Experiencia no traballo das competencias clave co alumnado con NEAE

Desde o curso 2014/15, no CEIP Portofaro estamos a traballar as competencias clave a través dun grupo de traballo coordinado polas mestras de AL e PT. Este proxecto ten a súa razón de ser na preocupación existente porque o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE) adquira a autonomía necesaria para desenvolverse de xeito satisfactorio na vida cotiá, máis aló do caderno e do libro de texto.

Esther M.ª Manivesa Blanco
emanivesa@edu.xunta.es
Almudena García Rey
almu@edu.xunta.es
Sandra Pardo Souto
pardosouto@edu.xunta.es
Mestras de PT e AL do CEIP Portofaro (Cambre - A Coruña)

 

1. Xustificación

O paso da adolescencia á madurez adulta leva consigo unha serie de retos que requiren de certas destrezas para que as persoas sexan quen de valerse por si mesmas. Este proxecto partiu das dificultades que atopamos entre o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE) para aplicar os coñecementos adquiridos á realidade, ás tarefas cotiás. A súa finalidade foi dotar o alumnado, a través do traballo das competencias clave, das habilidades e das capacidades necesarias para ser quen de desenvolver unha vida o máis autónoma posible.

As ditas competencias clave, enmarcadas na Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa (LOMCE) son as seguintes:

  • Comunicación lingüística (CCL).
  • Competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía (CMCCT).
  • Competencia dixital (CD).
  • Aprender a aprender (CAA).
  • Competencias sociais e cívicas (CSC).
  • Sentido de iniciativa e espírito emprendedor (CSIEE).
  • Conciencia e expresións culturais (CCEC).

 

2. Contexto

O centro onde se desenvolveu este proxecto é un centro de educación infantil e primaria (CEIP), de liña dous, cun total de catrocentos cincuenta  alumnos e alumnas. O claustro está composto por trinta e catro mestras e mestres: oito de infantil, catorce de primaria e doce especialistas. Este centro está situado nunha localidade periférica da cidade da Coruña, nun contorno urbano, cun nivel social e cultural medio-alto.
Nesta experiencia participou todo o profesorado e estivo coordinado polos membros do Departamento de Orientación (PT e AL).
Con todo, a repercusión do proxecto foi tal que as actividades acabaron realizándose non só no centro senón tamén nas súas inmediacións, facendo partícipes a supermercados, restaurantes, lavanderías e outras tendas do comercio local.
En consecuencia, foi preciso implicar a toda a comunidade educativa levando as actividades traballadas na aula á vida diaria coas familias, potenciando deste xeito a integración das aprendizaxes nas rutinas do noso alumnado.

 

3. Obxectivos e actividades

A meta principal do proxecto era que o alumnado con NEAE adquirira progresivamente maior autonomía e chegase a valerse por si mesmo. En consecuencia, os obxectivos xerais foron os seguintes:

  • Ampliar o vocabulario de uso común.
  • Lograr maior motricidade.
  • Mellorar a expresión oral e escrita.
  • Avanzar no desenvolvemento da lectoescritura e da loxicomatemática.
  • Adquirir certas responsabilidades.
  • Progresar na habilidade do manexo das novas tecnoloxías.

Para alcanzar estes obxectivos, durante o curso 2014/15, levamos a cabo cinco proxectos intimamente ligados entre si. A idea principal de todos eles era recrear na aula distintos contextos, para poder poñer en práctica de forma directa habilidades e destrezas necesarias para desenvolverse na vida cotiá.

1.  SuperFaro

Este é o nome que recibiu o supermercado creado na aula, a partir de materiais reciclados, para recrear os produtos que se poden atopar nun supermercado. A través das actividades que realizaron os nenos e as nenas no SuperFaro, desempeñando diferentes roles, traballamos multitude de contidos de forma práctica e lúdica. Ao dispoñer na aula dun contexto moi semellante ao real, puidemos aplicar todo o que aprendemos relacionado coa expresión oral e escrita, así como coa lóxica e a matemática.

Supermercado de aula

 

2. O señor dos fogóns

Partindo da motivación suscitada entre o alumnado e o profesorado a raíz do SuperFaro, decidimos habilitar outro espazo da aula para recrear unha cociña. Ao igual ca co supermercado, as familias colaboraron achegando  mobiliario e distintos utensilios para simular unha cociña o máis real posible.

Esta actividade permitiunos crear unha continuidade entre facer a compra no supermercado e todas as tarefas posteriores que teñen lugar na casa. Así mesmo, tamén se traballaron aspectos relacionados cunha alimentación equilibrada, consumo responsable e actitudes e hábitos necesarios para alcanzar e manter un estilo de vida saudable.

Cociña de aula

 

3. Limpo a miña lareira

O seguinte contexto creado na aula foi un dormitorio e un espazo provisto dunha lavadora e dun tendal. As actividades ían enfocadas a traballar a motricidade do alumnado a través de tarefas de limpeza e coidado propias dun fogar, e actitudes e hábitos referidos á hixiene. Con esta experiencia completouse o percorrido polas principais actividades que unha persoa ten que desenvolver no seu día a día.

Lavandería e dormitorio

 

4. Patrullando a cidade

A través deste proxecto simulamos viaxes en diferentes medios de transporte, coa axuda do encerado dixital interactivo, para poder achegar o alumnado a distintas contornas e situacións. Estas actividades ían encamiñadas a mellorar a autonomía, a confianza e a seguridade das nenas e dos nenos, coñecendo e utilizando as normas que permiten convivir nestes espazos, os distintos servizos públicos que neles poden atopar e o seu funcionamento.

Simulación de viaxe en autobús

 

5. Independízate

Este foi o proxecto final co que rematamos o curso, no que puxemos en práctica e reforzamos todo o traballado desde o inicio. Con esta experiencia os rapaces e rapazas adquiriron conciencia da necesidade de dedicación, esforzo, e responsabilidades necesarias para valerse por si mesmos, así como da liberdade, satisfacción e desenvolvemento persoal que a independencia leva consigo.

Este último traballo permitiunos tamén valorar  o grao de consecución dos obxectivos, así como reflexionar sobre os aspectos que cómpre mellorar de cara a futuros proxectos.

 

4. Metodoloxía e recursos

A implicación real de toda a comunidade educativa foi un piar base no desenvolvemento do proxecto. A participación dos distintos sectores, o traballo en equipo, a implicación das familias e o esforzo día tras día do alumnado fixo posible, ademais de acadar os obxectivos propostos, converter a actividade escolar nunha experiencia inesquecible.
Así mesmo, foi fundamental que o profesorado coñecese a nova lexislación educativa e investigase na procura dunha metodoloxía de carácter lúdico para realizar as actividades, integrando o traballo das competencias clave.
O material do que dispuxemos para desenvolver o proxecto foi realizado, na súa maioría, polo alumnado, empregando materiais de refugallo. Tamén recibimos contribucións de comercios locais, de docentes e das familias do alumnado: berces, alfombras, envases, ferros de pasar, roupa, tendais, utensilios de cociña, mobiliario etcétera.

 

Motricidade fina

 

6.Conclusión

Nun principio, o proxecto tiña como destinatario o alumnado con NEAE, mais finalmente estendeuse ao resto de alumnas e alumnos do centro. Isto foi debido ao grande interese que suscitou non só entre o alumnado senón tamén entre o profesorado, que viu no proxecto SuperFaro unha oportunidade para integrar o traballo das competencias clave nas distintas materias. Por esta razón, a día de hoxe, o SuperFaro segue en funcionamento na aula de PT, así como o novo HiperFaro situado nun espazo común do centro, onde alumnado de distintos niveis educativos realiza actividades propias das diferentes materias.

Un dos aspectos clave do proxecto foi a implicación e a motivación constante do alumnado á hora de realizar os materiais, as actividades e colaborar, en definitiva, en todas as fases do proxecto. Tamén as familias, que fixeron posible trasladar estas experiencias á vida real dos nenos e das nenas.

O interese mostrado polo alumnado durante todo o proxecto fíxonos ver a necesidade de reformular a metodoloxía que se emprega nas aulas. O traballo a través de xogos e experiencias, no canto de fichas en papel monótonas e desligadas da realidade, fai que as tarefas diarias na escola sexan máis motivadoras, non só para o alumnado senón tamén para os mestres e as mestras.

Como se pode ver no seguinte vídeo, é necesario un cambio metodolóxico real.

 

 

 

 

 

Bibliografía: 

 

Referencias Lexislativas:

- Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia nos que se imparten as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

- Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa 2013.

- Orde ECD/65/2015, do 21 de xaneiro, pola que se describen as relacións entre as competencias, os contidos e os criterios de avaliación da educación primaria, a educación secundaria obrigatoria e o bacharelato.

 

Sección: