A festa da árbore
Guillermo LLorca Freire
Historiador e escritor
Foi en Mondoñedo onde se celebrou, o 4 de febreiro de 1569, a primeira Festa da Árbore de España, moitos séculos antes de que este espírito de exaltación ecoloxista se estendese por Europa. Naceu por obra do alcalde Luís de Luaces, que nesa afastada data lle mandou a cada veciño que acudise ao campo dos Remedios para plantar tres árbores froiteiras baixo pena de multa se non obedecían a orde. Tras o acto, agasallou os seus paisanos cun xantar campestre para celebrar a plantación. Neste lugar sitúase hoxe en día a Alameda dos Remedios e nela álzase un monólito que recorda esta secular ofrenda á natureza.
Esta exaltación tivo continuidade a comezos do século XIX cando, segundo relata Miguel Herrero, "o proceso de deforestación en España era moi avanzado e tiña que importarse unha cantidade importante da madeira para consumo". (1)
Foi no ano 1805, na pequena localidade estremeña de Villanueva de la Sierra, en Cáceres, nunha iniciativa promovida polo párroco do lugar que conta co apoio entusiasta de toda a poboación. Contan as crónicas que o crego, Ramón Vacas Roxo, “persuadido de la importancia del arbolado para la salubridad, higiene, ornato, carácter, ambiente y costumbres”, decide plantar árbores e darlle un aire festivo coincidindo co martes de Entroido. Despois da misa e en compaña de mestres e veciños, plantou un álamo nun val coñecido co nome de Ejido, para logo continuar as plantacións por outros recunchos naturais. As festas e as plantacións de álamos prolongáronse durante tres días e redactouse un manifesto en defensa das árbores, que se enviou a outras vilas do contorno para que imitasen esta iniciativa.
Suecia, en 1840, foi o primeiro país do mundo en instituír no ámbito nacional esta celebración. En España, aquela iniciativa pioneira nacida nunha vila estremeña tivo continuidade, como recolle Xosé Antón Fraga, (2), con Rafael Puig i Valls, enxeñeiro xefe do distrito forestal de Barcelona, Xirona e Baleares, a partir dun artigo que publica en La Vanguardia, o 21 de setembro de 1898, co título de “La Patria y el Árbol. Síntesis de un proyecto y de su inmediata ejecución”. Con esta proposta pretendía favorecer o desenvolvemento das zonas forestais, protexer a agricultura e inducir ao aproveitamento racional das augas. A idea foi moi ben acollida polo Rexeneracionismo, xa que Joaquín Costa, impulsor dese movemento, era membro da Asociación de Amigos de la Fiesta del Árbol de Barcelona, que presidía Puig, e que vai escribir, en 1912, El arbolado y la patria, e numerosos artigos sobre o tema, como o que se reproduce nas páxinas do xornal El Correo Gallego, de Ferrol, de 1913, que leva por título “Los Árboles”. Despois da primeira celebración na Cidade Condal, o éxito da iniciativa foi grande, xa que foi espallándose por outros lugares de España.
Un Real Decreto, do 12 de marzo de 1904, do Ministerio de Agricultura outorgáballe á festa un carácter oficial e, entre as súas disposicións, decretaba o que segue:
"Artigo 1. A Festa da Árbore haberá de ter por obxecto, ademais dos fins educadores que persegue, a sementeira ou plantación de árbores nun anaco de monte público ou nun lugar adecuado das súas proximidades, a formación de alamedas ou as plantacións lineais ao longo dos camiños e dos cursos de auga, segundo o aconsellen as condicións de cada concello (…)
Artigo 2. As autoridades, corporacións e particulares que desexen organizar e propagar a Festa da Árbore poderán constituír para este fin xuntas locais (…) procurando que formen parte delas, en cada poboación, o alcalde, o médico que leve nela máis tempo de residencia, o cura párroco e o mestre de escola de maior categoría e o primeiro contribuínte.
Artigo 3. Os enxeñeiros xefes dos distritos forestais (…) designarán (…) as especies arbóreas que conveña fomentar (…).
Artigo 4. Os enxeñeiros xefes coidarán de establecer viveiros nos montes públicos (…). A concesión de sementes e pés será sempre de balde (…).
Artigo 5. Por cada cincocentos pés de especies arbóreas que prosperasen dos sementados ou plantados na Festa da Árbore terán dereito as citadas xuntas ou asociacións ao premio de 50 pesetas se obtivesen gratuitamente as sementes e pés, e de 75 se os adquirisen do comercio. Estas cantidades deberán investirse no pagamento dos gastos ocasionados pola Festa da Árbore e en premiar os nenos que máis se distinguisen polo seu amor ao arboredo (…)"
En Galicia, a diminución da masa forestal, aproveitada para infinidade de usos desde a época medieval, chega a agravarse, a partir do século XVIII, pola enorme demanda das autoridades da Mariña de Ferrol, concretamente desde o ano 1726, cando unha real orde de Felipe V ordenaba a construción dun arsenal e estaleiro na enseada da Graña. De feito, como recolle o investigador Xabier Brisset:
"Xa antes de pór en marcha o inmenso proxecto, o mesmo monarca asinaba cunha real orde de 1719 o recoñecemento dos montes de Galicia e distancia destes ao porto, co fin de localizar o arboredo adecuado para a construción naval, fundamentalmente carballos de máis de cento cincuenta anos e feitura axeitada".(3)
As cortas dos bosques van medrar de formar intensiva a partir do ano 1751, cando o estaleiro real da Graña se traslada á aba do monte de Esteiro. Así, durante o período 1753-1755, o traballo dos carpinteiros de ribeira intensifícase coa posta en grada de doce navíos á vez e, anos máis tarde, cando chegan a botarse embarcacións de ata 100 canóns, os de maior porte, para os que, como sostén o investigador Juan J. Burgoa:
"(…) se necesitaban unos 100.000 pies cúbicos de madera, casi toda de roble, lo que equivalía a unos 3.000 - 4.000 árboles, algunos de ellos de más de 25 metros de altura, directamente empleados en la arboladura de los buques. Parte de esta madera, la de mayor tamaño e de mejor condición procedía del mar Báltico, con origen en bosques suecos, rusos y ucranianos, procediendo el resto del América y del norte de España".(4)
Para as cortas que se realizaban no país, "a ferramenta legal foron, como escribe Xabier Brisset, as ordenanzas de 1748 que lle concedían o dereito a visitar os montes do reino (…) seleccionando e marcando os exemplares que precisase, fundamentalmente carballos de máis de 150 anos (…).
A extraordinaria produción do Arsenal de Ferrol (…) obrigou a cortas masivas en Galicia e na cornixa Cantábrica, destruíndo os últimos bosques primarios que podían quedar na península".(5)
Foi a provincia de Pontevedra, concretamente a cidade de Tui, a primeira en liderar as tarefas de repoboación arbórea da man do enxeñeiro forestal Rafael Areses Vidal, quen promove a plantación no monte Aloia de especies de crecemento rápido, como diversos tipos de piñeiros. O 5 de abril de 1910 vai organizar a primeira Festa da Árbore de Galicia na súa cidade natal.
En canto á provincia da Coruña, vai ser capital a primeira poboación en conmemorala, o 12 de marzo de 1911. A iniciativa foi promovida por Hernández Robredo, director da Granxa Agrícola, e vai contar coa participación de dous mil escolantes, que plantaron máis de catrocentas árbores. Un par de meses despois constituíase a Asociación de Los Amigos del Árbol, presidida por José María Hernansáez y Moscoso, catedrático de Agricultura do Instituto Xeral Técnico da Coruña e activo participante no movemento agrarista das primeiras décadas do século XX, que vai desenvolver ao longo da súa dilatada vida un intenso labor divulgativo sobre a agricultura moderna e a necesidade de conservar as especies arbóreas autóctonas. Un dos froitos dese traballo é o folleto Los árboles, su utilidad, fomento y protección, publicado en 1911.
(Ilstrs. 1-2. Reseñas da revista Vida Gallega, de setembro de 1911, onde se dá conta das primeiras actividades da asociación Los Amigos de los Árboles)
O devandito investigador Xabier Brisset sinala que o primeiro folleto divulgativo que edita a asociación coruñesa é El Eucalipto, impreso en 1913, que se vai repartir entre os mestres e curas párrocos dos diferentes lugares, xunto cun paquete de sementes da dita especie para a súa posterior plantación, de aí, probablemente, o título do seu traballo Nenos plantade eucaliptos! Centenario das festas da Árbore na provincia da Coruña. Non obstante, non temos ningunha referencia gráfica, testemuñal, nin escrita da súa plantación en ningunha das poboacións onde se chegou a celebrar a festa, que optaron preferentemente polos falsos plátanos e das que falamos a continuación.
Así, unha das primeiras vilas da provincia, despois da capital coruñesa, en sumarse a esta efeméride foi Pontedeume. Baixo o título de “Cultura y Progreso”, o semanario eumés Ecos del Eume, con data do 3 de marzo de 1912, gababa así, envolto cun espírito didáctico, esta celebración pioneira da Festa da Árbore:
"Los árboles que en su plenitud regulan, con su acción, la vida de la Naturaleza, y que después de muertos sus materiales regulan la vida social (…) requieren en verdad fiestas como, para honra del pueblo, la que se celebra hoy por vez primera en esta villa, porque de ella guardarán gratos recuerdos los infantiles agricultores, como se guardan de todas las cosas que se ejecutan en la niñez, si se las reviste de atracción y embeleso, como es hacerle tomar parte activa en ella (…).
Es preciso que del grandioso acto de este día, lleven gravado en el corazón estos ciudadanos niños, que no hay trabajos más remuneradores para el propietario que los árboles, y que los hombres dejarían ricos a sus hijos plantando árboles, muchos árboles, en las grandes extensiones de montes incultos que abundan en nuestra amada tierra (…)"
(Ilustr. 3. Ecos del Eume, 03-03-1912)
Esta cerimonia festiva da cultura e do progreso celébrase na mañá do domingo do 3 de marzo de 1912. Nesa data histórica vanse concentrando na praza da Constitución uns setecentos nenos e unhas trescentas nenas, procedentes das escolas do distrito, da escola portuaria do Seixo, da clase de Agricultura do Instituto Xeral Técnico da Coruña, e o do colexio de Bernardino Piñeiro Barro, tamén da capital. Desde unha artística tribuna, levantada para a ocasión e ás costas da Torre da Homenaxe, o alcalde, o párroco e o presidente da sociedade Amigos de los Árboles, da Coruña, exaltan a festa, baixo unha intensa chuvieira, que é contestada con varios vivas pola multitude, coa banda de música do Hospicio interpretando a Marcha Real, mentres que os nenos e rapazas das escolas entoan o Himno al Árbol, composto arredor do ano 1896, con música de Ruperto Chapí e letra do dramaturgo Carlos Fernández Shaw.
(Ilustr.4. Letra do Himno al Árbol)
A continuación, o alumnado provisto de aixadas, pás e regadeiras diríxese, en compaña das autoridades, á futura avenida de Lombardero e á estrada da estación do ferrocarril, enfeitada con bandeirolas, para emprender a plantación de trescentas árbores, e das que aínda se conservan diversos e magníficos exemplares de falsos plátanos.
(Ilustr.5. Ringleiras de plátanos novos na estrada que conduce á estación. Fotografía cedida pola Biblioteca Municipal de Pontedeume)
Despois da plantación e no salón do antigo pazo dos condes de Lemos, a numerosa comitiva infantil é agasallada polas autoridades cun boliño de pan con chocolate. Despois, un alegre pasodobre despide os estudantes da Coruña e os seus profesores, mentres que pola noite se celebra unha función de teatro.
A pesar desta loable iniciativa, a corta indiscriminada de árbores segue cometéndose, como a que denunciaba Ecos del Eume, con data do 9 de marzo de 1913, onde tombaran quince árbores na estrada que conduce á estación do ferrocarril en Pontedeume. Para evitar novas cortas reclama a constitución unha delegación local da sociedade dos Amigos de los Árboles da Coruña. En marzo repítese a conmemoración da que volve facerse eco o semanario eumés, con data do día 16, e que remata con estas palabras:
"Y terminaremos esta reseña rogando al organizador de esta fiesta (…) que en las sucesivas tenga presente el celebrarla en otro sitio más adecuado, o que no coincida en domingo de feria, pues resultaba de muy mal efecto el que no pudieran oírse los oradores por el ruido de los feriantes y el gruñido de los cerdos que estaban para la venta en dicha plaza del Conde".
Durante o inverno de 1913, a semente da sociedade coruñesa vai prender noutras vilas e o voceiro Ecos del Eume, con data do 16 de febreiro, recollendo a experiencia da anterior conmemoración, recomendaba que para “evitar entorpecimientos de la plantación, será conveniente que en las respectivas localidades se hallen ya preparados los hoyos, los tutores, palas, picachones y ensayado convenientemente ese hermoso y sugestionador Himno al Árbol”.
Con estas recomendacións, o día 22 de febreiro, celébrase en Miño coa plantación de 25 árbores, facilitadas polos Amigos de los Árboles da Coruña. Ao día seguinte en Neda, a onde viaxa Rof Codina en representación da mesma sociedade para participar na mesma iniciativa, patrocinada polo concello e promovida polo mestre Ramón A. Pérez de Villaamil, letrista dun Himno al Árbol, que será cantado polos alumnos da súa escola, e coa música de Yáñez, acompañados por una banda popular. Participan máis de 300 nenas e nenos das escolas nacionais e privadas do concello, co seu profesorado. Ese mesmo domingo, día 23, organízase en Ares, promovida polo mestre Federico García Expósito, director das Escuelas Aresanas de Instrucción e un dos fundadores e posterior presidente da sociedade Amigos de los Árboles, que chegaría a promover e participar en centenares de Festas da Árbore na maioría dos concellos da provincia. Contaba coa contribución económica do concello e dos membros da Alianza Aresana de Instrucción, da Habana. Acompañan nesta festa as nenas e nenos da Unión Mugardesa de Instrucción e da sociedade de agricultores La Defensa, que ás oito da mañá parten en formación, acompañados dos mestres e familiares, portando un artístico estandarte, e dunha banda de música, que interpreta un alegre pasodobre. Para soportar a andaina, a organización agasalla o alumnado con pan, queixo e galletas. A eles súmanse as escolas nacionais de Ares, de Cervás, do Seixo, de Caranza e da Unión Escolar Coruñesa, xunto cunha comitiva da sociedade Amigos de los Árboles, da Coruña. Presididos polas autoridades das diferentes vilas e portando os seus estandartes, os invitados son recibidos polo estoupido dos foguetes e coas rúas e casas enfeitadas. Ante as numerosas autoridades e escolantes, o alumnado da Alianza Aresana realiza no patio do colexio unha exhibición de ximnasia sueca para logo dirixirse toda a comitiva á praza da Constitución, acompañada polos sons dunha banda de música, contratada en Ferrol. Desde unha tribuna levantada para tan solemne ocasión, interveñen diversos oradores e logo as numerosas voces infantís cantan solemnemente o Himno al Árbol, que se ten que repetir ante os numerosos aplausos. A continuación ten lugar a plantación na mesma praza da Constitución, no adro da igrexa e no paseo do Marqués de Figueroa. Despois os escolantes reciben un bocadillo de chocolate nas aulas do colexio da Alianza Aresana, mentres que as autoridades celebran un banquete nunha fonda da vila.
(Ilustr.6. Celebración da Festa da Árbore en 1913, en Ares. Memoria gráfica, p.117)
(Ilustr.7. Outra das celebracións, en Ares. Memoria gráfica, p.118)
Non só a prensa local de Pontedeume, representada por Ecos del Eume, vai contribuír á toma de conciencia sobre este culto á natureza, pois outros medios locais van sumar tamén os seus esforzos. Son os casos do semanario Democracia, de Mugardos, que con data do 7 de abril de 1912 recollía en primeira páxina un longo artigo de El Eco de Villalba, que remataba con estas palabras:
"Suprimid el árbol, y suprimiréis la botánica y la farmacia (…) y la medicina.
Suprimid el árbol, y suprimiréis la pintura y la escultura, la estética de la creación, la plástica del mundo.
Matad al árbol, y matáis al droguero, al tintorero, al carpintero y al ebanista.
(…) ¿Queréis la vida?¿Amáis la salud? (…)
Pues no destruyáis los árboles, que son vuestros mejores amigos".
Sucede o mesmo en Ferrol co xornal El Correo Gallego. Así, nun comentario editorial do 1 de febreiro de 1913 e co título de “La Fiesta del Árbol” sinalaba:
"Días pasados, recogiendo generales y fundamentadas protestas por la tala de árboles en las proximidades del Hospital Militar, apuntábamos la idea de celebrar en Ferrol, como en todas las poblaciones cultas de España se practica, la fiesta del árbol (...)
Aquí en Ferrol, donde con tanta facilidad y expeditos medios se organizan sociedades de índole diversa, ¿no sería posible constituir la de Amigos de los Árboles, y procurar su eficiencia (...)".
Noutro solto, do día 24, escribe que en “localidades próximas a Ferrol, comenzando por la capital de la provincia, afánanse con saludables propósitos por el desarrollo e incremento de la fiesta hermosísima de la plantación de árboles (…) Labor de cultura y progreso que en Ferrol se precisa iniciar y desarrollar con perseverante empeño, siquiera para poner freno a los instintos de destrucción que tienen los jóvenes”.
O mesmo xornal, con data do 4 de febreiro de 1914, co título de “Desde Fene. La Fiesta del Árbol”, escribe:
"Todo el que haya alguna vez desembarcado en la rampa de Perlío y seguido la carretera hasta la iglesia parroquial (…) habrase fijado en una colección de árboles jóvenes a una y otra orilla de dicha carretera (…). Con esta calle de árboles contrasta esta con la carretera de Betanzos a Ferrol, la cual está casi desierta, aún en la parte más céntrica de la parroquia".
Vai ser o mestre da escola pública Juan García Niebla quen, con decidido e exemplar entusiasmo, vai facer realidade esta demanda colectiva, guiado polas ideas rexeneracionistas da Institución Libre de Ensinanza, impulsadas decididamente por Francisco Giner de los Ríos e por Manuel Bartolomé Cossío, os dous pensadores cunha importante presenza en Galicia e aos que coñeceu persoalmente.
O ronsel da súa práctica educativa vai deixar unha fonda pegada na zona de Ferrolterra, pois foi un dos pioneiros en Galicia á hora de renovar o anticuado sistema educativo, capaz de espertar novas sensibilidades e de sacar o alumnado dos fríos e escuros muros das aulas para poñelo en contacto co seu contorno natural e patrimonial, chocando, en moitas ocasións, coa burla e a incomprensión social.
A partir de 1901 vai organizar case un centenar de saídas de campo, que eran preparadas a conciencia e non como un mero pasatempo. Así se recollen no libro Los Hombres del mañana, unha edición de 1912 e cunha tirada de cincocentos exemplares, que moitos anos despois será posto en valor polo Grupo de Educación Viaria do Concello de Narón, a partir dunha orixinal proposta de Anabel Bello, e coa edición dun fermoso libro, en 2010, que recolle esta experiencia baixo o título de A enerxía do planeta. No folleto que leva por título Mutualidad Infantil de Serantes, publicado en 1918, detallaba, igualmente, algunhas destas saídas didácticas, que logo reflectía nas páxinas do xornal El Correo Gallego.
(Ilustr.8. Juan García Niebla)
Entre outras das súas renovadoras propostas educativas figura a creación dunha sociedade, a Mutualidad Infantil de la Escuela Nacional de Caranza, que funda o 1 de novembro de 1912, custeada voluntariamente pola comunidade educativa, sen auxilio oficial, e que chegou a contar con 180 asociados. Entre os seus obxectivos: organizar unha celebración anual da Fiesta del Árbol, promover viaxes escolares, auxiliar os nenos pobres coa subministración de roupas de abrigo no inverno e establecer unha biblioteca circulante xunto coa adquisición de aparatos científicos para o uso dos escolantes.
Esa xenerosa capacidade de entrega á comunidade educativa vai ser salientada por El Correo Gallego, nun comentario do 12 de febreiro de 1913 que leva por título “La Fiesta del Árbol. Labor del Sr. García Niebla”:
"(...) El Sr. García Niebla, educacionista a la moderna, ha sabido romper viejos torpes moldes pedagógicos sustituyéndolos por la última palabra en la Ciencia de Pestalozzi, logrando que sus alumnos adquieran una sólida instrucción y educación; desterrando, en absoluto, los castigos corporales – signos desdichados, aún en pleno siglo XX, de nuestra incultura pedagógica – estableciendo una hermosa y saludable corriente de cariño entre el maestro y los discípulos (...)".
Noutro solto, con data do 5 de marzo, chama a atención sobre a desidia de Ferrol á hora de solemnizar a dita efeméride.
"(...) Nos referimos a la altamente saludable, redentora “Fiesta del Árbol”.
Ares y Neda, concediéndole a esa beneficiosa fiesta toda la importancia que entraña, la celebraron con marcada solemnidad y brillantez, depositando en los bordes de sus carreteras crecido número de árboles bienhechores. Caranza se apresta, con vivo regocijo, a memorar el próximo domingo el delicioso progresivo festival (...).
Estos hermosos ejemplos no sirven de acicate para quienes deben hacerlo, imiten tan plausible proceder. Ahí está, desprovisto de arbolado el trozo de carreta que, desde la Puerta Nueva, conduce a la estación del ferrocarril (...).
Puentedeume y Betanzos ya lo tienen, y Ferrol no. (6)
¡Que triste es consignarlo!
No pediremos, si se juzga mucho, que se celebre prontamente la “Fiesta del Árbol”; pero sí habremos de encarecer al Ayuntamiento de nuestro pueblo, que sin pérdida de tiempo disponga la inmediata colocación de plátanos en la indicada carretera (...)".
A Mutualidade vai demostrar a súa capacidade de motivación levando adiante un dos seus obxectivos coa organización da primeira Fiesta del Árbol, o 9 de marzo de 1913 en San Xoán de Filgueira, en Serantes. Presidida por un artístico arco triunfal de once metros de altura con follas e flores, coas vivendas enfeitadas e con gallardetes e bandeirolas ao longo do traxecto, asisten 35 escolas de distintos concellos da bisbarra, os asilados do Hospicio Municipal, doce sociedades agrícolas, cinco centros de cultura, entre eles o Ateneo, a corporación do Concello de Serantes e unha comisión da sociedade Los Amigos de los Árboles, da Coruña, formada polos membros Insua e Rof Codina. Participan 1.000 nenas e nenos, acompañados polos seus mestres, cos seus estandartes e cantando o Himno á Árbore e a Joaquín Costa. Na estrada comprendida entre San Xoán e San Pedro e nuns furados, abertos previamente, e coas súas estacas para suxeitalos, plantan 440 plátanos, que procedían dos viveiros forestais de Tui e de Sada, 100 deles agasallados pola sociedade Amigos de los Árboles, da Coruña, e que foran transportados no vapor Amboage. Con motivo deste acontecemento, a Mutualidade publica o folleto La Fiesta del Árbol, cunha carta do Joaquín Costa, repartíndose 1.000 exemplares.
Esta feliz iniciativa vai ter continuidade en anos vindeiros, como o domingo 10 de marzo de 1918, no lugar dos Corrás, en Serantes, coa participación de 4.000 persoas, entre o alumnado das escolas La Alianza Aresana, de Mugardos, do Seixo, dos Naturales de Fene, da Graña, de Doniños, de San Xoán de Filgueira, de Caranza, e do Centro Obrero de Cultura, xunto coas nenas e nenos do Hospicio Municipal, de Ferrol, e das sociedades Moralidad que Florece, de Balón, Centro Campesino e Centro de Cultura, de Cobas, Libertad y Progreso, de Serantes, delegados de Amigos de los Árboles, da Coruña, e diversas personalidades, como o crego Matías Usero. Todos as entidades portaban as súas bandeiras e estandartes e ían acompañadas pola música das gaitas. Despois dos discursos e da plantación, os escolares foron agasallados con doces, bolos de leite e lambetadas, e repartiuse o folleto Mutualidad Infantil de Serantes.
(Ilustr.9. Folleto da Mutualidad Infantil de Serantes)
Poucos días despois, concretamente o 17, o Centro Obrero de Cultura sumábase a esta iniciativa rexeneradora cunha nova plantación desde a Porta de Canido ata Catabois.
No conxunto das dez festas celebradas vanse plantar 2.100 árbores, que van medrar por diferentes lugares da contorna de Ferrol, coma no soto de San Pedro, no adro da igrexa de Santa Mariña, na Feira do Dous, na Malata, en Curuxeiras, na Cabana e en Cobas. Grazas a ese xeneroso esforzo colectivo e á vixilancia montada polos propios escolares, para evitar que algúns salvaxes arrincasen o plantado, medraron fermosos paseos arborados e aínda hoxe en día se poden contemplar algúns exemplares deses robustos plátanos falsos, que se libraron da corta cando as autoridades competentes apostaron, impunemente, polas estradas para os coches e polo cemento.
Este mestre exemplar vai recibir numerosas distincións pola súa meritoria carreira profesional e a súa innovadora pedagoxía. Así, o 24 de maio de1913, a Inspección de Repoblaciones Forestales y Piscícolas, de Madrid, outórgalle o Diploma de Mérito polos seus traballos en prol do fomento das plantacións arbóreas. Reciben igual distinción as mestras Josefa Rodríguez e Leonor Otero, das escolas de nenas de Serantes, Federico García, da de Ares e o párroco de Pontedeume. Tamén o Ministerio de Instrución envía coleccións de tarxetas postais aos nenos e nenas que participaron nos discursos na Festa da Árbore celebrada en San Xoán. Pola súa parte, o Concello de Serantes, en sesión plenaria do 2 de agosto de 1930, acordaba por unanimidade “que sea designada con el nombre de D. Juan García Niebla la carretera de San Juan de Filgueira, asistiendo a la colocación de la oportuna lápida el Ayuntamiento en pleno, todo ello como homenaje al cultísimo Maestro a quien se debe la rapoblación forestal de muchas carreteras y zonas de este término”. O 30 de novembro dese mesmo ano recibe tamén o recoñecemento dos seus antigos discípulos cunha homenaxe popular en San Xoán pola súa brillante actuación docente no concello de Serantes.
O seu firme compromiso co ensino público lévao, igualmente, á súa militancia política, primeiro como conselleiro segundo da Irmandade da Fala, de Ferrol, en 1917, e logo coa causa da República formando parte da sección de Trabajadores de la Enseñanza da UGT, figurando como un dos representantes dos mestres galegos en Madrid.
A barbarie da represión franquista de 1936 vaise cebar neste sobranceiro cidadán, que sempre lle transmitiu ao seu numeroso alumnado a conciencia da responsabilidade, do amor pola paz e do respecto pola natureza. O 17 de agosto do devandito ano vai ser executado nos fríos muros do castelo de San Felipe, sen xuízo previo e en compaña doutros compañeiros, entre eles o seu amigo e médico persoal Xaime Quintanilla. Logo será soterrado nunha foxa común no cemiterio de Canido.
O 21 de marzo de 1995, coincidindo coa celebración do Día Forestal Mundial, a corporación municipal inauguraba o Bosque García Niebla, situado entre os montes de Balón e Brión, plantando 25 carballos. O día 6 de abril dese mesmo ano recibía un tributo póstumo, de agradecemento e admiración, por parte dos seus antigos alumnos, coa colocación dunha placa co nome de avenida de Don Juan García Niebla, na estrada de San Xoán de Filgueira, restituíndo así o nome que xa tiña antes do Alzamento.
Un Real Decreto, publicado o 5 de xaneiro de 1915, declaraba obrigatoria a celebración da Fiesta del Arbol en todos os termos municipais. Non obstante, as cortas masivas continuaron ao longo do tempo, ata o punto de que o 30 de maio de 1920 os concellos de Galicia publican un bando no que se prohibe maltratar as árbores baixo pena de 100 pesetas de multa e 15 días de arresto, segundo recolle a revista Nova Galicia, de Bos Aires, do 15 de agosto dese ano.
Nunha circular, do 10 de xaneiro de 1924, o gobernador civil da provincia recordaba o Real Decreto de 1915 e lembráballes aos concellos que tivesen asignada unha partida orzamentaria para conmemorar a dita efeméride, que as plantacións debían facerse, preferentemente, no campo da feira, nas prazas destinadas a mercados públicos, nas estradas afluentes aos núcleos de poboación e nos paseos que estean desprovistos de árbores. Ao mesmo tempo, dispoñía que os alcaldes mediante un bando debían sinalar as multas que deberán pagar os veciños que os maltraten.
Como dato curioso cómpre salientar que nese mesmo ano o Concello de Ferrol desatendía a devandita circular do Goberno Civil da provincia e desatendía a orde da superioridade de celebrar a Festa en todos os concellos da provincia alegando a ridícula desculpa de que non había sitio onde plantar as árbores.
(Ilustr.10. El Correo Gallego, 15-01-1924)
Non foron unicamente os mestres, a prensa e as sociedades de agricultores os fomentadores do culto ás árbores, pois tamén houbo na bisbarra ferrolá diferentes agrupacións cívicas que van contribuír á protección e fomento da natureza, entre elas a sociedade Amigos del Campo, de Ferrol, La Liga de Amigos del Campo, de Barallobre, Los Amigos del Paisaje Gallego, do Seixo, La Asociación Artística, de Mehá ou Amigos de los Árboles, de Maniños. Esta última foi promovida por veciños da parroquia residentes en Cuba e Nova York coa finalidade de promover un gran parque, no lugar do pombal, para o lecer dos veciños. Co paso do tempo daría lugar á sociedade O Pote. A primeira directiva constitúese en 1925 co obxectivo de protexer a flora e fomentar o amor e o coñecemento das árbores, e organiza a primeira Festa da Árbore en agosto de 1927 coa plantación de 70 árbores de distintas especies.
(Ilustr.11. FEAL REY, M.ª del C. Historia de Maniños, p. 109)
Durante o Franquismo continuou a obriga da celebración, que tiña que conmemorarse en cada concello en día festivo. Desde 1971 a FAO celebra, cada 21 de marzo, o Día Forestal Mundial e aquelas pioneiras asociacións de Amigos de los Árboles, que xurdiron por numerosos lugares do país, foron a semente que xermolou hoxe en día en moitas organizacións defensoras da Terra, máis necesarias ca nunca diante da cobiza do ser humano que leva á destrución da propia Natureza.
NOTAS:
(1) HERRERO UCEDA, M. El Día del Árbol, p. 68.
(2) FRAGA, X. A. As festas da Árbore.
(3) BRISSET MARTÍN, X. O poder e as fragas, p. 85.
(4) BURGOA, J. J. (2014): Ferrol y su comarca. El patrimonio industrial, p.56.
(5) BRISSET MARTÍN, X. Nenos plantade eucaliptos! Centenario das festas da Árbore na provincia da Coruña, p. 46.
(6) Haberá que agardar ao domingo 27 de febreiro de 1928 para unha plantación patrocinada polo Concello na zona da Porta Nova, contigua á estación do ferrocarril.
Ares. Memoria gráfica. A Coruña: Deputación Provincial, 2002.
BRISSET MARTÍN, X. (2010): “O poder e as Fragas”, O Retorno, núm. 4.
BRISSET MARTÍN, X. (2010): “Nenos plantade eucaliptos! Centenario das festas da Árbore na provincia da Coruña”, Cátedra, núm. 18, 2011.
BURGOA, J. J. (2014): Ferrol y su comarca. El Patrimonio industrial, (s.l.) Juan J.Burgoa Fernández-Foro Amigos de Ferrol-Central Librera, 2014
FEAL REY, Mª. del C. (2010): Historia de Maniños. Fene (s. e.).
FRAGA, X. A. (17-08-2008): “As festas da Árbore”, Diario de Ferrol.
GÓMEZ, J. M.ª (17-08-2008): “A romaría laica do Pote cumpre os 75 anos”, Diario de Ferrol.
Grupo de Educación Viaria do Concello de Narón (2010): A enerxía do planeta (s. l.). Concello de Narón.
HERRERO UCEDA, M. (2011): “El Día del Árbol”, Quercus.
LLORCA FREIRE, G. (2000): “Juan García Niebla. A pedagoxía ó servicio do cidadán, Idea, núm. 6.
USERO, M. (01-5-1928): “Excursionismo”, El Correo Gallego.
PÁXINAS WEB
anpadeares.blogspot.com/2011/03/dia-del-arbol.html
Fernández Prieto, Lourenzo (2012): “José María Hernansáez y Moscoso”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. Obtida o 17/01/2014, de http://www.culturagalega.org/
http://www.amigosciudadmondonedo.org/files/la_fiesta_del_arbol.pdf
PRENSA CONSULTADA
Democracia, Mugardos
Ecos del Eume, Pontedeume
El Correo Gallego, Ferrol
La Voz de Galicia, A Coruña
Nova Galicia, Bos Aires
Vida Gallega, Vigo