Preparación de probas de aptitude física

Adestramento dirixido á superación das probas de aptitude física para o acceso aos centros de formación do INEF de Galicia, do Corpo Nacional de Policía, da Garda Civil e de Tropa e Mariñeiría do Exército.
O proxecto que aquí se expón levouse a cabo no curso 2013/14 no IES Val do Asma de Chantada (Lugo). O proxecto, encadrado dentro da actuación 5, “Mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia”, dos contratos-programa convocados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, busca satisfacer as necesidades e inquietudes dun grupo de alumnos interesados en preparar probas de aptitude física para o acceso a estudos de grao ou aos distintos corpos e forzas de seguridade do Estado.

Pablo A. Pía Castiñeira
Educación Física, IES Val do Asma (Chantada-Lugo)
Col. 9781
pablopia@edu.xunta.es

 

Contextualización

O proxecto educativo desenvolveuse no IES Val do Asma de Chantada (Lugo). Este é un centro de liña unha, a oferta educativa concrétase na ESO, o bacharelato, un ciclo medio de Electromecánica do Automóbil e un ciclo superior de Administración e Finanzas.

A docencia desenvólvese en sesións de mañá e tarde, a tarde do luns compártena as ensinanzas medias e os ciclos de formación profesional e a do martes queda reservada exclusivamente para os ciclos formativos.

O alumnado é maioritariamente de sexo masculino, o número de alumnos e alumnas no curso 2013/14 é de 157.

As instalacións deportivas que se utilizaron para o desenvolvemento do proxecto foron as propias do centro educativo, incluído o patio exterior.
O proxecto ía dirixido ao alumnado de cuarto da ESO e primeiro e segundo de bacharelato dos dous centros educativos que hai na poboación. En total anotáronse ao proxecto 10 alumnos (todos eles varóns), dous do IES Lama das Quendas e oito do IES Val do Asma. Os alumnos participantes distribúense como se pode ver na táboa 1.

Táboa 1. Distribución do alumnado participante

Fonte: elaboración propia

 

Xustificación do proxecto

O principal motivo que nos levou a realizar este proxecto foi o interese reiteradamente manifestado por parte do alumnado do noso propio centro, así como a súa destacada capacidade e motivación para aprender. Isto, unido á especificidade das probas de acceso aos estudos universitarios do INEF de Galicia (Universidade da Coruña), xunto coa esixencia das probas físicas de acceso aos centros de formación de funcionarios dos corpos e forzas de seguridade do Estado, fixo que desde o Departamento de Educación Física nos esforzásemos no deseño, execución e avaliación deste proxecto.

Unha razón máis, non menos importante ca as anteriores, é combater o que a Organización Mundial da Saúde (OMS) denomina a "epidemia do século XXI", que non é outra que o sobrepeso e a obesidade.

Obxectivos

Os obxectivos que nos propuxemos no momento de elaborar o proxecto foron os seguintes:

  • Facer promoción de saídas profesionais do ámbito da actividade física e a saúde (INEF).
  • Mellorar as capacidades físicas e coordinativas necesarias para superar as probas de acceso ao INEF de Galicia.

Mediante estes obxectivos pretendiamos que o alumnado participante estivese en condicións de superar as probas de avaliación das aptitudes persoais para a admisión aos estudos de Ciencias da Actividade Física e do Deporte da Universidade da Coruña.

  • Valorar e mellorar o nivel de condición física propio ata acadar o mínimo necesario para superar as probas físicas de acceso aos centros de formación de funcionarios dos corpos e forzas de seguridade do Estado: Corpo Nacional de Policía, Garda Civil e Tropa e Mariñeiría do Exército.

Mediante este obxectivo pretendiamos que o alumnado, ao rematar o curso, se atopase en condicións de acadar a cualificación de "apto" nas probas de aptitude física para o ingreso nos distintos corpos e forzas de seguridade do Estado. Este obxectivo implica acadar a nota mínima de 5 nas distintas probas de aptitude física para o ingreso no Corpo Nacional de Policía, e o de "apto", nos restantes corpos.

  • Fomentar a práctica de exercicio físico.

 

Recursos empregados

Os recursos empregados no desenvolvemento do proxecto foron económicos, humanos e materiais.

En canto aos recursos económicos, o proxecto contou cun financiamento de 250 euros a conta da actuación 5, “Mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia”, dos contratos-programa do curso 2013/14. A estes habería que engadirlles os gastos derivados do funcionamento das instalacións deportivas en horario de tarde, que foron asumidas polo centro educativo.

Os recursos humanos redúcense ao docente de Educación Física do centro, con destino definitivo neste.

Por último, os recursos materiais utilizados foron os propios da materia de Educación Física: colchonetas, obstáculos, conos, picas, balóns, bancos suecos, cronómetro, asubío, cordas, correas etc.

Metodoloxía

Para poñer en marcha o proxecto convocouse unha reunión informativa dirixida ao alumnado interesado tanto do noso centro coma do IES Lama das Quendas. Este último foi convocado a través dunha mensaxe electrónica enviada ao Departamento de Educación Física. Nesta sesión expuxéronse os aspectos máis relevantes do proxecto, os asistentes foron informados dos requisitos de acceso a cada un dos centros de formación e das probas de aptitude física que se esixen para cada un deles. Ademais, tomóuselles nota dos datos persoais, documentouse unha breve anamnese e comprobouse o historial deportivo.


Estableceuse que as sesións de adestramento no centro se desenvolverían todos os martes en horario de 15.00 a 17.00 no pavillón polideportivo. Informouse claramente da gratuidade e da voluntariedade da participación no proxecto, así como do compromiso persoal que asumía cada alumno participante.
A metodoloxía de traballo que se levou a cabo dividíase en dúas partes, que consistían cada unha delas en:

1.º) Acudir aos adestramentos no centro, onde se desenvolvían as sesións técnicas de traballo adaptadas a cada unha das probas establecidas nos diferentes procedementos de selección de acceso. Na táboa 2 pódense apreciar as probas de aptitude física esixidas para o acceso aos distintos centros de formación. Ademais traballábanse os exercicios máis esixentes tecnicamente que, ben pola súa complexidade, ben pola súa carga fisiolóxica, debían de desenvolverse baixo control de persoal especializado que aplicaba a retroacción máis axeitada en cada momento.

Táboa 2. Probas físicas para o acceso a cada centro de formación

Fonte: elaboración propia

 

2.º) Aos alumnos participantes entregábaselles un plan de adestramento quincenal para desenvolver fóra do centro durante os demais días da semana, que se axustaba persoalmente segundo o diario de adestramento que cada alumno levaba. Neste plan de adestramento especificábanse as tarefas que había que desenvolver en cada sesión, especialmente para as probas de dominadas, natación e carreira de resistencia cíclica (segundo cada obxectivo de acceso). Estas dúas últimas probas, por motivos de instalación, tempo e dispoñibilidade, son as únicas que non se valoraron durante a realización do proxecto, aínda que, como xa se dixo, se adestraron igualmente, o que esixía un maior compromiso e responsabilidade por parte dos alumnado participante xa que adestraba pola súa conta e sen supervisión.

Nas dúas primeiras sesións elaboráronse co alumnado participante os diferentes aparatos necesarios para a realización, valoración e adestramento das distintas probas, tamén se delimitaron os espazos para estas:

  • Procedeuse a delimitar unha superficie lisa de 50 m de lonxitude no patio do centro para valorar a proba de velocidade de 50 m (acceso á Garda Civil), onde ademais se marcaron as localizacións dos obstáculos para valorar e adestrar a proba de carreira con obstáculos (acceso ao INEF de Galicia).
  • Delimitouse o circuíto de axilidade seguindo o gráfico 1 establecido no anexo correspondente da convocatoria de acceso ao Corpo Nacional de Policía, para valorar a proba de circuíto (foto 1). Así mesmo, modificáronse dous obstáculos con dúas picas cada un, como se pode apreciar na foto 2, para respectar o modelo establecido. Por último, modificáronse dous conos con senllas picas (foto 3).

Gráfico 1. Esquema do circuíto de axilidade

Foto 1. Circuíto de axilidade

Foto 2. Detalle do obstáculo

Foto 3. Detalle dos conos

 

  • Comprobouse a consistencia e idoneidade da barra para adestrar e valorar a proba de dominadas, como se pode ver na foto 4, proba requirida para o acceso ao Corpo Nacional de Policía.

Foto 4. Barra de dominadas

  • Seleccionouse unha columna do pavillón polideportivo para adestrar e valorar a proba de detente vertical, requirida para o acceso ao Corpo Nacional de Policía (foto 5).

Foto 5. Detente vertical

  • Delimitáronse dous corredores de 2 m de ancho cada un por 20 m de lonxitude para o adestramento e valoración do test Course Navette, proba requirida para o acceso a Tropa e Mariñeiría do Exército.
  • Sinalizáronse as marcas para adestrar e valorar a proba de detente horizontal requirida para o acceso a Tropa e Mariñeiría do Exército (foto 6).

Foto 6. Detente horizontal

Por último, sinalizáronse as liñas e as localizacións dos conos para adestrar e valorar a proba de axilidade con balón requirida para o acceso ao INEF de Galicia, como se pode apreciar na foto 7 (proba de fútbol, balonmán e voleibol) e foto 8 (proba de baloncesto). Para reducir os custos e o impacto sobre a instalación, as liñas da proba de balón delimitáronse con fita adhesiva de 5 cm de ancho (foto 9).

Foto 7. Proba balón: FTB, BLM e VOL

Foto 8. Proba balón: BLC

Foto 9. Fita adhesiva

  • Para o resto das probas que se pretendían adestrar e valorar no pavillón polideportivo: a proba de tren superior "flexións" para o acceso a Tropa e Mariñeiría e á Garda Civil; a proba de abdominais para o acceso á Tropa e Mariñeiría, e a de axilidade no chan para o acceso ao INEF de Galicia, unicamente se necesitaban colchonetas básicas de ximnasia.

 

Temporización

O proxecto desenvolveuse todos os martes lectivos desde o 14 de xaneiro ao 10 de xuño de 2014 e realizáronse en total vinte sesións de adestramento, equivalentes a 40 horas. Entregáronselles ao longo do proxecto doce plans de adestramento personalizado quincenais para mellorar nas probas de dominadas, natación e resistencia cíclica que desenvolvían, pola súa conta, ao longo de catro días da semana.

Realizáronse en total catro valoracións simulando o día do exame das probas adestradas: unha valoración inicial o 28 de xaneiro; un primeiro test o 25 de febreiro, un segundo test o 22 de abril, e un terceiro test o 10 de xuño. Como consecuencia dos resultados obtidos nas tres primeiras valoracións fixéronse os axustes necesarios nos programas de adestramento e potenciáronse as sesións de preparación técnica desenvolvidas os martes no centro educativo.

 

Avaliación

Para a avaliación dos progresos alcanzados polo alumnado tivéronse en conta as marcas establecidas nas convocatorias correspondentes.

Na táboa 3 pódense ver as marcas requiridas para obter a cualificación de "apto" nas diferentes probas para o acceso aos centros de formación da Garda Civil. Resáltanse en verde as perseguidas durante o proxecto.

 

Táboa 3. Marcas das probas de aptitude física para o acceso á Garda Civil

Fonte: elaboración propia

Na táboa 4 pódense apreciar as marcas baremadas para o acceso ao centro de formación do Corpo Nacional de Policía. Destácanse en verde os valores que se pretendían acadar ao finalizar o proxecto.

 

Táboa 4. Baremo das probas de aptitude física para o acceso ao centro de formación do Corpo Nacional de Policía

Fonte: elaboración propia

 

Na táboa 5 pódense observar as marcas requiridas para obter a cualificación de nivel "C" nas diferentes probas para o acceso aos centros de formación de Tropa e Mariñeiría do Exército (resáltanse en verde os perseguidos durante o proxecto).

Táboa 5. Marcas das probas de actitude física para o acceso a Tropa e Mariñeiría

Fonte: elaboración propia

 

Na táboa 6 pódense observar as marcas requiridas para obter a cualificación de nivel "A" nas diferentes probas para superar as probas de avaliación das aptitudes persoais para a admisión aos estudos de Ciencias da Actividade Física e do Deporte da Universidade da Coruña. En verde destácanse os tempos de execución máximos para ser declarado "apto" en cada proba.

Táboa 6. Tempo de execución máximo en cada proba de acceso ao INEF de Galicia

Fonte: elaboración propia

 

Dos alumnos participantes ata o final do proxecto, realizamos a seguinte valoración:

1) Dos tres alumnos de primeiro de bacharelato que prepararon as probas de acceso ao INEF de Galicia, un abandonou o proxecto por lesión deportiva allea ao programa; outro non se presentou ás devanditas probas durante o curso 2014; e o terceiro superounas na primeira data de convocatoria, o 26 de abril de 2014. A cualificación de "apto" obtida nestas probas manténselle ata o curso académico 2016/17 incluído, o que lle permitirá cursar segundo de bacharelato coa tranquilidade suficiente para preparar de forma axeitada as PAU, requisito imprescindible para cursar os estudos.

2) O alumno de segundo de bacharelato que preparou as probas de acceso ao centro de formación do exército superou as probas físicas desenvolvidas no mes de xullo e acadou o nivel "C" en todas elas. Non accedeu ao centro de formación por non superar o resto de probas académicas da convocatoria.

3) Os dous alumnos de cuarto da ESO que se prepararon para o acceso ao centro de formación da Garda Civil superaron as probas (agás a de natación ao non ser valorada) no test de simulación realizado o 10 de xuño no centro educativo.

4) Dos catro alumnos, tres de cuarto da ESO e un de primeiro de bacharelato que prepararon as probas de aptitude física para o acceso ao centro de formación do Corpo Nacional de Policía, os catro obtiveron a cualificación mínima de "5" no primeiro e terceiro exercicio. Non obstante, ningún dos catro alcanzou a nota mínima perseguida no exercicio número dous (dominadas).

Conclusións

A principal conclusión que podemos sacar do proxecto realizado é que resultou un éxito. A implicación dos alumnos en cada unha das sesións, así como as continuas preguntas sobre as tarefas de adestramento e sobre o porqué dos programas de adestramento, permitiulles afondar máis no coñecemento do plan de traballo individualizado, á vez que lles permitiu mellorar o seu nivel de condición física con respecto ao comezo do proxecto.

A aprendizaxe realizada polos alumnos dos exercicios de adestramento tecnicamente máis complicados permitiulles mellorar a súa capacidade de superación e esforzo. Mesmo o traballo colectivo, a axuda ao compañeiro e a motivación intersuxeitos se viu mellorada ao longo do proxecto.

Abonda dicir que o alumnado do centro solicitou a continuidade do proxecto para o curso 2014/15, o que reflicte o interese espertado nos alumnos do centro cara ao adestramento deportivo dirixido ao acceso, ben a estudos de grao, ben a centros de formación dos diferentes corpos e forzas de Seguridade do Estado.

 

 

 

Bibliografía: 

 

 

Resolución do 20 de maio de 2013, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se regulan, para o curso 2013/14, os contratos-programa con centros educativos e se establecen as bases para a convocatoria e selección de programas dirixidos á mellora do éxito escolar nos centros docentes de educación primaria e secundaria dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (DOG núm. 127, 5 de xullo de 2013, páxs. 26837-26852)

 

Recursos web: sinálanse as últimas convocatorias de acceso aos distintos centros formativos.

Regulamento das probas específicas de acceso aos estudos superiores de Educación Física

Convocatoria de probas específicas de admisión aos estudos de grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, da facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física, para o curso académico 2014/15

Vídeos das probas específicas de acceso

Resolución do 24 de xuño de 2014, da Dirección Xeral da Policía, pola que se convoca oposición libre para cubrir prazas de alumnado da Escola Nacional de Policía, da División de Formación e Perfeccionamento, aspirantes a ingreso na Escala Básica, categoría de Policía, do Corpo Nacional de Policía.

Resolución 160/38043/2014, do 20 de maio, da Subsecretaría, pola que se convocan probas selectivas para o ingreso directo, polo sistema de concurso-oposición, nos centros docentes de formación, para a incorporación á escala de cabos e gardas do Corpo da Garda Civil.

Como ingresar nos corpos xerais de Mariña e Infantería.

 

Sección: