Así somos nós. O CEE de Panxón

O CEE de Panxón é o único centro educativo de Galicia en que alumnado con trastorno grave da conduta está escolarizado en toda a etapa obrigatoria.

M.ª Teresa Rivas Lago
Directora do CEE (2010-2014)
tererivas@edu.xunta.es

 

1. Análise do contexto

O CEE de Panxón está situado na localidade de Panxón (Nigrán), unha pequena vila mariñeira de grande afluencia turística no verán. O centro de educación especial ocupa o edificio da antiga residencia de alumnos do ISM, do que herda moitos dos seus traballadores. Comparte recinto escolar e instalacións co CPI de Panxón, onde estaban escolarizados os antigos residentes.

 

2. Características do alumnado

O alumnado con trastorno grave da conduta cursa toda a escolarización obrigatoria. O alumnado do CEE ten un patrón de comportamento persistente ao longo do tempo, que afecta os dereitos dos outros ao non aceptar as normas de convivencia. Implica a presenza de condutas inadecuadas para a súa idade, deterioración nas relacións e dificultades no funcionamento diario no ámbito familiar, escolar e/ou social e a resistencia ao cambio coas medidas educativas habituais.
En xeral, poderiamos dicir que se corresponden co perfil de trastornos por déficit de atención e comportamento perturbador (DSM-IV-TR), trastorno negativista desafiante (TND), trastorno disocial (TD), trastorno por déficit de atención con hiperactividade (TDAH). http://orientacionceedepanxon.blogspot.com.es/

 

3. Características xerais do centro

Consta de tres unidades de cinco alumnos cada unha. Dez alumnos están cursando a ESO e cinco primaria.
Respecto do profesorado, cinco teñen praza definitiva, os demais, en expectativa, interinos e substitutos e tamén contamos cunha orientadora compartida.
Nun futuro próximo prevense convenios de colaboración coa Consellería de Sanidade, que faciliten ao centro, persoal médico e psicolóxico especializado para o tratamento e o seguimento do residente.
Respecto do persoal non docente, a maioría procede do ISM como sinalabamos anteriormente: oito coidadores fixos, unha educadora fixa e cinco interinas, unha enfermeira fixa, limpadoras, mantemento, administrativo, cociñeiras e axudantes –que elaboran diariamente o menú do mediodía non só para o alumnado do CEE senón para o alumnado do CPI de Panxón e da EEI As Dunas–.
No comedor, comezamos a primeira experiencia de convivencia e inclusión, compartindo este espazo co alumnado dos outros centros.

 

4. Obxectivos xerais

  • Crear unha comunidade educativa acolledora e colaboradora na que cada alumno e alumna sexa valorado e consiga o máximo desenvolvemento das súas capacidades, promovendo a súa inclusión en todas as actuacións.
  • Abrir o centro educativo ao contorno, establecendo redes de colaboración entre distintas institucións e administracións e, en definitiva, colaborando no deseño e desenvolvemento de plans socioeducativos para ofrecer unha resposta adecuada á diversidade do alumnado.
  • Fomentar os valores de colaboración, esforzo e traballo en equipo.
  • Deseñar e desenvolver prácticas educativas que favorezan que o alumnado aprenda a convivir na vida diaria da aula e na vida diaria da residencia.
  • Coñecer e valorar distintos aspectos da cultura galega desde o respecto a outras culturas nun modelo intercultural.

 

5. Algúns obxectivos específicos

Obxectivos educativos e de aprendizaxe

  • Lograr unha perfecta coordinación entre profesorado e educadoras.
  • Favorecer procesos interdisciplinares e de aprendizaxe funcional e significativa.
  • Propiciar situacións de comunicación para crear un clima favorable.
  • Desenvolver a socialización do alumnado a través do traballo cooperativo.
  • Procurar que o alumnado adquira os medios necesarios para o acceso á cultura.
  • Estimular no alumnado a adquisición de hábitos de estudo e traballo.
  • Traballar transversal e interdisciplinarmente como fonte da adquisición de valores e actitudes.
  • Profundar, mediante a acción titorial, no coñecemento do alumnado e das súas circunstancias persoais e sociofamiliares.
  •  Fomentar o respecto polas diferenzas ideolóxicas, relixiosas, sociais, culturais...

Obxectivos de carácter metodolóxico

  • Aproveitar os recursos da contorna para desenvolver aspectos do currículo.
  • Favorecer a continuidade, secuenciación e coherencia entre cursos, ciclos e etapas, potenciando a coordinación e o traballo en equipo.
  • Intentar a maior uniformidade posible dentro do profesorado no referente a principios xerais de carácter metodolóxico e normativo.
  • Avaliar sistematicamente o funcionamento do centro e utilizar os resultados desa avaliación para orientar futuras actuacións.
  • Empregar os recursos da granxa e da horta escolar co fin de favorecer a convivencia entre todos.

Obxectivos de competencia social

  • Procurar a participación de todos os sectores na tarefa educativa.
  • Potenciar e facilitar as actividades de formación do profesorado para a súa aplicación práctica na aula.
  • Favorecer a colaboración e a reflexión conxunta e o intercambio de experiencias profesionais entre os diferentes equipos de traballo (docente/non docente).
  • Fomentar intercambios de experiencias educativas e/ou culturais.

 

Preparando o  Día da Paz

 

6. Os comezos do centro

No curso 2009/10 empezou esta experiencia coa intención de responder, da maneira o máis axeitada posible, a un pequeno grupo de adolescentes diagnosticados de TGC. No 2010/2011 empezamos esta aventura. Entre todos fomos construíndo o centro. Entre todos fomos quen de crear diariamente unha experiencia diferente, comezando sen nada, tabula rasa, tres alumnos e todo por facer.

“Inventamos” a nosa propia escola e a nosa propia residencia. Apostamos polo alumnado. Nestes catro anos remataron os seus estudos seis alumnos co título de GESO, dos que cinco continuaron a súa formación en ciclos formativos de grao medio, un realizou cursos de formación ata atopar traballo e dous abandonaron.

O CEE comezou dedicado ao alumnado de secundaria. Actualmente, dado o incremento da demanda en poboacións de menor idade, a Consellería de Educación considerou a incorporación de alumnado de educación primaria en xaneiro do curso 2012/13.

 

7. Metodoloxía

A pretensión do centro é proporcionarlles un espazo de vida e de convivencia diferente, ofrecéndolles unha atención personalizada nas actividades docentes e non docentes.

A modificación de conduta ten carácter transversal e interdisciplinar desde que se levantan ata que se deitan. Todos os momentos do día valen para aprender. Cando o alumno residente chega ao centro, pasa por un período de adaptación no cal tratamos de ocuparnos das normas básicas de conduta, de hábitos de vida diaria e de aceptación das regras, de ir poñendo límites e de ir asimilando as aprendizaxes; os contidos curriculares nun primeiro momento quedan en segundo plano. Nas clases reciben as primeiras instrucións e as normas para saber estar con outras persoas, compartindo espazos e tempos, básico para o desenvolvemento da práctica docente e da aprendizaxe. Estas primeiras aprendizaxes vanse convertendo coa práctica diaria en autonomía persoal.

En xeral, as intervencións teñen carácter multidisciplinar e implican:

  • Programas (condutuais) dirixidos a favorecer o traballo do alumnado e a mantelo: rematar as tarefas, obedecer, controlar a impulsividade, mellorar a competencia social etc. O uso axeitado de premios (recoñecemento social, atención do adulto) ou consecuencias negativas contribúe a ganancias no comportamento e satisfacción.
  • Programas cara á reflexión/autorreflexión sobre o seu comportamento, autoavaliación.
  • Programa de relaxación. Adestramento autóxeno.
  • Tratamento (cognitivo-conductual) buscando autonomía a través do autocontrol e adaptación, hábitos de vida diaria, aceptación da orde e asimilación da aprendizaxe.
  • Desenvolvemento (afectivo-emocional, competencia social, intelixencia emocional) de recoñecemento, empatía, expresión axeitada das emocións e sentimentos, control da ira, tolerancia á frustración. Adestramento en asertividade, habilidades sociais, crítica, negociar, pedir un favor, pedir perdón, comportamentos de axuda e de resistencia á provocación. Traballo en valores, convivencia pacífica, resolución de conflitos.
  • Programas e actuacións para a mellora do autoconcepto e da autoestima.

 

8. Tempo lectivo & tempo non lectivo

8.1. Horario académico. As mañás

Comezamos as clases ás 8.30 e rematamos ás 13.50. O luns secundaria ten clase pola tarde, de 16.00 a 17.30. Primaria incorpórase os luns ás 10.00, o resto dos días é igual para todos.

Para desenvolver as clases da maneira o máis rendible e eficaz posible, dispuxemos catro grupos en secundaria: primeiro e segundo da ESO, primeiro e segundo de PDC.

En primaria, dependendo das áreas, dispoñemos dun grupo ou de dous: terceiro curso de primaria para técnicas instrumentais básicas e quinto e sexto de primaria.

Os criterios para deseñar os agrupamentos, ademais do NCC e a idade, teñen que ver coas posibilidades de rendemento que o equipo docente observa e as características das interaccións sociais entre os compoñentes.

Aplicamos medidas ordinarias e extraordinarias de atención á diversidade. Os profesores adaptan as tarefas académicas ás capacidades cognitivas e executivas (de atención, execución e control) do alumnado; adaptan contidos e actividades; incrementan a novidade, a estimulación e o atractivo das propostas de actividade e as explicacións (estratexias didácticas de motivación), o uso das TIC; descansos funcionais, cambios e combinacións de actividades; anticípanse ás necesidades do alumnado cambiando rutinas, intercalando actividades: movemento, coloquio, prevendo e permitindo respostas gráficas, orais, motrices, mecánicas etc.

As materias optativas son Educación Musical e Educación Plástica e Visual.

A optativa de centro denomínase Obradoiro de Convivencia e desenvólvese a través dunha pequena horta e dunha pequena granxa. Estas materias permiten a ruptura coa actividade académica e permítelles gozar coa aprendizaxe dos valores de grupo e co resultado do esforzo.

A persoa titora é a figura de referencia respecto da actividade escolar. Desenvolve o plan de acción titorial programado. O luns, recibe o alumnado despois da fin de semana en familia, lémbralle os compromisos e responsabilidades para a semana e estimúlaos para afrontar positivamente a semana. Tamén coordina a actividade de asemblea diaria, vinte minutos diarios para tentar dar solución, entre todos, aos problemas de relación que se producen acotío; para o que se practica a resolución de conflitos, a quenda de palabra, falar con respecto, a tolerancia etc.

8.2. Horario non lectivo. As tardes

O horario non lectivo comeza cando rematan as clases. Este horario está coordinado desde decembro de 2014 pola secretaria do centro (nova creación), profesora.

Os residentes están a cargo das educadoras que son os referentes. Programan tempos, espazos e actividades, modifican condutas, reforzan e sancionan; realizan titorías individuais e grupais, entrevistas coas familias etc.

As programacións para traballar as conmemoracións son as indicadas pola biblioteca, como dinamizadora do centro.

Co apoio dos coidadores e as directrices das educadoras, o alumnado realiza diferentes tipos de actividades: actividades da vida diaria (orde e limpeza diarias no seu cuarto), dinamización escolar (prensa, lectura, TTI…), programas de habilidades sociais (comunicación verbal e non verbal, interrelación etc.), lecer, deporte, saídas culturais, saída programada polos arredores… tratando de normalizar e incluír.

As súas intervencións cos residentes, seguimento e evolución quedan sistematizadas e organizadas nos proxectos educativos individualizados (PEI), que van marcando a pauta de actuación segundo os obxectivos marcados para cada alumno.

Este traballo e evolución semanal vaise reflectindo no Caderno de fin de semana, que é a forma de contacto semanal coas familias. Nel, estas profesionais poñen de manifesto e fan valoracións sobre o traballo da semana co residente, danlles pautas e orientacións ás familias para facilitarlles as súas intervencións durante a fin de semana, como reforzo do traballo desenvolvido.

Ao remate do trimestre, recollen a valoración da evolución nun boletín informativo para familias, onde se recollen os aspectos traballados, os obxectivos acadados, os non acadados e en proceso de conseguir e a actitude ante as aprendizaxes.

O curso pasado elaboramos o blog da residencia, onde recollemos curiosidades, as nosas actividades, material de orientación para educadores e coidadores, entretementos para os residentes.

A enfermeira é outra das profesionais non docentes que está a desenvolver proxectos co alumnado, ademais da atención sanitaria básica. Ocúpase, xunto coa Comisión de Elaboración de Menús, de que este sexa san e saudable; organiza e programa un obradoiro de saúde para todo o alumnado un día por semana; cultiva, en coordinación co profesor, plantas medicinais co alumnado; mantén entrevistas de seguimento coas familias, coordina as actuacións cos médicos e participa en todo aquilo que teña relación coa formación na mellora da saúde do alumnado. O curso pasado elaboramos o blog de saúde.

 

9. Organización do CEE. A estrutura

9.1. No centro escolar

O curso 2013-2014 fixemos a seguinte configuración grupal: primaria: terceiro e quinto, sexto, e 1 con ACI de cuarto de primaria.

Secundaria: primeiro da ESO e segundo da ESO, máis 1 ACI de segundo ciclo de primaria; primeiro PDC: este curso todos o cursan realmente; 2.º PDC: todos o cursan realmente e 3 propostas para GESO.

9.2. Na residencia

A vida na residencia está organizada en torno a tres unidades de convivencia con cinco alumnos cada unha e a cargo de dúas educadoras apoiadas por un ou dous coidadores.

As dúas unidades de secundaria sitúanse no primeiro andar do edificio. A de primaria, no segundo.

As educadoras e coidadores rematan a súa quenda entre as 9.45 e as 23.00 en que son relevados por tres novos coidadores que realizan a quenda de noite. Os tres coidadores xunto co garda de seguridade acompáñanos e cóidanos durante a noite.

O vixiante de seguridade acompáñanos todo o día tratando de velar pola integridade física dos menores e do persoal que os acompaña.

Decorando a residencia

 

9.3. Coordinación entre a mañá e a tarde

O venres teñen lugar as xuntanzas de coordinación co persoal non docente. O equipo interdisciplinar está presidido pola directora e composto polo equipo de educadoras, o equipo de titoras, a enfermeira e a orientadora. Nesta xuntanza adóptanse decisións sobre o proceso educativo do alumnado, postas en común, informacións relevantes; busca de solución, alternativas… todo o que afecte ao proceso educativo do residente. Ten orde do día e recóllense nunha acta os acordos.

Os luns entre as 16.00 e as 17.30, o profesorado e os titores coordínanse coas educadoras para o seguimento do alumnado nas dinámicas da aula e da tarde.

 

10. Importancia das familias

Piar fundamental no que se basea o PE. A nosa actividade quedaría incompleta sen a aposta da maioría das familias que normalmente carecen de estratexias e recursos para afrontar situacións moi difíciles xeradas polos seus fillos. O seu papel é moi importante tanto na orixe coma no mantemento de trastornos do comportamento, e é un dos elementos básicos que hai que ter en conta non só na avaliación do trastorno senón na súa resposta educativa. Ignorantes, ás veces, das manipulacións ás que son sometidos polos fillos, e outras, coñecedores, pero incapaces de enfrontarse á súa tiranía, atopan no centro un descanso e un recurso para tratar de reeducar os seus fillos coas orientacións do persoal cualificado.

Moi importantes son os obradoiros para aprender coas familias que realizamos todos os primeiros venres de mes a cargo da orientadora. Algunhas pautas educativas para as familias que tomamos como referente son:

  • Aceptamos os fillos como son, con expectativas axustadas.
  • Prestámoslle atención cando presente condutas axeitadas. Reforzo proporcionado.
  • Centrámonos nas condutas sen utilizar características persoais.
  • Incrementamos a autoconfianza e a autoestima. Recoñecemos progresos e esforzo.
  • Axudámoslles a recoñecer e interpretar sentimentos e comportamentos.
  • Establecemos normas claras, en positivo, con consecuencias, consensuadas e aceptadas. Amosámonos firmes no seu cumprimento e evitamos ameazas.
  • Empregamos un estilo educativo baseado no respecto, o afecto e a non permisividade, evitando a sobreprotección e o abuso dos castigos. O castigo debe ser proporcionado e relacionado coa conduta.
  • Mantemos a calma e falámoslle nun ton axeitado.
  • Amosámoslles modelos positivos coas nosas actuacións.
  • Axudámolos a comprender o problema e a descubrir e a xerar posibles solucións.
  • Proporcionámoslles un ambiente estruturado e predicible.

 

11. A biblioteca: o bosque de Levas

Creámola hai tres cursos. Formamos parte do PLAMBE desde o curso 2011/12. Entendémola coma unha aula máis, como unha forma de apoio ao currículo e de fomento da lectura e da escritura, como un centro dinámico de recursos onde ofrecemos un servizo de información e formación, para mellorar a competencia lectora do alumnado (importantes carencias na área verbal), compromiso que asume o profesorado de todas as áreas. Recolle recursos bibliográficos, dixitais e didácticos en xeral. Pretendemos que sexa un punto de encontro compartido, para o fomento de valores e da cultura. Tratamos de que sexa participativa e aberta ás familias, aínda que coas familias temos unha materia pendente. Organizamos o espazo de ler fóra da biblioteca e creamos un espazo lectura para as familias, pero aínda queda moito por facer.

Blog da biblioteca.

Lendo na biblioteca

 

12. Relacións institucionais

Sempre que xurda a oportunidade interésanos participar en calquera evento educativo que poida ser favorable para o desenvolvemento do alumnado. Así, viñeron ao centro desenvolver programas de formación ao longo destes catro cursos:

  • Garda Civil: Uso apropiado de internet. Delitos telemáticos.

Grupo de informática

 

  • Alborada: Programa de prevención de drogas.
  • Concello de Nigrán: Coidados do medio. Hortos escolares.

 

  • Adestrador de condutas animais. Equipo de Cetrería de Val Miñor. Campión internacional de doog freesby.

O curso pasado, con motivo das Letras Galegas, o alumnado de primaria visitou a EEI As Dunas para representar un teatro lido. Foi para todos unha experiencia dificilmente esquecible.

Cando é posible, aproveitamos calquera escusa para practicar a inclusión do alumnado no contorno, polo que facemos visitas que resultan sempre sorprendentes pola boa acollida e aproveitamento que extraen. O curso pasado, primaria viaxou en tren ao Museo de Pontevedra. Este curso, algúns alumnos de secundaria foron en autobús patinar á pista de xeo de Vigo como todos os anos.

 

Saída ao monte

 

Así mesmo, recibimos visitas moi interesantes de compañeiros doutros centros educativos e familias que queren coñecernos, do equipo de bibliotecas do colectivo Escola Pública do Val Miñor, do que somos membros; o EOE da Coruña etc.

 

13. Formación do profesorado

Desde os comezos, entendemos que era necesaria e urxente a nosa formación, de aí que todos os cursos constituamos grupos de formación asesorados polo CFR de Vigo:
2010/11, GT: Organización e funcionamento dun novo CEE. Asesora: Nieves Dapoza.
2011/12, GT: Dinamizando o CEE coa creación da biblioteca e o seu blog. Asesora: Beatriz Eiroa.
2012/13, SP: Bibliotequeando crearemos a web do CEE de Panxón. Asesora: Ana Mariño.
2013/14, PFPP: Iniciándonos en estratexias de convivencia no CEE. Asesora: Ana Mariño.
Todos os cursos nos aproveitamos ao máximo das docencias e do asesoramento dos especialistas. Repercutiu favorablemente no traballo de aula e na fundamentación e organización do centro. O curso pasado, por fin, fomos quen de realizar a páxina web do centro que continuamos mellorando neste curso.



 

Grupo de formación

 

14. Conclusión

Non cabe dúbida que o balance é positivo. É un centro con futuro que co tempo se converterá en referente como modelo de normalización e inclusión social. Está situado nun lugar privilexiado, rodeado de praias e monte, ideal para intercambios de experiencias con outros centros, como espazo de formación e recursos. Aínda queda moito por facer e mellorar, pero a primeira pedra está posta, hai que avanzar con paso firme, sobre todo na nosa propia formación. Témoslle que devolver á sociedade un alumnado con futuro, responsable e capaz de enriquecela.

 

 

Sección: