Unha paisaxe única, unha escola única

Desenvolvemento do proxecto "A nosa paisaxe, a nosa vida" no CPI Virxe da Cela de Monfero (Programa 12 meses, 12 paisaxes)
Proxecto de identificación, difusión e revalorización educativa do patrimonio natural e cultural da comarca das Fragas do Eume, no cal participan activamente o profesorado e o alumnado das tres etapas educativas do CPI Virxe da Cela de Monfero (A Coruña) en estreita colaboración co resto da comunidade educativa e cun propósito de continuidade no tempo.

Mª del Camino Pereiro González
Mestra de educación primaria e coordinadora do proxecto
CPI Virxe da Cela, Monfero (A Coruña)
pereirogonzalez@edu.xunta.es

 

LIMIAR

A experiencia que aquí presentamos desenvólvese no CPI Virxe da Cela, centro educativo situado no lugar do Xestal, dentro do concello de Monfero, entre as localidades de Pontedeume, Betanzos e As Pontes (provincia da Coruña). Estamos, polo tanto, nunha comarca rural, cun contexto socioeconómico xeral medio, con nivel de estudos primarios e que ten como fonte de ingresos maioritaria a agrícola-gandeira.

A poboación é, en xeral, dispersa, o que reduce a relación entre os discentes fóra do ambiente familiar.

Tamén destacaremos a nosa riqueza no eido do patrimonio natural, xa que estamos situados no ámbito de actuación das Fragas do Eume, importante recurso educativo, así como no do patrimonio monumental (mosteiro de Monfero) e etnográfico (cultura, oficios, linguaxes…), que configuran de forma salientable a nosa identidade como comarca.

Ao referirnos ás características xerais do centro educativo, primeiramente destacaremos que é un centro de titularidade pública, que oferta as ensinanzas de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria e programas de cualificación profesional inicial.

O centro participa en diferentes plans e proxectos de innovación educativa, entre os que destacan programas como o Acompañamento Escolar, Monfero Solidario ou o plan Proxecta en diferentes modalidades.

No curso escolar 2012-2013, estaban matriculados un total de 164 discentes: 29 en educación infantil, 67 en educación primaria, 59 na ESO e 9 en PCPI. O claustro constaba de 28 docentes.

Como podemos deducir, estamos situamos nunha zona rural, cun notable descenso poboacional debido ao abandono progresivo das formas de vida tradicionais do rural galego. Como consecuencia, as dinámicas sociais, económicas e culturais sufriron un importante detrimento e encontrámonos con que as actividades escolares se converten nun dos eixes vertebradores das relacións comunitarias. O CPI Virxe da Cela, preocupado polo futuro, cre na necesidade dun desenvolvemento endóxeno sustentable da comarca e intenta establecer actuacións que permitan identificar as fortalezas do medio que, sen dúbida, poden ser o xermolo, para as novas xeracións, dun desenvolvemento social, cultural e económico sustentable.

Polo tanto, pretendemos non só dar valor ao centro en si mesmo e aos seus aspectos educativos, senón tamén á comarca en xeral, establecendo unha posta en valor da súa configuración como pobo e dos recursos naturais, culturais e institucionais dos que dispón e, como non, valorar e ensinarlles a resolver problemáticas aos que constituirán o futuro: os máis novos. Rapaces e rapazas que precisan de capacidades emocionais e creativas, de valores de superación e de esforzo individual e colectivo que pretendemos desenvolver neste proxecto.

En definitiva, promover o enriquecemento mutuo dos diferentes membros da comunidade educativa a partir do coñecemento do medio, a adquisición de actitudes de respecto e conservación cara á natureza, a reflexión crítica… e abordar a valoración da identidade cultural, o desenvolvemento sostible, os valores de cooperación e xustiza social.

Para acadar estes obxectivos, as actividades deseñadas para este curso escolar buscan o coñecemento e a posta en valor dunha paisaxe cultural propia, onde os usos, costumes, tradicións e singularidades patrimoniais están en íntima relación coa natureza.

Por último, hai que destacar que, coa finalidade de acadar unha óptima difusión das nosas actuacións, nos inscribimos no plan Proxecta, iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de Galicia cuxas liñas estratéxicas pasan por fomentar a educación en valores, o desenvolvemento das competencias e as metodoloxías activas e cooperativas centradas nun proxecto de traballo común. Concretamente, enmarcamos esta experiencia na vertente 12 meses, 12 paisaxes, a cal  pretende acadar un mellor coñecemento da paisaxe próxima e a concienciación do seu valor natural, cultural, emocional e económico e como ferramenta para acadar un territorio máis sustentable.

 

ORGANIZACIÓN

No eido organizativo, o profesorado estableceu reunións periódicas (cada semana) para avaliar a proposta de actuacións e o seu desenvolvemento e concretou que o deseño das actuacións partiría dunha proposta sucinta do profesorado ao alumnado implicado no proxecto. Estas propostas debían enmarcarse, nun primeiro momento, no coñecemento e valoración do noso contorno para, a continuación, ir avanzando cara a actuacións concretas que repercutan na súa conservación e no seu coidado.

Os discentes foron os encargados de concretar as actuacións, sempre que estas estivesen relacionadas co coñecemento, valoración e respecto da paisaxe cultural da comarca e que fosen quen de suscitar unha reflexión crítica sobre as actuacións do home no medio no que se desenvolve.

Ante isto, o alumnado estableceu retos significativos que, tras unha posta en común, se concretaron en obxectivos viables. Destacaremos actuacións como o establecemento das Ecoclases (centradas no consumo responsable, o traslado da “regra dos catro R” ás nosas actuacións cotiás...), a análise de situacións problemáticas (corta de arbores, incendios… ), o mantemento dos espazos do centro (pintar o muro) etc.

A partir de aquí, comezou o traballo cooperativo e solidario do alumnado e foron os  docentes (un ou dous coordinadores por actividade, dependendo da súa complexidade) mediadores, facilitadores de recursos e catalizadores das disertacións.

Non menos importante foi acadar a participación e colaboración do resto da comunidade educativa, que quedou plasmada na implicación das familias en actividades como a recollida de receitas ou xogos populares, na súa participación na elaboración do xogo lúdico-manipulativo Trivial da Natureza etc.

O Concello de Monfero tamén colaborou acondicionando o muro do centro para á súa posterior ilustración ou achegando recursos, ao igual ca o Concello de Irixoa, que facilitarán o coñecemento do noso contorno.

Tamén destacaremos a nosa participación no programa Cooperativismo no ensino desenvolvido polo Consello Galego de Cooperativas que, ademais de nos proporcionar recursos (dotación económica, materiais didácticos…), nos permitiu participar en talleres sobre educación en valores.

 

METODOLOXÍA

Polo tanto, estamos ante unha proposta metodolóxica colaborativa e participativa, asentada nun deseño aberto, flexible e susceptible das precisas modificacións, capaz de acadar o interese e a motivación do alumnado, cun tratamento globalizado e interdisciplinar das diferentes áreas educativas e da educación en valores, adaptada á diversidade do alumnado e facilitadora da implicación da comunidade educativa.

 

SECUENCIA DE ACTUACIÓNS

As actividades realizadas foron as seguintes:

1. Implicación, participación e colaboración docente

Obxectivo específico:

  • Implicar o profesorado no proxecto.

As singularidades do contexto no que nos desenvolvemos e as características do alumnado determinan as liñas prioritarias de actuación do centro educativo, das cales o profesorado é partícipe e potenciador. Destacaremos a implicación do centro e do seu equipo docente en diferentes modalidades do plan Proxecta (Ríos, Quérote +, Rede de Centros Escolares Solidarios, 12 meses, 12 paisaxes, Xogamos) e no proxecto Abalar, o que posibilitou aprendizaxes globalizadas, relacionais e interdisciplinares con prácticas educativas que avogan polo desenvolvemento das competencias básicas, primando a adquisición de valores e actitudes de superación, respecto comprensión e valoración. Polo tanto, destacaremos que estamos ante un profesorado organizado, implicado e participativo e colaborador co marco institucional local, ao igual que adecuadamente formado (xornada de formación inicial do plan Proxecta, actividades formativas do Abalar en centros...), que en maior ou menor medida colaborou para o correcto desenvolvemento das actuacións deseñadas. Salientaremos a edición de materiais e aplicacións TIC contextualizados (aula virtual, ferramentas de autor, webquest…).

 

 

  

2. O ecosistema das Fragas do Eume

Obxectivos específicos:

  • Identificar as características xerais dos ecosistemas e, en especial, o das Fragas do Eume.
  • Valorar a importancia dos noso ecosistema no desenvolvemento dos seres vivos e, en especial, das persoas.
  • Identificar e valorar o desenvolvemento sustentable.
  • Adquirir destrezas de aprendizaxe persoal e colaborativa.

 

Falamos de definir o concepto de ecosistema e as súas variantes, así como as principais ameazas derivadas da acción do home, antes de coñecer as peculiaridades do ecosistema das Fragas do Eume. Nesta actividade sinalaremos a importancia das saídas ao contorno e a achega dos recursos TIC (procura de información, selección e reflexión crítica co deseño e desenvolvemento de actividades LIM, dunha webquest e a execución dun xogo serio, neste caso Climántica).

En definitiva, a nosa intención foi coñecer as pautas de definición dos ecosistemas máis importantes do noso planeta e, a partir delas, establecer as singularidades do ecosistema das Fragas do Eume e entender a súa configuración como unha paisaxe cultural propia, onde o medio natural se entrelaza con seres vivos, entre os que están as persoas que alí se desenvolven, cuns usos e costumes propios, intimamente relacionados co medio natural.

 

3. Ecoclases

Obxectivo específico:

  • Establecer actitudes e hábitos de consumo responsable e de respecto aos recursos do medio e desenvolver un espírito crítico e a conciencia cidadá solidaria.

Actividade colaborativa en que participaron aulas dos segundo e terceiro ciclos de educación primaria establecendo ecoclases, entendidas como un espazo de consumo responsable, onde os materiais educativos son reutilizados e aproveitados na súa totalidade(cadernos, material funxible, curricular…), con lugar para a selección e recollida de materiais de refugallo (cartón, plástico, material orgánico, envases, pilas e tinta de impresoras, CD, así como a recollida de tapóns de plástico e de roupa para fins sociais).

 Organizouse tamén unha feira do libro. A decoración da aula reflicte estas actuacións, cun decálogo de actitudes que está acompañado da mascota creada para representar a actividade e que xa se pode observar na porta de entrada.

 Hai que destacar no ámbito de centro o desenvolvemento de campañas solidarias, especialmente significativas e valoradas (Rastro solidario, recollida de materiais reciclados e de roupa).

 

4. As Fragas do Eume: unha paisaxe cultural propia

Obxectivos específicos:

  • Valorar a importancia do medio natural para o desenvolvemento dos pobos.
  • Coñecer e valorar a identidade cultural propia e allea.

Con esta actividade, na cal tiveron un papel fundamental as familias, propuxémonos identificar aqueles valores culturais que configuran a nosa identidade como pobo, facendo fincapé nas formas de desenvolvernos que teñen unha especial relación co medio natural. Temos que ter en conta que estamos nunha zona rural de enorme riqueza patrimonial natural (Fragas do Eume) que determina usos e costumes, sociais e económicos, transmitidos de xeración en xeración. Igualmente recollemos unha visión global das nosas formas de aprender, representadas a partir do traballo por proxectos (as plantas), tarefas, pequenas investigacións, experimentos etc.

Destacaremos as seguintes actuacións : 

  • Catalogación dos xogos e xoguetes tradicionais e da fauna e plantas medicinais propias do noso contorno, realizadas a partir de traballos de investigación e que cobran forma física en forma de tarxetas, que pasarán a formar parte dun xogo lúdico-manipulativo (Trivial da Natureza). 
  • Elaboración dun receitario de cociña no cal se recollen pratos significativos da nosa cultura gastronómica. Tamén realizamos un mural para o comedor do centro. 
  • Elaboración e edición de contos colectivos que teñan como marco as nosas fragas. 
  • Recollida dos microtopónimos (inclúe webquest). Cunha ficha de recollida de datos, indagamos no contorno familiar sobre os arredores das nosas casas. Coa ficha feita, buscamos imaxes de satélite da zona mediante o SIXPAC ou Google Maps. Unha vez atopada a zona de recollida, gardaron as fotos e escribiron os microtopónimos na foto para situalos xeograficamente. A partir de aquí, deseñamos unha ruta de sendeirismo en Google Maps para o seu posterior desenvolvemento.

 

  • Análise de problemáticas: os incendios forestais e a súa repercusión no medio. Actividade de reflexión crítica ante unha situación constante e degradante

 

 

Neste intre queremos facer un pequeno receso e destacar a importancia da competencia en comunicación lingüística, tanto oral como escrita, nestas actividades. Esta  competencia facilita os coñecementos, destrezas e actitudes que posibilitarán tanto a comunicación oral e escrita como a capacidade de representación, interpretación e comprensión de diferentes realidades, así como a construción e comunicación de coñecementos e a organización e autorregulación do pensamento, as emocións e a conduta, todos eles elementos primordiais dos contidos traballados nas actividades.

 

5. Ilustrar o muro: o río Eume

Obxectivos específicos:

  • Espertar o pracer pola beleza da linguaxe visual.
  • Recoñecer e valorar a importancia da natureza no desenvolvemento dos seres vivos e a necesidade de respectala e coidala.

Todo o centro participou activamente no deseño e ilustración do muro exterior, que representa a viaxe do río Eume desde o seu nacemento ata a súa desembocadura e ao que trasladamos as diferentes paisaxes que se configuran ao seu carón.

 

 

6. Obradoiros sobre educación en valores e cooperación

Obxectivo específico:

  • Potenciar o coñecemento do cooperativismo e os seus valores.

A participación, a actuación colectiva, a solidariedade, o espírito democrático ou a solución de conflitos de forma pactada foron os valores traballados a través destas actividades, cunha metodoloxía participativa e adaptada ás características do noso centro. Inclúense neles a participación nos organizados pola etapa de educación secundaria obrigatoria ao abeiro do proxecto Monfero Solidario, polo Departamento de Orientación (STOP ruído) ou no obradoiro Cooperamos, organizado pola Dirección Xeral de Relacións Laborais e o Consello Galego de Cooperativas e incluído dentro do programa Cooperamos 2013.

 

7. Transmisión á comunidade educativa

Obxectivo específico:

  • Desenvolver espazos de comunicación entre os membros da comunidade educativa e reforzar a transmisión de valores de cooperación e solidariedade.

Actuación no ámbito do centro coa cal quixemos realizar unha posta en valor do proxecto en si mesmo (finalidades e prioridades) e do centro educativo en xeral, ao tempo que resaltamos a implicación e a interdependencia dos diferentes membros da comunidade educativa no proceso de desenvolvemento do proxecto. As vías establecidas foron a difusión na páxina web de centro e nos diferentes blogs, na plataforma REDEIRAS e na páxina web do proxecto da Axenda 21 Escolar de Galicia, así como a edición en diferentes formatos das actividades realizadas.

Igualmente participamos na I Xuntanza de Xoves pola Sostibilidade e a Paisaxe (Pontevedra, 19 de xuño de 2013), a cal congregou a corenta e un centros educativos de Galicia, Canarias, A Rioxa, Cataluña, País Vasco e Albacete (un total de 200 discentes e 30 docentes) que forman parte da rede de centros educativos de educación ambiental (ESenRede). Para este evento, o alumnado elaborou propostas de RETOS (pequenas accións de mellora ambiental e paisaxística para desenvolver no centro no vindeiro curso escolar). Foi unha experiencia estupenda, converténdose nun espazo de intercambio, convivencia, cooperación e de construción conxunta de propostas.

En canto aos docentes, presentaron as actuacións arredor deste proxecto na xornada de formación do Programa Sostibilidade e Paisaxe, realizada o 26 de outubro de 2013 en Santiago de Compostela.

Outra actuación realizada é a nosa presenza na Escola de Formación do Profesorado da Universidade de Santiago de Compostela (Campus de Lugo), na cal o alumnado expuxo as características xerais do proxecto e o seu desenvolvemento (día 3 de decembro de 2013) dentro dunha actividade organizada no marco das materias de Socioloxía da Educación e Didáctica e Tarefas Docentes impartidas por Marta Poncet Souto e Rufino González Fernández.

 

 

Avaliación

Estamos ante un elemento fundamental e inseparable da práctica educativa que, de forma global e sistemática, nos permitiu recoller, en cada momento, a información necesaria para poder realizar os xuízos de valor oportunos que faciliten a toma de decisións respecto do desenvolvemento do proceso. Non implicou soamente o alumnado, senón tamén a pluralidade de axentes que interveñen nesta acción educativa.

Valoramos o proceso do alumnado en relación co punto de partida; tense en conta a singularidade de cada individuo para observar os distintos coñecementos, habilidades, destrezas, actitudes e hábitos de traballo, comportamento, integración respecto ao grupo... Empréganse instrumentos de avaliación axustados ás características do contexto e coherentes coa metodoloxía empregada (observación do traballo diario, análise das tarefas realizadas no caderno de clase, informes, entrevistas informais, anotacións sistemáticas ou esporádicas...).

En canto ao labor docente, atinxe a recollida de información sobre a consecución de obxectivos, os recursos empregados, a temporización, os espazos, a metodoloxía, adecuación da programación ás necesidades do alumnado, aspectos que fagan referencia ás relacións co equipo docente, coa familia... Non menos importante foi avaliar a adecuación aos diferentes documentos de centro (PE, PXA, proposta pedagóxica, plan lector, proxecto lingüístico, plan de convivencia, plan TIC, plan de acción titorial... ).

Unha vez realizado o proceso avaliativo, fomos quen de descubrir as dificultades (carencia de tempos específicos para o desenvolvemento do proxecto, necesidade do establecemento dun espazo común onde realizar postas en común…), prever a súa superación e realizar as modificacións necesarias para adecuarnos ás nosas necesidades e características. Pero sobre todo concluímos con ledicia que o noso alumnado e en xeral o conxunto da comunidade educativa (familias, institucións, profesorado...) valorou positivamente o proxecto, o cal se configurou como factor de descubrimento e valoración da realidade próxima, como fórmula de cohesión interxeracional e posibilitador do traballo colaborativo.

 

Conclusión

Deste proceso avaliativo sacamos como conclusión que estamos ante unha proposta que lle permitiu á comunidade educativa achegarse ao seu patrimonio natural e cultural desde a valoración, o respecto e o coidado e establecer canles de participación conxunta nas dinámicas do centro. Igualmente consideramos a viabilidade da súa continuidade no tempo, para reforzar as actitudes de coidado e reflexión crítica cara ás problemáticas que están intimamente relacionadas co medio natural.

 

 

Bibliografía: 

 

 

- AA. VV. (2000). Estratexia galega de educación ambiental. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.

- CARIDE GÓMEZ, J. A. (2001). Educación ambiental y desarrollo humano. Barcelona: Ariel.

- CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE (2000). Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude. DOG núm. 49 (10 de marzo 2000). Xunta de Galicia, p. 3.262.

-CORTIZAS, A. (2007). “Os brinquedos e enredos tradicionais: a transformación lúdica da natureza”. Revista Galega de Educación, núm. 37. Nova Escola Galega, pp 33-35.

-ESCUDERO BOCOS, C. (2003). "Guía de recursos para a educación ambiental". En SERANTES PAZOS, A. (coord.), Seminario itinerante recursos e equipamentos de educación infantil. Comité Organizador do Seminario de Educación Ambiental.

-GARCÍA FERNÁNDEZ, J. M.; LÓPEZ GONZÁLEZ, X. (2011). “Valor educativo e pedagóxico dos xoguetes tradicionais”. Revista Galega de Educación, núm. 51. Nova Escola Galega, p. 14.

-JIMÉNEZ HERRERO, L.; VELÁZQUEZ DE CASTRO, F. (2004). Teoría y práctica de la educación ambiental. Granada: Grupo Editorial Universitario.

-KRAMER, F. (2002). Manual práctico de educación ambiental: técnicas de simulación, juegos y otros métodos educativos. Madrid: Catarata, D.L.

-LÓPEZ RODRÍGUEZ, R. (2003). Educación ambiental y su didáctica. Lugo: Deputación Provincial.

-MAESTRO, F. (2011). “Baratos tesouros, prodixios de imaxinación”. Revista Galega de Educación, núm. 51. Nova Escola Galega, pp. 36-39.

-MINISTERIO DE EDUCACIÓN E CIENCIA (1990). Lei orgánica xeral do sistema educativo. BOE núm.  238 (4 de octubre 1990). Madrid: MEC, pp. 28.927-28.942.

-MINISTERIO DE EDUCACIÓN E CIENCIA (2006). Lei orgánica de educación. BOE núm. 106 (4 de maio 2006). Madrid: MEC.

-NANDO ROSALES, J.; GARCÍA GÓMEZ, J. (2000). Estrategias didácticas en educación ambiental. Málaga: Aljibe.

-PARDO DÍAZ, A. (1995). La educación ambiental como proyecto. Barcelona: Horsori.

-UNESCO (1987). Congreso Internacional UNESCO-PNUMA sobre la Educación y la Formación relativas al Medio Ambiente. Moscova: UNESCO.

-VEIGA, P. (2001). Xogo popular galego, educación e identificación cultural. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco Edicións.

-VEIGA, P. (2007). “O patrimonio lúdico galego”. Revista Galega de Educación, núm. 37. Nova Escola Galega, pp. 28-31.

-XUNTA DE GALICIA (2008). Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia. DOG, núm. 139 (18 de xullo de 2008), p. 13.815.

 

Webgrafía

-ASOCIACIÓN GALEGA DO XOGO POPULAR E TRADICIONAL. Dispoñible en http://www.agxpt.org/. Consultado: 3 de novembro de 2012.

-RODRÍGUEZ GÓMEZ, A. (2011). “El contacto con la naturaleza aumenta la salud humana. Tendencias sociales” (5 de maio de 2011). Dispoñible en http://www.tendencias21.net/El- contacto-con-la-naturaleza-aumenta-la-salud-humana a6404.html. Consultado: 5 de decembro de 2012.

-HERMOSO VEIGA, Y. (2009). “Estudio de la ocupación del tiempo libre de la población escolar y su participación en actividades extraesoclares”. Dispoñible en http://riuma.uma.es/xmlui/bitstream/handle/10630/4576/17TYHV.pdf?sequence=1. Consultado: 20 de decembro de 2012.

-RODRÍGUEZ NEILA, L. “Juegos en la naturaleza”. Dispoñible en http://ozaetaaterpetxea.files.wordpress.com/2010/11/libro-iuegos-naturaleza-neila.pdf. Consultado: 11 de decembro de 2012.

-UNESCO (2009). “Lista representativa del patrimonio cultural inmaterial de la humanidad. Dispoñible            en

http://www.google.es/url?q=http://www.unesco.org/culture/ich/doc/src/068... &ei=spIFUNHZN0ao0AXoro34Bw&ved=0CBUQFiAB&usg=AFQiCNFCkTNUgAxX8Q lzsG7xoekL u7Yg. Consultado: 1 de xaneiro de 2013.

-LOUV, R. (2009). Noticias a los cuatro vientos. "Last Child in the Woods" - El último niño en los bosques. Dispoñible en http://www.fundrogertorne.org/salud-infancia-medio- ambiente/divulga/inspira/0903/inspira-N0TICIAS-A-L0S-CUATR0-VIENT0S-Last-Child-in-the- Woods-El-ultimo-nino-en-los-bosques.pdf. Consultado: 3 de novembro de 2012.

-REDE GALEGA DO XOG0 TRADICIONAL. Dispoñible en http://brinquedia.net/. Consultado: 27 de febreiro de 2013.

MEDIO          RURAL,        XUNTA         DE          GALICIA. Dispoñible                en

http://www.medioruralemar.xunta.es/es/areas/conservacion/espacios protegidos/red galleg a/parque natural/fragas do eume/. Consultado: 3 de novembro de 2012.

GALICIA                             MÁXICA. Dispoñible       en

http://www.galiciamaxica.eu/Sitios/A%20C0RUNA/monfero/monfero.html. Consultado: 16 de novembro de 2012.

Enlaces web ás actividades desenvolvidas: http://paisaxevida.blogspot.com.es/

https://sites.google.com/site/asnosasplantasmedicinais/home en http://paisaxevida.bloqspot.com.es/

https://sites.google.com/site/osecosistemas/ en http://paisaxevida.blogspot.com.es/2013/02/os-ecosistemas.html

https://sites.google.com/site/microtopon en http://paisaxevida.blogspot.com.es/p/microtoponimia.html

http://xogo.climantica.org/

http://www.youtube.com/watch?feature=player_embedded&v=TYayX5nQDHI en http://paisaxevida.blogspot.com.es

http://www.slideshare.net/camino27/xogos en http://paisaxevida.blogspot.com.es

http://www.slideshare.net/camino27/preguntas-trivial-df en http://paisaxevida.blogspot.com.es

http://youtu.be/lBKqB5wE14g en http://paisaxevida.blogspot.com.es

Sección: