Aprendemos a recoñecer os estereotipos no CPI de Viaño Pequeno

Un achegamento á construción social da desigualdade de xénero realizado por alumnado e profesorado do CPI de Viaño Pequeno-Trazo (A Coruña) (Programa Quérote+)

Aurora Pérez Fernández
Orientadora do CPI de Viaño Pequeno (Trazo)
auroraperez@edu.xunta.es

 

Introdución

O noso centro ven desenvolvendo con continuidade actuacións que tratan a temática que se aborda no programa QUÉROTE+: promoción da igualdade, prevención da violencia de xénero, a educación emocional, a resolución de conflitos, etc. Estas actuacións abórdanse tendo como eixe vertebrador as titorías, pero tamén dende outras áreas (Matemáticas, Ciencias Naturais, Lingua castelá e Literatura, Lingua Galega e Literatura, Educación Física, Cidadanía… e incluso a través do club de lectura da Biblioteca).


Entre esas actuacións destacamos a constitución dun grupo de traballo para a igualdade a nivel de centro que permita coordinar as diversas actuacións que se efectúen dende os diferentes ámbitos; a pretensión de poñer en marcha ao longo deste curso un programa de orientación académica e profesional dende a perspectiva de xénero; a procura de desenvolver un traballo continuo no que se refire á igualdade de xénero dende os primeiros cursos de infantil ata o remate da Educación Obrigatoria, a través da coordinación cos responsables de cada ciclo e tendo en conta as necesidades de cada grupo-aula;  e o programa de prevención e desenvolvemento de hábitos saudables que anualmente se desenvolve no centro.

Obxectivos

Os obxectivos xerais que nos propuxemos son os seguintes:

  • Contribuír ao desenvolvemento integral do alumnado, a formar un sentido crítico razoable e responsable.
  • Valorar a diversidade, a tolerancia e o respecto.
  • Fomentar a súa autonomía persoal e a súa capacidade de decisión.
  • Mellorar as habilidades persoais para a resolución pacífica de conflitos.
  • Favorecer a autoestima do alumnado.
  • Promocionar a asertividade, como aspecto necesario de cara a lograr unhas relacións persoais máis positivas e satisfactorias.
  • Tomar conciencia dos hábitos saudables.
  • Espertar a conciencia dos riscos derivados de determinadas situacións (seguridade na rede, consumo de sustancias, etc.).

E como obxectivos específicos:

  • Comprender que os estereotipos  de xénero están impostos socialmente.
  • Entender cómo se constrúen socialmente eses estereotipos
  • Recoñecer, superar e rexeitar estereotipos e discriminacións de carácter sexista.
  • Valorar por igual as aportacións de un e outro sexo.
  • Analizar accións e actitudes cotiás  que xeran desigualdade entre homes e mulleres.
  • Reflexionar e desenvolver unha actitude crítica cara a situacións de discriminación das mulleres que se dan na nosa sociedade.
  • Realizar unha toma de decisións libre dos condicionantes derivados dos esterotipos de xénero.

Consideramos que estes obxectivos  deben servir de guía  ou estar presentes en toda  a fase educativa das rapazas e dos rapaces, é dicir, non se conseguen na súa plenitude  co traballo desenvolvido unicamente ao longo dun ano académico, pero sen dúbida se desenvolvemos  actuacións conxuntas  e dende diferentes áreas  estaremos máis cerca  da  súa consecución.

Actividades realizadas

  • Participación no Proxecto Relaciona. Actividade formativa na que participaron 10 persoas de secundaria, 3 de infantil  e 4 de Primaria.
  • O programa de orientación académica e profesional dende a perspectiva de xénero. Este programa ten como destinatarios  todos os cursos da ESO. Ë un programa que desenvolveron as titoras e titor na hora presencial de titoría baixo a coordinación e coa colaboración da orientadora  ao longo de todo o curso.
  • Os obradoiros de QUEROTE+, desenvolvéronse en cinco sesións de 100 minutos cada unha no grupo de 3º de ESO e no de 3º de PDC. Participaron en total un número de 18 alumnos e alumnas.
  • Conmemoración do día mundial contra a violencia de xénero coa actividade "Da a cara polo maltrato". Cada participante, tanto alumnado coma profesorado, escribía unha mensaxe contra o maltrato,  e elaborouse un mural coas mensaxes.

  • O programa de prevención e desenvolvemento de hábitos saudables que ten como destinatarios o último ciclo de primaria e todos os cursos de secundaria.
  • Programa de educación afectivo-sexual, para o alumnado de 3º de ESO a cargo do Profesor de Bioloxía.
  • Análise de catálogos de xoguetes dende a perspectiva de xénero (mes de decembro) e exposición dos murais elaborados por cada grupo. Participou o alumnado de 1º a 3º de ESO. No seguinte documento podemos visualizar o traballo realizado.

 

  • En Marzo, con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, realizamos unha exposición sobre mulleres destacadas en todos os ámbitos da cultura, coa intención de dar visibilidade ao mundo feminino e valoralo como se merece. Cada alumna e alumno escolleu unha muller relevante dentro de diferentes ámbitos.

 

  • Obradoiro  de sensibilización sobre a violencia de xénero.  Actividade programada para 4º de ESO e desenvolvida en colaboración  co CIM (Centro de Información á Muller) da  Mancomunidade de concellos da comarca de Ordes.
  • Conmemoración do día internacional das rapazas nas TIC, a través da participación na videoconferencia organizada  polo Centro de Supercomputación de Galicia, CESGA, para festexar este día  no marco do proxecto europeo.
  • Realizamos unha selección de artigos  que foron saíndo en prensa sobre mulleres  que desempeñan unha actividade profesional destacada en empresas relacionadas coas TIC, co Deseño... e sobre a situación discriminatoria coa muller como por exemplo no mundo científico e  nos deportes de elite, artigos que se propoñen como lecturas nas áreas correspondentes e/ou se colgan nos taboleiros das aulas.

Dende a biblioteca  tamén houbo unha participación moi activa:

  • Charla/obradoiro para o alumnado  de 3º e 4º de ESO coincidindo co Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o 25 de Novembro impartida por Ianire Estébanez:  El amor no es como nos lo contaron.
  • A mostra e comentario de cancións “horribles” de amor , seleccionadas polo alumnado para o blog co motivo da celebración do Día dos Namorados, no mes de Febreiro, nun intento de reflexionar sobre as “trampas” do amor romántico, creadoras de desigualdades nas relacións de parella. (http://bibliotrazo.blogspot.com.es/search/label/igualdade).

E tamén a través do Club de Lectura, que permite abrir un espazo de diálogo emocional, mediante a identificación cos personaxes, as similitudes ou diferenzas das súas vidas coas nosas.
Na selección de libros tense presente aqueles que traten a problemática da violencia de xénero, educar na igualdade e no respecto.
Algúns exemplos concretos de lecturas compartidas nos distintos clubs de lectura sobre temas relacionados coa educación emocional nun sentido amplo e a educación en igualdade son as seguintes:

  • Ciclo bis de David Durán (3º ESO)
  • Pedro y yo de Judd Winick (4º ESO)
  • Los juegos del hambre de Suzanne Collins
  • El niño del pijama de rayas de John Boyne (2º ESO)
  • Palabras de Caramelo de Gonzalo Moure (1º ESO)

Dentro da liña inicial de facer extensible  ou lograr unha continuidade no traballo de abaixo arriba, hai que destacar os traballos que se desenvolveron nas etapas de  Infantil e Primaria:

  • En cuarto de Primaria traballáronse  os estereotipos de xénero a partires dos contos Oliver Button es una nena e Rosa Caramelo.
  • En 5º de Educación infantil, desenvolveron o proxecto Nenas/os e Bonecas/os. Os nenos e nenas levaban para a súa casa durante tres días unha  boneca de cor (Vanesa) coa que tiñan que exercer de papás e mamás e dispensarlle os coidados necesarios: bañalos, darlles de comer, cambiarlles o cueiro...Tamén levaban a axenda da boneca para que cada neno/a anotara e debuxara ou fotografiara  as tarefas que facía coa boneca.

 

 

Organización, desenvolvemento e metodoloxía

O punto de partida foi constituír un grupo aberto a quen quixera participar para traballar pola igualdade. A partires de aí foron xurdindo propostas  que poñiamos  en  común para facer as actividades de carácter colectivo.
Paralelamente íanse realizando actividades de aula nas diferentes áreas: debates, lecturas, visionado dalgunha película…
Realizamos máis reunións informais que formais e utilizamos como canle de comunicación e difusión, na maioría das veces as reunións das titoras e titores coa orientadora e desta coas titoras de infantil e primaria.

Avaliación

Os procedementos de avaliación do programa comprenderon a valoración realizada polo alumnado das actividades levadas a cabo. Esta valoración realizouse na titoría a través dun cuestionario e dunha posterior posta en común grupal.
Tamén se tivo en conta a valoración do profesorado en canto á planificación dos obradoiros, ao desenvolvemento dos mesmos e a participación tanto do alumnado como de cada un dos profesionais que interveñen así como  unha valoración sobre a consecución dos obxectivos marcados.
Aínda que sempre hai aspectos a mellorar, a valoración xeral é positiva tanto a nivel de consecución de obxectivos  como de organización, coordinación e desenvolvemento  das actividades.

Profesorado participante

No  desenvolvemento do programa participaron as seguintes persoas:

  • A titora de 1º de ESO, profesora de Inglés e responsable do PRI, Dª Myriam Morán.
  • A  titora de 2º de ESO e profesora de Ciencias Naturais, Dª Ánxeles Castiñeiras Piñeiro.
  • A titora do grupo de 3º ESO e profesora de educación física, Dª Lidia Herrero Rodríguez.
  • O titor do grupo de 3º PDC e profesor de Bioloxía e Xeoloxía, D. Pablo Rodríguez Silva.
  • A profesora de Matemáticas, Dª Carmen Buitrón Pérez.
  • A responsable da biblioteca, coordinadora dos clubs de lectura e profesora de lIngua castelá, Dª Asunción Arufe Carredano.
  • A profesora de  Francés e Cidadanía, Dª Muriel Bouvier.
  • A titora de 3º curso de Primaria, Dª Rosa García Barcia
  • A titora de 5º curso de educación infantil, Dª Iria Castro Corral

E contamos ademais coa colaboración do resto de compañeiros e compañeiras  no desenvolvemento das actividades cando se lle requiriu a súa participación.

 

Bibliografía: 

 

AAVV. (2006). Elixir o futuro sen prexuízos. Santiago de Compostela: Tórculo
Caro Blanco, C. (2008) : Un amor a tu medida. Estereotipos y violencia en las relaciones amorosas. Revista de estudios de juventud. 83 (pp 213-228). Madrid: Injuve.
De Paole, T (2002). Oliver Button es una nena. León: Everest.
García Iglesias, M.ª G. e Sánchez Choya, I. (2007). Rompiendo esquemas. Programa de orientación académica y profesional. Recuperado de http://www.educarenigualdad.org/media/pdf/uploaded/old/Mat_131_Rompiendo...
Jiménez Fernández, C. e Pérez Serrano, G. (coords.) (2008): Educación y género: el conocimiento invisible. Valencia: Tirant lo Blanch.
Martín Casares, A. (2006). Antropología del género. Culturas, mitos y estereotipos sexuales. Madrid: Cátedra.
Piquín Cancio, R e Rodríguez Hevia, G. (2003). Guía de lectura de Oliver Button es una nena. Oviedo: Instituo Asturiano de la Mujer.
Rubio Gil, A. et al. (2008): Influencias de las revistas juveniles en la sexualidad de las y los adolescentes. Madrid: IFIIE, Instituto da Muller.
Seminario Permanente de Educación para a Igualdade (2000): O centro educativo: Un espacio para a igualdade entre nenas e nenos. Santiago: Xunta de Galicia.
Turin, A e Bosnia, N. (2012). Rosa Caramelo. Pontevedra: Kalandraka.
http://afeiradasnacions.blogspot.com.es/search/label/igualdade%20de%20op...
http://bibliotrazo.blogspot.com.es/
 

Sección: