A lingua sabe a pan

Un PDI para unha comunidade educativa
O pasado 29 de novembro publicábase o resultado dos Premios Nacionais de Educación en Ensinanza non Universitaria 2013. O proxecto presentado polo noso centro (A lingua sabe a pan) recibía o Premio ao Desenvolvemento de Competencias de Lectoescritura e Audiovisuais (na modalidade A). Impulsado desde o equipo de biblioteca, A lingua sabe a pan foi un proxecto da comunidade educativa (porque sen o traballo conxunto de profesorado, alumnado e familias non sería posible) e para a comunidade educativa (porque buscaba, precisamente, a implicación e a participación de todos os seus membros).

Mónica Muñoz Sobrino
Mestra especialista en Educación Musical
Coordinadora do equipo de biblioteca
CEIP Frian – Teis
munozsobrino@edu.xunta.es

O contexto

O CEIP Frian-Teis, construído no ano 1978, sitúase no barrio periférico de Teis, en Vigo. Escolariza ao redor de 350 alumnos e alumnas repartidos en 18 unidades (seis de educación infantil e doce de educación primaria). O claustro está formado por 30 mestres e mestras.

Desde os seus inicios o centro caracterizouse pola alta porcentaxe de alumnado foráneo, cuxa procedencia foi variando segundo as circunstancias económicas do momento. Na actualidade sobresae o de orixe romanés, ao que hai que engadir un número crecente de alumnos con necesidades educativas especiais de todo tipo.

O alumnado é castelanfalante na súa maioría. Aínda que usa indistintamente o galego e o castelán para as súas lecturas, presenta escasa fluidez na escrita e na expresión oral en lingua galega.

No curso 2007/08 constituíuse o Equipo de Biblioteca Escolar. A partir dun espazo infrautilizado, infradotado e descoñecido pola meirande parte da comunidade educativa, o  equipo de biblioteca foi traballando ata conseguir que, na actualidade, a biblioteca sexa o verdadeiro motor que dinamiza a vida do centro. Desde entón, sen desatender os outros dous aspectos da dinamización (promoción da lectura e da escritura e formación de usuarios), o noso equipo vén priorizando a educación documental, xa que a consideramos o medio idóneo para que o noso alumnado acade a consecución de múltiples competencias. 

 

Desta consideración xurdiu a aposta polos proxectos documentais integrados (PDI) como a fórmula axeitada para facer converxer as forzas e intereses de toda a comunidade educativa (profesorado, alumnado e familias), de todas as actividades (regradas, complementarias e extraescolares) e de todos os programas nos que o centro participa.

Segundo isto, A lingua sabe a pan non é un PDI illado na súa xénese, senón que recolle a experiencia doutros cinco proxectos previos e aproveita as estruturas que se teñen creado durante estes anos, estruturas xa interiorizadas e asumidas polo profesorado.

Obxectivos

De xeito específico, coa temática do proxecto propuxémonos catro obxectivos vinculados coas competencias lingüística e cultural:

  1. Pór en valor a tradición oral do noso país.
  2. Fomentar o uso da lingua oral entre o alumnado.
  3. Coñecer os principais elementos folclóricos vinculados á cultura agraria e aos muíños.
  4. Difundir a riqueza da nosa tradición oral entre a totalidade da comunidade educativa.

Non obstante, a oralidade era tan só unha escusa para traballar outros aspectos que, globalmente, contribuísen á mellora das restantes competencias. Así pois, baixo esa aparencia superficial subxacían outra serie de obxectivos de moita importancia:

  1. Integrar as aprendizaxes do alumnado, relacionándoas con diferentes tipos de contidos (conceptos, destrezas e actitudes) e coas diferentes áreas do coñecemento.
  2. Favorecer a adquisición e a consolidación de hábitos de lectura en distintos soportes e estilos, en lingua galega, castelá ou inglesa, mediante o deseño e proposta de diferentes actividades de animación lectora.
  3. Potenciar a comprensión lectora, a expresión oral e escrita e a comunicación audiovisual, aproveitando os recursos materiais e tecnolóxicos que ofrecen o centro e a contorna social.
  4. Fomentar as habilidades de busca, selección, procesamento, tratamento e comunicación da información, tanto en documentos impresos coma electrónicos, estimulando para iso o sentido crítico.
  5. Realizar pequenas tarefas de educación documental, adaptadas á idade do alumnado, relacionadas coa cultura tradicional do pan.
  6. Ofrecerlle ao alumnado diversos recursos, estratexias e técnicas que lle permitan avanzar na competencia de aprender a aprender, e progresar cara a unha autonomía nas súas aprendizaxes.
  7. Desenvolver entre o alumnado hábitos de traballo individual e de equipo, de esforzo e de responsabilidade no estudo e actitudes de confianza en si mesmo, sentido crítico, iniciativa persoal, curiosidade, interese e creatividade na aprendizaxe.

Desenvolvemento do proxecto

“Unha lingua é boa cando sabe a pan... cando sabe a pan fresco”

Esta frase de Álvaro Cunqueiro foi a auténtica inspiradora do proxecto. Arredor dela conseguimos organizar unha estrutura que implicou a toda a comunidade educativa (alumnado, profesorado e familias) e que entrelazou a dinamización bibliotecaria e o uso das tecnoloxías da información e da comunicación.

Pezas fundamentais nesta estrutura foron:

  • a integración de equipos docentes,
  • a unificación de propostas entre equipos,
  • o uso do blog da biblioteca como auténtica ferramenta pedagóxica, na que se publican as diferentes propostas, recursos, actividades e traballos do alumnado.

 

Aínda que o PDI se estendeu ao longo de todo o curso escolar, o prato forte foi o traballo de educación documental desenvolvido durante o segundo e o terceiro trimestres arredor da cultura tradicional do pan. Cada grupo-aula organizou o seu traballo de xeito autónomo, sempre co apoio do equipo de biblioteca, que achegou documentación e creou materiais para guiar o proceso.

Atendendo ás avaliacións de anteriores PDI insistiuse en:

  • Potenciar a investigación baseada en documentos impresos e evitar o uso exclusivo de internet como fonte de información.
  • Mellorar a presentación dos traballos escritos, expresándose cun estilo persoal (sen copiar) e incluíndo os apartados básicos (índice, introdución,  conclusión, ibliografía...).
  • Favorecer as exposicións orais como medio para comunicar os coñecementos adquiridos dun xeito coherente e eficaz.

Así mesmo, repartíronse as temáticas para estudar entre os distintos niveis:

  • Educación infantil: a historia dunha semente
  • 1.º curso de primaria: tipos de pan
  • 2.º curso de primaria: os fornos
  • 3.º curso de primaria: os cereais e as súas tarefas
  • 4.º curso de primaria: os ríos
  • 5.º curso de primaria: os hórreos
  • 6.º curso de primaria: os muíños.

En función desta temática e das indicacións sinaladas máis arriba, o traballo organizouse en tres fases:

  • Traballo escrito sobre o tema asignado (segundo o nivel, adoptou diferentes formatos: libro, mural, documento manuscrito, documento electrónico).
  • Exposición oral do traballo realizado.
  • Conto teatralizado relacionado coa temática de traballo.

 

Para orientar nestas tarefas de investigación, o equipo de biblioteca elaborou tres titoriais:

e tamén outros materiais didácticos:

Arredor deste núcleo central da cultura tradicional do pan organizáronse as habituais conmemoracións escolares e as propostas que, ano tras ano, se veñen desenvolvendo na biblioteca:

 

 

Nesta teima por preservar a tradición oral, cabería salientar dúas actuacións:

  • A voltas coa lingua. Esta actividade xurdiu coa intención de fomentar a participación da comunidade educativa, favorecer a expresión escrita e animar no uso das novas tecnoloxías.
    Consistiu nunha reflexión ao redor da lingua e da frase inspiradora do noso proxecto. Así, a través de formularios propuxéronse preguntas como:
  • Que quería dicir Cunqueiro con esta frase?
  • A min sábeme a...
  • A que che soa...?

A cunca da sabedoría. Consistiu na gravación das lembranzas de persoas maiores arredor da temática do pan e das festas anuais. Con estas gravacións creouse unha canle en Ivoox.

 

Avaliación

En función dos problemas detectados, durante todo o proxecto fóronse adoptando medidas correctoras, para reconducir a tarefa. A avaliación realízase tomando como criterios:

  • a propia observación sobre o desenvolvemento da actividade,
  • as suxestións dos membros da comunidade escolar,
  • os produtos elaborados a partir das propostas presentadas,
  • as estatísticas proporcionadas polo programa de xestión bibliotecaria.

Ao rematar o proxecto, avaliamos de xeito moi positivo o traballado, en canto que se constata:

  • un significativo avance do alumnado no que se refire ás competencias oral e escrita,
  • unha mellora no clima da aula, ao fomentarse as actividades que esixen un traballo en equipo,
  • unha maior responsabilidade na presentación dos traballos escritos,
  • un grande entusiasmo á hora de abordar os traballos por parte do alumnado,
  • un incremento dos índices de lectura,
  • unha gran participación e asunción de responsabilidades por parte de todos os membros da comunidade educativa,
  • un interesante aproveitamento dos recursos que nos ofrece a contorna.
  •  

Conclusións

Despois de varios anos traballando con PDI, e co pouso que estes van deixando, podemos dicir que A lingua sabe a pan supuxo un salto cualitativo no centro, tanto para o profesorado como para o alumnado ou as familias.

Efectivamente, o profesorado xa está a superar o peso das experiencias previas que o levaban a funcionar de xeito autónomo: esfórzase por traballar en equipo e asume conscientemente dinámicas que anteriormente causaban inquietude e incerteza, é dicir, dinamízase e renóvase pedagoxicamente.

Pola súa banda, o alumnado respondeu de xeito entusiasta ao proxecto, participando con grande interese en todas as propostas formuladas. Evidentemente, o sentirse partícipes e construtores das súas propias aprendizaxes eleva a motivación. Non obstante, o máis importante é o proceso de enriquecemento competencial no que participaron. Nese sentido, A lingua sabe a pan tivo a virtude de permitir integrar con éxito un gran número de competencias.

Por último, se a relación coas familias era xa boa, con A lingua sabe a pan pode cualificarse de excepcional. Existe un continuo intercambio de achegas e suxestións. Ademais, moitas das propostas de dinamización xa son asumidas polos pais e nais do noso alumnado (representados pola ANPA) de xeito autónomo, polo que se integran na planificación das actividades extraescolares.

 

 

Sección: