Antonio Eiras Roel

Mestre de historiadores e renovador do modernismo español
O profesor Antonio Eiras Roel é un dos historiadores españois de traxectoria máis brillante e recoñecida. Exerceu como catedrático de Historia Moderna da Universidade de Santiago de Compostela durante corenta anos e, baixo o seu maxisterio, formáronse varias xeracións de historiadores galegos e procedeuse á modernización da investigación histórica ao introducir en España a corrente metodolóxica francesa dos Annales.
Tempo de lectura: 
12 minutos

Fotografía: Fernando Bellas

María del Carmen Saavedra Vázquez

Profesora titular de Historia Moderna da USC

 

Os inicios dunha carreira longa e fecunda

Antonio Eiras desenvolvería a súa longa traxectoria profesional na Universidade de Santiago de Compostela, institución na que ía crear unha das escolas de historiadores máis homoxéneas e de maior prestixio no país. Os comezos da súa carreira foron os habituais na súa época: en 1954 licenciouse na Facultade de Filosofía e Letras compostelá e obtivo o doutoramento tres anos máis tarde na Universidade Central de Madrid. Con este obxectivo, presentara unha investigación sobre o Partido Demócrata Español, un traballo de historia política realizado baixo os presupostos da historiografía alemá predominante naquel tempo. Deste xeito, o mozo Eiras revelábase coma un alumno aplicado e sobresaínte, aínda que cada vez máis insatisfeito co modelo historiográfico ao uso, como el mesmo recoñeceu nalgunha ocasión.

Malia isto, os primeiros anos tras a lectura da súa tese de doutoramento debeu dedicalos a consolidar o seu status académico seguindo o procedemento tradicional: en 1959 accede ao posto de profesor axudante de Historia Moderna e Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela, ao ano seguinte ascenderá a profesor adxunto de Historia Moderna e en 1961 sae publicada a súa tese, o seu traballo máis importante ata entón, aínda que non o único.

Antonio Eiras Roel 1Por eses anos pasaran a engrosar o seu currículo toda unha serie de artigos e publicacións centradas na historia política do século XIX español, a política de Filipe III e as relacións hispano-francesas no dito reinado. Será entón cando se inicie como director de traballos académicos, de modo que en 1964 se defenden as primeiras memorias de licenciatura realizadas baixo a súa dirección. Trátase de traballos de factura clásica e temática política, centrados en temas como a Guerra de Sucesión en Santiago de Compostela, os alzamentos realistas en Galicia durante o trienio constitucional ou as noticias documentais sobre Bárbara de Blomberg.

Porén, as limitacións propias da universidade da época e a necesidade de consolidar o seu status académico farán que teña que dedicar a maior parte da súa actividade, neses primeiros anos, a preparar as oposicións a cátedra, obxectivo que logra en 1965 tras superar a correspondente oposición en Madrid. Desde entón pasará a exercer como catedrático e director do Departamento de Historia Moderna da USC, tarefa que había de ocupalo durante case catro décadas.

O acceso á cátedra será un momento clave na súa carreira, non só polo que supoñía de promoción profesional, senón porque a partir dese momento poderá desenvolver o seu propio proxecto de traballo. Un proxecto destinado a cubrir os baleiros e as insatisfaccións xerados por uns modelos historiográficos positivistas e dominados pola política, os acontecementos e os grandes personaxes. Por aquel entón, as obras de Vicens Vives xa lle permitiran albiscar un inicio de novas temáticas e orientacións e os primeiros influxos europeos levárono a pensar en novas formas de concibir a historia e enfocar a investigación. Á súa calor, pronto se deixarían sentir en Santiago de Compostela as primeiras manifestacións da nova orientación dos estudos históricos.

A adquisición para a biblioteca universitaria das grandes monografías francesas da Escola de Annales e a subscrición a revistas como Annales E.S.C. ou Revue d´Histoire Economique et Social ían converterse no primeiro paso dun longo camiño. Tamén ía ser este un dos seus grandes legados, pois son moi poucas as universidades europeas que dispoñan a día de hoxe dun fondo bibliográfico semellante. Por encima de todo, no seu tempo habían de servir para modificar a orientación das investigacións, de modo que a partir de 1967 a temática das memorias de licenciatura realizadas baixo a súa dirección cambia radicalmente e nelas ábrense paso os estudos sobre prezos e salarios, a evolución demográfica ou as primeiras análises de xurisdicións concretas á maneira francesa.

Nesta mesma liña de renovación da práctica historiográfica, baixo a iniciativa do profesor Eiras creouse, en 1969, o Arquivo Histórico Universitario e incorporouse a este o fondo de protocolos notariais de Santiago de Compostela. Baixo a súa dirección procedeuse a organizar e inventariar tan enorme masa documental, un fondo que, no sucesivo, había de contribuír á formación de varias xeracións de estudantes de historia. Para os que fomos os seus alumnos, tivo o mérito de nos achegar ao verdadeiro traballo de historiador, de poñernos en contacto coa investigación e os documentos, de facernos entender que a construción da historia esixía rigor e método.

 

Antonio Eiras, o investigador pioneiro e o mestre

Como el mesmo se encargou de subliñar, en 1970 sitúase o verdadeiro punto de inflexión na súa carreira de historiador. A asistencia ao V Congreso Internacional de Historia Económica de Leningrado marcou entón o seu auténtico cambio de rumbo e permitiralle entrar en contacto de maneira decidida coa historia cuantitativa e os seus cultivadores. A partir dese momento abriríase unha etapa na súa vida de investigación moi intensa que ía culminar na organización das I Xornadas de Metodoloxía Histórica Aplicada en 1973. Será un congreso fundamental na evolución da historiografía modernista española, ao que acudiron 500 asistentes de toda España, ávidos de coñecer de primeira man as novas maneira de facer historia e os grandes mestres franceses. Ademais, os traballos dirixidos por el acabarían publicándose nun libro xa clásico, Las fuentes y los métodos (1977), cuxa introdución foi considerada un auténtico manifesto dos principios metodolóxicos que el defendía e que lles transmitiu aos seus discípulos: a rexionalización, o comparatismo, a reflexión metodolóxica e a cuantificación.

Antonio Eiras Roel 2

En paralelo, o profesor Eiras dedicaríase a publicar multitude de traballos sobre demografía, consumo alimentario, salarios, historia cuantitativa, prezos e salarios, contabilidades hospitalarias, décimos… Ademais, serán anos de intenso maxisterio: nunha década dirixe 24 memorias de licenciatura e lense as primeiras grandes teses do modernismo galego: a de Baudilio Barreiro sobre a xurisdición do Xallas no século XVIII, a de J. M. Pérez García sobre a xurisdición da Lanzada no mesmo período e a de Laura Fernández Vega sobre a Real Audiencia de Galicia.

Como resultado deste intenso labor, a década seguinte estará marcada polo seu recoñecemento no eido internacional: en 1983 será nomeado vogal do Comité Español de Ciencias Históricas, en 1985 vicepresidente da Commision Internationale de Démographie Historique, en 1986 director de estudos asociado da École de París. Paralelamente, dedícase a impartir conferencias en París e Xenebra, a organizar a sección sobre Europa Occidental da Conferencia Internacional de Demografía Histórica de Stuttgart (1985), á que seguirá a súa participación nos congresos internacionais de Historia e Historia Económica de Berna (1986), París (1987) e Oslo (1988).

Tamén en España será obxecto de diversos nomeamentos: en 1987 será nomeado académico correspondente da Real Academia da Historia e, ao ano seguinte, será o primeiro presidente da Asociación Española de Historia Moderna, a entidade que agrupa os modernistas españois.

Lonxe de acomodarse na súa nova posición, Eiras seguirá mostrándose como un traballador incansable, empeñado en seguir abrindo novos camiños na investigación histórica. Entre as súas principais contribucións deste período cabería referirse á súa promoción do uso da documentación notarial entre os historiadores. A publicación en 1981 da Historia social de Galicia en sus fuentes de protocolos constitúe un fito neste sentido e volve incidir no seu dobre labor, como director de investigacións e como investigador interesado no achegamento a grupos concretos: as elites urbanas e a burguesía mercantil, neste caso.

Non obstante, non por iso ía abandonar as súas anteriores liñas de investigación e, en paralelo, seguiu publicando estudos sobre a gandería galega, a agricultura e o crecemento demográfico, investigacións que o converterían nun dos mellores coñecedores do Censo de Floridablanca. Xunto ao seu traballo persoal de investigación, tamén ía proseguir co seu maxisterio, unha tarefa que nos anos oitenta se revela fecunda, pois serán un total de 11 as memorias de licenciatura realizadas baixo a súa dirección. Por se fose pouca bagaxe, polos mesmos anos ían defenderse as teses de doutoramento dos que hoxe son recoñecidos como grandes historiadores galegos: Ramón Villares, Pegerto Saavedra, Hilario Rodríguez Ferreiro, Ofelia Rey e Concepción Burgo.

Ben entendido igualmente que o seu papel de docente non quedaba reservado aos grandes actos académicos. Os que tivemos a sorte de asistir ás súas clases lembramos perfectamente a seriedade das súas exposicións, a súa insistencia en presentar a realidade histórica desde perspectivas diversas, a súa perenne loita pola actualización dos coñecementos… Tamén lembramos o respecto que nos inspiraba, non tanto polo seu carácter reservado e un tanto serio coma polos seus coñecementos e a súa maneira de afrontar as clases. El tamén trataba os seus alumnos con respecto: o derivado dunhas clases ben preparadas, solidamente argumentadas e apoiadas nas últimas novidades bibliográficas. E esta maneira de proceder facía que tamén nós o recoñecésemos non só como profesor, senón como mestre.

Antonio Eiras Roel 3

A culminación dun proxecto vital

Nos anos noventa a vida académica de Antonio Eiras orientarase nunha dobre dirección: de consolidación do labor realizado, por un lado, e de apertura de novos campos de investigación, polo outro. Fiel a si mesmo, seguirá mantendo a súa vinculación coa investigación en demografía histórica, como se poría de manifesto en 1990 ao organizar a Conferencia Internacional de Demografía Histórica de Madrid sobre as migracións a longa distancia no seo do XVII Congreso Internacional de Ciencias Históricas. Desde entón, o tema das migracións ía converterse nun dos seus principais motivos de interese, como certifican o seu labor como coordinador das Actas de I Reunión Científica da Asociación Española de Historia Moderna sobre a emigración española a ultramar (1991), organizador da I Conferencia Europea da Comisión Internacional de Demografía Histórica sobre o tema migracións internas e media distancia en Europa (Santiago, 1993), así como as diversas publicacións e conferencias que sobre esta temática viron a luz neses anos.

Este renovado interese polas migracións, non obstante, non o levaron a esquecer ningunha das súas liñas de investigación precedentes, como se comprobaría en 1996 ao culminar un dos proxectos de investigación máis fecundos e que lle permitiron publicar unha extensa monografía, A población de Galicia, 1700-1860, onde desenvolvía os seus vastos coñecementos sobre a realidade demográfica galega.

Mentres proseguía co seu labor de investigador infatigable, tamén seguían os recoñecementos desde fóra e dentro de España: en 1993 será designado vicepresidente do Comité Español de Ciencias Históricas e dous anos máis tarde coordinador da Cátedra Antonio Eiras Roel 4Unesco 226 sobre Migracións da Universidade de Santiago de Compostela. Desde esta plataforma atraerá a Galicia a reputados especialistas no tema e promoverá novas publicacións, ao tempo que seguía exercendo labores de coordinación do grupo de investigadores integrados na área de Historia Moderna da USC. O froito dese labor había de plasmarse na coordinación de obras colectivas hoxe moi recoñecidas como El reino de Galicia en la Monarquía de Felipe II (1998) e El reino de Galicia en la época del Emperador Carlos (2000).

Aínda que é verdade que por eses anos deixara de dirixir novas teses e se limitaba a orientar algunhas investigacións xa en marcha, non por iso ía abandonar o seu maxisterio nin ía deixar de investigar. Moi ao contrario, desde mediados da década dedicaría boa parte das súas enerxías a impulsar un novo proxecto, a publicación das actas das xuntas do reino de Galicia, que ocuparon o último tramo da súa vida académica.

 


Por esta vía, a historia política volvía figurar na súa axenda investigadora, aínda que os 14 volumes publicados baixo a súa dirección servirían para demostrar que se trataba dunha nova historia, afastada dos moldes clásicos da historia de acontecementos para incorporar os avances da disciplina. Non por casualidade, boa parte das súas contribucións nos diferentes volumes ía centrarse nos temas de fiscalidade, un campo no que a cuantificación se impón como mecanismo de interpretación da política.

 

Desde entón e ata a súa xubilación no ano 2001 (e aínda varios anos despois), seguiu investigando e orientando os que acoden a el en busca de consello, facendo gala do seu sincero compromiso coa historia e a universidade. Ademais, pode vangloriarse de ser profeta na súa terra, como se poría de manifesto en 1999 ao ser designado cronista xeral do reino pola Xunta de Galicia e no ano 2001 ao recibir o Premio Galicia de Investigación. Non obstante, coñecéndoo un pouco, cabe supoñer que este recoñecemento oficial non foi tan importante para el como o recoñecemento obtido de todos aqueles que nos beneficiamos das súas ensinanzas e do seu exemplo: o de historiador de raza, home de conviccións e auténtico mestre.

Sección: