A formación do profesorado

Reflexión e experiencia persoal. Desde o marco europeo á súa aplicación nun centro educativo


Ferreiro Domínguez, María Yolanda; IES Praia Barraña; mariyoudf@edu.xunta.es
González García, Francisco Javier; IES Campo de San Alberto; frangonzalez@edu.xunta.es


Diversos estudos sinalan a calidade da docencia e a formación do profesorado como factores clave para garantir a o éxito da ensinanza e mellorar os resultados académicos da mocidade.

O profesorado dos centros escolares é o intermediario entre un mundo que avanza e cambia rapidamente e un alumnado que está a piques de entrar nel. O docente que se incorpore á ensinanza terá que exercer ao longo de moitos anos nos que mudarán as características dos rapaces que acoden ao centro educativo, as condicións nas que teña que desenvolver as súas tarefas, as políticas educativas, etc.

 


Ademais de impartir coñecementos básicos, aos docentes demándaselles que axuden ao alumnado a aprender dun xeito autónomo, que propoñan aprendizaxes cooperativas e construtivas, que atendan á diversidade e que fagan actividades de reforzo educativo, que realicen tarefas propias de titoría, que entendan de organización escolar, de dinamización de bibliotecas, de programas internacionais e de convivencia, que aproveiten as vantaxes da utilización das novas tecnoloxías no proceso de ensinanza-aprendizaxe, que dominen as linguas estranxeiras e que promovan a investigación e a innovación. Confiámoslle todo ao profesorado sen darlle confianza nin recoñecemento.


A profesión docente é un reto, con crecentes esixencias que fan que día a día se torne máis complexa. A sociedade, polo tanto, demándalle novas liñas de formación á profesión docente. Son moitos os países membros da UE nos que, desde hai anos, se están a reformular as maneiras nas que os profesores se preparan para as importantes funcións que desempeñan na sociedade europea.


No Consello Europeo de Lisboa (marzo de 2000) destacouse que “o investimento en capital humano será esencial tanto para que Europa ocupe un lugar na economía baseada no coñecemento como para garantir que o xurdimento desta nova economía non incremente os problemas sociais existentes”. No Consello de Barcelona, de marzo de 2002, adoptáronse obxectivos concretos para mellorar os sistemas de educación e formación dos Estados membros, incluída a mellora da formación do profesorado. No Consello de marzo de 2006 sinalouse que “a educación e a formación son factores clave para desenvolver o potencial de competitividade a longo prazo da UE, así como para a cohesión social”, e engadiuse que “deben intensificarse as reformas para acadar uns sistemas de gran calidade, que sexan á vez eficientes e equitativos”.


No noso país, despois dun longo proceso de reflexión e debate, e dentro dun compromiso decidido cos obxectivos educativos sinalados na Estratexia de Lisboa pola Unión Europea, promulgouse a Lei Orgánica de Educación do 3 de maio do 2006 que no seu título preliminar destaca, entre os factores que favorecen a calidade da ensinanza, a cualificación e a formación do profesorado. Dedica o título III á formación do profesorado.


Ante este novo panorama, a LOE reformou os requisitos de formación inicial para o exercicio do labor docente, adaptándoos ao sistema de graos e postgraos do Espazo Europeo de Formación Superior. Ademais, estableceu que a formación permanente fose non só un dereito senón tamén unha obriga do profesorado e unha responsabilidade das administracións educativas e dos propios centros.


Son así as propias administracións educativas as responsables de que o profesorado adquira os coñecementos e competencias necesarias para os seus novos papeis; tanto ofertando unha formación docente inicial de calidade como supervisando un proceso de desenvolvemento profesional continuo que o manteña actualizado en relación coas capacidades necesarias na sociedade baseada no coñecemento.


Na nosa comunidade autónoma, o marco que rexe a formación permanente do profesorado é principalmente o seguinte:

  • Orde do 1 de marzo de 2007 pola que se regula a convocatoria, recoñecemento, certificación, rexistro de actividades de formación permanente do profesorado e se estableécense equivalencias das actividades de investigación e innovación e das titulacións.
  • Decreto 74/2011, do 14 de abril, polo que se regula a formación permanente do profesorado que imparte as ensinanzas establecidas na LOE, en centros educativos sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Con esta regulación créase o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) como elemento central nesta nova estrutura,; regúlase a figura de centros colaboradores distribuídos por toda Galicia para facilitar o acceso á formación do profesorado, e regúlase asemade a figura da persoa coordinadora de formación dos centros educativos como persoa que colabora na detección de necesidades e desenvolvemento das actividades formativas no contorno próximo.


Nestes últimos anos a Comisión Europea traballa conxuntamente cos Estados membros a través do programa de traballo “Educación e Formación 2020” para axudarlles a desenvolver e modernizar as súas políticas de educación e formación. Está baseado no seu antecesor, o programa de traballo “Educación e Formación 2010”. Este marco establece obxectivos estratéxicos comúns para os Estados membros, e métodos de traballo con áreas prioritarias para cada ciclo de traballo periódico. Estes obxectivos acompáñanse de indicadores e valores de referencia europeos que permiten medir os avances na súa consecución. Ao fío da formación do profesorado, dentro do obxectivo estratéxico número 2, “Mellorar a calidade e a eficacia da educación e da formación” formula, entre outras cousas, o seguinte:
 

…é necesario garantir unha docencia de alta calidade, ofrecer unha formación inicial do profesorado adecuada, así como un desenvolvemento profesional continuo de profesores e formadores e facer da docencia unha opción atractiva de carreira.


E despois destes obxectivos da Administración, que chega ao profesorado? Coa situación actual de plans de formación ofertados, que nos leva a participar en programas de formación? A obrigatoriedade do cumprimento das cen horas esixidas para o recoñecemento dos sexenios é unha motivación, pero di pouco dos índices de participación reais. A maioría dos traballadores non está disposta a renunciar ao seu tempo libre para formarse. Como se podería incentivar para que máis persoas acudisen a plans de formación con interese e coa intención de aplicar os novos coñecementos ao labor docente?

No IES Campo de San Alberto, un grupo de profesores detectamos diversas necesidades que, de seren satisfeitas, redundarían na formación do alumnado e ofreceríanlles a todos os sectores da comunidade educativa, máis opcións en diversos aspectos como: utilización da biblioteca, obtención de información, comunicación en liña (moi importante ao participar o centro tradicionalmente en programas internacionais), optimización dos recursos de que dispoñemos…

Decidimos solicitar un grupo de traballo (GT): Pulo das TIC do centro a través de ferramentas colaborativas e emprego das webs dinámicas. No grupo que formamos, a maioría non necesitaba as horas. Incluso unha persoa participou sen figurar como membro do GT. Probablemente a concienciación profesional é a principal motivación que move a moito profesorado a formarse.

Á hora de elixir a modalidade formativa tivemos en conta varias opcións, pero ao final decantámonos por solicitar un grupo de traballo da modalidade Abalar. O motivo principal foi poder contar, como relatora, cunha compañeira do centro con amplos coñecementos en Moodle, co fin de traballar coa aula virtual, e Drupal, para editar a web do centro.

A proposta de formación do grupo partiu de membros do equipo dinamizador da biblioteca e da comisión TIC. Decidimos propoñerlle a participación a profesorado co que xa existe certa afinidade por ter traballado conxuntamente noutras ocasións. A idea é enriquecerse mutuamente achegando  ideas e coñecementos para a mellora de diferentes aspectos que repercutan en todos os estamentos. Foi complicado coordinar o momento das sesións pola diversidade de ensinanzas e horarios do centro. Finalmente decidimos establecer como día de reunións os venres pola tarde.

Unha vez recrutados os membros do grupo propuxéronse unha serie de temas nos que traballar e xurdiron outros ao longo do curso.

Comezamos experimentando con ferramentas colaborativas para xuntanzas virtuais de traballo (ferramentas de Google, Ovoo, Skipe...), pero despois de probar varias delas decidimos non utilizalas. Cos medios dos que dispoñemos, non nos pareceron o suficientemente áxiles as aplicacións de videoconferencia para ser capaces de manter unha reunión virtual con fluidez entre tantos membros. Si se poderían utilizar en caso de docencia ou apoio a distancia.

Comparamos Dropbox e Drive (compartir carpetas, utilización como servidor na aula virtual e na web do centro...). Creamos unha conta en Dropbox para a biblioteca e compartimos as carpetas cos membros do equipo. Utilizamos Drive para compartir arquivos do GT editables simultaneamente.

No tocante a mellorar a biblioteca decidimos:

  • Crear unha ampla sección na páxina web do centro con información xeral, horario de apertura, actividades… e outra na aula virtual na que se poden consultar os fondos bibliográficos e os DVDs dos que se dispón.
  • Crear unha conta en Dropbox e un correo electrónico da biblioteca para que continúe independentemente do responsable e grupo de profesores que forman parte da dinamización nun determinado momento.
  • Estender a accesibilidade desde móbiles e tabletas de todos os fondos da biblioteca mediante código QR. Dispoñibles tamén na aula virtual.
  • Habilitar a impresión dende un ordenador da biblioteca á fotocopiadora do centro. Unha vez impreso un documento recóllese e págase como se de fotocopias se tratase. Aínda que calquera pode imprimir os seus traballos orixinais, a case totalidade das solicitudes proveñen do alumnado.
  • Adquirir libros electrónicos, para usar inicialmente de forma vinculada ás lecturas de carácter obrigatorio ou recomendadas polos departamentos. Descargamos libros de dominio público ou libres de dereitos, ou mercámolos, en función das solicitudes recibidas. Xestionámolos co programa Calibre para ofrecer os dispositivos aos lectores.
  • Adquirir ordenadores portátiles para préstamo para tentar de lle dar accesibilidade ás novas tecnoloxías a todo o alumnado, inclusive fóra do centro.

No instituto temos oito encerados dixitais interactivos, a maioría só estaba sendo utilizada como pantallas de proxección e considerouse procedente introducir este contido. Tentamos así de mellorar as sesións de docencia e mesmo posibles charlas ou exposicións aproveitando a tecnoloxía da que dispoñemos.

Ao falar de proxectos colaborativos e do seu auxe proponse traballar cun mapa libre e editable: Openstreetmap. Decidimos incorporalo a unha sesión para aprender a editalo.

Un dos obxectivos principais do grupo foi impulsar e xestionar a páxina web e a aula virtual do centro. Para isto dispuxemos de docencia por parte da compañeira Eva Brañas, que creou dous cursos na aula virtual do centro no apartado Profesorado e deixounos abertos para todo aquel que queira iniciarse tanto en Moodle (curso moi progresivo e moi aplicable) coma en Drupal (nocións básicas para crear contido na páxina web).

Decidimos abrir a participación, en determinadas sesións, ao resto do profesorado por se alguén estaba interesado no contido proposto.

Ao rematar as sesións, os membros do grupo valoraron positivamente os coñecementos adquiridos, o aproveitamento das sesións, os traballos desenvolvidos, a utilización dos coñecementos para o traballo diario e, sobre todo, o ambiente de traballo.

Desde o principio do curso 2013 ata o final apréeciase unha mellora significativa tanto na páxina web do centro coma na aula virtual.

Somos conscientes de que se poden mellorar aspectos para optimizar o desenvolvemento das sesións, pero consideramos que o esforzo mereceu a pena. Non só polas aprendizaxes e melloras expostas anteriormente, senón tamén polas interesantes consecuencias que estas iniciativas teñen no centro. Importantes sinerxías aparecen nun grupo de compañeiros que as tardes dos venres se reúnen voluntariamente para aprender uns dos outros e intercambiar puntos de vista, o que sen dúbida os aproxima e mellora a súa relación. Mellora que probablemente se poida contaxiar ao resto do profesorado e á vida xeral do centro. Todo isto moi lonxe da formalidade que impera nas distintas reunións e outras actividades rutineiras do centro, dentro do horario de obrigado cumprimento.

 

 

Bibliografía: 

 

  • TIANA, A. (2011). Políticas de formación del profesorado y mejora de los sistemas educativos: algunas reflexiones a partir de la experiencia española.  Revista Fuentes, 11, pp 13 - 27.
  • Comunicación da Comisión ao Consello e ao Parlamento Europeo. Mellorar a calidade da formación do profesorado. Comisión das Comunidades Europeas. Bruxelas 3-8-2007.
  • Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación.
  • Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de  educación.
  • Lei 2/2011, do 4 de marzo, de economía sostenible.
  • Lei orgánica 4/2011, do 11 de marzo, complementaria da Lei de economía sostenible.
  • Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais.
  • ARREGUI, P. (2000): “Estándares y retos para la formación y desarrollo profesional de los docentes”. Relatorio presentado no I Congreso Internacional de Formación de Formadores. Agosto. Cuzco, Perú.
  • Eurydice (2010). Sistema educativo español. Dossier nacional 2010. Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.
  • Secretaría de Estado de Educación e Formación Profesional (2011). Objetivos educativos europeos y españoles. Estrategia educación y formación 2020. Informe español 2010-2011. Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.
  • Conclusións do Conselljo de Europa do 12 de maio de 2009 sobre un marco estratéxico para a cooperación europea no ámbito da educación e formación (ET 2020). Consello da Unión Europea. Bruxelas, 13 de maio de 2009.
  • ESCUDERO MUÑOZ, J. M. (2009a). La formación del profesorado de eEducación sSecundaria: contenidos y aprendizajes docentes. Revista de Educación, 350, pp. 79-103.
  • NÓVOA, A. (2009). Para una formación de profesores construida dentro de la profesión. Revista de Educación, 350, pp. 203-218.
Sección: