Proxectando responsabilidade

Un proxecto interdisciplinario de educación para a saúde no IES Carlos Casares de Vigo (Programa “Clases sen fume”)
En todos os cursos da ESO e en 1º de bacharelato trabállanse temas transversais que educan en valores e que fan acadar competencias que doutra maneira non estarían incluídas nalgunhas materias. Distribúense as tarefas por cursos segundo a adecuación dos contidos concretos do programa, equilibrando a repartición para que todos os grupos traballen polo menos nun dos programas que o Plan Proxecta propón.

Almudena Lacomba Maruri
Profesora de Expresión Plástica e coordinadora do proxecto
IES Carlos Casares de Vigo (Pontevedra)
alacomba@edu.xunta.es

 

O instituto conforma un espazo onde o alumnado se forma como suxeito social. A aprendizaxe na aula desenvólvese en grupo, de maneira que se propoñen situacións e espazos para pensar e facer que poidan ser analizados a diferentes niveis: individual, grupal e social.


No noso centro pretendemos involucrar o alumnado colaborando e asumindo responsabilidades individuais, grupais e sociais.
Para nós, traballar na promoción e educación para a saúde é unha prioridade  e un reto de todos.
Ao longo de seis meses, profesorado e alumnado de 1º da ESO traballamos para acadar os seguintes propósitos:

Obxectivos xerais

• Desenvolver competencias traballando en contextos reais e con pensamento crítico para atopar solucións.
• Conseguir alumnado máis curioso e competente cara ao futuro.
• Facer entender que teñen recursos, capacidades e talentos esenciais para facerlles fronte aos problemas da vida.
• Formar persoas con autonomía para crear os seus propios valores.
• Asumir con normalidade a toma de solucións e resolución de problemas.
• Autorresponsabilizarse da propia saúde, da propia vida.
• Proporcionar ferramentas ao alumnado para atopar o seu propio benestar psicolóxico, físico e social.
• Tomar consciencia da existencia e influencia da presión social, especialmente do grupo de iguais.
• Desenvolver a capacidade de defender os dereitos propios respectando os demais e comprendendo que os dereitos serven para comunicarlles aos demais as nosas decisións.
• Previr o paso dos usos experimentais.
• Potenciar a capacidade de observación e de percepción.
Proporcionándolles a oportunidade de experimentar novas sensacións (bailar en parella...), facilítaselles a vivencia de sentimentos de autoeficacia incrementando o seu nivel de autoestima.
Dando a volta ás peculiaridades típicas dos adolescentes e recoñecendo a súa eficacia en vez das súas características "negativas" (deslocalizacións temporais, actitudes reivindicativas...) conseguiremos desenvolvementos creativos e construtivos.

Obxectivos específicos

• Dotar o alumnado de recursos para tomar decisións favorables contra o tabaco.
• Fomentar o coñecemento dunha vida saudable sen tabaco.
• Facer que toda a comunidade educativa tome conciencia da importancia da prevención do tabaquismo.
• Desenvolver a capacidade de análise crítica da información do tabaco que reciben dos distintos medios.
• Confiar nun mesmo e nos demais.
• Fomentar con técnicas de grupo a implicación, interese e cooperación.
• Encontrarlle sentido ao traballo e ao esforzo.
• Ser quen de formular metas ou proxectos e trazar un plan para acadalos.

Estratexias

• Explicar o obxectivo e os resultados que queremos dando liberdade para buscar o camiño.
• A comprensión pola contextualización dentro da vida real.

Organización

Integrado o proxecto na planificación xeral anual do centro, dentro da programación das actividades transversais, complementarias e extraescolares, a organización inicial parte da Vicedirección.
En todos os cursos da ESO e en 1º de bacharelato débense traballar temas transversais que educan en valores e fan acadar competencias que doutra maneira non estarían incluídas nalgunhas materias. Deste xeito faise unha repartición por cursos segundo a adecuación dos contidos concretos do programa e intentando acadar un equilibrio para que todos os grupos traballen polo menos nun dos programas que o Plan Proxecta propón.
Despois de implicar ao profesorado no proxecto, este será non só partícipe senón tamén potenciador, quedando isto reflectido na elevada porcentaxe de participación do equipo docente en seis programas do Plan Proxecta no curso 2012/13.

Desenvolvemento e metodoloxía

Rompemos o xeo.

  • A importancia grupal do tabaco, a presión do contorno.
  • A timidez, a rebeldía.
  • O prestixio social do tabaco.
  • A necesidade de saber para poder ter unha actitude crítica ante o tabaco.
  • Facémonos maiores.

Nas clases de titoría recollen información acerca do tabaco, do seu contido, dos efectos a curto, medio e longo prazo. Tópicos, falsos mitos, actividades ligadas ao uso do tabaco...

Procura por grupos de textos sobre o tabaco e exposición oral cara aos seus compañeiros. Os logros acadados son os seguintes:

  1. Facilitar o traballo cooperativo.
  2. Desenvolver a capacidade de interese e a capacidade de extraer ideas fundamentais dun texto informativo sobre o tabaco.
  3. Potenciar a lectura comprensiva.

Publicidade e tabaco. Nas clases de Plástica.

  1. Mostramos ao alumnado o funcionamento do sistema publicitario.

  2. Recompilamos anuncios sobre tabaco e analizámolos.

  3. Contrapublicidade.

  4. Chuvia de ideas.

Primeira fase creativa do proxecto: LEMA

Vanse apuntando e votaremos o que máis nos convenza.

Despois ilustramos por subgrupos, dentro de cada grupo, os nosos respectivos lemas. Volvemos a votar e enviamos un por clase ao concurso.

Segunda fase. ACTIVIDADE CREATIVA

Cos "saberes" obtidos damos paso outra vez á chuvia de ideas e vemos exemplos dos traballos realizados polos compañeiros do ano pasado, os gañadores doutros anos e os traballos pendurados na rede sobre “Clases sen fume”. De aí a importancia de divulgar os traballos e darlles publicidade.
1º ESO A decide facer un monólogo sobre o tabaco e crear o personaxe “Piti”, un monicreque manexado pola man da nena máis alta da clase.
O guión xorde coas achegas de todos e todas. Un voluntario le, escenificamos e gravamos O club da traxicomedia.
A 1º ESO B interésalle o prestixio social do tabaco e que haxa unha canción dedicada a el, Fumando espero. Este tango coñecido pola famosa interpretación da recentemente falecida Sara Montiel na película El último cuplé, foi convertido en Fumar non quero. Cambian a historia e letra da canción e escenifican.
O texto da canción trabállase en galego, castelán e inglés.

 

1º ESO C decántase pola análise de textos. A súa titora propón que cada alumno faga un conto, un poema, a folla dun diario e unha carta. Mans á obra. Unha vez feitos, ilustran na clase de Plástica e o resultado é Literatura e tabaco, un completo e traballado libro ilustrado.

 

 

 

Terceira fase: PECHE DO PROXECTO

Para conmemorar o Día mundial sen tabaco, organizamos unha divertida xincana  con todo o alumnado de 1º da ESO.

Transmisión

Expoñemos na televisión do vestíbulo do centro para que o vexan os compañeiros doutros cursos.

Damos publicidade dos traballos finais no noso blog.
Das novas sobre Clases sen fume.

En Redeiras:

Actividades creativas

Literatura e tabaco

Día mundial sen tabaco
 

Avaliación

Xeral

  • O papel fundamental deste programa é o seu método de ensino participativo no que o docente facilita a reflexión na realidade na que o alumnado se move. Esta reflexión é a que leva á toma de conciencia e á conseguinte motivación do grupo, é dicir, á predisposición por participar.
  • O alumnado aprende porque ten interese, pon atención, reflexiona e se esforza.
  • O desenvolvemento das competencias básicas e o alto grao de aprendizaxe mellora a autoestima do docente.
  • O alumnado tamén pensa que o nivel da aprendizaxe é alto, así que estamos fronte a unha estratexia idónea de transmisión de valores.
  • O alumnado divírtese porque todo o traballo é práctico.
  • O proxecto non é un exame nin traballo puntuable, polo que se asumen riscos que doutra maneira non tomarían, o que é primordial cara á creatividade.
  • A participación no concurso posúe función estruturadora da realidade, configuradora da realidade cognitiva e facilitadora da acción formativa levando a un desenvolvemento positivo dos valores asociados ao compromiso de non fumar.

Individualizada

  • Expón razoadamente as súas opinións e os seus xuízos.
  • Intercambia materiais e compárteos.
  • Ten capacidade para analizar as situacións expostas.
  • Colabora activamente no traballo en equipo.
  • É obxectiv@ fronte á publicidade.
  • É quen de discriminar dereitos e deberes.
  • Realiza responsablemente as tarefas acordadas.
  • Acada as competencias traballadas.

Conclusións

O método de aprendizaxe por proxectos é unha experiencia motivadora e altamente gratificante. O alumnado desenvolve as oito competencias básicas de maneira eficaz e impúlsase entre o profesorado o desenvolvemento das TIC e da innovación metodolóxica.
Conseguir o premio para gozar toda a clase, ademais do efecto motivador, reforza o buscado cooperativismo.

Profesorado participante:

  • Almudena Lacomba Maruri (Vicedirectora)
  • Dorinda Rodicio Masid (Matemáticas)
  • Marta Freijedo Pérez (Ciencias Naturais)
  • María Lourdes Pérez Corredoira (Lingua Castelá)
  • Leandro García Bugarín (Lingua Galega)
  • Ángel Manuel Rodríguez Romero (Expresión Plástica e Visual)
  • Salvador Novo Mosquera (Inglés)

E o libro ilustrado Literatura y tabaco recibe o primeiro premio á Actividade creativa do Programa “Clases sen fume 2013”.

Bibliografía: 

 

  • Anexo 11: Unidades didácticas prevención de drogodependencias 1º e 2º ESO. Consellería de Sanidade. Xunta de Galicia.
  • Becoña, E. e Váquez, F. L. (2000). Las mujeres y el tabaco: características ligadas al género. Revista Española de Salud Pública; 74:13-23
Sección: