O autismo na aula ordinaria

Aprendendo a integrar de forma efectiva. Experiencia levada a cabo con alumnado con trastorno xeneralizado do desenvolvemento nunha escola de educación infantil.

Iván Tourón Morais
Escola de Educación Infantil de Sarria
eei.sarria@edu.xunta.es

 

O que relato a continuación non é máis ca unha experiencia que vén amosar a necesidade que o profesorado ten de recibir unha formación continua e exhaustiva que lle permita desenvolver o seu traballo coas ferramentas necesarias para lle dar unha atención axeitada e efectiva ao seu alumnado.

O contexto no que se desenvolve esta experiencia é unha escola pública de educación infantil, unha escola que conta cunha dotación axeitada de recursos e cun excelente grao de implicación por parte do profesorado e das familias.

A escolarización no centro de tres alumnos con trastorno xeneralizado do desenvolvemento (en diante TXD) fai preciso que se leve a cabo unha reorganización de recursos e se formulen novas estratexias metodolóxicas no día a día das nosas aulas.

Acontece que a meirande parte do profesorado da escola non ten os coñecementos precisos para acometer con efectividade esta tarefa. É por iso que xorde a idea de levar a cabo unha actividade formativa no CFR de Lugo, concretamente un seminario permanente coordinado por min como mestre de Audición e Linguaxe e no que participará todo o profesorado que imparta docencia a estes alumnos. Non só é preciso adquirir coñecementos senón tamén unificar criterios.

Os obxectivos formativos propostos foron:

-Coñecer que é o autismo, o seu diagnóstico e as súas causas.

-Coñecer outros TXD que se confunden co autismo.

-Adquirir un amplo coñecemento sobre todo o rango de condutas que pode presentar unha persoa con autismo.

-Ser conscientes das diferentes necesidades que os nenos e nenas con autismo presentan á hora da súa aprendizaxe.

-Coñecer o tratamento e intervención psicoeducativa no autismo.

-Formular os obxectivos adaptados ás necesidades específicas dos nenos e nenas con autismo.

-Coñecer como incrementar a súa comunicación a través de sistemas alternativos de comunicación.

-Coñecer como favorecer a súa autonomía.

-Coñecer como facilitar axuda para as relacións sociais a través do xogo e de actividades de ocio axeitadas.

-Aprender a elaborar materiais para o traballo diario na aula empregando programas informáticos como o Boardmaker.

-Coñecer as necesidades das familias dos nenos con autismo.

Malia os obxectivos semellaren moi ambiciosos, a principal finalidade á que pretendiamos chegar non foi outra ca a de organizar as aulas para facilitar as aprendizaxes destes nenos e nenas facéndoos partícipes conscientes en todo momento e na medida do posible de todas e cada unha das súas vivencias. Por iso aquí non se inclúen aspectos dunha intervención específica, senón algúns exemplos de aspectos clave no traballo diario con alumnado TXD, aspectos moi sinxelos pero que facilitaron en gran medida o desenvolvemento das aprendizaxes nun clima axeitado ás necesidades do alumnado.

Unha vez que se ían desenvolvendo os contidos e as actividades propostas para cada un deles, íanse levando a cabo as diferentes actuacións nas aulas cos nenos e nenas. É importante remarcar que, aínda que se tentou individualizar ao máximo, a maior parte das estratexias que se propuxeron, aínda cambiando a dinámica ordinaria da aula, ía dirixida a todo o grupo-clase, non ao alumnado con TXD en particular.

As estratexias que se levaron a cabo enriquecen a organización de calquera aula de educación infantil, exista ou non nela alumnado que presente trastorno xeneralizado do desenvolvemento, xa que fundamentalmente atenden a dous principios: a estruturación e a anticipación, aspectos clave na etapa educativa que nos ocupa.

Tratábase entón de darlle maior organización e especificidade ao que xa se viña facendo de xeito ordinario. A xornada diaria establecíase en diferentes períodos: o momento da asemblea, o traballo de mesa, o momento do baño, o traballo por recunchos, o tempo de xogo, a hora do conto, da psicomotricidade, os recreos, o comedor ou os diferentes talleres.

Como facelo entón máis estruturado ou predicible? No primeiro momento da mañá, na asemblea organizábanse as tarefas para toda a xornada, facendo partícipes os nenos e nenas da xestión do seu propio traballo. Para iso contabamos coa axuda de paneis con referentes visuais (fotografías ou pictogramas), que ao mesmo tempo nos axudaban para lles facilitar a estes nenos a comprensión da realidade dun xeito icónico.

Ademais, os nenos con TXD contaban con cadansúa axenda para organizar e anticipar en todo momento as actividades máis concretas dentro da aula.

Panel de estruturación da xornada escolar

Axenda de organización e anticipación de actividades

Fóra da aula ordinaria, nos outros espazos do centro, como os aseos, o comedor ou a aula de psicomotricidade, os referentes visuais tamén estaban presentes.

Outro dos aspectos que hai que ter en conta foi o de desenvolver unha aprendizaxe sen erro, xa que os erros repetidos producían un aumento do negativismo, alteracións de conduta, desmotivación… polo que o modelo de aprendizaxe por ensaio-erro non é o recomendable para un neno ou nena con TXD.

Do mesmo xeito, outra estratexia clave foi a motivación e o reforzo positivo con incentivos lúdicos, sociais, comunicativos ou sensoriais para acadar así a maior motivación e execución das tarefas; aspecto que non dista moito dunha realidade ordinaria.

Fíxose preciso tamén o emprego de normas claras que se axustasen ao seu nivel de comprensión. A linguaxe ao dirixirnos a eles debía ser moi concreta, do mesmo xeito que se favoreceu a súa comunicación a través do emprego de pictogramas. Partimos para iso das necesidades habituais básicas e fomentamos o desexo de comunicar partindo dos seus intereses. Elaboramos para iso paneis de comunicación, empregados sempre co reforzo verbal.

Panel de comunicación de actividades cotiás

Panel de comunicación de tarefas

Para favorecer a comprensión das tarefas propostas, elaboramos materiais que permitisen a secuenciación paso a paso das partes da tarefa e sempre co reforzo verbal.

Exemplo de ficha secuenciada co programa Boardmaker

Foi preciso tamén unificar criterios á hora de dar resposta ás perrenchas e condutas disruptivas e crear situacións que lles puxesen límite e contribuísen a extinguilas. Por norma xeral, a estratexia empregada era desviar a súa atención, sobre todo recorrendo a aqueles aspectos que resultaban máis motivadores para eles.

Para favorecer a socialización e o xogo era necesario crear situacións e actividades que provocasen a interacción cos seus iguais, por iso ademais da axuda nos diferentes recunchos se organizaban actividades grupais nas que o xogo era o eixe principal. Partíase sempre da explicación icónica das regras e normas do xogo e da imitación por parte do adulto. As actividades lúdicas sempre tiñan ben marcado un principio, unha duración e un final evidente para potenciar a súa motivación.

Parte clave e fundamental na intervención con estes alumnos e alumnas foi a colaboración e asesoramento ás familias e a todos aqueles profesionais que traballaban con estes nenos e nenas fóra do ámbito escolar. As estratexias empregadas debían ter unha continuidade lóxica.

Son estas algunhas das sinxelas estratexias metodolóxicas que formaron parte dunha extraordinaria experiencia levada a cabo nas nosas aulas, experiencia que serve de exemplo claro, coma outras moitas, de que a integración é efectiva e necesaria sempre que se conte cos recursos precisos. E un dos recursos fundamentais é unha boa formación do profesorado.

Para nós foi unha andaina do máis enriquecedora, tanto desde o punto de vista da concienciación da problemática do autismo e da actualización nas formas de traballo, coma no ámbito de coñecementos na introdución de metodoloxías e posibilidades de intervención cos nenos con TXD dentro das nosas aulas.

En definitiva, esta experiencia formativa serviunos a nós como profesionais para autoformarnos e, por outra banda, tamén nos serviu para o obxectivo primeiro, que foi acadar unha serie de logros co noso alumnado.

Sección: