Aprendendo con tablets en Educación Infantil
Rubén Molinero Malvido
CEIP Balaídos - Vigo
rmolinero@edu.xunta.es
A metodoloxía por recunchos en infantil naceu da necesidade de satisfacer os desexos dos nenos e nenas de aprender coñecementos e capacidades novas por medio da investigación e da manipulación. O alumnado que atopamos agora nas aulas forma parte da coñecida xeración nativa dixital, e os dispositivos móbiles forman parte da súa realidade diaria dende o momento do seu nacemento. Nós como mestres non podemos ignorar isto, e é necesario integrar tales dispositivos na aula para que o alumnado desenvolva aprendizaxes máis ricas acorde coa sociedade tecnolóxica na que vivimos.
Como pai nunca dubidei en poñer un dispositivo móbil ao alcance da miña filla xa dende moi pequena. Tiña moi claro que o emprego destas ferramentas axuda a desenvolver a intelixencia, os sentidos, o vocabulario, a autonomía, e un senfín de facetas máis... Pero como mestre foi moi distinto. Aínda que eu tiña moitas ganas de empregar estes dispositivos na miña práctica docente, había dous grandes impedimentos: o centro non dispón de dispositivos e os compañeiros tampouco os usan.
En abril de 2014 asistín ás xornadas organizadas polo CFR de Vigo 'Educar e colaborar nas redes sociais. Aprendizaxes móbiles'. De entre todos os relatores, houbo unha mestra de Infantil, Marta Carracedo, que nos contou como traballaba con iPads na súa clase. Mostrounos varias apps que empregaba e relatou a súa experiencia de como tivo que comezar levando o seu propio iPad á clase, ata que o centro se decidiu a mercar dispositivos.
Despois de escoitar atentamente a esta gran mestra, decidinme a levar a miña tablet persoal á miña clase de nenos e nenas de sexto curso de Educación Infantil. A primeira actividade que lles propuxen foi colorear uns debuxos nun rencuncho de plástica, que vistos a través da tablet cobrarían vida coa app de realidade aumentada Colar Mix. A formulación da actividade era voluntaria, non estaban obrigados a pasar por ese recuncho para colorear o debuxo e, aínda así, todos os alumnos se animaron a facelo, incluso aqueles que habitualmente non gozan con actividades de colorear ou pintar. Ademais ao saber que para que se vise a través da tablet tiña que estar ben coloreado, esforzáronse máis que de costume.
Como o resultado desta primeira experiencia coa tablet na clase foi moi bo, as miñas ganas de seguir implementando os dispositivos móbiles nos recunchos da miña aula de infantil seguían medrando. Por iso cando souben de que a asesoría TIC do CFR de Vigo ía facer unha xuntanza informal para presentar dispositivos móbiles e apps educativas non dubidei en asistir. Á parte dun montón de apps xeniais, nesa xuntanza descubrín que existía un sistema de préstamo de iPads para docentes, e como a miña experiencia se limitaba só a dispositivos con Android, pedín un para poder usalo tamén na clase.
Unha vez co iPad, descubrín un mundo infinito de apps educativas orientadas a educación infantil. Estas permitíronme desenvolver actividades en todos e cada un dos recunchos da clase. Así como o ordenador está relacionado só co recuncho do ordenador ou recuncho TIC, as características dos dispositivos móbiles, danlles versatilidade e permiten movelos por todos os recunchos da clase, favorecendo aprendizaxes máis significativas por parte dos alumnos.
Despois de estar un par de semanas recompilando e probando apps, así como planificando como integralas dentro das actividades das unidades da programación didáctica, na terceira avaliación empezamos a empregar os dispositivos móbiles nos recunchos, xeralmente só o iPad, aínda que ás veces tamén empregábamos a Tablet Android, sobre todo como apoio para os nenos con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE).
Dentre todas as actividades realizadas, podemos destacar as seguintes:
- No recuncho da biblioteca entre os nenos e nenas realizaron un ibook co Book Creator, escollendo unha palabra en galego, unha imaxe, escribindo e gravando a súa voz, traballando así de maneira integral a competencia lingüística.
-
No recuncho de lóxica matemática, á parte de empregar moitas apps de números, formas xeométricas, crebacabezas, memoria... realizamos un xogo de operacións matemáticas con realidade aumentada por parellas competindo en equipo. Traballouse a iniciación a suma a través do conteo.
- No recuncho de plástica realizánrose moitas actividades con apps de debuxar no iPad, ou de pintar en papel para logo ver o resultado con realidade aumentada a través de apps como o Colarmix, Chromville ou o conto da tortuga e a liebre. Pero ademais, coa app Aurasma de realidade aumentada fixemos que aparecera un vídeo no que saía toda a clase bailando ao enfocar unha obra plástica realizada por cada neno.
- No recuncho do xogo simbólico os nenos puideron adoitar roles por medio de xogos moi variados. Coas apps do Dr. Panda podían xogar varios nenos á vez a ser médicos, ou pilotos de avión, ou aprender a realizar as tarefas domésticas tendo que resolver entre todos os problemas que lles propoñía a app. Por outra banda, realizamos un xogo coa app Face replace na que por parellas mesturaban fotos, para ter unha cara produto das dúas. Empregando o espello do recuncho, recoñeciamos as partes da cara de cada un, traballando así o esquema corporal.
- No recuncho do ordenador empregamos o iPad para xogar a xogos de todo tipo, de exploración, de emocións, musicais... Desenvolvedores de apps como Toca Boca, Sago mini e Avokiddo ofrecen un montón de xogos perfectos para os nenos e nenas de educación infantil. Por outra banda, neste recuncho o iPad pasou a ser unha cámara de vídeo, e xunto coa app Madpad, gravamos a cada neno ou nena recitando un verso dun dos dous poemas de Xosé María Díaz Castro, con motivo das Letras Galegas. Unha vez gravado, os nenos visualizaban o vídeo no ordenador, e así remataron aprendendo ambos poemas.
Ademais do emprego dos dispositivos nos recunchos, o iPad e a Tablet tamén foron empregados para realizar actividades con motivo de diferentes conmemoracións do centro. Ademais das actividades para o Día das Letras Galegas empregamos os dispositivos no Día da Familia, no que realizamos entre todos unha nube de palabras coa app Visual Poetry. Cada un de nós fomos escribindo co teclado do iPad os nomes das persoas que considerabamos importantes na nosa vida, e unha vez que pasaron todos, escollemos a forma e a cor da nosa creación.
Unha vez transcorrida a terceira avaliación era o momento de preguntarse en que medida influíra o uso destes dispositivos na mellora das aprendizaxes dos nenos e nenas. E a valoración que fixen do uso destas ferramentas foi moi boa.
Por un lado, a presenza dos dispositivos nalgúns recunchos, como o de lóxica matemática ou plástica, por exemplo, animaban os nenos e nenas a pasar por eles de maneira voluntaria e realizar a actividade, mentres que nas avaliacións anteriores lles custaba máis pasar por eses recunchos.
Ademais tamén se esforzaban en facer mellor as actividades e a súa aprendizaxe resultaba máis significativa ao tempo que desenvovían distintas competencias.
Por outra banda, os dispositivos lonxe de ser unha fonte de conflitos, convertéronse en condutores de boas prácticas: os nenos e nenas aprenderon a compartir, a esperar quendas, a respectar o material, e a ensinarse e axudarse entre eles, xa que moitas veces, os que tiñan un dispositivo similar na casa, axudaban aqueles compañeiros que non tiñan tanta experiencia coma eles no uso destas ferramentas.
Ademais, por regra rexal, as actividades a realizar co iPad estaban orientadas a traballar de forma colaborativa, na que o resultado final era a suma de esforzos de dous ou máis compañeiros, traballando así a intelixencia intrapersoal, aínda que noutras ocasións, o traballo era individual, para mellorar a autonomía e a intelixencia intrapersoal.
Á parte da valoración positiva dentro da aula, un dos aspectos máis positivos desta experiencia foi que constituíu un cambio dentro da realidade do meu centro educativo en canto á consideración das posibilidades que ofrecen o uso destes dispositivos na aula. Varios mestres e mestras interesáronse por coñecer máis das actividades que estaba a realizar, e algún incluso animouse a realizar algunha. Vendo o interese crecente de parte do claustro pola miña iniciativa animeime a propoñerlle á dirección a realización dun Plan de Formación Permanente do Profesorado (PFPP) no centro para o curso 2014-2015 e a adquisición de seis dispositivos iPad. Para a miña sorpresa, o equipo directivo accedeu e o claustro aprobou a participación no PFPP con máis dun 50% de participación.
Pese a todos os medos e dificultades que vía antes de comezar esta experiencia xa non me formulo a docencia sen empregar na clase os dispositivos móbiles. Todo isto non podería terse producido se non asistira ás xornadas de formación do CFR de Vigo e sen o apoio da asesoría TIC que me animou, tal e como dicía Ghandi, a ser o motor do cambio que quería ver no mundo.