Flashmob CEIP de Bandeira

Unha actividade innovadora de carácter lúdico, transversal, divertido e saudable a través da composición musical de “Móvete +”, himno do plan Galicia Saudable.
Un flashmob é unha das tendencias artísticas actuais que consiste na realización dun movemento instantáneo estático ou dinámico nun lugar público, que se propaga mediante as redes sociais e cuxo efecto debe ser de sorpresa.

José López Casal, mestre de Educación Física
joselopezcasal@edu.xunta.es
María José Gulías Carrillo, mestra de Música
mgulias@edu.xunta.es

 

Contextualización

O noso centro está situado na Bandeira, no concello de Silleda. Nesta vila hai desde moi antigo feira os 14 e 29 de cada mes.
Somos un colexio de liña un, contamos con 109 alumnos e alumnas e un total de 14 mestres definitivos, máis dous itinerantes.
Aínda que A Bandeira como núcleo urbano ten arredor de 600 habitantes, o noso centro pódese considerar un centro rural. A el asisten nenos de 12 das 33 parroquias do concello, con pouca poboación, eminentemente agrícola.
A principios do curso pasado, cando vimos a convocatoria de Xogade, catro mestres decidimos facer un proxecto.
As ideas iniciais eran:

  • Organizar os espazos de xogo e o tempo de lecer.
  • Participar nas actividades deportivas na zona.
  • Fomentar a práctica deportiva saudable e educativa (campionatos de distintos deportes, xornada de xogos populares…).
  • Facer un flashmob.

 

O noso Flashmob

OBXECTIVOS

Estes son os obxectivos que nos propuxemos:

  • Crear e mellorar hábitos saudables facendo exercicio diariamente.
  • Desenvolver o sentido do ritmo a través do movemento, os aspectos formais da música e a capacidade do traballo en grupo.
  • Executar unha coreografía de forma axeitada e gozar con ela.
  • Realizar co noso alumnado actividades globalizadas nas que fosen capaces de aprender a ser competentes en todos os ámbitos.
  • Fomentar a convivencia no seu amplo sentido.

COMO COMEZAMOS

O primeiro que fixemos foi explicarlle ao alumnado desde educación infantil ata primaria que é un flashmob (movemento instantáneo). A mellor maneira de aprender foi vendo varios.

A visualización consistía, nun primeiro momento, en asentar e ter claro o que iamos facer e, posteriormente, analizar que aspectos eran os que máis nos gustaban para ir dándolle forma ao noso, posto que foi un traballo de todos e para todos.

O seguinte paso foi traballar a canción, escoitala varias veces para saber a estrutura formal, é dicir, as frases musicais coas que contabamos, para establecer a secuencia de pasos e crear deste xeito a coreografía, posto que descoñeciamos que o plan Galicia Saudable tiña a intención de crear uns pasos para o “Móvete +”, que chegaron en xuño, cando nós xa tiñamos todo preparado.

A COREOGRAFÍA

- Para ensaiar a coreografía utilizamos a imitación en espello; decidimos facelo así porque ao alumnado lle resultaba máis sinxelo, sobre todo aos máis pequenos.
- Para ensinala démoslle un nome a cada paso e iamos marcando en voz alta os números que correspondían a cada paso, deixando pouco a pouco de facelo cando xa os tiñan interiorizados.
- Durante os ensaios fixemos gravacións de vídeo para que o propio alumnado fixese unha crítica do visto e á vez corrixise os erros; isto resultáballe motivador, aínda que a actividade en si xa o era. Ao mesmo tempo, estas gravacións servíannos a nós para ver a evolución e atallar as equivocacións.
- Unha vez establecida a coreografía, gravamos un vídeo co alumnado de sexto curso no que eles mesmos explicaban a coreografía paso a paso.
Este vídeo subiuse á páxina web coa intención de que puidese unirse a nós quen quixese, sempre e cando reunise as condicións necesarias: vestiario, coñecemento da coreografía...

 

 

 

OS ENSAIOS

Tiveron lugar ao longo do mes de maio e xuño. Empregamos as clases de Música, unha das horas de Educación Física, e os que así o desexaban podían practicar no recreo e tamén na casa. No mes de xuño utilizamos a hora de ler para os ensaios xerais. O traballo foi duro, pero valeu a pena.

Ensaio co alumnado de terceiro nun recreo

  • Clases: alumnado

Á hora de ensaiar iamos presentando paso por paso, sen pasar ao seguinte mentres o anterior non estivese interiorizado (cousa que facían rápido posto que tiñan moitísimo interese). O máis difícil foi conseguir que todos fosen á vez levando o pulso da canción.

 

  • Ensaios xerais: profesorado/alumnado

Unha vez que todos os cursos souberon a coreografía completa, no mes de xuño comezamos os ensaios xerais. Foi un proceso dirixido e acumulativo, dirixido en tanto que fixemos un plano no que cada neno ou nena tiña un lugar asignado, e acumulativo porque comezamos polo primeiro nivel, ao día seguinte segundo, logo terceiro... e así sucesivamente, ata chegar ao alumnado de educación infantil, que foi colocado nos laterais para que as mestras tivesen  acceso a eles e poder atendelos no caso de que fose preciso. Non foi necesario porque o fixeron de marabilla.

Logo de facer un par de ensaios xerais, decatámonos de que sería mellor organizarnos de xeito que:
•    Por unha banda, o alumnado de quinto e sexto de primaria se colocase polo medio, facendo filas horizontalmente cada cinco nenos; deste xeito servían de modelo e controlaban que as filas estivesen dereitas.
•    Pola outra, consideramos que sería de axuda que cada neno ou nena de infantil fose da man do que tiña ao lado, para axilizar a colocación espacial que tiña que ser en masa, e tamén para chegar e marchar da feira, posto que este era un tema que nos preocupaba.
Deste xeito, ensaio tras ensaio no patio do colexio, cando o tempo o permitía, fomos adiantando porque se achegaba a data.

Ensaio xeral no patio do colexio

  • Nais do alumnado

O ensaio coas nais, porque ningún pai se atreveu, foi cousa máis doada; establecemos unha tarde á semana antes do gran día e, nun par de horas, estaban listas, moitas xa sabían a coreografía porque a practicaban cos fillos na casa, coa axuda do vídeo explicativo que xa puidemos ver. Dixémoslles onde se tiñan que colocar (na fila da dereita) e tamén como tiñan que facer para marchar; dispersándose coma se non sucedese nada. 

 

CAMBIOS QUE XURDIRON

Os máis salientables foron:

- A coreografía inicial non resultou ser a final, posto que houbo que modificala en función das posibilidades da maioría do alumnado.Tras probar nas clases os distintos pasos con cada grupo, cambiamos algúns que resultaban complicados, malia non teren moita dificultade. Queremos aclarar aquí que a dificultade non ten que ver soamente coa idade, pois depende doutras características: lateralidade, sentido do ritmo, coordinación, disociacións... e que ás veces está presente ata nos adultos.

- A disposición do alumnado no espazo foi modificada a medida que sucederon os ensaios xerais. Finalmente, estableceuse nun plano no que se indicaba a posición concreta de cada neno e de cada mestre.

- Tivemos que engadirlle un anaco ao inicio da canción para que lles dera tempo aos participantes a colocarse no lugar que lles correspondía. Para isto, empregamos uns compases da introdución da peza instrumental do “Móvete +”.

A IMAXE: VESTIARIO

Como parte importante do flashmob, e para dar maior sensación de unidade e masa, pensamos na parte da posta en escena e decidimos vestilos a todos cun pantalón vaqueiro e unha camiseta de cor vermella. Debido a que esta actividade estaba sendo unha moi boa práctica saudable e ocupabamos os tempos de lecer de despois de xantar, o comedor escolar foi o encargado de patrocinar as camisetas do alumnado e do profesorado. A ANPA xestionou as das nais. Todas elas lucían o nome do noso centro e o slogan “MÓVETE +”.

 

ORGANIZACIÓN PARA LEVALO A CABO NUN LUGAR PÚBLICO

Este flashmob foi realizado un día de feira, concretamente o 14 de xuño do ano 2013 ás once da mañá na praza da Bandeira. Para poder realizalo ese día e nese espazo, propúxoselle ao Concello a súa viabilidade. Isto implicaba desprazar varios postos dos feirantes (que pagan), e queriamos un sitio determinado do campo (electricidade, ventás para poder gravar, fácil acceso co coche etc.).
Tamén precisabamos da policía local. O noso centro atópase nun coto a 700 metros da praza da feira, sen beirarrúas na maior parte del, e tiñamos que cruzar a estrada N-525.
Os veciños facilitáronnos conseguir electricidade das súas casas, gravar desde algunha ventá e incluso nos reservaron sitio para aparcar. Cos feirantes houbo que lidar un pouco, pero ao final algún incluso nos axudou a poñer a música mentres non chegaban os nenos.

PROPOSTAS DE MELLORA

Se hoxe tivésemos que volver repetir esta experiencia, tratariamos de mellorar dous aspectos:

  • Traballar máis a colocación espacial, realizando algún ensaio no lugar da celebración.
  • Repetir a posta en escena unha vez máis, para conseguir que máis xente puidese vela.

VALORACIÓN E CONCLUSIÓNS

Facemos unha valoración moi positiva desta actividade porque supuxo unha implicación total do profesorado, contamos cun alumnado participativo e que se divertía, unha actitude colaborativa e participativa das familias e unha grata sorpresa para a vila da Bandeira.
A felicitación do coreógrafo do plan Galicia Saudable, Juan Manuel Barberá Gómez, e as máis de 1400 visitas que leva o vídeo colgado en YouTube tamén nos axudan a avaliar esta actividade con boa nota.
Por outra banda, a música do “Móvete +” xa non só é o himno do plan Galicia Saudable, para os nosos alumnos e as nosas alumnas é a música do colexio.
A modo de conclusión, amosámosvos o produto final desta actividade.

 

 

 

Palabras clave: 
Sección: