cabeceira actualidade 62

EURAXESS, a Rede Europea da Investigación

Euraxess (Researchers in motion) é unha iniciativa da Comisión Europea que ten como obxectivo principal proporcionarlles información, apoio e asesoramento gratuíto ao persoal investigador e ás súas familias naquelas cuestións que debe coñecer unha persoa investigadora que desexe desprazarse dun país a outro, tales como trámites administrativos, bolsas e ofertas de emprego en investigación, seguridade social, entrada e residencia noutro país, dereitos do persoal investigador etc.
Tempo de lectura: 
5 minutos

Euraxess conta cunha rede de apoio ao investigador interesado na mobilidade, con máis de 200 centros de servizos europeos distribuídos en 37 países.

Faise visible e accesible na rede a través do portal europeo Euraxess, onde se poden localizar espazos informativos de carácter xeral sobre aspectos relativos á mobilidade do persoal investigador, así como seccións de carácter máis específico como Euraxess Jobs, Euraxess Links ou Euraxess Dereitos.

Euraxess Jobs é a sección do portal que ten basicamente dous tipos de usuarios:

  • O persoal investigador, que pode consultar convocatorias de bolsas en investigación, ofertas de emprego en investigación ou introducir o seu currículo co obxecto de que este sexa publicado na base de datos europea de investigadores e que poderá ser consultado e coñecido polas institucións.
  • As institucións (universidades, centros de investigación, empresas etc.), que poden publicar as súas ofertas de bolsas ou de emprego en investigación ou mesmo localizar investigadores europeos e internacionais, consultando a base de datos dos currículos almacenados para tal fin no sistema.

Euraxess Links constitúe unha ferramenta de comunicación para o persoal investigador onde se amosa información sobre investigación en Europa, política científica europea, mobilidade transnacional ou posibilidades de cooperación internacional.

Euraxess Dereitos informa sobre a Carta europea do investigador e sobre o Código de conduta para a contratación de investigadores. Poden considerarse estes dous documentos como a chave para facer atractiva a carreira do persoal investigador no marco da política da Unión Europea. Están dirixidos a empregadores ou a entidades financeiras tanto do sector privado coma do público, así como ao propio persoal investigador.

A Carta europea do investigador recolle principios e esixencias xerais que especifican o papel, os dereitos e as responsabilidades do persoal investigador e das entidades que empregan ou financian investigadores. O seu obxectivo é garantir que se fomente a xeración, a transferencia, a distribución e a difusión do coñecemento e dos avances tecnolóxicos e o desenvolvemento profesional do persoal investigador, a partir da relación entre os investigadores e os empregadores ou financiadores.

Esta carta ten como público destinatario o persoal investigador da Unión Europea, en calquera etapa das súas carreiras e en todos os campos da investigación, no sector público ou privado, calquera que sexa a personalidade xurídica do empregador ou o tipo de centro ou organización no que se realiza o traballo.

O Código de conduta para a contratación de persoal investigador recolle principios e esixencias xerais que deben seguir os empregadores ou os financiadores, principios tales como a transparencia do proceso de contratación e a igualdade de trato entre todas as persoas candidatas no marco dun mercado laboral europeo.

Carta e código serán os documentos de base que deberán ter en conta os empregadores e os financiadores á hora de contratar o persoal investigador, sen esquecer, por suposto, o marco legal vixente en materia laboral do estado onde se realice a contratación.

España adheriuse a esta iniciativa europea, Euraxess (Researchers in motion), en agosto de 2004 e, na actualidade, conta con máis de 50 centros repartidos polas diferentes comunidades autónomas, coordinados pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), a cal, ademais, xestiona o portal Euraxess España.

O Centro Coordinador Nacional (euraxess-spain@fecyt.es) ofrece un servizo ao que poden dirixirse consultas referidas á mobilidade do persoal investigador.

Máis información:

Palabras clave: 
Sección: