Historia dun cambio
Tatiana M.ª Pérez Díaz
tatiperez@edu.xunta.es
Ania González Gómez
aniagonzalez@edu.xunta.es
CEIP Plurilingüe Antonio Palacios. O Porriño
O CEIP Plurilingüe Antonio Palacios é un centro con máis de corenta anos de historia que desde o seu inicio intentou evolucionar e adaptarse ás esixencias dunha sociedade cambiante.
Este espírito de mellora educativa que comezou hai tanto tempo está a experimentar un importante pulo nos últimos anos, xa que no centro houbo numerosos cambios tanto de infraestruturas coma de persoal. Este proceso de transformación incrementouse nos últimos anos cando o equipo docente intentou aproveitar as posibilidades que se ofrecían desde a Administración para atender as necesidades específicas do alumnado. Deste xeito, implantáronse no centro unha serie de programas que facilitan a mellora académica de nenos e nenas e que procuran minimizar as desigualdades debidas a aspectos económicos, sociais, familiares, persoais etc.
Neste proceso podemos destacar varios puntos de inflexión:
2005-2006: participación no programa de acompañamento PROA
2010-2011: entrada na rede de centros plurilingües
2010-2011: traslado ao edificio novo
2011-2012: concesión do PLAMBE
2012-2013: entrada na rede de centros ABALAR
Esta liña do tempo dos últimos anos reflicte algúns dos pasos que se deron para chegar á situación actual, pero estes cambios non serían posibles sen o proceso de formación do profesorado que se desenvolveu paralelamente neste período. Foron os cambios introducidos nos tres últimos cursos os que supuxeron a transformación máis significativa na nosa práctica de traballo e na nosa concepción de centro.
Malia no curso 2009/10 facerse xa unha aproximación á metodoloxía de proxectos co GT Proxectos de arte para o ensino plurilingüe, a entrada do centro no PLAMBE no curso 2011/12 supuxo para un grupo de mestres e mestras entrar nunha nova dinámica na que a biblioteca se converte no eixe central do noso traballo docente co desenvolvemento de proxectos documentais. Iso requiriu unha formación específica para poder aproveitar ao máximo todas as posibilidades didácticas que se nos ofrecían desde un espazo tan motivador para o noso alumnado.
Aínda que a biblioteca foi o punto de partida, o noso sentir ía máis alá, necesitabamos formación específica que facilitase o noso labor diario. Durante o curso 2012/13, e tras unha reflexión sobre as novas formas de traballo, que nos esixían como docentes ser capaces de lle proporcionar ao noso alumnado estratexias de busca e tratamento da información adecuadas a cada un dos niveis, creamos un grupo de traballo: Ler, escribir e investigar na biblioteca escolar no que participamos un total de sete mestras. Neste grupo había representación de todas as etapas educativas e ciclos que se imparten no centro, polo que intentamos que o noso traballo chegase aos outros compañeiros e compañeiras de ciclo e por extensión ao seu alumnado. Pretendiamos tamén garantir un traballo secuenciado e adaptado a cada nivel educativo.
Coa formación recibida no grupo de traballo pretendiamos aumentar a nosa competencia no campo da educación documental, elaborar un programa de traballo coherente e secuenciado para o centro, adquirir recursos metodolóxicos e crear estratexias de dinamización da biblioteca escolar para convertela nun centro de recursos que apoie o proceso pedagóxico.
A maioría das actividades que elaboramos no grupo de traballo puxémolas inmediatamente en práctica cos nosos grupos de alumnos e alumnas. Esta posta en práctica fixo que ao final do proceso elaborásemos un programa completo de formación de usuarios que abrangue todos os niveis educativos que se imparten no centro: infantil e primaria. Este tipo de actividades permítelle ao noso alumnado un traballo independente dentro do espazo da biblioteca e proporciónalle unha serie de estratexias de traballo de busca e tratamento da información.
O alumnado, despois de poñer en práctica o programa de formación de usuarios, manéxase mellor no espazo da biblioteca, a maioría dos nenos e nenas localizan sen dificultade o que buscan e son quen de transformar a información. Ademais, aumentaron moito os préstamos na biblioteca.
De forma simultánea levouse a cabo un proxecto de formación en centros ABALAR no que participaron, ademais de distintos mestres e mestras de quinto de educación primaria, outro grupo de mestres que tiñan interese en formarse no uso das novas tecnoloxías na aula. A raíz deste proxecto púxose en marcha no centro unha aula virtual na que o noso alumnado dispón dun feixe de recursos que poden utilizar nas súas aprendizaxes de distintos temas e materias. A utilización da aula virtual no centro supón unha axuda tanto para os mestres como para o alumnado, pero require o uso dunha nova metodoloxía baseada na adquisición non tanto de conceptos senón de competencias diferentes que lles permitan a nenos e nenas construír as súas propias aprendizaxes de forma autónoma e significativa.
O alumnado de quinto, despois dun curso utilizando os ordenadores ABALAR, acadou maior competencia no uso dos equipos e do software que teñen instalado, mellorou a súa capacidade de busca e tratamento da información, pero sobre todo o que notamos foi unha mellora no nivel de motivación cara ás novas aprendizaxes. O uso dos ordenadores como recurso tamén lle facilitou ao profesorado a adaptación de recursos e materiais aos distintos ritmos de aprendizaxe do seu alumnado. Deste xeito, a integración de nenos e nenas con necesidades específicas de apoio educativo foi mais satisfactoria ca en cursos anteriores.
Debemos destacar neste mesmo curso 2012/13 a posta en marcha dun programa de mellora da lectura, da escritura e do cálculo en toda a educación primaria, xa que a avaliación de diagnóstico destes aspectos nos anos anteriores nos permitiu ver as carencias que tiña o noso alumnado nestes ámbitos. O programa permitiunos establecer un traballo secuenciado e unha dinámica de apoios na aula que lle facilita ao noso alumnado mellorar a súa competencia lingüística e matemática. Pero a avaliación do proxecto fixo, unha vez máis, que todo o equipo docente asumise a necesidade de formación.
Ademais, a avaliación destas dúas actividades desenvolvidas (o grupo de traballo e o PFAC) fíxonos ser conscientes da importancia que tiña a nosa formación para poder dar un xiro na metodoloxía que estabamos a utilizar no centro. Constatamos que existía un considerable desaxuste entre as necesidades de aprendizaxe dos nenos e nenas e as competencias coas que contabamos como docentes, polo que consideramos que a nosa formación continua era a clave do éxito do noso alumnado. Ademais entendemos que, para que os cambios metodolóxicos sexan realmente efectivos, é necesario que a formación involucre o centro como conxunto e non sexa unha suma de accións illadas.
Apoiados por unha ampla maioría do claustro, decidimos solicitar un PFPP (Plan de formación permanente do profesorado) no que incluímos as dúas liñas de actuación que iniciaramos durante ese ano: o desenvolvemento das competencias básicas, especialmente a lingüística, tendo en conta que as linguas son unha aprendizaxe instrumental clave de todas as demais aprendizaxes, e o traballo na mellora da competencia dixital. No centro estanse a levar a cabo durante este curso distintas actuacións no marco do PFPP no que participa unha porcentaxe moi alta do profesorado do centro.
Aínda que o camiño está iniciado, consideramos imprescindible continuar paso a paso mellorando as nosas competencias docentes e poñendo en práctica na aula as novas aprendizaxes. Confiamos en que deste xeito se consoliden uns cambios metodolóxicos que propicien a mellora das aprendizaxes do noso alumnado.