Manuprac: un proxecto formativo sostible

No IES A Sardiñeira levamos anos participando en múltiples proxectos de formación porque entendemos que benefician a toda a comunidade educativa. Aquí presentamos a nosa experiencia, Manuprac (manuais de equipos e protocolos de prácticas de laboratorio), que recibiu o pasado setembro o segundo Premio á Calidade e Innovación en Formación Profesional convocado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. Manuprac é un proxecto sustentable xa que, malia concluír o proxecto de formación en si, levado a cabo durante tres cursos académicos, continúa mellorando e o seu impacto positivo sobre a práctica docente é evidente.


Aurora Criado Montero: aurora_criado@edu.xunta.es
Pilar Macía Rodríguez: pilarmacia@edu.xunta.es
Mariano Pazos Afonso: mpazoa@edu.xunta.es
Aurelia Rivero González: arivero@edu.xunta.es
Antía Solloso Bañobre: antiasolloso@edu.xunta.es
Profesores de ciclos formativos de Química do IES A Sardiñeira. A Coruña
ciclosqui@gmail.com



A orixe do proxecto ten lugar no ano 2007 e nace da necesidade de xestionar dun xeito adecuado todo o que concirne aos ciclos formativos. Nese ano, coa implantación xeneralizada da plataforma Webdinámicas (Drupal, Moodle e Coppermine) nos centros educativos, ábrese a posibilidade de crear unha base de datos en liña fácil de xestionar e consultar. Con este fin créase un grupo de traballo auspiciado polo Centro de Formación e Recursos da Coruña para deseñar e implantar a dita base de datos.


A base de datos deseñouse co obxecto de rexistrar todo o material do centro (material de laboratorio, reactivos, equipamentos, libros, manuais…) e mantense  vixente na actualidade.
 
Coa xeneralización do uso de Moodle e o crecemento importante do número de grupos de alumnos e profesorado nos ciclos formativos, xurdiu a idea de complementar a base de datos cunha aula virtual na que se recollesen os manuais de uso e guías rápidas dos equipos e tamén, por que non, un banco de prácticas de laboratorio, elaboradas facendo uso dos materiais e equipos dos que dispoñemos no centro. Así se creou Manuprac –manuais e protocolos de prácticas de laboratorio–.

Os obxectivos que nos propoñemos cos proxectos de formación parten sempre do mesmo precepto: promover a nosa actualización técnica como profesores para mellorar a nosa calidade formativa.

Para conseguilo, a nosa aspiración foi ampliar os recursos dos que inicialmente dispoñiamos para impartir docencia, elaborando unha base de datos de recursos didácticos “á medida” das ferramentas dispoñibles no instituto. Centrámonos, fundamentalmente, no deseño de prácticas de laboratorio de aplicación en todos os módulos que se imparten no centro, priorizando os módulos de recente implantación (como é o caso de Ensaios Biotecnolóxicos); e na elaboración de guías de utilización dos equipos do instituto para obter o seu máximo aproveitamento didáctico.

Outra das nosas motivacións foi implantar novas técnicas de laboratorio para impulsar a innovación na aula, mediante a posta en funcionamento de equipos de recente adquisición de gran complexidade técnica.

O primeiro que nos formulamos ao iniciar Manuprac foi que apartados debemos tratar, tanto nos manuais coma nos protocolos de prácticas de laboratorio. Os dezaoito docentes implicados consensuamos uns formatos estándar para os dous tipos de actividades:


 Formato estándar de manual de equipo




Formato estándar de protocolo de práctica


Creamos entón un curso na aula virtual do IES A Sardiñeira coa plataforma Moodle: Manuprac. Dividiuse en dous apartados: un para manuais de equipos e outro para protocolos de prácticas de laboratorio. No primeiro caso, organizamos os recursos por laboratorios, dado que deste xeito os manuais son máis doados de atopar. No caso dos protocolos de prácticas, organizamos os recursos por módulos.



Aula virtual Manuprac


Unha vez feitos os formatos e creada a aula virtual, organizámonos en grupos reducidos para realizar primeiro o traballo de laboratorio e posteriormente de redacción de documentos para, finalmente, poñer os materiais que se van elaborando á disposición da comunidade educativa a través do Moodle.

Con esta metodoloxía de traballo, elaboramos manuais e/ou as guías rápidas de uso dos equipos de laboratorio, segundo o formato establecido.

 

Manual de funcionamento do banco hidráulico


Ligazón: http://issuu.com/ciclosqui/docs/manual_de_equipo_bombas_serie_paral/0

Desenvolvemos experiencias prácticas e elaboramos os correspondentes protocolos para módulos con poucos recursos didácticos


 

Protocolo da práctica de determinación de antíxenos mediante ELISA


Ligazón: http://issuu.com/ciclosqui/docs/elisa/0

Ademais, desenvolvemos protocolos para poñer en funcionamento equipos novos.
 

Protocolo da práctica de determinación de tolueno mediante GC-MS


Ligazón: http://issuu.com/ciclosqui/docs/determinacion_cuantitativa_de_tolue/0

Creamos vídeos titoriais para ilustrar o funcionamento dalgúns equipos e a realización das prácticas. O alumnado tamén participou nas gravacións.


 

Vídeo titorial do protocolo da miniprep



 

Colocamos nalgúns equipos códigos QR, creados cun programa xerador de códigos para enderezos web, co fin de facilitar o acceso a profesores e alumnos desde o laboratorio aos materiais dispoñibles en Moodle.
 

 

Rotavapor con código QR

 

 

Código QR que enlaza co vídeo titorial do rotavapor



Finalmente, enlazáronse os manuais de equipos de Manuprac coa base de datos, tal como se ideou nun principio.
 

Conclusións


Creouse un repertorio de material didáctico práctico (protocolos de prácticas e manuais de equipos) desenvolvido especificamente para os módulos que se imparten no centro e coas infraestruturas de que se dispón nos laboratorios, obtendo así máximo aproveitamento dos recursos dispoñibles.

Implantáronse novas técnicas analíticas, repercutindo nunha mellora da calidade formativa e na cualificación profesional dos futuros técnicos de laboratorio.


 

Alumnado no laboratorio


Con esta metodoloxía de traballo, no que uns aprendemos dos outros, conseguiuse mellorar as competencias técnicas do profesorado e aumentar a coordinación entre módulos, creando un contorno semellante ao laboral, favorecéndose así a interdisciplinariedade nos ciclos.

Actualmente, e a pesar do gran traballo realizado, Manuprac é unha "fonte de recursos e coñecemento" só para o profesorado. Pensamos que deberiamos ir máis alá e estendela ao alumnado, facéndoa máis aberta e non só circunscrita ao Moodle, senón propagándoa por outros medios con máis alcance. Hoxe continuamos coa mellora e ampliación da base de datos coa solicitude dun proxecto co fin de facela extensiva a dispositivos móbiles por medio da creación dunha aplicación accesible tamén para o alumnado.

O profesorado está a realizar un grande esforzo á hora de elaborar manuais e prácticas, pero unha tarefa importante é a de aumentar e manter a implicación e o interese de todos. O proxecto será importante na medida en que sexamos capaces de elaborar gran cantidade de material de calidade. Se non acadamos isto, teremos o deseño dun proxecto no papel, aínda que sen chegar a converterse nunha realidade operativa.
Nesas andamos!

 

Sección: