Adquire hábitos saudables de alimentación!
Mª Cruz Leiva Balboa
Mestra de PT - CEIP de Arzúa
mleiva@edu.xunta.es
Contextualización
Estamos nunha vila do interior que se asenta nunha antiga calzada romana por onde discorre o Camiño de Santiago (o Camiño Francés, que conflúe no Camiño Norte procedente de Asturias). Ademais, nesta vila celébrase, de forma ininterrompida dende 1975, na primeira fin de semana de marzo, unha festa gastronómica denominada “Festa do Queixo”, declarada Festa de interese turístico de Galicia. Combina elementos de feira, de festa e de festival. Arzúa resulta ser esta vila.
Obxectivos
Debido a que na nosa comunidade existe un progresivo aumento de nenos/as e persoas adultas cun exceso de peso, con este proxecto pretendemos combater esta tendencia fomentando unha alimentación saudable, a través do incremento do consumo de froitas, e traballando simultaneamente co Programa Xogade, que promove a actividade física a través do xogo.
Os obxectivos propostos nun primeiro momento foron os seguintes:
- Coñecer e probar diferentes froitas.
- Descubrir a importancia da integración das froitas na nosa alimentación.
- Fomentar o consumo das froitas a través da distribución no noso centro.
- Concienciar da necesidade dunha dieta saudable para combater a obesidade.
- Espertar a curiosidade do alumnado sobre o mundo das froitas, incitando á investigación e ao intercambio de información.
Organización
O proxecto tivo lugar ao inicio do 2º trimestre e ata final de curso, tendo en conta que inicialmente subministraron dúas semanas de froita e que logo o prazo se ampliou a dúas semanas máis.
No 1º trimestre o traballo incidiu sobre as xuntanzas cos distintos profesores participantes (90% do profesorado). Nelas houbo unha “chuvia de ideas” que logo se foron concretando. Unha destas ideas dirixíndose cara a creación dun blog para a incorporación das novas tecnoloxías neste proxecto (www.froitopia.blogspot.com). Deste xeito toda a comunidade educativa podía ver o que se estaba a facer e como ía medrando o seu coñecemento das distintas froitas, ademais da inclusión da froita fresca nos seus hábitos alimenticios. Tendo en conta que no centro hai comedor escolar, este hábito refórzase aínda máis.
No 2º e 3º trimestre o eixe vertebrador foi a distribución de froita fresca no recreo a todo o alumnado do centro, dende educación infantil ata 6º de primaria. Os nenos e as nenas non só consumían a froita, senón que facían unha busca de información desas froitas e elaboraban os carteis informativos da froita correspondente do día, mentres simultaneaban outras actividades de aula: fichas, murais, debuxos…
Con estas e outras actividades intentamos conformar un estudo transversal nas diferentes materias que incluíra as distintas competencias básicas.
Como partida e para chamar a atención dos nenos e das nenas, xunto cos outros proxectos do Plan Proxecta levados a cabo no centro, púxose na entrada un taboleiro co título de “froitomanía”, ademais de froitas coas súas vitaminas.
A partir de aí, comezouse a posta en marcha de toda unha serie de actividades, nas que participaron os/as mestres/as, alumnos/as e tamén as familias. As actividades podían ser consultadas por toda a comunidade educativa, tanto na páxina web do centro (www.edu.xunta.es/centros/ceipdearzua/) coma no blog creado especificamente para isto (www.froitopia.blogspot.com).
Desenvolvemento
O desenvolvemento do proxecto estivo marcado pola distribución da froita fresca no centro, no momento do recreo.
Así, no segundo trimestre organizámonos desta maneira:
- 1ª semana, do 4 ao 8 de febreiro, repartimos: clementina, amorodo, uva rosada, mazá Golden e plátano.
- 2ª semana, do 4 ao 8 de marzo: pera conferencia, amorodo, plátano, ameixa e clementina.
No 3º trimestre a distribución foi así:
- 3ª semana, do 6 ao 10 de maio: albaricoque, amorodo, claudia, mazá e plátano.
- 4ª semana, do 3 ao 7 de xuño: cereixas, amorodo, paraguaio, plátano e claudia.
Como complemento das semanas de distribución da froita, instaurouse no centro un “horario de merendas”, das que un día consistía en froita. Estes horarios son moi frecuentes en educación infantil, pero logo esquécense, e nós quixemos implantalo no resto dos ciclos de primaria.
Nas titorías, á parte das actividades en conxunto, individualmente, e aproveitando a repartición da froita, facíanse actividades sobre cada unha das froitas, incluíndoas na súa programación do día na aula (por exemplo, a través da realización de actividades plásticas, da busca de información usando as TIC, cos insistencia nos bos hábitos de alimentación, coa concienciación do bo hábito que supón o consumo de froita, etc. Para isto traballouse coa pirámide dos alimentos).
Realizáronse ao longo do 2º trimestre actividades plásticas encamiñadas á comprensión e achegamento do hábito saudable que é o consumo da froita. Os alumnos/as, nas titorías, realizaron carteis informativos da froita e das súas vitaminas, minerais, propiedades, etc.
Implicación das familias
Solicitouse a colaboración das familias; os nenas e as nenas tiñan que redactar unha receita, na que aparecese como ingrediente principal a froita. Estas receitas foron expostas no taboleiro destinado ao proxecto, na entrada do centro, e tamén penduradas no blog.
Tamén se incluíu as familias na “Divulgación do proxecto”. Como peche do proxecto, en conxunto con Climántica e Xogade organizouse un “Mini-congreso” para difundir e impulsar entre toda a comunidade educativa todo o aprendido polos nenos e polas nenas do centro. Esta actividade foi aberta e anunciouse en Radio Arzúa. Neste congreso fixéronse exposicións orais dos nenos e das nenas, coa finalidade de servir tanto de medio de difusión coma de concienciación. Os máis pequenos cantaron a canción “Toma mucha fruta”.
Metodoloxía
A metodoloxía que se empregou estivo baseada na resolución de problemas, intentando construír aprendizaxes significativos, polo que partimos de coñecementos previos, dende o contorno máis próximo.
Os mestres exercemos a nosa función como elemento dinamizador ou encauzador de ideas, descubrimentos e vías de avance do alumnado, de xeito que intentamos estimular a investigación con suxestións concretas cando foron necesarias, sen esquecer que os nenos e as nenas deben chegar aos seus propios resultados.
Avaliación
Para avaliar o alumnado observouse a súa participación no proxecto, valorando a súa autonomía na busca de información, o traballo en grupo, as súas capacidades organizativas, etc. Todo isto quedou rexistrado nas actividades levadas a cabo durante o curso e expostas no blog.
A avaliación realizouse en distintas fases:
- Unha avaliación inicial, que fixeron os titores a través de conversas cos seus alumnos, comentario de láminas, etc. para saber o grao de coñecemento sobre as froitas e o seu consumo.
- Unha avaliación ao longo do curso para saber se as actividades propostas se axeitan ao nivel dos nenos e das nenas e se os obxectivos propostos se están a cumprir.
- Unha avaliación final na que se comproba a consecución dos obxectivos propostos no programa e se se acadou o obxectivo primordial, que é a distribución de diferentes froitas, o coñecemento sobre elas e a súa inclusión no consumo diario.
Conclusións
Os obxectivos foron acadados satisfactoriamente, de xeito que o alumnado incrementou a súa concienciación sobre a necesidade de consumir froita a diario, por estar incluída na súa merenda de recreo fóra dos días en que a repartía o centro.
Geis, Patricia. A Comer sano. Barcelona: Editorial Combel.
Rubio, Antonio. Versos vegetales. Madrid: Editorial Anaya.