A fotonovela como ferramenta pedagóxica na clase de FLE

Crear unha fotonovela é unha actividade moi dinámica, na que os estudantes poden desenvolver a súa competencia lingüística, analizar a imaxe, estimular a creatividade, combinar diferentes soportes de expresión, perfeccionar o traballo en equipo e aumentar a súa motivación.

Alicia Eizaguirre Santillán
Profesora de Francés do CIFP Paseo das Pontes
alicia.eizaguirre@edu.xunta.es

Introdución

Sempre aproveito as viaxes en Francia para descubrir as novas publicacións que existen para os adolescentes, porque o noso alumnado amosa moito interese cando se lle presenta este tipo de revistas, cunha temática relacionada co seu mundo e cos seus intereses. Nas miñas últimas incursións nos quioscos franceses, chamoume a atención a boa acollida que ten a fotonovela entre a xuventude deste país. Mentres na nosa cultura se trata dun tipo de historia con pouco éxito, no caso dos nosos veciños, a fotonovela é un xénero moi valorado.

Un día na clase de primeiro de bacharelato, despois de lles botar unha ollada a estas revistas, os estudantes preguntáronme por que non podían eles crear a súa propia fotonovela. De feito, os temas que se desenvolvían nos exemplos analizados tiñan moito que ver co universo da adolescencia, as mesmas cuestións que lles preocupan a todos, entre outras a amizade, o amor, os celos, as relacións coa familia, o medo ao fracaso e ao rexeitamento, a música, o alcohol, os estudos ou as vacacións.

Considerei que a proposta era moi axeitada e comecei a investigar sobre o tema e sobre como converter a fotonovela nunha ferramenta pedagóxica na aula.

 

A fotonovela como tarefa de acordo co marco europeo común de referencia para as linguas (MECR)

De acordo co Marco europeo común de referencia para as linguas (MECR), este tipo de proceso creativo podería encadrarse dentro dun ensino baseado en tarefas.

En primeiro lugar, tal e como se detalla no capítulo 7 do MECR, “As tarefas e o seu papel no ensino da lingua”, as tarefas desempeñan un papel fundamental no ensino e na aprendizaxe de idiomas estranxeiros e supoñen un avance nestes ámbitos ao longo dos últimos anos.

É fundamental ter unha definición clara do que supón traballar con tarefas, as cales son “calquera acción intencionada que un individuo considera necesaria para conseguir un resultado concreto na resolución dun problema, no cumprimento dunha obriga ou na consecución dun obxectivo” (MECR, Xunta de Galicia, 2005, p. 36). Por unha banda, debemos ter en conta o seguinte requisito, “sempre que a realización destas tarefas supoña realizar actividades de lingua, necesitan o desenvolvemento (mediante a comprensión, a expresión, a interacción ou a mediación) de textos orais ou escritos” (MECR, Xunta de Galicia, 2005, p. 43). Así mesmo, “falamos de tarefas na medida en que as accións son realizadas por un ou máis individuos empregando estratexicamente as súas competencias específicas para conseguir un resultado concreto” (MECR, Xunta de Galicia, 2005, p. 35).

É lóxico entón formularse a seguinte pregunta: cales son eses resultados concretos? A continuación, cito textualmente a definición que dá o marco destes “resultados: por exemplo, produtos concretos tales como textos, resumos, táboas, representación etc. e resultados da aprendizaxe como, por exemplo, a mellora das competencias, a toma de consciencia, o discernimento, as estratexias, a experiencia na toma de decisións e a negociación etc.” (MECR, Xunta de Galicia, 2005, p. 96).

No caso que nos concirne, baseándonos na información previamente descrita, a realización da fotonovela axustaríase aos requisitos da tarefa segundo o MECR.

 

Os obxectivos

Cando un profesor pon en marcha un proxecto deste tipo, son moitos os obxectivos que se pretenden acadar:

  • Poñer en práctica os coñecementos adquiridos na aula.
  • Desenvolver a lectura a partir doutro tipo de escritos.
  • Traballar a expresión escrita: redactar diálogos e textos narrativos curtos.
  • Coñecer o vocabulario correspondente ao xénero da fotonovela.
  • Aprender a empregar a imaxe como medio de expresión.
  • Descubrir as técnicas para os diferentes tipos de plano nas fotografías.
  • Motivar o emprego das TIC entre os estudantes.
  • Fabricar un produto rematado e amosárllelo aos outros compañeiros do instituto (por exemplo, publicar a fotonovela no xornal do centro).

 

A metodoloxía

De acordo igualmente cos contidos do MECR, para deseñar unha tarefa, cómpre determinar a súa dificultade tendo en conta unha serie de factores unidos ao alumnado: os factores lingüísticos (a riqueza de vocabulario, a corrección léxica/gramatical e aspectos do uso da lingua como a precisión, a fluidez, a coherencia, a flexibilidade e a propiedade), os factores cognitivos (a familiaridade da tarefa, as destrezas e a capacidade de enfrontarse aos requisitos para levar a cabo a tarefa) e os factores afectivos (a actitude, a motivación, a implicación, a autoestima e o estado do alumno). Cada un destes factores tívose en conta no momento de empregar a fotonovela como ferramenta pedagóxica na aula.

Esta actividade realizouse no terceiro trimestre do curso académico 2012-2013 no IES Mendiño de Redondela. Tendo en conta que estamos a falar dun grupo de primeiro de bacharelato, das catro horas semanais asignadas á materia, dedicouse unha hora semanal ao longo dun mes e medio para preparar a fotonovela. A distribución das sesións foi a seguinte:

  • Primeira sesión: presentación da fotonovela. Terminoloxía asociada co xénero. Material de traballo e presentación do software. Distribución do alumnado en grupos de traballo

O punto de partida foi unha publicación francesa, Girls. Os estudantes viron dous exemplares en formato papel, así como varias historias colgadas na páxina web desta revista (http://www.girls.fr/roman-photo_234.php). Antes de amosarllas ao alumnado, cómpre ter en conta a súa madurez e valorar a adecuación das historias para a súa idade.

Aínda que moitos deles xa coñecen a estrutura dunha fotonovela, posto que se asemella moito á da banda deseñada, é interesante explicarlles o novo vocabulario (viñeta, banda, prancha, bocadillo, caixa de texto…). Tendo en conta a importancia da imaxe, habería que ofrecerlles tamén certas pautas, dunha maneira sinxela sobre os diferentes planos que se poden empregar (panorámico, figura, medio, americano etc.), os distintos modelos de encadramento (completo, parcial ou xeral) e os diversos ángulos de visión (convencional, diagonal, picado, contrapicado…), no momento de facer as fotografías.

En canto ao material, é preciso contar cunha cámara de fotos dixital (ou teléfono móbil con cámara), un ordenador no que instalar algún dos sistemas de creación descritos a continuación e unha impresora; se queremos traballar na aula, cómpre o emprego dunha memoria USB.

Hai que elixir o software para montar a fotonovela. Son moitos os que se poden atopar na web (BD Créateur, Comic Life 1…), pero nós traballamos con Comic Life 2. Este sistema de creación permite construír a fotonovela combinando as imaxes e os efectos visuais, ademais hai modelos xa preparados para non ter que partir de cero.

O alumnado debería distribuírse en grupos de catro ou seis persoas, aínda que cabe a opción de que estes sexan de menor ou maior tamaño. No noso caso, participaron quince alumnos e repartíronse en catro grupos. Unha vez analizada a estrutura da fotonovela e creados os grupos de traballo, os estudantes comezaron a darlle renda solta á súa imaxinación.

  • Segunda e terceira sesións: a sinopse e o guión da historia

Nesta segunda sesión, trátase de escribir a sinopse da fotonovela (a estada da historia). Así mesmo, o obxectivo é crear o guión da fotonovela e deconstruílo mediante unha táboa na que se especifique a seguinte información para cada imaxe: número de foto, lugar e decoración, personaxes e actores, diálogos e número de bocadillos, texto narrativo, tipo de plano e observacións.

  • Cuarta sesión: deseño do storyboard

Nesta sesión o alumnado vai fabricar un esbozo das pranchas, facendo debuxos esquemáticos e distribuíndo o texto nos bocadillos e a narración nas caixas de texto.

  • Quinta sesión: corrección dos guións

A tradución dos guións levouse a cabo na aula. Cada grupo foi traducindo o texto, resolvendo as dúbidas que xurdían co emprego do dicionario ou preguntándolle ao profesor.

  • Sexta sesión: lectura das fotonovelas e o making of

Na derradeira sesión é o momento de compartir o traballo realizado por todos os grupos. Trátase de amosar as súas creacións aos compañeiros e recibir as críticas por parte duns e doutros. Pode resultar igualmente enriquecedor escoitar o relato das anécdotas xurdidas, mentres se foi preparando a fotonovela, o que se coñece como o making of (a reacción dos veciños na rúa, a caracterización dos personaxes, os problemas para desmaquillar os antefaces debuxados con pintura negra, a busca do vestiario, a colaboración das familias e das amizades, as imaxes rexeitadas…).

Loxicamente, fóra do ámbito escolar, hai tamén que levar a cabo unha serie de tarefas :

  • Facer as fotografías. Todos os grupos de traballo optaron por situar as súas historias fóra do centro, polo que as imaxes se fixeron ben nas súas casas, na rúa ou nos arredores de Redondela.
  • Transferir as imaxes ao ordenador.
  • Deseñar a páxina (tratar as imaxes, distribuír as viñetas, crear os bocadillos, inserir os diálogos…).
  • Imprimir o resultado.

Co gallo de respectar todas estas etapas, haberá que establecer un calendario; deste xeito o estudantado terá ben definido o tempo do que dispón para axustarse aos prazos de entrega.

No que se refire á avaliación desta actividade, o profesor debe ter en conta as múltiples competencias que debe desenvolver o alumnado na súa elaboración, é dicir, o coñecemento e a experiencia do mundo, o coñecemento sociocultural, as habilidades de aprendizaxe e as competencias lingüísticas comunicativas. Trátase dun proxecto de longo percorrido, polo que é fundamental ir avaliando todo o proceso e a participación de cada un dos alumnos dos grupos constituídos ata chegar ao resultado final.

Neste proceso de avaliación puiden comprobar como se foron acadando os obxectivos marcados no inicio da actividade. Os estudantes foron capaces de empregar a lingua francesa para narrar a historia, descubriron un novo xénero e as súas características, reflexionaron sobre o emprego da imaxe na narración dunha historia, xogaron o seu rol de actores como auténticos profesionais, sen esquecer en ningún momento a expresividade na súa linguaxe xestual e, finalmente, adquiriron un dominio do programa de software descoñecido por eles ata aquel intre.

 

Exemplos de dúas fotonovelas

A continuación aparecen recollidas varias páxinas de dúas fotonovelas como exemplo do traballo realizado por dous grupos, un constituído por cinco alumnos (1 rapaz e 4 rapazas) e outro por seis alumnos (2 rapazas e 4 rapaces). As dúas primeiras fotos (en cor) correspóndense co relato da organización dun secuestro dun cantante. As tres seguintes (en branco e negro) pertencen a unha historia policial sobre a investigación dun crime. Tal e como amosan as imaxes, a recreación da escenografía e o vestiario son dun gran nivel.

 

Presentación dos personaxes

 

O secuestro

 

 Presentación dos personaxes

 

A investigación do asasinato

 

A resolución do caso

 

Conclusión

Cando os alumnos se involucran neste tipo de proxectos, son moitas as ganas e a motivación que amosan e, de feito, chama a atención o ben que funcionan traballando en equipo. Asemade, ver un produto rematado proporciónalles unha gran satisfacción; ademais a posibilidade de compartilo con outros é igualmente unha recompensa para eles. Ao mesmo tempo, ao longo da súa elaboración, puiden comprobar a responsabilidade de todos eles no relativo aos prazos de entrega e aos requisitos de deseño e formato da fotonovela.

Aínda que semella unha actividade que pode levar moitas horas, este tipo de proxecto é moi recomendable para levar a cabo nas disciplinas lingüísticas sen ningunha dúbida, posto que o profesorado poderá acadar uns resultados excelentes e a implicación do alumnado vai estar asegurada.

Como resumo desta experiencia, só teño palabras de agradecemento aos estudantes deste grupo porque, malia as críticas que adoitamos ter dos adolescentes no tocante a súa apatía na aula, estes rapaces acadaron plasmar nas súas historias un entusiasmo repleto de enerxía e unha creatividade sen límites. De feito, grazas a este tipo de resultados, pódese seguir innovando no traballo na aula e axudarse das novas tecnoloxías para buscar ferramentas didácticas que permitan, desde un punto de vista práctico, realizar un tipo de tarefas máis adaptadas ao estilo de vida das novas xeracións.


 

Sección: