo investido na súa realización.
Metodoloxía
As secuencias didácticas están concebidas coma un todo. A pesar disto, todas as actividades poden ser realizadas de xeito individual, e tanto as animacións como as imaxes e actividades interactivas cobren aspectos concretos do currículo e constitúen obxectos de aprendizaxe completamente independentes.
A orde en que presentamos os materiais é a que consideramos máis lóxica para a súa utilización. A nosa recomendación é ver un vídeo, traballar as imaxes e actividades relacionadas se as hai, e pasar ao seguinte. Ao final de cada bloque hai un cuestionario de autoavaliación.
Aínda así, decidimos fuxir dunha excesiva linearidade. Todos os materiais son accesibles desde o menú lateral da páxina, non hai pasos “chave” de obrigada realización, de xeito que o docente pode escoller que contidos traballar e en que orde traballalos.
O material está pensado para ser aplicado nas aulas Abalar e tenta tirarlle o maior partido posible a todos os recursos TIC de que dispoñen, e quere incidir en aspectos que son máis complexos de explicar nunha aula tradicional.
Malia isto, todo este traballo debe ser integrado dentro da práctica diaria do docente, que é o mellor axente de xestión do proceso de ensino-aprendizaxe. Tanto as videoanimacións como as actividades están enfocadas a complementar esta práctica, mesmo precisan dela, e en ningún momento pretenden competir (o noso material sairía perdendo) coa imprescindible explicación e adaptación dos contidos por parte do profesorado.
Actividades complementarias
Recomendamos que o docente engada todas as actividades pertinentes para completar, na profundidade que desexe, o material que ofrecemos. Algunhas que se nos ocorren:
- Recollida de información e elaboración de documentación sobre calquera dos apartados traballados.
- Revisión crítica dos contidos, en función da información obtida por outras fontes.
- Preguntas na clase sobre os contidos recollidos nos vídeos e nas imaxes interactivas.
- Competicións para ver quen é o máis rápido en acabar as actividades.
- Recollida de datos locais para facer un climograma da túa vila.
- Busca de datos climáticos de Galicia e da península para facer o climograma de diferentes localidades.
- Análise, con base nos contidos traballados, de mapas meteorolóxicos e climogramas obtidos de calquera fonte (web, televisión, prensa...).
- Ampliación de calquera dos contidos traballados.
Avaliación
As ferramentas avaliadoras que ofrecen estes recursos están orientadas cara á autoavaliación do alumnado.
En todas as unidades e subunidades hai un cuestionario tipo test para que o alumno ou alumna conteste a preguntas que foron traballadas no vídeo ou nas actividades interactivas. Estes cuestionarios presentan as preguntas e respostas de xeito aleatorio, polo que cada usuario as terá que contestar de xeito diferente. Ao final do cuestionario, ofrécese información sobre a porcentaxe de erros e acertos.
Ademais dos cuestionarios de avaliación, varias actividades interactivas presentan un reto que hai que superar nun tempo determinado, o cal fai que o compoñente lúdico do exercicio sexa maior e mellora a concentración do alumno ou alumna.
Conclusións
Case cinco anos despois da súa elaboración, estes recursos están entre os máis descargados e visualizados do repositorio Abalar e acadan unha puntuación moi alta entre os seus usuarios.
Os autores non somos docentes das materias implicadas e non podemos falar con propiedade do seu emprego na aula, pero os comentarios que imos recibindo aquí e alá da súa aplicación na aula, así como o número de descargas e a "nota" recibida, fannos pensar que o proxecto foi e está a ser útil para moitos docentes.