A Cañiza artísTICa
Manuel Fernández Álvarez
manolito@edu.xunta.es
CPI de A Cañiza
No curso 2012/13, un grupo de profesores e profesoras de distintos niveis e materias do CPI da Cañiza, concello rural con sete mil habitantes da provincia de Pontevedra, decidimos realizar co noso alumnado un proxecto cun enfoque interdisciplinar e colaborativo, que tivese unha incidencia directa no centro e na súa contorna.
Como no noso CPI hai unha distancia física considerable entre o edificio de infantil e primaria e o de secundaria, non existe moito contacto entre o profesorado dos distintos niveis, excepto en claustros e outras accións puntais. Con este proxecto queriamos darlle cabida a un dos obxectivos do Plan xeral anual do centro: desenvolver actividades conxuntas para estar máis comunicados os distintos niveis do centro. Tamén se pretendía dinamizar o uso das TIC cuns mesmos criterios que abarcasen todo o centro.
Para desenvolver o proxecto pretendiamos traballar algo relevante, significativo e próximo ao noso alumnado e, ao mesmo tempo, promover que utilizasen as TIC con fins educativos. Partimos da inquietude dalgúns membros do grupo por darlle a coñecer ao alumnado o valor cultural dos elementos artísticos, tradicionais e relixiosos da súa vila.
O proxecto desenvolveuse no marco dun grupo de traballo asesorado polo Centro de Formación e Recursos de Vigo que titulamos Arte en mi pueblo. Neste grupo participou profesorado de primaria e de secundaria, atendendo así á formación permanente dos docentes no propio centro.
O proxecto integrouse na programación de aula das materias de Tecnoloxía, Música e Relixión. Hai que subliñar que axudou a dinamizar a biblioteca na Hora de Ler, xa que incorporou o estudo e recitado das cantigas e poemas da zona. Así mesmo, a lingua inglesa tamén tivo o seu espazo nas audioguías da arquitectura dos templos.
Centramos o noso traballo nos elementos artísticos relixiosos da aldea, en concreto dos templos e das manifestacións artísticas arquitectónicas, musicais, poéticas… e a súa incidencia na vida e na historia do concello, xa que existen numerosos elementos artísticos descoñecidos ou pouco valorados.
Con este traballo queriamos dalos a coñecer para fomentar nos nosos alumnos as actitudes de respecto e recoñecemento cara aos aspectos culturais da contorna. Ademais tamén queriamos espertar o seu interese pola arte, en calquera das súas expresións, e todo isto empregando as TIC e as súas posibilidades: realidade aumentada, xeolocalización dos monumentos, podcast, audioguías en varios idiomas, actividades empregando as posibilidades da web 2.0, recursos para o encerado dixital, modelados en 3D, utilización de apps educativas para xerar algunhas actividades, tablets…
O emprego de recursos TIC era un atractivo máis para facilitar o achegamento do alumnado a cuestións que poderían considerar afastadas do seu tempo ou dos seus intereses. Ademais pretendíase potenciar o uso de recursos TIC por parte do profesorado.
O concello da Cañiza está formado por 17 parroquias coas súas respectivas capelas e igrexas, que constitúen o obxecto principal do noso traballo. Ademais queriamos identificar os patróns máis representativos de cada igrexa e a súa historia; localizar e recitar cantigas, himnos e poemas relixiosos referidos ás igrexas e capelas e crear un espazo web, un blog, onde se recollese toda a información e a experiencia vivida.
O desenvolvemento do traballo levouse a cabo a través dunha metodoloxía activa, onde primou a participación bidireccional entre os compoñentes: profesores e alumnos que participan no proxecto, principalmente, pero tamén integrou a participación das familias. Trátase dun traballo de colaboración, onde profesores e alumnos de diferentes niveis e materias cooperan para un resultado final conxunto.
Partimos dunha revisión de intereses e coñecementos previos dos alumnos para que a aprendizaxe fose significativa. O alumnado foi protagonista da súa aprendizaxe, e elaborou diversos materiais a través de actividades e ferramentas propostas polo profesorado.
Para conseguir os obxectivos anteriormente citados, dividimos as actividades en tres momentos:
En primeiro lugar, actividades iniciais, centradas na busca de información e recompilación de todo o material referido aos templos: estilo arquitectónico, ano de construción, festas relixiosas, himnos, cantigas, poemas, tradicións… así como fotografar os templos e ermidas tanto no seu interior coma no exterior. Aínda que esta parte a levamos máis os profesores e profesoras implicados no proxecto, o alumnado colaborou achegando fotos, preguntándolles aos pais e avós polas tradicións das parroquias (festas, orixe…), é dicir, completando a información.
Na segunda fase foron as actividades de elaboración. Unha vez que dispoñiamos da información e dos datos de cada templo, realizamos distintas actividades co alumnado para conseguir os nosos obxectivos: xerar códigos QR coa información obtida; crear podcast con esa información en distintos idiomas –castelán, galego e inglés–; modelaxe en 3D dos templos e ermidas máis significativos; gravar podcast cos himnos, cantigas e poemas relixiosos de cada parroquia; realizar pequenos vídeos cos elementos esenciais de cada parroquia ou templo; xerar pequenas audioguías coas características principais de cada templo; realizar debuxos por medio dos encerados dixitais e tablets sobre patróns das parroquias.
E finalmente levamos a cabo actividades de conclusión. Nesta parte o profesorado levou máis a iniciativa, xa que se creou o blog onde se recolle toda a experiencia, pero o alumnado, principalmnte o de sexto de primaria, participou a través de Twitter na difusión dos elementos máis destacados dos templos estudados. Ao mesmo tempo, con este alumnado, realizamos unha actividade lúdica cultural baseada en códigos QR dun dos templos máis significativos da zona, para coñecer in situ as súas características, a súa historia, elementos artísticos…
Co resto do alumnado realizamos actividades de síntese para afianzar os coñecementos: xogos para o encerado dixital e outras actividades xeradas a través de distintas apps para tablets, ipad ou aplicacións da web 2.0.
Moitas das actividades realizáronse no centro: na aula de informática, na aula de tecnoloxía e naquelas aulas que dispoñían de encerados dixitais. Pero para a actividade final lúdica cultural escollemos un dos templos máis significativos: A Franqueira.
O resultado deste traballo, tanto para o profesorado implicado no proxecto coma para o alumnado, foi moi gratificante e positivo. Non se pode cuantificar, pero os obxectivos propostos foron alcanzados e, en moitos casos, superados. O Concello da Cañiza interesouse polo seu resultado.
O grupo de traballo foi o marco que posibilitou o desenvolvemento deste proxecto ao proporcionar a formación necesaria para o profesorado e establecer uns espazos e uns tempos para o traballo conxunto dos docentes, un dos obxectivos que se pretendían. O feito de realizarse no propio centro facilita moito a formación permanente duns profesores e profesoras que na súa gran maioría xa se desprazan diariamente desde os seus domicilios ao centro de traballo.
O nivel de competencia TIC do profesorado integrante no proxecto era moi variado, pero predominaba un nivel básico no uso das ferramentas TIC. O proxecto contribuíu á mellora da competencia dixital do profesorado e fomentou unha maior utilización das TIC na aula, así como unha valoración das súas posibilidades para a mellora do proceso de aprendizaxe do alumnado.
Por outra banda comprácenos ver o número de visitas do blog onde se recolle a experiencia. Quere dicir que moitas persoas acceden por curiosidade, algúns compañeiros para ver as posibilidades para outros contextos e os veciños do concello para ampliar ou corrixir algún dato. O blog foi creado, entre outros, co obxectivo de dar a coñecer a experiencia desenvolvida e ser unha fonte de consulta dos documentos elaborados, para que estean á disposición de todos, no só do alumnado, e promovan a necesidade de conservar e valorar o patrimonio.
Aquí pódense atopar todas as actividades e documentación do traballo.
http://arteenmipueblo.blogspot.com.es/
Se falásemos da funcionalidade do proxecto, por un lado está o feito de que o alumnado coñeza e valore o próximo a eles, así como espertar o seu interese pola arte; por outro, darlle a coñecer ao resto da comunidade educativa, profesores e familias, a riqueza artística da súa contorna.
Con todo, o máis satisfactorio foi a implicación do alumnado en todas as actividades propostas e en todo o proceso do proxecto, así como a colaboración das familias achegando documentación (textos, fotografías antigas, pequenas lendas, anécdotas da súa aldea). É dicir, a parte colaborativa de implicar a escola e a familia fóra do ámbito educativo.
O proxecto uniu diferentes xeracións: aos avós cos netos á hora de contarlles historias de como era a súa parroquia, de recuperación de vellos ditos ou cantigas, así como da orixe de diferentes tradicións noutros tempos; e ás familias co profesorado ao ver o interese pola historia, neste caso dos templos do concello. Ao mesmo tempo, ao profesorado de distintas materias e niveis nun obxectivo común: traballar e aprender xuntos por medio das TIC.
En canto a posibles melloras do proxecto, poderíase ampliar a outros elementos artísticos, como, por exemplo cruceiros, petos das ánimas, muíños; ou ben amplialo a outros aspectos como rutas de sendeirismo e traballar a flora e a fauna, personaxes relevantes na contorna, xogos tradicionais de cada parroquia, traballar a etnografía, os oficios... e todas as posibilidades que permitan unir a realidade e o contexto dos alumnos co seu centro educativo, integrando no proxecto todas as materias do currículo e potenciando o uso das TIC.