Pensando en R

Reducir, reutilizar e reciclar no CEIP Emilio de Navasqüés (Programa Recíclate con Sogama)
Trátase dunha iniciativa educativa para sensibilizar e concienciar toda a comunidade educativa do noso centro do respecto ao medio, coa que se pretende fomentar a axeitada separación de lixo producido na escola depositando cada fracción no contedor axeitado.

M.ª Ángeles Paredes Villaronga
M.ª Mercedes Cereijo Tuñas
CEIP Emilio de Navasqüés-Cruceiro de Roo (Outes)
cereijo@edu.xunta.es

 

 

ESTRUTURA

O proxecto lévase a cabo no CEIP Emilio de Navasqüés no Cruceiro de Roo (Outes) como continuación do labor desenvolvido no curso pasado en colaboración con SOGAMA.

Participa a totalidade do alumnado do centro (90 alumnos e alumnas distribuídos en 2 unidades de educación infantil e unha liña de educación primaria) e todo o profesorado (un total de 13 docentes). Este traballo desenvolveuse ao longo de todo o curso como proxecto multidisciplinar que traballamos de forma transversal.

OBXECTIVOS INICIAIS:

  • Sensibilizar e concienciar a comunidade do respecto ao medio.
  • Implicar no proxecto toda a comunidade educativa.
  • Seleccionar o lixo e levalo ás distintas illas de reciclaxe.
  • Realizar actividades motivadoras para adoptar medidas de conservación e mellora do medio natural: limpeza, reciclaxe, reutilización e redución do consumo.

Para conseguir estes obxectivos, baseámonos na importancia de considerar como principios básicos que o noso alumnado aprenda a aprender, que aprenda facendo, que traballemos de forma globalizada, que a súa aprendizaxe sexa significativa e primar a relación familia-escola.

Neste proxecto pretendemos contribuír e desenvolver non só a capacidade cognitiva, senón tamén unha conduta desexable e a adquisición de hábitos, poñendo en práctica dunha forma reflexiva valores sociais, cívicos e solidarios referidos ao respecto e á defensa do medio natural, a vida saudable, o desenvolvemento sostible e o consumo responsable; todos eles valores moi ligados ao tema que traballamos.

 

TAREFAS REALIZADAS

No patio do colexio, SOGAMA instalou tres illas de reciclaxe para depositar os residuos xerados no centro, así mesmo, o concello colocou moi preto do recinto os colectores correspondentes.

  • Como inicio do proxecto Pensando en R, fixemos unha xuntanza informativa co claustro de profesorado, onde as coordinadoras  compartimos os obxectivos que queriamos levar a cabo.
  • Nas primeiras reunións cos pais e nais, os titores recomendaron pautas de envoltorios e consumo saudable nas merendas para os recreos.
  • Presentámoslle o proxecto ao alumnado por ciclos, con apoio de material audiovisual, e creouse un recuncho na biblioteca para que tanto o profesorado como o alumnado dispoña de material impreso relacionado co tema.
  • Presentación do programa aos pais. Consideramos que é primordial a sensibilización das nais e pais do noso alumnado para que realmente teña sentido o noso labor. Convocamos unha reunión con todos eles –contabamos de antemán co apoio da ANPA– para informalos tanto do noso proxecto no centro como do significado das palabras reducir, reutilizar e reciclar. O fin último é que o labor desenvolvido nas aulas respecto da  axeitada clasificación dos residuos teña continuidade nos fogares e contorno social máis inmediato. SOGAMA facilitounos material divulgativo tanto audiovisual como escrito que repartimos entre os asistentes á xuntanza.
  • Diariamente, a saída aos recreos, faise soar por megafonía en todo o centro a canción dos tres erres como motivación musical.
  • Cada aula dispón dun recuncho con tres bolsas de cores verde, amarela e azul, respectivamente, e paneis informativos para facilitar a separación do lixo na aula.
  • Cada aula do centro fai o baleirado das bolsas da súa aula nas illas de reciclaxe todos os venres e, por orde, cada aula vai facendo o baleirado das illas aos colectores cando están cheas, rotando desde primeiro de primaria a sexto.
  • Fixemos saídas polos arredores do recinto escolar para recoller e clasificar lixo.
  • Todos os cursos os EDLG dos tres centros educativos do noso concello organizan a elaboración dun calendario para logo repartilo entre todos os nenos e nenas. Este ano propuxemos que o tema fose a reciclaxe e o coidado do medio.
  • Nadal con R de reutilizar. Decoramos o colexio con material de refugallo. A nosa árbore este Nadal vestiuse con CD en desuso e grilandas confeccionadas con envoltorios de plástico recollidos da bolsa amarela.

Puxémonos en contacto con Cáritas do concello e recollemos xoguetes usados para que llelos repartisen nestas datas tan especiais aos nenos e nenas máis necesitados.

 

  • Celebración do Día da Paz.

Cada aula confeccionou un símbolo da paz con material de refugallo que logo expuxemos.

Elaboramos con lixo o personaxe do libro O nacemento do dragón (editorial Kalandraka), que nos deleitou coa súa lenda e danzou con todos nós no patio do recreo.

 

- Xogando ao Trivial. Xogamos na biblioteca ao Trivial da Reciclaxe (facilitado por SOGAMA). As preguntas adaptáronse ás diferentes idades.

- Xogando co Refugallo. Convocamos un concurso de xoguetes elaborados con material de refugallo como actividade lúdica en familia que deu lugar a unha interesante exposición nunha xornada de portas abertas.

 Para facer o cartel co título deste recuncho, Xogando co Refugallo, empregamos unha saba branca e as letras foron recortadas dos envoltorios dos ovos de pascua.

 

Aproveitando que tiñamos todos os xoguetes expostos, o alumnado do primeiro ciclo trasladou a súa clase de lingua ao vestíbulo do colexio, elaboraron entre todas e todos unha longa lista escrita das accións que se levaron a cabo na construción dos xoguetes e outra na que nomearon os obxectos que foron recompilados por estas obras (verbos e substantivos con refugallo).

- Ciencia en Movemento. Decoramos unha serpe enrolada feita con cartolina co lema "Recíclate con SOGAMA". Recortamos e colocámola na fiestra por enriba do radiador cun pauíño e plastilina. Que sucede? Por que xira coma un viraventos? Quen lle sopra? Por que algún frea?

Xurdiron dúbidas que, investigando todos e todas, fomos resolvendo.

- Colaboración e implicación do concello. Chamamos ao concello e pedímoslle que nos arranxasen unhas papeleiras do patio e que nos puxesen unhas novas pintadas de amarelo e verde para facilitar a selección nos recreos, realizou os traballos o Obradoiro de Carpintería do concello. Tivemos unha reunión co alcalde para organizar conxuntamente actividades de visita ao punto limpo e charlas informativas aos veciños e veciñas.

- Proxecto mitos e lendas. Traballando no primeiro e segundo ciclo os mitos e lendas reutilizamos diverso material para confeccionar recursos do proxecto: aproveitamos papel de refugallo para elaborar rótulos e murais, empregamos papel triturado e bolsas de plástico para a coroa de loureiro de Apolo e Dafne e aproveitamos caixas, cintas, papeis e chapas para a caixa de Pandora.

- Certame Narrativa e Poesía Emilio de Navasqüés. Desde hai anos o EDLG convoca un certame de poesía e narrativa no terceiro trimestre, este curso decidimos que o tema fose Pensando en R.

- Marcapáxinas Letras Galegas e Día Internacional da Reciclaxe. Os EDLG dos tres centros educativos do concello deseñamos un marcapáxinas para conmemorar o Día das Letras Galegas, este curso no noso colexio decidimos facelos empregando material de refugallo e así celebrar tamén o Día Internacional da Reciclaxe.

Expuxemos todos os modelos na entrada do noso centro, os carteis tamén foron elaborados con material de refugallo.

- Talleres co Centro Ocupacional de Valadares. Todos os cursos facemos unha xornada de convivencia nunha visita ao Centro Ocupacional de Valadares, onde o noso alumnado asiste a un taller de barro e a outro de cestería de man dos alumnos e alumnas con discapacidades. Este ano programamos con eles unha saída conxunta á praia de Broña para sensibilizar o gran grupo do respecto ao medio mediante unha recollida de lixo que posteriormente valoramos e reutilizamos para incluír nos nosos traballos creativos de cestería e modelado con arxila na visita-taller prevista no seu centro. Trátase dunha actividade importante para nós de integración, creatividade e sensibilización.

 

 

- Refugallo con Ritmo. Na clase de música, co especialista desta área, elaboráronse instrumentos a partir de material de refugallo. Xurdiron maracas, paus de auga, ferreñas, instrumentos de corda, metalófonos...

 

 

- As mestras de infantil confeccionaron cos nenos e nenas un conto manipulativo no que aproveitan para poñer en práctica os coñecementos de reciclaxe que pouco a pouco van adquirindo.

- Papeleiras Monstruosas. Na aula de cuarto fixeron un taller de papeleiras, partindo de envases lixeiros. Empregáronse as garrafas de auga mineral de 5 litros forradas con papel e simulando personaxes fantásticas cunha gran boca aberta.

- Programa Empréstimo Solidario. Promóvese aproveitar os libros de texto. Isto facilita a solidariedade mediante a doazón dos libros para que se lle poidan prestar ao alumnado que o solicite. Tamén axuda a promover o consumo responsable, o coidado dos materiais e a reutilización.

 

AVALIACIÓN

O grao de cumprimento do proxecto cos obxectivos iniciais é altamente gratificante xa que:

1. A tarefa de sensibilización fíxose visible en diferentes ámbitos:

  • No interese e preocupación amosado polos compañeiros e compañeiras do claustro pola correcta clasificación do lixo nas distintas bolsas.
  • Nas diferentes entrevistas coas nais e pais ao longo do curso (titorías, consello escolar, xuntanza coa directiva da ANPA, reunións de pais e conversas espontáneas), onde transmitiron claramente a inquedanza do alumnado polo tema fóra das aulas, extrapolando o traballo aos fogares.

Por outra banda, temos que salientar tamén a rápida resposta do concello aos nosos requirimentos (localización dun novo colector de lixeiros diante do colexio e arranxo e colocación de novas papeleiras no patio do recreo).
 

2. Demos a coñecer o proxecto e implicamos toda a comunidade educativa: claustro de profesorado, alumnado, persoal non docente, ANPA do centro, consello escolar, concello e os outros dous centros educativos do concello (IES Poeta Añón e CEIP Serra de Outes a través do EDLG) e o Centro Ocupacional de Valadares.

3. A selección do lixo nas aulas faise xa de maneira natural como rutina diaria e baleiramos as diferentes bolsas nas illas correspondentes por quendas  rotativas, unha vez á semana da aula ás illas, e das illas aos contedores.

4. Leváronse a cabo máis actividades motivadoras das previstas nun principio, xa que nalgúns casos unhas desencadearon outras paralelas.

5. E como non, hai que salientar que os obxectivos no ámbito de educación en valores se multiplicaron ao longo do desenvolvemento do proxecto.

Procurouse unha avaliación formativa e continua sobre a base dunha observación directa e sistemática. Coa avaliación, pasamos a facer unha valoración cualitativa, onde avaliamos globalmente todo o proceso de ensinanza-aprendizaxe e o desenvolvemento do proxecto.

Con respecto ao alumnado, hai que dicir que, a través das súas producións, foi partícipe da súa propia avaliación, observando os seus progresos e aceptando os erros. Pareceunos importante ir rexistrando o grao de interese dos nenos polas actividades dentro do proxecto Pensando en R; tanto para facer as modificacións oportunas como para propoñer unhas diferentes ou poñerlle punto final. Desta maneira o proxecto mantívose vivo, en continua nutrición e desenvolvemento.

As coordinadoras valoramos, no ámbito do profesorado, familias, concello e demais centros educativos cos que tivemos experiencias no proxecto, o interese polas actividades propostas e se estas son adecuadas para acadar os obxectivos, contidos, competencias básicas e valores propostos. Os resultados foron altamente gratificantes, xa que a difusión do proxecto superou de sobra as nosas expectativas grazas á boa acollida e implicación.

 

Sección: