
PROXECTO: Camiños de lecturas
Julia González Pérez
CEIP de Prácticas López Ferreiro
juliagonzalezperez@edu.xunta.es
María José Albarellos Codesido
CEIP de Prácticas López Ferreiro
mariaa@edu.xunta.es
CONTEXTUALIZACIÓN
Este proxecto xorde da necesidade de contar con actividades dixitais para traballar a comprensión lectora a partir de libros de literatura galega. Facendo uso das novas tecnoloxías e aproveitando os recursos que nos ofrece aula Abalar na que traballamos, deseñamos una serie de actividades encamiñadas a formar lectores competentes. Estes materiais foron elaborados durante unha licenza por estudos convocada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (Orde 18 de maio de 2011).
DESCRIPCIÓN DA ACTIVIDADE
Os materiais que presentamos están destinados á materia de Lingua e Literatura Galega do terceiro ciclo de EP, pero tamén poderán ser empregados como material interdisciplinar para traballar a lectura. Partindo da lectura dun libro, deseñamos unha serie de actividades, para o que utilizamos a ferramenta de autor EdiLim, encamiñadas á adquisición dunha boa competencia lectora.
Os libros a partir dos que se deseñaron as actividades son:
- Bala Perdida, de Manuel Rivas
- As flores radiactivas, de Agustín Fernández Paz
- A chave da Atlántida, de Anxo Fariña
- O carteiro de Bagdad, de Marcos S. Calveiro
- Vaia tropa!, de Antón Cortizas
- A lagoa das nenas mudas, de Fina Casalderrey
OBXECTIVOS DO PROXECTO
- Fomentar o gusto pola lectura como fonte de enriquecemento e pracer persoais.
- Formar lectores e lectoras competentes.
- Crear e consolidar hábitos de lectura.
- Coñecer e identificar os elementos básicos dun libro.
- Mellorar a competencia dixital do alumnado.
- Utilizar a lectura como fonte de pracer, de información e de aprendizaxe e como medio de perfeccionamento e enriquecemento linguístico persoal.
- Explorar as posibilidades expresivas escritas da lingua para desenvolver a sensibilidade estética.
O traballo con estes materiais vai contribuír tamén ao desenvolvemento das competencias básicas.
- Competencia en comunicación lingüística: adquisición de destrezas para a comprensión da linguaxe.
- Competencia social e cidadá: comprensión crítica da realidade.
- Competencia para aprender a aprender: perfeccionamento das estratexias para realizar lecturas máis comprensivas e reflexivas. Desenvolver habilidades para organizar e sintetizar a información.
- Competencia cultural e artística: coñecemento e valoración da diversidade cultural que pode atoparse nos libros.
- Competencia no tratamento da información dixital: emprego de ferramentas en soportes variados para mellorar as habilidades de obtención e transformación da información.
- Autonomía e iniciativa persoal: establecemento de ideas e criterios propios a partir da lectura crítica da información, intervención en situacións de debate; exposición reflexiva das propias ideas e respecto polas dos demais; mellora na capacidade para tomar decisións.
METODOLOXÍA E ORGANIZACIÓN DA ACTIVIDADE
Actividade previa: lectura do libro correspondente.
Organización da actividade: pódese combinar o traballo individual co de grupo. Nun principio abórdanse cuestións máis externas e logo séguese a orde temática do libro, claramente estruturado nas tres partes clásicas de presentación, desenvolvemento e desenlace; finalmente inclúense actividades dedicadas a adquirir información sobre o autor e ilustrador do texto.
Remátase cada actividade cunha proposta específica de investigación e/ou reflexión e debate.
As actividades presentaranse organizadas de xeito que o alumno consiga ver claramente a portada, a estrutura da actividade, o autor e ilustrador e unha proposta final de investigación e/ou reflexión e debate.
Levamos a cabo as actividades nas aulas das que somos titoras, dous grupos do terceiro ciclo de EP (50 alumnos). No curso 2012/13, eran aulas de quinto de EP e decidimos propoñer como lectura obrigatoria en Lingua Galega Bala Perdida, Vaia tropa! e A lagoa das nenas mudas, un libro por trimestre. Neste curso 2013/14, estamos a traballar co resto dos libros, As flores radiactivas,O carteiro de Bagdad e A chave da Atlántida.
Os alumnos contan cun prazo prudencial para realizar a lectura; unhas veces de xeito colectivo na aula e outras de xeito individual.
Despois de leren os libros, realizan as actividades propostas de xeito individual, a excepción da proposta de investigación, que a fan en pequeno grupo.
O traballo previo dos libros de lectura permítelle abordar as actividades dos libros Lim, que lles resultan motivadoras e que, ademais de avaliar a comprensión do libro, permiten afondar no autor e ilustrador, así como en temas relacionados que atinxen outras áreas.
Os recursos son traballados en liña, desde o repositorio de contidos do espazo Abalar e acceden a eles desde o blog de aula,http://abalando.enredo.eu/. Non se producen incidencias de tipo técnico se hai boa conexión a internet. Ante a posibilidade de desconexión, as actividades están tamén aloxadas no servidor do centro, o que garante poder realizalas se falla a rede, o cal é unha gran vantaxe.
AVALIACIÓN
A avaliación é a evidencia que permite dar conta do nivel de logro e correspondencia entre os contidos e as actividades cos obxectivos propostos.
A actividade dispón dun sistema de avaliación propio que permite unha autoavaliación continua e retroalimentación, no caso de ser necesario.
Podemos constatar que, ao levar á aula os materiais, resultan atractivos, motivadores e son ben acollidos polo alumnado, polo seu fácil manexo e a variedade das actividades internas ou externas, mediante enlaces.
En próximas publicacións será preciso ter en conta que estes enlaces externos poden dar problemas (desaparece a páxina á que corresponde o enlace, cambia o enderezo…). Estamos en vías de correxir outros pequenos fallos que apareceron logo da publicación das distintas actividades.
Desde que o proxecto está publicado no repositorio de contidos Abalar da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (novembro de 2012), o número de visitas dos contidos supera as 2000, o que nos indica que estes materiais teñen boa acollida por parte do profesorado, que nalgún caso nos comunicou a súa valoración positiva destes recursos.
CONCLUSIÓNS
O proxecto Camiños de lectura está deseñado para traballar desde un punto de vista interdisciplinar a Literatura Galega no terceiro ciclo de EP, facendo uso das novas tecnoloxías e aproveitando así os recursos dunha aula Abalar.
As actividades deseñadas tiveron boa acollida na comunidade educativa e é posible acceder a elas desde o repositorio de contidos do espazo Abalar.
Despois do resultado positivo desta experiencia, o noso obxectivo é continuar elaborando materiais dixitais das distintas áreas do currículo, para traballar tanto co noso alumnado coma para compartir co resto do profesorado.