Bibliotecas escolares

Compartindo a biblioteca

Un artigo, escrito en primeira persoa, sobre a biblioteca escolar que constrúe lectores e lazos, a biblioteca como espazo e tempo compartido por toda a comunidade educativa. Para iso, recóllese a palabra do estudantado, do profesorado e das familias que achegan as súas opinións.

Marga Tarrío Pillado, profesora e responsable da biblioteca do IES As Mariñas
mtpillado@edu.xunta.es
Joaquina Pérez Alonso, profesora e membro do Equipo de Biblioteca

Unha biblioteca compartida

Sentimos que compartimos unha biblioteca. Por iso, cando se nos pediu escribir este artigo, pensamos que nel tiñamos que participar todos, achegando as nosas experiencias ao longo destes anos. Invitamos a alumnos, pais e profesores a que nos contasen como vían a biblioteca e que significaba para eles.

Desde o principio o noso obxectivo principal foi conseguir que a biblioteca fose algo máis ca un lugar onde se prestan e devolven libros. Queriamos crear un espazo cómodo e agradable, arredor do coñecemento, que non excluíse a ninguén, lectores e non lectores, bos e non tan bos alumnos, pais, profesores… Queriamos unha biblioteca humana, onde a confianza e o respecto estivesen presentes.

O traballo conxunto e o contacto co alumnado foinos dando as pautas para conseguilo. Entre todos fomos avanzando con pasos pequenos pero seguros. Todos fomos aprendendo a compartir a biblioteca, a sentila como algo noso.

Así a define Dores Cao, profesora de galego:

Un xardín de letras co arrecendo do papel impreso que nos invita a botar man dos libros, facendo nosas as palabras e o seu valor nos relatos, nos poemas, nas pezas teatrais…

Un primeiro paso consistiu en facer visible a biblioteca sacándoa ao exterior con exposicións, carteis e invitacións á lectura nos corredores e na entrada. Comprobamos con agrado que ese material se respectaba e que chamaba moito a atención; espertaba a curiosidade do alumnado nas horas de máis afluencia (horas previas ás clases e recreos). Ese mesmo espazo exterior foise utilizando como pantalla para a información e as bases de todos os concursos que se foron realizando: pista a pista, pasapalabras, sopas de letras, parellas famosas…

Esta invitación provocou a entrada de alumnos na biblioteca, fundamentalmente do primeiro ciclo da ESO e nas horas do recreo. O alumnado empezou a ver a biblioteca como un espazo propio ao que acudir libremente, onde encontraba respostas ás súas preguntas e orientacións ás súas dúbidas.

Entrei no IES As Mariñas con 12 anos e marcho del con case 18. Durante seis cursos tiven o pracer de poder colaborar e utilizar a estupenda biblioteca que o instituto ofrece… Participar e colaborar coas actividades da biblioteca foi algo que durante seis anos me mantivo unida ao instituto. Agora voume del, pero a biblioteca seguirá estando á miña disposición.
(Laura Calvo, alumna)

Biblioteca e familia

A biblioteca non debía limitarse só ao alumnado. Tiñamos que implicar as familias, que os pais coñecesen como era e que traballo se realizaba nela. Son varias as actividades que se levan a cabo para conseguir este obxectivo:

  • No día de portas abertas mostrámoslles as instalacións ás familias. Tamén asistimos, para informar, á reunión que se fai xa ao principio do curso con todos os pais, invitándoos a facerse socios da biblioteca e a participar nas actividades que se realizan nela.
  • En decembro envíase a todas as casas do alumnado do primeiro ciclo da ESO un boletín con orientacións sobre posibles lecturas para os seus fillos, animándoos a que entre os regalos de Nadal haxa sempre un libro.
  • Utilízanse as mochilas viaxeiras, dez neste momento, para achegar os nosos fondos aos fogares. Seguindo as indicacións dos alumnos, enchémola co material que pode resultar atractivo e interesante para toda a familia.

Pero hai dúas actividades que viñemos levando a cabo ano tras ano e que son as que establecen máis complicidade co alumnado e as familias: as campañas de lectura de Nadal e de verán.

Na primeira, todo o que queira “regala” unha lectura para as vacacións. Cada un elixe o que máis se adecúa aos gustos da persoa que quere agasallar. Para iso contan tamén coa colaboración nosa na busca. Despois envolvemos os libros en papel de agasallo e o alumnado cobre unha etiqueta coa súa dedicatoria. Os libros enchen a mesa e os andeis arredor da biblioteca e todos miramos con curiosidade se temos o noso agasallo, que recollemos o día en que se dan as vacacións.

No verán o préstamo de libros amplíase ata dez exemplares coa idea de que o alumnado, familias e profesorado teña lecturas aseguradas para todo o período estival. Para animar a participar nesta actividade fanse uns carteis con moito colorido que se colocan por todo o centro. A biblioteca compra unhas bolsas de papel de diversas cores e, o mesmo ca no Nadal, colócanse ás portas da biblioteca para que se vaian recollendo.

Un lugar marabilloso no que entrar en mundos inmensos e perfectamente debuxados, do que sempre saes cun bo sabor de boca.
(Alfredo Crespo, alumno)

A resposta das nais e pais é sempre satisfactoria. A través da ANPA xestiónase a apertura da biblioteca despois do comedor, os martes e os xoves. Son dúas nais as que atenden o alumnado nese espazo de tempo.

A biblioteca é un espazo onde enseguida te dás de conta de que cada persoa ten un rol na vida do alumnado…
(Emi Cagiao, nai)

Profesorado na biblioteca

Procuramos tamén que todo o profesorado faga uso da biblioteca e a utilice como outra ferramenta de aprendizaxe. Para iso colaboramos estreitamente cos nosos compañeiros de diferentes maneiras:

  • Ofrecemos a biblioteca como espazo para dar clase cando necesitan complementala co material que alí se encontra.
  • Asesorámolos en canto a posibles lecturas para o alumnado.
  • Colaboramos con eles na preparación de materiais didácticos sobre temas determinados.
  • Potenciamos a colaboración entre distintos departamentos á hora de traballar en proxectos.
  • Respondemos ás súas peticións de adquisición de fondos, intentando equilibrar aqueles departamentos que teñen menos orzamento.

Sabemos que a nosa biblioteca é pequena e tamén é grande, porque nela cabemos todas e todos os que queremos entrar.
(Marisa Sánchez, profesora)

A modo de conclusión

Ademais de todas estas actividades, necesarias e importantes para o funcionamento da nosa biblioteca, cremos que o que a define e lle dá significado na vida do centro é o factor humano. O trato diario co alumnado fai que se establezan unhas relacións que van máis alá dos libros. Compartimos con eles vivencias que propician de forma fluída a recomendación de lecturas, apoiándonos tamén neles á hora de dar as súas opinións sobre as novidades e contaxiando, en xeral, o respecto e a comunicación arredor da literatura.

 

Sección: