Va de poesía. Propuestas para despertar el deseo de leer y escribir poesías

(Imprescindible para hoxe)
Víctor Moreno Ed. Pamiela, Navarra, 1998

 

Ninguén perde a súa condición de profesor se se limita a compartir a experiencia lectora dun poema co alumnado do mesmo xeito que o faría cun amigo no salón da súa casa. Xa vai sendo hora de que o profesorado deixe de emular as fazañas de Todorov, Cohen, Barthes, Genette e demais terroristas lingüísticos do comentario de textos.

Así fala Víctor Moreno neste libro fascinante que contén centos e centos de propostas prácticas para –como di o título– espertar o desexo de ler e escribir poesías. A selección de recursos é impresionante. So cómpre botarlle unha ollada ao índice: xogos para abrir o apetito poético, xogos poéticos con letras, con palabras, con frases; pautas formais e pautas temáticas, técnicas vangardistas… e así continúan as máis de duascentas páxinas absolutamente inzadas de propostas didácticas a cada cal mellor.

Pero esta obra é moito máis ca unha recompilación de recursos repletos de imaxinación e de carácter lúdico. Este xa sería un motivo máis que suficiente para recomendar a lectura deste libro, pero hai máis, moito máis. Esta obra é un tratado de didáctica da lingua, en particular, da literatura. O profesor Moreno é, ademais dun mestre innovador, un lingüista, doutor en Filoloxía e un consumado experto en literatura.

Pártese dun presuposto básico e elemental. A saber: moitos adolescentes na flor crebadiza da súa virxindade mental, cando arriban ao porto da súa antipoética secundaria –o que constitúe en si mesmo, un insólito milagre curricular–, padecen, ao parecer e polo que un sabe, o síndrome da aversión a todo o que se lles presente mediante o envase e conduto do verso.
Os que se senten Dantes, Petrarcas, Pessoas ou Pounds son hortensias dun agosto efémero e non os teño presentes na intelixencia do asunto. Preocúpanme, neste afastado curruncho solitario, os prosaicos, os montaraces, os que pasan do verso e das súas versulerías.
Para eles e para os seus profesores e calquera adulto interesado nestas lides poéticas, van dirixidas estas páxinas.

Víctor Moreno é un autor irrenunciable para un docente, imperdoable se a túa especialidade son as áreas lingüísticas. Víctor é un autor prolífico. Atoparás unha morea de colaboracións en revistas especializadas, e na rede, e nas librerías e bibliotecas textos seus sobre a lectura e a escritura, sobre a didáctica da lingua. Títulos como El deseo de leer ou Leer con los cinco sentidos son marabillosos. Mais este que comentamos hoxe, Va de poesía, é, para min, o mellor de todos: sorprendente, divertido, pícaro, provocador, honesto… inesquecible.

 

Paco Díaz
CFR de Pontevedra

 

Sección: