Bibliotecas escolares

Benvida e benvidos á nosa biblioteca

Este artigo fai referencia ao noso xeito de traballar na biblioteca escolar, a algunhas das actividades que poñemos en práctica, é dicir, aos pasos que imos dando no noso labor de achegar nenos e nenas aos libros e á lectura.

M. Carmen Rubio
Coordinadora do Equipo de Biblioteca do CEIP Saco e Arce

1. Presentámonos

O CEIP Saco e Arce, situado no concello de Toén, na provincia de Ourense, é un colexio pequeno, cunha matrícula de 92 alumnos e alumnas de educación infantil e primaria.

O noso concepto de biblioteca escolar é coma o de moitos outros centros integrados no Plan de mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE): queremos unha biblioteca dinámica, integrada na vida do centro e vinculada coas novas tecnoloxías da información e a comunicación como medios facilitadores dos procesos de aprendizaxe.

Consideramos que a biblioteca escolar ten unha grande importancia no desenvolvemento das competencias básicas e que debe ser o centro de recursos de apoio ao currículo. Para iso comezamos por convertela no eixe vertebrador do que parten todos os proxectos, o motor que impulsa o labor docente.

E que dicir da alfabetización informacional (ALFIN)?

O xeito de aprender cambiou, entre outras cousas, porque os coñecementos están por todas as partes e o alumnado non precisa só saber utilizar a biblioteca, senón tamén aprender habilidades e estratexias para informarse, procesar, entender, empregar e criticar a información. Para iso:

  • Deben ser conscientes de que a información é necesaria e que está dispoñible nunha gran variedade de soportes (papel, pantalla, radio, películas…).
  • Deben saber identificar que recursos están dispoñibles, onde e como acceder a eles, identificar a información relevante e avaliar a súa autenticidade.
  • Deben aprender a compartir e comunicar a información de forma ética e responsable, acceder legalmente aos recursos, e recoñecer e citar as fontes empregadas.
  • Deben ser quen de editar os contidos empregando diferentes formatos e presentar traballos claros e ben estruturados.

E todo isto é o que nos proporciona a alfabetización informacional.

2. O traballo na biblioteca

No curso 2011/12 entramos a formar parte do PLAMBE, o que permitiu incrementar e modernizar os fondos, mellorar espazos e mobiliario e incorporar as novas tecnoloxías: ordenadores, proxector, pantalla, libros dixitais...

Imaxe 1: Imaxes variadas de intervencións a favor da lectura e a biblioteca

O Equipo de Biblioteca propón os proxectos e actividades anuais e cíclicas, encárgase de mercar os fondos precisos, busca recursos dixitais na rede e facilita o acceso a estes creando unha páxina: o Bloguesquio.

A posta en marcha do blog da biblioteca en outubro de 2010/11 resultou un éxito e lévanos dado moitas satisfaccións. Este blog quedou como segundo clasificado no concurso Espiral Edublogs no curso 2012/13, o que fai que nos sintamos moi satisfeitos. O seu obxectivo é dar unha proxección da biblioteca na rede, fomentar a lectura, informar de acontecementos, efemérides, novidades bibliográficas, presentar actividades en liña que contribúan ao desenvolvemento do currículo e actividades de entretemento.

A totalidade do claustro participa activamente no deseño e realización das tarefas, e isto é moi positivo, pois o máis importante para que se produza un cambio metodolóxico é a vontade do profesorado de aplicar estratexias innovadoras para que o alumnado aprenda de maneira significativa.

Un exemplo da aposta por unha nova metodoloxía máis activa e colaborativa para desenvolver as competencias básicas é o proxecto documental no que participa todo o centro. Trátase de que, a partir dos documentos existentes na biblioteca escolar, os rapaces e as rapazas constrúan o seu coñecemento, sexan creativos e capaces de comunicar o que entenden.

Neste proxecto, a función da biblioteca é fundamental, pois é o eixe ao redor do cal se desenvolve todo: proporciona os recursos e os medios, elabora un plan de traballo e unhas propostas para xuntar e compartir esforzos.

No novo marco curricular estruturado por competencias, a nosa biblioteca articúlase como o gran recurso educativo que apoia o labor docente e, posto que os recursos no contorno son escasos (só hai una biblioteca e non está aberta habitualmente), resulta imprescindible como factor de compensación social. Dispón dun espazo que facilita a práctica da lectura, onde se pode estar comodamente e que permite conectarse ao espazo virtual. E que dicir do valor do contacto persoal que se experimenta na biblioteca ao realizar traballos colaborativos ou lecturas compartidas.

Formulamos varios ámbitos de actuación dentro da biblioteca:

Formación de usuarios: adquisición da competencia informacional

Para que o alumnado sexa autónomo no uso da biblioteca, debe coñecer o espazo e os recursos de que dispón, coñecer as distintas fontes de información e adquirir autonomía á hora de documentarse.

Para que coñezan o espazo elaboramos un slide share onde Efrén (a mascota á que todos coñecen) lles fala dos distintos recunchos, a variedade de materiais que poden atopar, a maneira en que están colocados…

Tamén elaboramos una serie de fichas de formación de usuarios graduadas por niveis . A través delas coñecen a organización dos fondos, as normas que se deben cumprir, as partes dun libro…

Gusto pola lectura: adquisición da habilidade lectoescritora

Imaxe 2: Cita a cegas cun libro; unha das actividades de éxito

O fomento da lectura e o desenvolvemento da competencia lectora constitúe a base para o conxunto das aprendizaxes curriculares e a mellora das competencias básicas. Porque o éxito escolar, e máis tarde o éxito profesional, virá condicionado polo dominio instrumental destas técnicas.

O noso labor consiste en facer que os nosos alumnos e alumnas descubran a lectura como ferramenta indispensable para mellorar o vocabulario, a expresión oral, a expresión escrita… Como? Achegándoos aos libros, provocando o interese pola lectura non só de libros de ficción, senón tamén de libros de información.

Ás veces hai que recorrer a “trucos” para que se enganchen á lectura... Neste caso axuda moito o grupo PLAMBE, para pedir consello, poñer en marcha actividades que noutros centros funcionaron ben ou compartir experiencias.

As visitas de autores e ilustradores tamén son moi apreciadas polo noso alumnado. Ter contacto coa persoa que escribiu o libro que lles gusta é moi emocionante e motivador. Facer preguntas, expresar dúbidas e que estas sexan respondidas, ou facer reflexións sobre o que nos provocou a lectura da súa obra... non ten prezo.

A Hora de Ler xa está totalmente implantada, dentro das actividades diarias

Imaxe 3: Estruturación semanal da Hora de Ler

Cada día da semana está dedicado a una actividade diferente, para que se dean de conta de que “texto” non é só papel,nin só letra, é dicir, un texto é todo o que pretende comunicarlle unha mensaxe a un destinatario.

Texto é, polo tanto, un conto breve, un poema, un cómic, unha foto, un anuncio publicitario, o prospecto dun medicamento, un artigo de opinión, unha canción, un chiste, un cadro, unha película, o enunciado dun exame, unha mensaxe de amor, unha curta, unha multa, unha receita, unha gráfica, un billete de avión, os sinais de tráfico, unha caricatura, a entrada dun blog…

Por todo o dito e, dado que se trata de variar dunha sesión a outra, tratamos de non axustarnos ao texto tradicional en papel e tratamos de ter en conta todas as posibilidades das que dispoñemos: canón, pantalla, EDI, internet, altofalantes, prensa e revistas na biblioteca, materiais en liña, Youtube...

  • Implicación das familias

Tamén buscamos que as familias participen dos momentos de lectura dos seus fillos, conciencialas da importancia do seu papel á hora de reforzar as tarefas lectoras que se programan no centro.

O deseño de actividades como as Mochilas viaxeiras ou As familias CONTAN moito facilitan que se convertan en mediadores de lectura.

Imaxe 4: Colaboración das familias

A participación das familias non consiste unicamente na colaboración en diversas actividades, senón que tratamos de favorecer, tamén, o seu achegamento aos libros e á lectura.

Hai dous anos creamos unha sección de intercambio entre familias e profesores, á que lle chamamos De 13 a 100 e que continúa coa súa andaina. Os alumnos e alumnas axudantes da biblioteca foron os encargados de catalogar os libros co programa informático e tamén se encargan dos préstamos e devolucións.

Creamos unha páxina no Bloguesquio con información sobre a actividade, lista de libros e ligazóns a cada un deles. Os pais e nais teñen á súa disposición un formulario en liña para facer a petición dos libros que desexen e para enviar as súas suxestións. Os pais e nais que o solicitan contan co seu carné, aínda que, sinceramente, non son moitas as familias que fan uso del.

  • Proxección ao exterior

O Bloguesquío é a nosa ventá para expoñer todos os traballos realizados polos nenos e nenas, as actividades que levamos a cabo no cole, e nel tamén damos conta das efemérides ou conmemoracións dignas de seren lembradas.

Imaxe 5: Lecturas cos avós no centro de día

Temos tamén unha páxina en Facebook que empregamos para dar a coñecer entre as familias as actividades que realizamos e unha páxina en Google+ para comunicarnos co alumnado .

Outro xeito de “sacar” a biblioteca fóra da escola son as actividades de lectura compartida que levamos a cabo case todos os anos no centro de día para celebrar o Día dos Maiores. Cada clase elixe un conto para contar, cantar ou representar a historia. Os avós agradecen a visita e os nenos agradecen os aplausos.

3. Conclusións

A paixón polos libros seméntase con maxia e non debemos esquecer que o primeiro obxectivo da formación lectora dos nenos e nenas é que cheguen a ser lectores autónomos. Isto implica que cando remate o noso labor como mestres, os propios nenos sexan capaces de mergullarse no mundo da lectura buscando aprender, gozar e enriquecerse estética e culturalmente.

Queda moito por facer, pero seguiremos traballando coa mesma ilusión e empeño porque, como di Francisco Castro (un dos autores que nos ten visitado para falar das súas obras) “A lectura só ten beneficios”. E continúa cunha reflexión moi interesante: “Ler un libro, mergullarse nunha historia, implica concentrarse, implica facer as cousas con calma, implica meterse noutro mundo distinto ao noso, ser constantes, pacientes, esperar… nun momento no que todo vai a mil por hora (...). Nun intre da historia na que todo é fugaz e efémero (e isto ten consecuencias graves: dificultade para manter a atención, lectura superficial das cousas, incapacidade para entender mensaxes complexas etc.), o libro pode erixirse como ese magnífico invento que nos pide sosego e concentración, tranquilidade; tempo para gozar con calma dunha boa historia; elementos para medrar en coñecemento pausado e profundo.”
 

Bibliografía: 

 

Sección: