Bibliotecas escolares

Ciencia e biblioteca escolar

O proxecto anual da nosa biblioteca para o curso 2013/14 xirou arredor da ciencia. A proposta deste proxecto xa quedou definida no derradeiro claustro do curso anterior, aspecto fundamental para que cada mestre o teña en conta á hora de elaborar a programación, así como os itinerarios lectores. A principios de setembro de 2013, a Comisión da Biblioteca elaborou os obxectivos e competencias que queriamos acadar e planificou o traballo por trimestres. O primeiro paso foi a procura de fondos (bibliográficos, videográficos, webgrafía...) sobre o tema. Estar integrados dentro do PLAMBE facilitou este labor. Centros que xa trataran esta temática asesoráronnos no tocante aos fondos. Dividimos o traballo en dous grandes bloques: científicos/as e experimentos. Cada aula apadriñou o científico que ía traballar. Cos experimentos, comezouse por desempoar o antigo laboratorio do centro e fíxose unha exposición do material existente: nome, uso... para despois realizar diversas experiencias con todo o alumnado do centro. De todo este proceso quixemos facer partícipes as familias, non só achegándolles puntual información senón tamén implicándoas no proxecto, coa realización de maquetas de inventos.

María Dolores Iglesias Iglesias
Responsable da biblioteca escolar do CEIP Cespón (Boiro-A Coruña)
Enderezo electrónico: lolaiglesias@edu.xunta.es

1. Contextualización

O CEIP Cespón atópase nunha zona rural do concello de Boiro; situado nunha zona privilexiada, entre a montaña e o mar, cunha fermosa vista da ría de Arousa. Escolariza alumnado de dúas parroquias do concello (Bealo e Cespón) e a inmensa maioría desta rapazada é galegofalante.

No centro, que comezou a funcionar no curso 1991/92, estudan actualmente 188 alumnos. Trátase dun centro dunha soa liña, cunha aula por nivel, de cuarto de infantil a sexto de primaria. O Claustro durante este curso estivo formado por 19 mestras e mestres, algúns deles compartidos con outros centros.

A biblioteca escolar pasou por distintas fases. En tres ocasións quedou finalista (coa conseguinte dotación económica) nos Premios Irmandade do Libro (da Federación de Libreiros de Galicia). Día a día foise incrementando, modificando, innovando... No curso 2005/06 obtivemos o primeiro premio a páxinas web de centros de Galicia. Nela xa tiña especial relevancia o traballo desenvolvido desde a biblioteca escolar na antiga páxina web.

A inclusión no PLAMBE no curso 2008/09 proporcionoulle unha nova inxección de ánimo a toda a comunidade educativa. Cada ano desenvólvese un proxecto interdisciplinar que, partindo da biblioteca, se ramifica por todo o centro. Desde o primeiro –Á biblioteca cos cinco sentidos–, pasando pola mitoloxía galega, polas culturas do mundo, pola reciclaxe... ata o presente proxecto: Se sobre a ciencia queres aprender, á nosa biblioteca tes que vir ler, o traballo foi sempre participativo, acumulativo, enriquecedor...

 

Ano 2004... a biblioteca era xa un referente do centro

2. Obxectivos do proxecto anual

A principios deste curso a Comisión da Biblioteca elaborou unha serie de obxectivos de carácter xeral con vistas ao curso. Aquí só nos centraremos nos obxectivos e competencias que se van desenvolver sobre a ciencia. Algúns deles foron:

  • Achegarlle a ciencia ao alumnado.
  • Favorecer o traballo científico fomentando unha ensinanza máis participativa e activa.
  • Comprender e interpretar o contorno a través da observación e da experimentación.
  • Ampliar o coñecemento de diversos temas científicos, de importancia na vida diaria.
  • Ampliar e dinamizar os fondos bibliográficos relacionados coa ciencia
  • Promover a lectura de libros e a visión de audiovisuais relacionados coa temática.
  • Deseñar experiencias de ciencia axeitadas ás capacidades e habilidades de nenos e nenas desde os primeiros anos.
  • Ser quen de comprender a importancia da ciencia e dos científicos na nosa vida.
  • Valorar os avances científicos que se levan producido ao longo da historia.
  • Coñecer científicos, inventores... importantes, así como os logros acadados.
  • Familiarizarse cos distintos ámbitos da ciencia.
  • Ampliar vocabulario relativo a material propio de laboratorio.
  • Adquirir coñecementos relativos ao aire, auga, son e luz mediante a realización de experimentos.
  • Traballar a expresión oral a través da exposición de experiencias levadas a cabo na aula.
  • Coñecer os pasos do método científico: observación, hipótese, experimentación, teoría e lei.
  • Ser quen de sacar conclusións de experimentos realizados empregando o método científico.
  • Fomentar a colaboración e o traballo en equipo.

3. Desenvolvemento do proxecto

PÉ DE FOTO_2: Mural colectivo realizado no corredor do centro, con exposición de material de laboratorio

PÉ DE FOTO_2 _1: Murais de distintas aulas con información sobre a vida e descubrimentos dos científicos elixidos.

O traballo desenvolvido organizouse por trimestres, seguindo unha gradación de coñecementos e dificultades. Dun modo visual pódese ver no seguinte gráfico: Ver gráfico.

Como se pode observar, comezouse coa procura de información e a realización dun mural colectivo. Cada clase elixiu un científico, dependendo do interese espertado. Unha vez apadriñado, comezan toda unha serie de actividades interdisciplinares para afondar na súa vida, logros, curiosidades científicas..., que posteriormente lle darán a coñecer ao resto dos compañeiros e compañeiras do centro.

Na proposta e deseño de actividades teñen un papel fundamental as tecnoloxías da información e comunicación.

4. Actividades realizadas

No seguinte gráfico poden verse algunhas das actividades realizadas ao longo do curso polo alumnado dos diferentes ciclos: Ver gráfico.

MURAIS COLECTIVOS: o alumnado de infantil realizou caricaturas dos científicos traballados, engadiuse unha frase célebre de cada un deles e elaborouse con posterioridade un gran mural na entrada do centro. O alumnado de primaria seleccionou ilustracións e procedeu a realizar un segundo mural. A este engadiuse a exposición e etiquetaxe do material de laboratorio, así como a estrutura de moléculas, colgadas do teito.

DÍAS DE.../CELEBRACIÓNS: no Día do Libro cada curso procurou curiosidades relacionadas co tema da ciencia e a celebración, expoñéndoas nos corredores e nas paredes da biblioteca. Esta actividade remata coa confección dun libro, que pasará a formar parte dos fondos da biblioteca. No Día da Poesía fixéronse poemas con formas de inventos, a xeito de caligramas. Polo Entroido, cada clase, para confeccionar o disfrace, tomou como referencia o científico traballado: podíase observar a Darwin rodeado de xirafas, a Galileo cos seus planetas, aos nenos de infantil disfrazados de pilas...

EXPERIMENTOS: os primeiros que se realizaron estiveron impartidos polo profesorado. Nun segundo momento, foi o propio alumnado o que deseñou e levou a cabo os experimentos, amosándollelos aos demais compañeiros. As experiencias tiveron distintos eixes: a electricidade en infantil e no terceiro ciclo; o son no primeiro ciclo e a auga no segundo ciclo.

A través dos experimentos traballamos a expresión oral (explicacións dos experimentos, mesas de expertos...), a ampliación de vocabulario e a expresión escrita (descrición do proceso dos experimentos, información sobre nomes e usos do material de laboratorio...).

CINE CIENTÍFICO:    dependendo das idades, víronse películas de temática científica: Cortocircuíto; Edison, o home; Marie Curie; Tempos modernos...

ACTIVIDADES PLÁSTICAS: murais con diversas técnicas, colaxe coa figura de Darwin, maquetas de radio,TV, teléfono, dinamita...

TIC: realizáronse diversas actividades TIC (liña do tempo, prezzi, LIM, VCASMO, Videoscribe...). Sempre que foi posible empregábanse textos, ilustracións, murais elaborados polo alumnado... nas mesas de exposición.

ENCONTRO CON CIENTÍFICO: a traca final ao proxecto anual foi a visita e realización de experimentos do gran científico galego da USC, Jorge Mira. Para a organización desta actividade contamos coa axuda da ANPA do centro, que foi invitada ao acto e que valorou moi positivamente o encontro.

AMPLIACIÓN DE FONDOS PROPIOS: como xa se mencionou nalgún apartado, todos os materiais elaborados foron recompilados e elaboráronse diferentes libros con eles, que pasan a engrosar os fondos da nosa biblioteca.

 Mural colectivo “O tren do progreso”, con maquetas de inventos realizadas polas familias

Alumnado do centro amosando as maquetas de inventos realizadas polas súas familias

5. Avaliación e conclusións

Observando e analizando o servizo de préstamo de fondos da biblioteca, notouse un incremento no manexo dos libros de carácter científico: experimentos, biografías, curiosidades...

O alumnado e as familias valoraron positivamente os fondos de carácter científico incluídos nas mochilas viaxeiras.

Os experimentos realizados ao longo do curso polos distintos ciclos tiveron grande aceptación e espertaron a curiosidade científica do alumnado.

A procura de información arredor da figura de Jorge Mira, para a elaboración dun libro sobre el, causou unha fonda admiración cara a un científico galego tan novo e prominente.

O encontro con Jorge Mira foi, sen dúbida, unha das actividades máis motivadoras, tanto pola figura do persoeiro coma polo clima, sinxeleza e claridade das explicacións. Nesta actividade involucrouse activamente a ANPA do centro.

Outra das actividades máis atractivas para o alumnado foi a procura de curiosidades que rodean os científicos e o seu labor.

A exposición dos traballos realizados polas diferentes aulas do centro favoreceu a expresión oral do alumnado, así como a riqueza de vocabulario.

Estas valoracións están extraídas dunhas enquisas que se realizaron tanto ao alumnado coma ao profesorado a finais do curso, así como das achegas feitas polas familias a través do caderno que acompaña as mochilas viaxeiras.

Valorando o traballo realizado, os fondos adquiridos e o interese espertado, o Equipo da Biblioteca propúxolle ao Claustro e ao Consello Escolar continuar no curso 2014/15 co mesmo proxecto, centrándonos na ciencia na vida cotiá. As liñas prioritarias serían as novas de carácter científico que xurdan nos medios de comunicación, así como a continuidade na realización de experimentos. Ao redor destes dous eixes centrais articularanse as distintas tarefas de carácter interdisciplinar (escritas, orais, TIC...).

Alumnado traballando co material de laboratorio exposto no mural colectivo

Alumnado dos distintos niveis na realización de experimentos para os seus compañeiros

Alumnado montando o libro con información de Jorge Mira e momentos da charla deste co alumnado do centro

Gran parte do traballo realizado pode verse nos seguintes enderezos:

 

Sección: