Fomentando a lectura de prensa desde a biblioteca

Conseguiremos facelos ler?
Este artigo fai referencia ás distintas prácticas levadas a cabo desde a biblioteca Fiz Vergara Vilariño do IES Gregorio Fernández de Sarria (Lugo) para o fomento da lectura de prensa, as cales conseguiron a Mención de Honor no 2011 nos Premios Nacionais de Fomento da Lectura de Prensa do MEC, e que continúan a fomentarse na nosa biblioteca.

M.ª Raquel Arias Arias
Lcda. en Filoloxía Inglesa e Xornalismo (USC)
Responsable da biblioteca escolar do IES Gregorio Fernández de Sarria (Lugo)
raquelarias@edu.xunta.es

Tendo en mente o fomento da lectura de prensa, expóñense a continuación os proxectos e iniciativas impulsadas directamente desde a nosa biblioteca, desde o 2006 ata a actualidade, coa finalidade de achegar as fontes de información máis clásicas: prensa, revistas e publicidade á comunidade educativa do IES Gregorio Fernández de Sarria para formar lectores críticos no uso e manexo da información escrita. Para acadar este obxectivo, usáronse as estratexias que a continuación se citan.

Xa desde antes do 2006, tentamos que a biblioteca se convertese nun espazo con nome propio, en todos os sentidos, á que lle demos o nome do poeta de Lóuzara, Fiz Vergara Vilariño. A nosa biblioteca integrouse na primeira convocatoria do Plan de mellora de Bibliotecas Escolares da Consellería de Educación no curso 2005-2006.

O primeiro que fixemos para comezar as prácticas da biblioteca arredor de distintas fontes de información foi unha enquisa pública na que os usuarios potenciais (alumnado, profesorado, pais, nais e persoal non docente) pediron as revistas de actualidade que lles gustaría que estivesen na biblioteca mediante a campaña de recollida de sinaturas: Asina polas revistas que queres ler!, a creación dun recuncho de prensa e revistas de actualidade e o I Concurso de Cazapos en Prensa, unha interesante aposta que sorprendeu a grandes e pequenos.

 

Asina polas revistas que queres ler!

Posteriormente, estas actividades víronse complementadas por outras como a Semana da Prensa Económica, na que o alumnado traballou a micro e a macroeconomía mediante a análise da prensa salmón, a charla-coloquio sobre xornalismo e economía impartida polo director do xa desaparecido xornal No Va +, José M.ª Alvárez Vilabrille, e a exposición de viñetas e chistes Sorría coa Economía, localizadas e recortadas polo alumnado nos xornais do momento.

Tendo en conta que o noso traballo se desenvolve no instituto e o noso alumnado está en plena adolescencia, quixemos potenciar xustamente isto: os sentimentos e afectos, o que nos fai sentir e vibrar. De aí xurdiu o concurso As túas Mascotas Meréceno, no que alumnos e profesores expuxeron fotos das súas mascotas acompañadas das súas descricións, así como a localización de noticias relacionadas cos animais, especialmente admirables na localización de persoas ante unha catástrofe.

Con todo, a prensa é moito máis ca iso e por isto é usada continuamente como ferramenta de traballo e recordatorio de efemérides que non poden ser obviadas nin esquecidas (20 de novembro, 25 de novembro, 29 e 30 de xaneiro, 8 de marzo, 21 de marzo, 23 de abril, 17 de maio etc.).

Así, por exemplo, o Día dos Dereitos do Neno (20 novembro) foi conmemorado coa exposición de carteis con viñetas de Mafalda co título: A infancia e os seus dereitos, que se viron acompañadas da recollida e pegado de noticias relacionadas coa violación dos dereitos da infancia en colaboración cos titores correspondentes, peza clave sempre imprescindible no proceso de fomento de lectura de prensa.

 

A infancia e os seus dereitos

Actividades similares fixéronse e poden facerse con outras efemérides coma o 25 de novembro (Conmemoración do Día para a Eliminación da Violencia contra a Muller), o 30 de xaneiro (Día da Paz e a non Violencia) ou o 8 de marzo (Día da Muller Traballadora), na que se implicou non só o profesorado a través de grupos de ESO e bacharelato que recolleron informacións sobre as mulleres na literatura, nas ciencias e nas matemáticas, senón tamén o dos ciclos formativos que cursan Formación e Orientación Laboral, que contribuíron cunha recollida e exposición de noticias sobre a muller e a súa loita contra as inxustizas laborais.

Aínda así, nesta procura por atopar o gozo pola lectura da prensa, tentamos sempre ofertar actividades innovadoras que lles causasen impacto aos nosos usuarios, e de aí partiu o concurso de fotografía realizado tradicionalmente o Día do San Xoán Bosco (patrón dos antigos centros de formación profesional), porque... a quen non lle gusta facer fotos? Grazas ás cámaras dixitais e teléfonos móbiles, un concurso de fotografía é practicamente gratis, pero non se trata dun concurso clásico. Os participantes deben fotografar imaxes tan sutís como o poema de Antonio García Teijeiro:

No mar dos teus ollos,

uns ollos de sal;

no sal, os menceres;

menceres de paz.

As imaxes dos adolescentes xurdidas destas pistas son sempre sorprendentes e espectaculares. O concurso de fotografía vese complementado pola mostra: Para unha boa fotografía, olla esta bibliografía, na que saen dos andeis interesantísimos libros de fotografía como os pertencentes á colección Galicia en Foco, que doutro xeito non serían usados nin emprestados ao público.

A todo isto hai que sumar unha das actividades estrela da biblioteca e do Departamento de Inglés: a busca de slogans en inglés na publicidade das revistas, o que orixinou o concurso que xa vai pola súa novena edición: The Guinness of English Slogans in Advertisements, algo moi sinxelo xa que, tan pronto como nomeas na aula a palabra Nokia, todos contestan: “Connecting people”. Desde os seus comezos, o concurso tivo un éxito incrible e ano tras ano as parellas gañadoras recompilan e pegan máis de douscentos slogans sacados de revistas nacionais. Con isto lógranse varios obxectivos: exercicios de busca, de lectura, de tradución e de tropezar con artigos e reportaxes agochados nas revistas, porque... quen non parou a ler algo interesante mentres buscaba outra cousa? Conseguiremos facelos ler?

 

Slogans en inglés na publicidade)

O intenso traballo co Departamento de Inglés fixo que varios cursos traballaran na localización e tradución de palabras e expresións inglesas que están invadindo a linguaxe da prensa escrita. Con este material a nosa biblioteca confeccionou a mostra Por que lle chaman feeling cando queren dicir sentimento?, un bo exemplo do traballo do noso alumnado.

 

Por que lle chaman feeling cando queren dicir sentimento?)

O fomento da lectura de prensa pasa tamén polas charlas e visitas ao centro e á biblioteca de persoas vinculadas ao cómic e ao mundo xornalístico, entre os que cabe destacar figuras do talle de Xesús Alonso Montero, Xosé Tomás ou Anxo Fariña, así como as visitas á redacción e talleres de El Progreso, o xornal máis próximo fisicamente a Sarria.

Neste afán polo fomento e o achegamento, a biblioteca é ademais unha sala de exposicións temporais, o cal se logrou por primeira vez coa exposición: Xornais. De onte e de hoxe. De Sarria e do mundo, unha gran mostra composta por prensa internacional doada polas embaixadas, os compañeiros e unha serie de publicacións sarrianas xa desaparecidas; pero a exposición non foi só un “pasen e vexan”, xa que incluía unha caza do tesouro na que o alumnado tiña que responder unha serie de preguntas e superar unha serie de probas que os conducían ata unha sorpresa agochada na biblioteca.

 

Exposición de xornais do mundo)

Conseguir que a biblioteca funcionase como sala de exposicións temporais foi posible grazas á adquisición de paneis de metacrilato cortados á medida que permiten traballar nas mesas ao tempo que se le tranquilamente o que está debaixo. Isto fíxose tamén coa exposición: Cartas para o recordo. Lembrando a Fiz Vergara Vilariño, unha emotiva mostra que falaba por si soa dos sentimentos dun gran poeta e que se viu acompañada por un completo informe da prensa do momento sobre o poeta de Lóuzara.

O fomento e o prestixio da prensa e da biblioteca pasa porque unha e outra se complementen e por iso as nosas actividades son continuamente obxecto de noticias, o que contribúe a que dinamizadores e usuarios nos sintamos prestixiados e privilexiados por gozar deste máxico lugar que é a nosa biblioteca. Entre as actividades culturais que son tradicionalmente obxecto de análise na prensa cabe destacar o xa desaparecido Premio de Narración IES Gregorio Fernández, que chegou á súa décima edición, a mostra O San Xoán no Tempo, composta por máis de cincuenta programas das festas patronais de Sarria, ou calquera das actividades ata agora citadas.

Outra das estratexias empregadas foron as noticias de prensa e as reivindicacións veciñais, que serviron de base para a elaboración doutros produtos xornalísticos: elaboración dun vídeo-documental sobre o poeta Fiz Vergara Vilariño e a elaboración dun vídeo-documental en defensa da Torre de Sarria.

Así pois, e como resultado de todo este número de actividades, a nosa biblioteca convértese en noticia, isto é, Somos noticia na prensa! grazas á creación de diferentes actividades culturais, o cal ten unha consecuencia inmediata, que é a posta en valor das nosas actividades, da lectura e da cultura no que o noso alumnado se converte en actor e protagonista da noticia de prensa.

Todo isto non sería posible sen a participación xa por cuarto ano do noso centro no programa Prensa-Escuela de La Voz de Galicia, que serve para a lectura e traballo do noso alumnado e a posterior agarimosa relectura de todos eses pais e avós da Galicia do interior que agardan ansiosamente a chegada dun xornal que tamén hoxe trae o neno do instituto de balde.

Bibliografía: 

 

Sección: