Da biblioteca escolar á escola bibliotecaria
M.ª Olga Rodríguez Díaz
Mestra. Responsable da BE do CEIP Milladoiro (Malpica)
olgar@edu.xunta.es
Alfabetizar é formar suxeitos competentes para usar de xeito autónomo, intelixente e democrático os instrumentos da cultura de cada época.
(Paulo Freire)
1. Biblioteca escolar e escola bibliotecaria
Segundo todas as recomendacións internacionais, unha institución escolar eficaz contará entre o seu equipamento cunha biblioteca escolar (en diante, BE) ben organizada e ben dotada, moderna e atractiva, cunha colección actualizada e multisoporte, que poida responder a obxectivos ligados á animación á lectura, así como aos ligados á posta en práctica de didácticas ALFIN.
Debemos lembrar, emporiso, que tradicionalmente a BE se relaciona con obxectivos ligados á animación á lectura e ás áreas lingüísticas.
A escola bibliotecaria (Calvillo, 2009) é aquela que, dispoñendo dese equipamento, ademais aborda obxectivos relacionados coa busca e tratamento da información, triunfando coa adquisición desa competencia básica toda a actividade escolar, sen esquecer a adquisición do gusto pola lectura e a súa educación.
Nesta escola a BE é o centro de recursos propio no que teñen cabida todas as actividades ligadas ao currículo, relacionadas coa busca, tratamento da información e a súa conversión en coñecemento, que o profesorado precise levar a cabo. Estas actividades nin sequera teñen que desenvolverse no espazo físico da biblioteca escolar porque, nunha escola bibliotecaria, todo o centro no seu conxunto é biblioteca.
Falamos, pois, dun cambio na cultura docente. Hoxe en día en Galicia é cada vez máis frecuente encontrar centros escolares que dispoñen deste recurso grazas á posta en funcionamento no curso 2005/06 do PLAMBE. Todas as bibliotecas integradas neste programa levan no seu ADN a vocación de facer escolas bibliotecarias, pois o traballo na consecución da competencia informacional está na base do seu deseño.
2. Dous estilos didácticos
Na tradición escolar española, o modelo máis frecuente é o da escola instrutiva na que o profesor e o libro de texto son as únicas fontes de información e os estudantes adoptan un rol pasivo diante da súa propia aprendizaxe.
No modelo ALFIN que, por outra parte, non é nada novo (Freinet, 1958; Kilpatrick, 1951) atopamos as respostas necesarias para a consecución real das competencias básicas (en diante CCBB) das que o noso estudantado vai ser avaliado non só nas diferentes probas externas ás que terá que dar respostas (AVALDIA, PISA...) senón tamén na vida mesma e nas expectativas de educación permanente que a sociedade mantén sobre os cidadáns do século XXI.
Simplificando e para entendernos:
Didáctica tradicional | Didáctica ALFIN |
Protagonista: o profesor e o libro de texto Ensínase o mesmo para todos Apenas hai interacción na aula Trabállanse os contidos e non as competencias | Protagonista: o alumnado Trabállase por tarefas Os recursos son variados Cada escolar aprende desde o seu nivel Hai interacción na aula Trabállanse as intelixencias múltiples e as CCBB |
3. O traballo por proxectos
Todo indica que o traballo por proxectos é o modelo axeitado para a adquisición e consolidación das CCBB porque os coñecementos así adquiridos móstranse como:
- relevantes (distingo o realmente importante)
- xeneralizables (son quen de usar o aprendido en función da necesidade e non da materia)
- funcionais (sei para que serve e úsoo para resolver situacións problemáticas)
- integrados (desdebúxase a estanquidade entre as áreas)
Isto leva asociado cambios nos roles de estudantes e profesorado á hora de desempeñarmos o noso traballo. Cales serían, xa que logo, eses roles?
O profesor | Os estudantes |
Deseña a tarefa Preséntaa Define ben a forma de restitución Explica os criterios de avaliación (modelos, rúbricas...) Ofrece modelos do que se solicita Atende ás estratexias de busca Exerce de modelo (estratexias de lectura, tópicos documentais...) Orienta e reorienta constantemente Axuda a marcar os momentos Acompaña o camiño. Está dispoñible. Ten presente que o obxectivo é o camiño e non tanto o resultado | Dispoñen dun itinerario ou folla de ruta do TD (traballo documental) Dispoñen de axuda para sondar os seus coñecementos previos sobre o tema Formúlanse as preguntas ás que precisan dar resposta Dispoñen de esquemas e/ou modelos textuais do produto que se lles solicitou Dispoñen das pautas para escribir a bibliografía |
A clave do éxito deste modo de traballar, ademais de que a tarefa estea ben deseñada, está en que o profesor defina con detalle a forma de restitución e ofreza cantos modelos sexan precisos, así como que dote o seu alumnado de coñecementos suficientes sobre os tópicos documentais (índices analíticos e temáticos, glosarios, orde alfabética, tipos de documentos...). Este último aspecto (que forma parte da formación de usuarios) está incluído nos programas de actuación de todas as bibliotecas escolares de Galicia.
4. Como facemos no Milladoiro
Cando a consecución das competencias relacionadas coa busca e tratamento da información se xeneralizou para todo o alumnado, e á vista de que os libros de texto incorporaban moitas propostas do tipo: “Fai un traballo sobre...”, “Busca información sobre...”, pero nin unha soa indicación de como se fai iso, decidimos crear unha estrutura flexible que lle permita a todo o profesorado, sexa cal sexa o seu estilo didáctico, darlle resposta a ese mandato e ao tempo sentirse cómodo no seu traballo e suficientemente apoiado.
Así, definimos tres niveis de complexidade crecente:
4.1 Nivel 1. Documentos básicos
Tres documentos que poñemos á disposición de escolares e profesores en liña e en papel que conteñen os soportes básicos para abordar o traballo documental.
Trátase de:
A programación de obxectivos e actividades de educación documental, secuenciada por ciclos para a adquisición das CCBB en tratamento da información e competencia dixital.
Caderno ALFIN (Rodríguez, 2014) que actualizamos cada curso e que contén, ademais de estratexias de busca na rede, diversos esquemas para a restitución de diferentes tipoloxías textuais.
A presentación Aprender a buscar na rede con eficiencia, na que facilitamos recursos básicos non só para facer buscas eficaces no inmenso banco de información que supón internet senón que propoñemos pautas para valorar a fiabilidade dun sitio web. O documento pretende dar resposta aos dous principais problemas que presenta a información en estado líquido (Area, 2011): o volume e a fiabilidade.
4.2 Nivel 2. Tarefas integradas
As tarefas integradas (en diante, TI) son propostas de traballo sinxelas, que se adaptan a diferentes estilos e ritmos de traballo, implican polo menos, dúas áreas de coñecemento, preséntanse dentro dun contexto concreto, tenden á resolución dun problema, implican reflexión, conéctanse coa realidade e serven para desenvolver competencias básicas (Basterra, 2012).
Para o deseño das tarefas que lle vai propor ao seu alumnado, o profesorado ten sempre á man os descritores das CCBB, o DCB e o nivel 3 da programación didáctica. Asemade, sabe que poderá contar para a súa realización cos materiais, recursos e apoio da biblioteca escolar, así como cos titoriais antes mencionados.
Ao mesmo tempo, os escolares dispoñen de todos os materiais dos que se falou máis arriba, así como da axuda constante do profesor, xa que este traballo se fai sempre na escola para que poida ser guiado e convenientemente acompañado polo profesor.
O interese do profesor céntrase no proceso, que guía e orienta constantemente, mentres que os escolares se centran no resultado.
En forma de TI deseñamos as propostas que desde a BE se lle fan ao centro no seu conxunto ao fío de celebracións puntuais. A intención é tender pontes que axuden o profesorado con estilos didácticos máis tradicionais a transitar cara a modelos ALFIN sen deixar de sentirse cómodos dentro da aula.Por exemplo, no curso 2012/13 o tema do PDI eran os oficios tradicionais e a proposta das TI que fixo a BE para o Día da Muller Traballadora foi a elaboración en soporte electrónico de biografías de mulleres relacionadas co oficio escollido en cada aula. O resultado foi excelente. Poden verse no blog da biblioteca baixo a etiqueta Biografías.
Vexamos algúns exemplos das TI levadas a cabo en diferentes aulas:
Exemplo 1: Libro de Picasso. TI para educación infantil de 4 anos. Inclúe descritores das competencias lingüística, artística e musical, tratamento da información e autonomía persoal.
Despois de visitar o Museo de Belas Artes da Coruña, abordaron esta tarefa cos materiais e recursos da biblioteca escolar, seguindo a proposta dos profesores Wray e Lewis (2005) e as súas táboas KWL. O resultado da tarefa pódese ver no blog da biblioteca.
Exemplo 2: Presentación con exposición oral. TI para sexto de educación primaria. Inclúe descritores das competencias lingüística, coñecemento do medio natural, AaA, tratamento da información dixital e autonomía e iniciativa persoal:
Elaborar unha presentación sobre unha comunidade autónoma española. Explicárllela oralmente aos compañeiros. Publicala.
Os escolares buscaron e seleccionaron fontes idóneas electrónicas e en papel. Contaban tamén co esquema textual de traballo documental e coñecían con antelación os criterios de avaliación tanto da propia presentación coma da exposición oral. O tempo asignado á tarefa foron dez sesións lectivas.
As presentacións poden verse no blog de ciclo baixo a etiqueta Comunidades autónomas.
Exemplo 3: webquest. Son actividades orientadas á investigación nas que todas as fontes utilizadas son electrónicas. Os escolares practican técnicas de tratamento e uso da información, non as de busca. Promoven tamén o uso da creatividade e da autonomía persoal (toma de decisións), así como o traballo en equipo. Por último, son moi motivadoras, pois na súa esencia está sempre que os escolares adopten un rol e deste xeito convértense en investigadores, detectives, debuxantes, cociñeiros, escritores...
Na aula virtual do noso centro están aloxadas algunhas das que elaboramos ata o momento.
4.3 Nivel 3. Proxectos documentais integrados
Os proxectos documentais integrados. Un PDI consta de varias tarefas integradas que comparten un mesmo fío condutor. Son como unha gran tarefa que precisa ser dividida noutras máis pequenas para poder chegar a bo porto.
Ao final de cada curso escolar o claustro escolle o que será o noso tema para o curso seguinte. Con esta elección, tratamos de ofrecer un marco vertebrador onde o profesorado poida organizar os contidos doutro xeito, adaptando o PDI á súa aula e integrando na súa programación os descritores competenciais e os obxectivos e contidos que traballará ao longo do curso. Os contos clásicos, a auga, a vivenda, os oficios tradicionais, a biodiversidade, os países do mundo... foron algúns dos escollidos nos últimos anos.
Cando deseñamos un proxecto, procuramos que teña a medida de quen o vai facer (escolares e profesorado) e será máis ou menos complexo canto á cantidade de fontes utilizadas, aos descritores competenciais incluídos no seu deseño e ás áreas que abrangue. Pero todos comparten o deseño do que chamamos "círculo perfecto" do traballo documental, é dicir, propoñemos a tarefa (explicitando produto final, temporización e criterios de avaliación) -mostramos modelos - borradores e máis borradores - interaccións e máis interaccións (interpares e co profesor) - produto final.
No noso centro adoitamos facer un proxecto xeral que serve para articular as diferentes propostas que a BE achega ao conxunto do profesorado con motivo de celebracións concretas (Día da Muller, do Neno, Da Paz...) e, ademais, é punto de partida para que cada profesor o desenvolva adaptándoo á súa aula. É o que chamamos deseño adaptado.
Para isto, a BE ofrece, ademais dos titoriais en liña e en papel dos que xa se falou máis arriba e dun fondo documental actualizado e multisoporte, o apoio que o profesorado solicite: tanto no deseño das propias tarefas coma na elaboración de modelos e/ou rúbricas de avaliación ou na orientación sobre diferentes aplicacións para a publicación en liña. Así, mantemos e achegamos un documento sinxelo que recolle aplicacións e titoriais que comezamos a elaborar por petición do profesorado.
A BE provese con antelación de todos os materiais que considera de interese para o seu desenvolvemento en calquera soporte. Así, incorpóranse libros, discos, películas... e elabóranse listaxes de materiais web que poñemos á disposición do conxunto do profesorado para facilitar o seu traballo nas aulas.
Tamén a BE usa o tema escollido ao longo do curso.
Nos últimos cursos creamos espazos de recollida dos materiais e actividades. Blogs específicos para cada PDI e en cada un deses blogs pódense consultar as propostas concretas anuais. Neles, no da biblioteca e nos blogs de ciclo, están publicados outros exemplos de tarefas integradas: informes, podcast, murais colectivos, folletos publicitarios, presentacións, kamishibais...
Coidamos tamén da ética nas publicacións e habituamos os nosos escolares á cita de todo o material utilizado.
5. Conclusión
Esta estrutura en tres niveis é tan flexible que permite que calquera profesor, sexa cal sexa o seu estilo didáctico, poida atopar nela o lugar idóneo no que acomode o seu traballo diario e lles dea resposta ás obrigas emanadas do mandato de educar escolares competentes.
Este deseño deunos bos resultados ata agora, pois o retorno que nos chega dos que algún día foron os nosos alumnos e alumnas é sempre moi positivo no relativo á aplicación que fan das habilidades documentais aprendidas xa como produtores ou consumidores de coñecemento, aspectos nos que, segundo nos aseguran, colaboramos decididamente na súa educación. Seremos xa unha escola bibliotecaria?
- AREA, M.: “Del conocimiento sólido a la cultura líquida”. Dispoñible en http://www.deakialli.com/2011/06/02/del-conocimiento-solido-a-la-cultura....
- BASTERRA, A. (2012): “Guía para diseñar mi secuencia didáctica”. Dispoñible en http://www.slideshare.net/AnaBasterra/guia-para-disear-mi-secuencia-didc....
- BARÓ, M. e MAÑÁ, T. (1994): El uso de la información. Pautas de programación para la formación del usuario de la Biblioteca Escolar (en Textos de Didáctica de la Lengua y Literatura).
- CALVILLO, M.: “De la biblioteca escolar a la escuela bibliotecaria”. Dispoñible en http://elblogdemiguelcalvillo.blogspot.com/2009/10/de-la-biblioteca-esco...
- FREINET, C.(1998): Técnicas Freinet de la escuela moderna, Madrid: Ed. S.XXI.
- RODRÍGUEZ, O.: “Caderno ALFIN 2014”. Dispoñible en https://docs.google.com/file/d/0B7AAceStlBTtNlRXUEl5WDBUMHc/edit?pli=1.
- RODRÍGUEZ, O.: “Programación ED”. Dispoñible en https://drive.google.com/file/d/0B7AAceStlBTtU0xpY3JDMGNLLUE/edit?usp=sh....
- RODRÍGUEZ & SÁNCHEZ-GABRIEL: “Aprender a buscar na rede con eficiencia”. Dispoñible en http://www.slideshare.net/olgarodriguezdiaz/aprender-a-buscar-na-rede-co...
- RODRÍGUEZ, O.: “Webquest”. Dispoñible en http://www.edu.xunta.es/centros/ceipmilladoiro/aulavirtual/
- WRAY, D. e LEWIS, M. (2005): Aprender a leer y escribir textos de información. Ediciones Morata.