A pesar de todo, quérote

Unha oportunidade para traballar a educación viaria desde o audiovisual

Mónica Martínez Baleirón
Profesora de Lingua Galega e Literatura
monicabaleiron@edu.xunta.es

 


A película galega A pesar de todo, quérote (2011) e a proposta didáctica que a acompaña ofrecen unha boa oportunidade para traballar con adolescentes e adultos a educación en valores (viaria, emocional e para a saúde) e a alfabetización audiovisual.


O pasado 5 de decembro de 2014 [1] presentouse a unidade didáctica que se elaborou na nosa consellería para acompañar o telefilme A pesar de todo, quérote (2011) co fin de darlle continuidade á liña de traballo aberta arredor da educación viaria [2]. Este artigo presenta o obxecto de interese desta proposta didáctica [3] e unha estratexia de explotación para os centros de ensino.

A película

A pesar de todo, quérote é un telefilme rodado en Galicia polo director Jorge Algora para Adivina Producciones coa coprodución da TVG. Polo seu contido argumental preséntase como unha boa oportunidade para traballar a educación en valores na aula con alumnado de cuarto da ESO, bacharelato, formación profesional e ensino de persoas adultas.

O argumento dá conta de como a vida emocional dun grupo de amigos queda tronzada a raíz dun accidente de tráfico ocorrido dous anos atrás. As tráxicas consecuencias do impacto dun sábado á noite pon en crise a vida dos cinco mozos e mais do seu círculo familiar e afectivo, que se ve superado polas consecuencias irreparables dos danos derivados del e mais polos efectos emocionais que estes deixan nos superviventes.

Do cine á aula

O cine, coma a vida, ofrece un escenario no que alentan o amor, a morte, a dor, a culpa e a esperanza. A empatía que esperta no espectador unha historia de ficción enfía coa vida e posibilita unha reflexión sobre o cotián. Por esta razón, o cine proporciona un estímulo moi poderoso para traballar o currículo de xeito integral, sen perder de vista o obxectivo do sistema educativo: a educación para a vida.

Aínda non sendo o cine un recurso alleo á aula, na actualidade non abundan as oportunidades para achegarlle á comunidade educativa produtos e recursos que exploten o audiovisual co fin de convertelo nun produto eficaz e ameno, e non porque lle falten posibilidades ao recurso. Tampouco acontece con frecuencia que unha película poña á man unha ocasión tan proveitosa para traballar aspectos transversais ben decisivos na vida da mocidade como a xestión das emocións, o coidado da saúde e a conduta viaria. A pesar de todo, quérote xúntaos todos e ofrece con tino unha ferramenta que propicia a aprendizaxe por competencias. Así pois, esta película é unha ocasión para traballar co noso alumnado a educación en valores, concretada na educación emocional, na educación para a saúde e mais na educación viaria.

Por outra banda, cómpre tamén facer fincapé en que recorrer á proxección na aula é un bo método para desenvolver unha aprendizaxe significativa rigorosa desde a alfabetización audiovisual do alumnado (hoxe encadrada dentro da alfabetización mediática e informacional) [4]. A grande accesibilidade á produción cinematográfica en inglés e castelán –non así en galego– leva con facilidade ao camiño do cine na aula, o que axudou enormemente á popularización do recurso ao cine como estratexia educativa, mesmo con importante éxito de aceptación. Así e todo, a presenza do cine na aula non vai con frecuencia acompañada dun aparato metodolóxico que permita aproveitar a súa potencialidade como recurso didáctico.

Por esta razón agradecemos sempre que, na liña do traballo que foron desenvolvendo os docentes de Cinescola ao longo dunha década, vaian chegando experiencias ben elaboradas que aposten polo uso didáctico do cine. [5]

Á vista da diversidade de contidos curriculares que fomos expoñendo nos parágrafos anteriores, esta proposta demanda un tratamento interdisciplinario que consiga afondar no traballo de equipos e na participación colaborativa do profesorado. Só deste xeito se permitiría que os contidos curriculares abordados nesta actividade fosen tratados de xeito integrado, como esixe a aprendizaxe por competencias, para así lograr unha mellora da calidade do ensino público.

Acceso aos contidos

A proposta didáctica que se ofrece está accesible en aberto para calquera usuario desde a páxina web da Aula Virtual Abalar sen necesidade de rexistro ningún. Nela ofrécense os contidos da unidade didáctica a través da plataforma Moodle. No seu interior recóllese a ligazón que permite ver a película en streaming,[6] accesible de xeito gratuíto desde calquera centro de ensino público de Galicia.

Obxectivos da unidade didáctica

A proposta didáctica inseríase dentro dunha liña aberta na consellería para dotar de recursos o traballo en educación viaria. Así pois, tiña como primeiro foco de atención a abordaxe da educación viaria a partir do argumento da película. Revelouse como moi conveniente presentar un tratamento máis amplo co fin de chegar ao fondo das causas que están detrás da accidentalidade viaria dun dos colectivos máis vulnerables na nosa sociedade: a xente nova. Así pois, cabo do accidente de tráfico pódense traballar tamén as relacións de parella, o estrés postraumático, as adiccións e a enfermidade mental; todos eles son elementos que están presentes na construción da película e que se insiren nos ámbitos que levan directamente ás causas que desencadean moitos accidentes: a carencia de intelixencia socioemocional, da percepción do risco, de estratexias de autocontrol e a falta de protección e coidado da propia saúde.

Esta proposta didáctica, estruturada en 5 módulos, pretende ser unicamente un itinerario suxerido para o tratamento da educación viaria na aula e contextualizar este obxecto de aprendizaxe dentro dun marco de traballo máis transversal que arranque do autocoñecemento.

Cada módulo ofrece a posibilidade de realizar achegas desde distintos ámbitos, polo que o traballo coordinado do profesorado permitiría realizar unha explotación aproveitada das oportunidades desta proposta.

1. Antes de ver. Presentamos a película

Este apartado presenta a película a través das fichas técnicas e do tráiler, e ofrece tamén un acceso en streaming proporcionado pola TVG que permite visionala.

Este é o único módulo que se abordará antes da proxección e durante esta. Permite facer unha primeira aproximación ao telefilme e obter as primeiras impresións do alumnado.

A película ofrécese segmentada en tres partes (de 21/21/27 minutos, respectivamente); esta recomendación axéitase á súa exposición nunha sesión ordinaria de 50 minutos para poder guiar a proxección. Mentres ve a película, o alumnado debería dispor dunha ficha sinxela para a recollida de datos co fin de que poida ir tomando apuntamentos brevísimos sobre a caracterización dos personaxes. Ademais, cumpriría que se anotasen aí aqueles elementos narrativos que produciron dúbidas ou problemas de interpretación identificados polo alumnado.

Ou ben ao final de cada sesión ou ben ao inicio, poderíase facer unha breve posta en común dos apuntamentos tomados polo alumnado para recapitular as ideas principais, identificar os elementos clave e, por se fose de utilidade, realizar a recondución dalgunha interpretación ou, mesmo, rexistrar os estados emocionais significativos que se produzan entre o alumnado.

 

2. Previmos os accidentes de tráfico

Neste caso preséntanse actividades orientadas a traballar a concienciación coas causas e os problemas derivados da accidentalidade coa intención de poñer en valor o drama dos sinistros como un dos problemas que máis gravemente lle afectan ao sector de poboación ao que se dirixe principalmente a película.

Este segundo módulo, que se traballará logo de ver a película, ten como obxectivo traballar cos elementos físicos que se sitúan na órbita dos accidentes causados polo factor humano. Aínda que os sinistros aglutinan un conxunto de causas que adoitan producir o seu desencadeamento, cómpre ter en conta que na maioría dos casos o elemento determinante depende dun elemento que, en boa medida, nós mesmos podemos controlar: a nosa propia conduta. É necesario que o alumnado teña claro que as nosas accións están detrás das condutas neglixentes que desencadean os sinistros. Coñecer as causas, recoñecer o seu impacto na nosa sociedade e tomar posicións respecto da promoción das condutas de denuncia e da prevención é un obxectivo inescusable.

 

 

3. Xestionamos as nosas emocións

Preséntanse aquí actividades de alfabetización emocional co fin de favorecer a caracterización dos personaxes e a extensión da empatía.

O módulo 3 é o máis sensible de todos. Require un tratamento coidadoso para poñer enriba da mesa as emocións que produza ver os sucesos que relata a película e mais os sentimentos que esperten as propias experiencias persoais. A identificación dos distintos estados emocionais que emerxan no desenvolvemento das actividades deberán ser debidamente identificados, atendidos e asociados ás condutas arriscadas que fan que ás veces actuemos de xeito neglixente e induzamos, sen buscalo, situacións gravemente prexudiciais para nós e mais para outros.

 

 

4. Miramos pola nosa saúde

Aquí ofrécense actividades que poñen en relación o tema da accidentalidade viaria coas súas causas e cos seus efectos sobre o corpo humano, tanto no ámbito físico (mortalidade ou secuelas físicas máis ou menos permanentes) coma psicolóxico (traumas mentais e emocionais).

Este módulo parte das reflexións recollidas no anterior para guiar o itinerario cara ao dano físico, mental e emocional que supoñen os accidentes de tráfico, que hoxe constitúen a segunda causa de morte entre a xente nova en Galicia. Por esta razón é preciso poñer de relevo a magnitude do seu impacto sobre a vida e a saúde das persoas e acentuar a importancia da conciencia do risco. Canda este debate haberá que abrir outro que poña de relevo a importancia das secuelas físicas e mentais dos sinistros viarios, do impacto das drogas e dos estupefacientes sobre a propia personalidade e mais do suicidio como elementos fortemente vinculados co coidado da saúde na etapa da mocidade.

5. Coñecemos o cine

Este último bloque de actividades permite abordar outras alfabetizacións ao afondar na análise nos elementos cinematográficos, na súa simboloxía e no seu significado: a construción dos personaxes, a narración dos feitos na liña temporal, a expresión dos estados emocionais, a sensualidade da ambientación musical e espacial...

A comprensión do elemento cinematográfico e das linguaxes en que se expresa contribuirá á comprensión lectora dos textos narrativos e mais á interpretación das linguaxes simbólicas expresadas no ámbito do audiovisual, entre mil outros contidos vinculados fundamentalmente á competencia cultural e artística.

6. Recursos

Por último, ofrécese un apartado de bibliografía de interese e referencias na rede que poden contribuír a orientar o profesorado e a documentar a metodoloxía máis axeitada para encamiñar as estratexias de aproximación ao ámbito do audiovisual.

Avaliación

A proposta presenta de inicio oito criterios de avaliación e unha enquisa de avaliación inicial. Ademais, os módulos levarán cadansúa tarefa final co fin de canalizar as aprendizaxes propostas en cada un deles cara á construción dun produto que lle permita ao docente utilizalo como elemento de avaliación do nivel de cumprimento dos criterios de avaliación.

Proposta de traballo en educación viaria para os centros

Ao final da unidade didáctica, e coa idea de darlle continuidade ao traballo realizado en materia de educación viaria, a proposta didáctica pretende construír un clima favorable que conduza á necesidade de producir un cambio de hábitos na conduta dos máis novos co fin de participar nun movemento de cambio profundo dos comportamentos viarios na nosa sociedade. Co obxectivo de reducir o número de sinistros e de persoas afectadas por accidentes de tráfico, o centro pode propoñer un proxecto de centro que aborde a educación viaria de xeito integral. Este apartado fai un bosquexo dalgunhas vías que poden incidir no cambio de hábitos cotiás, na democratización do uso da vía pública, na promoción de modos non motorizados e na construción dunha sociedade máis concienciada co problema da sinistralidade viaria.

NOTAS:

[1] Noticia sobre a presentación da proposta didáctica no portal educativo

[2]  Nesta mesma liña inclúese a creación do portal temático Eucirculo.

[3] Web da proposta didáctica na Aula Aberta Virtual.

[4] Pódese ampliar información sobre estes modernos conceptos a través da consulta do documento de referencia do Consello de Europa sobre as alfabetizacións múltiples.

[5] Neste sentido, cómpre poñer de relevo unha das experiencias máis recentes e mellor desenvolvidas: a unidade didáctica “A escaleira desigual” (2012), elaborada por Manuel Castelao e editada pola Secretaría Xeral de Igualdade para traballar o telefilme A condesa rebelde (2011), un biopic sobre a escritora Emilia Pardo Bazán.

[6] A fórmula do streaming permite a visualización da película directamente a través da ligazón proporcionada na aula virtual. Polo tanto, a proxección só se poderá facer desde un ordenador do centro conectado á rede; non se poderá descargar nin visualizar directamente desde un televisor.

 

Bibliografía: 

 

 

Sección: