A nova carta de navegación
Francisco Campos Freire
Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela
francisco.campos@usc.es
Vivimos a terceira gran revolución da sociedade da información e do coñecemento, que eclosiona nun período moi curto de tempo, de apenas dúas décadas, no tránsito dos séculos XX ao XXI, coa irrupción de internet, a aparición da web e as tecnoloxías dos chamados medios e redes sociais, así como da intelixencia artificial. Os cambios na sociedade, na cultura e na educación son impoñentes e seguramente moito máis radicais ca os que estudamos, a través da historia, sobre a sociedade industrial, aínda que agora mesmo nos falte perspectiva suficiente para avaliar todo o que está ocorrendo ao noso arredor. A magnitude e a transcendencia de todos eses cambios supoñen unha intensa adaptación ás novas cartas de navegación da sociedade virtual, ás tecnoloxías e ferramentas da comunicación, e destaca a importancia da alfabetización dixital; a necesidade dunha nova forma de alfabetización.
Para darnos unha idea do impacto deste gran cambio contemporáneo no que estamos inmersos podemos botar contas dalgúns datos que, cada día, medran e se multiplican de forma intensa. Son cifras de finais de 2013: nun día, na web, rexístranse máis de 100.800 dominios, mándanse 250.000 millóns de correos electrónicos, sóbense 864.000 vídeos a Youtube, escríbense 936.000 comentarios en Facebook e 2.160.000 actualizacións de blogs, realízanse 1.000 millóns de buscas en Google, descárganse 18.720.000 aplicacións para teléfonos móbiles e fanse 532.800.000 chamadas por Skype. Dez anos despois da súa creación, en febreiro de 2004, a rede social Facebook suma máis de 1.200 millóns de contas de usuarios.
Outro dato puntual deste balance informacional revela que o tráfico rexistrado en 2013 a través de internet –segundo unha investigación de Incapsula, unha empresa global de ciberseguridade aloxada na “nube”– foi xerado nun 61,5 % por robots, fronte a un 51 % de 2012. Pero, atención, practicamente a metade dese 61,5 % das interconexións e interaccións son códigos maliciosos, virus, trolls, spam, ciberpornografia, accións de ladróns de páxinas web (scrappers) e uso doutras ferramentas de hackers. O 39,5 % do volume da actividade viral restante foi de buscas, correos, xeración e intercambio de contidos. O tráfico dixital creado por robots e o chamado xornalismo asistido por ordenador (drons) son dúas emerxentes tendencias que trastornan o paradigma clásico dos medios tradicionais de comunicación.
Non estou tentando facer a crónica revisada da novela orwelliana (1984) nin recreando a trama de Gattaca (1997), a película de ciencia-ficción de Andrew Niccol –con Ethan Hawke, Uma Thurman e Jude Law– sobre a ameaza do poder da selección artificial sobre a intelixencia natural. Trato de amosar o impacto que ten ou pode ter para a sociedade, a cultura, a educación e a economía o cambio que se está a producir como consecuencia da introdución de tecnoloxías da información e da comunicación de carácter innovador e disruptivo, que van desprazando e/ou substituíndo os sistemas e medios tradicionais. Pero non o quero facer desde unha perspectiva apocalíptica porque, coma case sempre, nos grandes cambios hai moitas cousas boas e algúns riscos ou problemas que cómpre resolver.
Redes sociais e ciencia 3.0
O século XX foi o da comunicación de masas e o século XXI é o das masas de medios de comunicación porque as chamadas tecnoloxías sociais, do software social libre, permitiron que os cidadáns usuarios e as organizacións de todo tipo se apropiasen delas para crear e difundir, a través da rede global de internet, as súas propias mensaxes e micromedios (blogs, web e redes dixitais). Esta revolución comunicacional trastornou os modelos de negocio tradicionais dos medios de comunicación, pero empoderou os cidadáns e democratizou o acceso á información, provocando positivas pulsións e demandas sociais de transparencia fronte ás estruturas inmobilistas e inxustas do poder.
A maior potencialidade da comunicación non significa automaticamente máis comprensión ou mellor entendemento mutuo entre as persoas, porque esa calidade sobre o nivel da interacción non depende da tecnoloxía senón da antropoloxía da condición e relación social, aínda que as tecnoloxías da comunicación revolucionaron o sistema de relacións sociais incrementando as interaccións e a riqueza do capital social. As redes sociais dixitais son unha parte dese fenómeno e suman millóns de persoas ampliando as súas capacidades de interconexión e relación, aínda que sexa nalgúns casos dunha forma superficial e virtual.
Zeitgeist é unha expresión alemá que significa o ‘espírito do tempo’ e o clima de coñecemento de cada era. Ese concepto e esa palabra é a que toma Google para clasificar e presentar anualmente os resultados do seu balance social sobre as pegadas rexistradas polos millóns de usuarios dese buscador global. En 2013, as cuestións, temas ou personaxes máis consultadas en Google foron o Premio Nobel Nelson Mandela, o falecido actor Paul Walker, o iPhone 5s, o músico e actor Cory Monteih tamén traxicamente morto, o vídeo viral Harlem Shake, o atentado do maratón de Boston, o bebé real británico do Príncipe Guillermo e Katle Middleton, o Samsung Galaxy S4, a PlayStation4 e Corea do Norte.
No retrato social da nosa época rexistrado por Google aparece de forma moi destacada a palabra crise, estreitamente ligada á economía, á subsistencia, á parella, á crise existencial e a outros problemas cotiáns. Buscando o significado do “que é” destacan as entradas relacionadas coas expresións do “escrache” contra aos desafiuzamentos por non pagamento das hipotecas en España, a “cicloxénese” sobre fenómenos meteorolóxicos ou a medicina alternativa xaponesa “reiki”. E tamén, entre outras diversas formas de busca e preocupacións sociais, sobresaen as pescudas sobre as dietas macrobióticas, da alcachofa e do método delfín para adelgazar. Os temas máis populares do momento (trending topic) da conversación social en Twitter foron tamén o bebé real británico, a elección do Papa Francisco, a vitoria de Murray en Wimbledon, a Champions League, Siria, Turquía, Angeline Jolie e Justin Bieber.
As novas redes dixitais de comunicación tamén se incorporan ao mundo da ciencia, do coñecemento e da investigación. Se as redes sociais dixitais xeneralistas (Facebook, Twitter, MySpace, Flicker) son un fenómeno emerxente ata 2006, as redes científicas (Academia.edu, Researchgate, Mendeley, Cosis.net etc.) xorden a partir de 2008. Estas últimas conectan a millóns de investigadores (Academia.edu ten máis de sete millóns de afiliados), artigos científicos, capítulos de libros, propostas abertas de colaboración entre grupos e outros recursos da ciencia moderna.
As cinco principais redes dixitais científicas ofrecen máis de cen millóns de documentos en liña e máis de dez millóns de consultas ao mes, cifras que medran exponencialmente. Ese potencial de coñecementos en liña, accesible a través da rede, representa unha alternativa dixital incomparable de accesibilidade fronte ás memorables bibliotecas analóxicas e unha suxestiva proposta de múltiples posibilidades de combinación coa intelixencia artificial da era semántica do coñecemento, a chamada web 3.0. O reto para as bibliotecas, como está a levar a cabo Europeana, é tamén a dixitalización e a accesibilidade en liña dos seus fondos.
Estamos, polo tanto, diante de novos e potentes ecosistemas de servizos de software, repositorios e plataformas abertas de comunicación que lles permiten á cidadanía, estudantes e investigadores crear perfís académicos e/ou profesionais dentro dun sistema específico de divulgación e intercambio de coñecemento; establecer relacións cun conxunto doutros usuarios de diversas especializacións e coñecementos para compartir contactos, ideas, proxectos, documentos, apuntes, colaboracións e investigacións; para poder acceder, consultar en liña e/ou descargar referencias e producións científicas dispoñibles; e xestionar o valor cuantitativo e cualitativo (capital social científico) das citas, índices de impacto e información sobre o seguimento das publicacións propias e alleas.
Os recursos que reportan os buscadores de internet, os agregadores de comunicación, as enciclopedias dixitais, a Wikipedia, as redes de colaboración, as aplicacións e ferramentas informáticas non poden ser ignorados, minusvalorados ou desprezados, pero tampouco sobreestimados nin substitutivos da desexable esixencia de profundidade reflexiva e crítica do paradigma do coñecemento. Estas tecnoloxías son ou poden ser vantaxosas e interesantes extensións artificiais para mellorar e incrementar as nosas capacidades naturais de creatividade, reflexión, pensamento, asociación e actuación para participar e construír o coñecemento necesario para unha sociedade mellor e máis xusta.
Alfabetización e fenda dixital
Estas manifestacións globais da cultura da modernidade líquida do noso tempo, en expresión do sociólogo polaco contemporáneo Zygmunt Bauman, póñennos diante dun cambio importante no novo paradigma da sociabilidade, influído pola circulación e accesibilidade á información que require, sen dúbida, dunha nova estratexia proactiva sobre a alfabetización dixital e todo o que significa a formación da capacidade crítica de pensar, consultar, comprender, coñecer, crear, participar e acceder ao novo ecosistema da comunicación e o coñecemento. Esa alfabetización debe integrar racional e humanisticamente, evitando a fenda entre o analóxico e o dixital, a tradición e a contemporaneidade na nova carta de navegación da civilización actual.
A Unión Europea formulou nunha comunicación de 2007 a súa proposta sobre a alfabetización mediática para o contorno dixital. A Axenda Dixital Europea, que é unha das sete grandes iniciativas da estratexia Europa 2020, posta en marcha en 2010 para esta segunda década do século, prioriza a alfabetización, capacitación e inclusión dixital. Unha das súas propostas é empoderar e convencer os mestres da necesidade de impulsar a revolución da aprendizaxe desde o novo paradigma da sociedade do coñecemento. Pero esa aprendizaxe da nova alfabetización dixital ten que enraizar máis fondo no concepto ca no instrumento; é dicir, nas ideas, na creatividade, no pensamento, na reflexión e na responsabilidade tanto como nas ferramentas e as súas aplicacións.
Eses retos da nova alfabetización dixital conectan de cheo cos problemas que afronta hoxe o desenvolvemento da sociedade da información e o coñecemento. Entre eles a sustentabilidade das estruturas da creatividade e produción, pola gratuidade e ruptura dos sistemas tradicionais de propiedade e intermediación intelectual; a rastrexabilidade da comunicación, a cultura e o coñecemento máis aló do seu espazo económico e de entretemento; a necesidade da cohesión e representación social fronte ao ambiente de fragmentación, hiperparticipación e individualismo; a ecoloxía tamén da información e a comunicación; e a responsabilidade na gobernanza e uso das aplicacións, ferramentas, redes e sistemas de comunicación.
Por esa necesidade de reequilibrio e responsabilidade, precisamente, os retos do presente e futuro non poden ser de borrón e conta nova senón máis ben de continuidade, transición, evolución, tradición e contemporaneidade. Iso significa poñer a experiencia da tradición e a profundidade do coñecemento dos conceptos ao servizo dos instrumentos e as ferramentas; pero non ao revés. Con ese espírito podemos afrontar proactivamente a innovación e a nova carta de navegación da sociedade da información e do coñecemento.