Yo soy Malala

(Novidade)
Malala Yousafzai, Christina Lamb Alianza Editorial, 2013

 

"Tomemos os nosos libros e os nosos lapis. Son as nosas armas máis poderosas. Un neno, un mestre, un libro e un lapis poden cambiar o mundo". Sen dúbida este é o firme alicerce para un mundo mellor: a educación. Estas poderosas palabras forman parte do discurso que Malala Yousafzai, no seu dezaseis aniversario, pronunciou ante a ONU en 2013, poucos meses despois de ser vítima dun atentado terrorista por parte dos talibáns.

En todo o mundo hai uns 57 millóns de nenos que non reciben instrución primaria, deles uns 32 millóns son nenas. En Paquistán 5,1 millóns de nenos nin sequera van á escola primaria. Hai case 50 millóns de adultos analfabetos, dous terzos dos cales son mulleres.

No val de Swat, un mestre de escola, ao nacer a súa filla, pensou: "Sei que esta nena é distinta, será libre coma un paxaro". Construíu unha escola na que as rapazas tamén estudaban e, malia o purdah imposto polos talibáns que tomaron o poder, abriulle á pequena un mundo de posiblidades coa arma máis potente: a educación. Con once anos, Malala, baixo un pseudónimo, escribía un diario nun blog para a BBC sobre a campaña da súa familia a favor dunha escola para as mulleres na súa comunidade, e participaba co seu pai activamente en defensa da igualdade, a paz e a liberdade.

Aos dezaseis anos converteuse nun símbolo global da protesta pacífica e, logo de ser a nominada máis nova da historia para o Premio Nobel da Paz o ano pasado, recoñecéronllo en 2014.

A súa experiencia, en primeira persoa, é unha reflexión recomendable para a nosa mocidade que, desde a outra parte do mundo na que lle tocou nacer, quizais nunca tivese que poñer en valor o dereito á educación polo que esta rapaza se xogou a vida e pagou co desterro.

Grazas Malala polo teu exemplo, a túa nobreza, a túa misión e o teu sorriso.

www.malalafund.org
www.facebook.com/MalalaFund
www.twitter.com/MalalaFund

Marta  Crespo Romeo

Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI)

Sección: