O kamishibai, recurso versátil e dinámico da nosa biblioteca

Despois de sobrevivir ao longo da historia, o tradicional kamishibai rexorde como un recurso moderno que se adapta á nova situación económica, social e política. Desde a biblioteca do centro utilizámolo como ferramenta para contribuír á mellora das competencias básicas que se enmarcan dentro do proceso de ensino-aprendizaxe.

M.ª Pilar Filloy Colmeiro (filloycolmeiro@edu.xunta.es)
Coordinadora da biblioteca do CEIP de Oímbra
Iván Martínez García (imgarcia@edu.xunta.es)
Dunia Damota Bermúdez (ddb@edu.xunta.es)

INTRODUCIÓN

Ten o home unha tendencia a mirar ao pasado para mellorar o futuro? Podemos responder afirmativamente a esta cuestión fixándonos na evolución de diferentes campos artísticos, como pode ser a escritura, a pintura e a música. Acotío vemos como os novos artistas reinventan o seu estilo alimentándose de tendencias de éxito dalgunhas décadas atrás; o termo vintage cobra importancia e tende a pór en valor todo o que define.

Trasladando esta reflexión ao mundo da educación, podemos argumentar que o tradicional versus moderno segue a ser un complemento de éxito no proceso de ensino-aprendizaxe. No mundo actual, onde as novas tecnoloxías son ou parecen ser o motor deste complexo proceso, atopamos o kamishibai tradicional loitando por “rexurdir” como xa fixo en épocas anteriores.

HISTORIA DO KAMISHIBAI

Se lle botamos una ollada a esta técnica que literalmente significa ‘drama de papel’ ou ‘teatro de papel’, decatámonos de que ten as súas orixes nos templos budistas de Xapón do século XII e de que se mantivo durante séculos como instrumento artístico, ata que de novo rexorde na década dos anos vinte coincidindo coa gran depresión. Durante esta época os milleiros de desempregados atoparon no kamishibai (Street-corner-kamishibai) un recurso para gañar algo co que alimentar a súa familia. Colocábanse nas rúas cos seus kamishibais para vender doces, xa que aqueles pais/nais que os mercaban obtiñan o dereito a que os seus fillos ocupasen os primeiros postos e así gozar da posta en escena das pequenas historias que relataban. Co comezo da Segunda Guerra Mundial, o kamishibai, lonxe de desaparecer converteuse nun instrumento para enxalzar os valores patrióticos ao servizo da guerra. Unha vez finalizada a contenda, o kamishibai serviríalles de instrumento a moitos homes e mulleres para construír unha nova sociedade fomentando os valores democráticos.

Sería o educador Kenya Matsunaga (1888-1965) quen desenvolvería o kamishibai como técnica educativa. Non obstante, considérase a Gozan Takahashi como a iniciadora do “kamishibai educativo”, que deu paso ao kamishibai interactivo que permite e fomenta a participación do público.

KAMISHIBAI: UN RECURSO ESPECIAL E INTEGRADOR NA NOSA BIBLIOTECA

O proceso de elaboración e uso do kamishibai desenvolve unhas habilidades e capacidades que contribúen ao proceso de adquisición das competencias básicas. A través da lectura de diferentes tipos de textos e a posterior creación dos textos que explican as láminas, trabállase a expresión oral e escrita, así como a expresión artística. Foméntase a creatividade, a imaxinación, a fantasía, a iniciativa persoal, a cooperación e o traballo en grupo. En definitiva, o alumnado aprende a aprender de motu propio.

A nosa biblioteca como centro de recursos para o ensino e aprendizaxe conta desde o curso pasado co kamishibai. Como ferramenta lúdica, versátil e dinámica permítenos mergullarnos nos libros e en todo tipo de fontes de información para comunicar o resultado dos nosos traballos de investigación e compartilos coa xente que nos rodea.

Temos que confesar que para nós era algo totalmente novo, do que nunca oiramos falar. Xunto co kamishibai recibimos algúns contos clásicos e outras lendas non tan coñecidas. Así, inicialmente utilizámolo para traballar a lectura e a expresión oral no máis amplo senso, narrando historias xa feitas, pero pronto nos decatamos das posibilidades que ofrecía. Neste momento comezamos a empregalo como soporte e medio de presentación de traballos que estabamos levando a cabo, por exemplo, “A horta escolar ecolóxica”, entre outros. O alumnado céntrase nun tema interdisciplinar que será o fío condutor arredor do que se realizarán distintos traballos e tarefas de investigación, para conseguir chegar ao coñecemento do tema proposto. Posteriormente, estrutúrase e sintetízase o aprendido, para logo plasmalo nas láminas do kamishibai (debuxo grande e sinxelo co seu texto conciso correspondente, que procuramos empregar en distintas linguas: castelán, galego, inglés e portugués) e que utilizaremos co fin de lle expoñer o tema ao resto do alumnado.

Este “teatriño de papel” ten o seu encanto e engancha o público infantil dunha forma fascinante. A interacción entre o actor e o espectador é moi intensa, por isto o público mantense atento non só ao contido senón tamén á forma de interpretación. Convértese así nun recurso importante que nos permite traballar os distintos contidos que favorecen a integración do resto de elementos do currículo.

 

Sería moi doado deducir como contribúe a mellorar a competencia lingüística nos seus diferentes aspectos: o alumnado esfórzase en perfeccionar a súa expresión oral cunha lectura axeitada, co ritmo e entoación adecuados, vocalizando correctamente e cun ton de voz que mantén a atención dos seus compañeiros. A comprensión oral cobra importancia no espectador que permanece atento ao contido e escenificación, contribuíndo a crear unha atmosfera de máxima atención e silencio, imprescindibles á vez para poder absorber toda a información que nós pretendemos transmitir.

A competencia no tratamento da información convértese nun eixe importantísimo, xa que aos nenos e nenas débeselles ofrecer o máis amplo abano de posibilidades de atopar a información necesaria para que poidan ser os artífices do seu proceso de coñecemento, o que favorece a súa autonomía e iniciativa persoal. Desta maneira empregaranse todos aqueles soportes posibles á disposición do alumnado (tradición oral, información escrita, internet…) para que finalmente todo o “descuberto, investigado e aprendido” se plasme, neste caso, nas láminas que darán lugar á posta en escena do kamishibai.

Un exemplo concreto disto levámolo a cabo este ano, no mes de novembro, cando con motivo do Magosto decidimos coñecer a orixe da lenda de San Martiño.

(Vídeo 1. Lenda de Sao Martinho)

O alumnado buscou a información pertinente e, logo de comentala na clase, sintetizouse e repartíronse as escenas entre os grupos de alumnos. Posteriormente, deseñaron as láminas e escribiron o texto correspondente. Dado que temos un programa de Lingua e Cultura portuguesas, o traballo realizouse conxuntamente en portugués e galego. Desta maneira a integración das dúas linguas é total. Noutras ocasións levouse a cabo escribindo o texto en galego, castelán, portugués e inglés.

A competencia dixital tamén está presente á hora de buscar información en internet ou cando pasamos o kamishibai realizado a un soporte dixital.

(Vídeo 2. Os heroes do horto)

O kamishibai coexiste cos diferentes recursos das TIC (readers, tablets, PC e internet) e o que a primeira vista podería parecer unha competencia desleal non o é porque o kamishibai transfórmase e é capaz de adaptarse aos diferentes recursos tecnolóxicos presentes nas aulas.

Sorprendeunos especialmente o interese do alumnado con problemas de autoestima e aprendizaxe, que se sentiu integrado de maneira especial nesta actividade. Aos alumnos con problemas no proceso lector resúltalles estimulante porque, despois de ler varias veces os textos que lles corresponden para mellorar a dicción e entoación (incluso ás veces levaron o texto para a casa co fin de perfeccionar a lectura coa axuda da súa familia), decátanse de que son capaces de realizar a actividade igual ca o resto dos seus compañeiros, polo que o kamishibai resulta ser un marabilloso recurso integrador.

A modo de síntese, a través do kamishibai podemos traballar de forma transversal infinidade de contidos relacionados co currículo. Foméntase a creatividade, a imaxinación e o traballo cooperativo entre o alumnado. É una ferramenta moi útil para utilizar contidos que a priori parecen abstractos e monótonos, e que a través deste recurso podemos convertelos en divertidos e gratificantes, xa que o proceso de elaboración leva consigo diferentes pasos que poden ser, entre outros: elección dun tema para tratar, síntese e esquema (organizar, estruturar), elaboración das láminas (debuxo, escritura), ensaio do texto coas imaxes (traballo, esforzo), representación (levar a cabo a posta en escena), posta en común (debate, reflexión e espírito crítico) e análise e aprendizaxe do vivido (reflexión sobre o aprendido, conclusións).

 

TRES CAMIÑOS DIFERENTES DA POSTA EN ESCENA DO KAMISHIBAI

Empregamos o kamishibai de tres formas diferentes:

  1. Primeiramente, iniciámonos representando as historias ou contos que existen no mercado editorial. Decatámonos de que resultaba moi sinxela a súa posta en escena e, ao mesmo tempo, era un recurso espléndido para traballar a lectura no máis amplo senso da palabra, a dicción e a entoación.
  2. O segundo paso démolo cando desde a nosa biblioteca puxemos o kamishibai ao servizo dos centros de interese que traballamos en cada momento. Comezamos a elaborar as nosas propias historias, o alumnado escribe os seus propios guións, reforza así a expresión escrita e convértese sen esperalo en algo lúdico e divertido. Paralelamente a competencia artística e matemática está presente en todo momento, xa que o alumnado debe relacionar texto e imaxe sabendo sintetizar ao máximo o contido que queremos transmitir, adaptándoo ao espazo e número de páxinas.
  3. Outra experiencia que levamos a cabo foi elixir un conto que nos interese e adaptalo ao kamishibai. Así, coincidindo coa chegada da primavera versionamos o libro da editorial Kalandraka titulado Xaime e as landras e representámolo en lingua galega e lingua inglesa.

 

Participou un número elevado de alumnos debido a que se repartiu o traballo de colorear e escribir os textos nas dúas linguas. Convértese, ao final, nun taller de expresión oral e escrita, así como de expresión artística, no que os alumnos traballan as distintas competencias de forma lúdica. Por suposto, o proceso culmina na posta en escena do conto a través das diferentes láminas elaboradas como se dunha obra de teatro se tratase.

CONCLUSIÓN

Desde a nosa biblioteca escolar, como eixe vertebrador das actividades realizadas ao longo do curso escolar, descubrimos a gran potencialidade que posúe o kamishibai como recurso alternativo e versátil, que se pode adaptar aos nosos obxectivos con facilidade, empregando de distintas formas: a través dos contos ou lendas xa elaborados que existen no mercado editorial ou ben elaborando as historias, completamente, no noso propio centro.

Por todo o exposto anteriormente, consideramos o kamishibai como unha ferramenta educativa moi motivadora para desenvolver o proceso de ensino-aprendizaxe do noso alumnado de educación infantil e primaria.

 

Bibliografía: 

 

  • Aldama Jiménez, Carmen. “La magia del Kamishibai”, en TK, núm. 17, decembro 2005, pp.153-162. Asociación Navarra de Bibliotecarios
  • Decreto 130/2007, do 28 de xuño, polo que se establece o currículo da educación primaria (DOG 09/07/2007).
  • Kamishibai (2013, 23 de setembro). Wikipedia, la enciclopedia libre (http://es.wikipedia.org/w/index.php?title=Kamishibai&oldid=69769236)
  • Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

HIPERENLACES

 

Sección: