Mindfulness e escola: un encontro enriquecedor

José Antonio Valverde Morán

javalmor@edu.xunta.es


Nestes tempos de crise, a escola ten inmensos retos por diante. Para responder a estes precísase reflexión, formación e acción. Os grupos de traballo e os seminarios ofrecen unha boa oportunidade para traballar os tres planos.


Ao longo do curso 2013/14 no IES Isaac Díaz Pardo de Sada, xurdiu a idea de crear un seminario sobre mindfulness (traducido como atención plena ou atención consciente. Mindfulness é prestarlle atención á nosa experiencia do momento, cunha actitude aberta e mais coa intención de estarmos presentes coa experiencia vivencial actual). A nosa proposta consistía en coñecer esta poderosa ferramenta de xestión do estrés e de fomentar a atención plena, así como explorar as súas posibles aplicacións no contexto do instituto.

 


A idea xurdiu por mor da proposta dun compañeiro que xa realizara o curso completo Programa de Redución de Estrés da Universidade de Massachusetts baseado en Mindfulness (MBSR) no ano 2010. Durante dous cursos, este compañeiro incorporou ás titorías e mais ás súas clases de Educación Física as técnicas de concentración e escoita activa descubertas nas sesións de mindfulness. Incorporou o silencio e a introspección tanto nas súas clases (carreira en silencio, estiradas en silencio etc., procurando unha meirande atención ao exercicio que se está realizando e ás súas repercusións sobre o corpo), coma nas horas de Titoría e de Proxecto Interdisciplinar. Os resultados foron excelentes, especialmente no grupo no que se sumaban as experiencias da clase de Educación Física coas sesións da aula (grupo do que el era titor), e todo isto malia recoñecer o compañeiro que se trataba dunha práctica “heterodoxa e pouco sistematizada”. Se despois de analizados os feitos a conclusión foi que os resultados obtidos eran excelentes, que habería pasar de traballarmos máis a fondo e con máis compañeiros do centro?


Para adaptármonos ás posibilidades de contratación de docencia que os seminarios ofrecen, tivemos que bosquexar, de acordo coa docente, o curso normalizado de mindfulness.  Pareceunos que, como iniciación, ben pagaría a pena.


Outro tema que consideramos, antes de poñer en marcha o proxecto, foi o de prever como funcionaría un curso no que normalmente participan persoas que non se coñecen –coas vantaxes que isto implica en exercicios de comunicación–, e persoas que manteñen unha relación de anos. Esta posible dificultade foi comentada polo profesor coñecedor dos cursos de mindfulness e veu supoñer un reto máis para o proxecto.


Os resultados foron sorprendentes. A práctica do mindfulness influíu nunha clara diminución do estrés docente e, en particular, de cada unha das persoas participantes. Mellorou a cooperación dentro do grupo, a confianza e a simpatía, desmentindo os temores anteriormente citados. Desenvolveu a escoita consciente das persoas participantes. Significou, daquela, unha mellora  persoal e profesional. Teñamos en conta que na nosa profesión saber escoitar máis aló das palabras é unha necesidade. E conseguilo, un crecemento profesional de moito mérito. Á fin e ao cabo, a mellora na capacidade de xestionar o estrés docente, caracterizado pola dispersión das demandas recibidas dun alumnado diverso, da organización escolar e, mesmo, da Administración, significou un pulo cualitativo na nosa vida profesional.


De cara ao alumnado realizamos, asemade, unha xornada de formación na que se nos deu a coñecer un método para realizarmos mindfulness con escolares. Ese mesmo método aplicouse durante o ano académico 2013/14 no instituto de Sada, na aula de primeiro da ESO C, grupo do que era titor o profesor coordinador do seminario. Os resultados obtidos foron notables.


Malia a alta valoración que fixo todo o profesorado participante no proxecto, a nosa opción inmediata foi máis de “transmisión” de contidos que da súa ensinanza. A transmisión supón escoitar en profundidade. Xestionar, con paciencia, os conflitos. Solicitar silencio desde actitudes silenciosas. Ser e estar no momento e ser testemuña da forza e do valor de vivir en paz co agora. Pequenos ou grandes cambios, segundo a traxectoria de cadaquén, de gran mérito. Para xestionar a ensinanza do mindfulness, habería que adaptar espazos, horarios complicados de incardinar nun instituto, e máis co curso escolar xa organizado e funcionando. O debate sobre a ensinanza do mindfulness na escola acaba de comezar. Co fin de que o debate sexa construtivo, precísase formación, práctica (do mindfulness) e organización. Entrementres, seguir divulgando estas técnicas entre o profesorado representará unha gran mellora e transformación da vida escolar.
 


MINDFULNESS E NATUREZA NO CONTEXTO ESCOLAR


Outra opción que exploramos foi a práctica do mindfulness na natureza. Coidamos que o contacto co mundo natural ofrece experiencias de atención plena involuntaria (non procurada mediante técnicas de meditación), xeradora de contidos vivenciais potencialmente transformadores.


Neste caso, deseñamos unha serie de accións, algunhas desde a estratexia mesma do seminario e outras de colaboración entre o profesorado participante, pero dirixidas ao alumnado.


De cara á reflexión profesional, realizamos dous itinerarios nos que experimentar con dúas posibles liñas de traballo distintas: un deles, espectacular: neste itinerario, unha sucesión esmiuzada de vistas, paisaxes… estimulaban as nosas vivencias do momento e dos distintos miradoiros que procuraban a nosa atención.


Nun segundo itinerario, traballamos máis esforzados atendendo ás técnicas de importación e meditación, adaptadas ao contexto: tramos de silencio e creación de espazos persoais de contemplación.


Do primeiro itinerario, no que a espectacularidade do terreo  debía potenciar a atención plena e mais a vivencia do agora; concluímos que a práctica do mindfulness acentúa a calidade da experiencia do encontro co mundo natural. Do segundo itinerario, que o illamento e mais a variedade de estímulos, de todo tipo, que ofrecen os espazos naturais axuda á realización dalgúns exercicios de mindfulness.


E de ambos os dous itinerarios, concluímos que os métodos válidos para grupos reducidos de adultos conscientes carecen de validez para grupos grandes de adolescentes. Propuxémonos investigar outros métodos.


Para lle trasladar ao noso alumnado a atención plena a través das actividades da natureza, traballamos desde a idea da “dificultade pedagóxica” percorridos por terreos que obriguen o corpo a estar presente no lugar e no momento, aínda que só fose para xestionar as dificultades.


A idea consistía en conseguir que a concentración e mais a atención fosen produto do itinerario e non do esforzo engadido a este. E probamos cos grupos de primeiro da ESO nas saídas de sendeirismo na materia de Educación Física. Elixíronse itinerarios con dificultade –aínda que sen risco–, que obrigasen o alumnado a xestionar o equilibrio e a respiración. Pedíuselle paciencia á hora de enfrontarse a dificultades que a primeira vista semellaban irresolubles. Os resultados foron inmellorables. O nivel de confianza nas súas posibilidades, a autoestima…foron recobrados polo alumnado tras a realización daqueles itinerarios, uns valores que se mantiñan agochados. Mesmo se conseguiron momentos de silencio e concentración, destinados a resolver tramos particularmente difíciles. A valoración por parte do alumnado destes itinerarios foi óptima. Experimentaron as actividades como unha aventura de crecemento persoal.


Estas experiencias puideron realizarse pola presenza no grupo dun especialista en actividades físicas en contorna natural. De non contarmos con persoal adecuado, deducimos que o método é de difícil aplicación.


A incorporación da práctica de mindfulness á vida escolar está chamada a xerar grandes beneficios, pero require a presenza dun persoal, máis ca cualificado, convencido. Persoas que transmitan un estilo de traballo e de vida baseado na vivencia en plenitude do agora. E, deseguido, non será difícil incardinar contidos na organización escolar.


Para o curso escolar 2014/15 os seminarios de mindfulness multiplicáronse de forma exponencial: A Coruña, Cambre, Sada, Oleiros (Bastiagueiro) e Betanzos van ampliar e profundar na experiencia. Nestes seminarios van participar profesionais de distintos centros. A unión de varios grupos para contratar a docencia posibilitará a realización dun curso máis longo e máis intenso. Cantas máis persoas coñezan e practiquen o mindfulness, máis doado será incluílo de forma organizada na vida escolar. Nese momento, poderemos comprobar a rendibilidade do investimento.
 

Sección: