Ponlle freo ao cambio climático!

Experiencia de educación medioambiental no CEIP de Arzúa (Programa Climántica)
No CEIP de Arzúa afrontamos un reto: como podo contribuír a frear o cambio climático? Unha iniciativa para acadar un xeito de vida máis sustentable sendo conscientes do impacto que as nosas propias accións teñen sobre a natureza.

Rocío Fernández Fernández
Educación infantil. CEIP de Arzúa
rociofernandez@edu.xunta.es

 

 

 

ONDE NOS ATOPAMOS?

Imaxinade que estades nunha pequena vila, situada no centro de Galicia, rodeada de frondosas paisaxes e amables xentes. Unha vila, onde os seus camiñantes non poden deixar de probar ao seu paso o saboroso queixo que aquí elaboran. Estades no correcto, atopádesvos en Arzúa!

Pois ben, aquí ten lugar a nosa historia e vai acontecer, concretamente, no seu colexio público, no CEIP de Arzúa.

QUE PRETENDEMOS?

Un pequeno grupo de mestras e mestres interesados polo medio decidimos embarcarnos nun novo proxecto enmarcado dentro do Plan Proxecta, Climántica.

Os nosos OBXECTIVOS  eran sinxelos, reais, alcanzables, cunha finalidade moi clara: poñer en marcha un traballo cooperativo a través do cal o alumnado tomase conciencia do que é o cambio climático, tanto das súas causas como das súas consecuencias no contorno máis próximo. Con esta premisa como base, os obxectivos quedaron definidos do seguinte xeito:

  • Concienciar o alumnado sobre a importancia do medio para o normal desenvolvemento da nosa vida diaria.
  • Comprender a influencia que o ser humano ten sobre o espazo no que nos movemos.
  • Dar a coñecer o cambio climático: causas e consecuencias.
  • Favorecer o respecto e o coidado do contorno de xeito cooperativo.
  • Actuar de xeito responsable e ofrecer solucións para a mellora do noso contorno.
  • Espertar a curiosidade do alumnado sobre o medio, incitando a investigación e o intercambio de información.
  • Buscar información para argumentar e defender propostas ante os compañeiros e compañeiras.

 

COMO NOS ORGANIZAMOS?

Este proxecto estaba planificado para ser desenvolvido durante o segundo trimestre do curso 2012-2013, pero o interese inicial e a posterior implicación conseguiron que o noso traballo se ampliase no tempo. Hai que ter en conta que, en todo momento, os nenos e nenas foron os que levaron o mando do proxecto, de aí que constantemente houbese modificacións e reunións entre os mestres e mestras participantes.

Deste xeito, comezamos a organizarnos ao final do primeiro trimestre. A partir das primeiras xuntanzas, os mestres e mestras implicados no proxecto decidimos crear un blog (www.oplanetadamarela.blogspot.com) para ir motivando o alumnado e achegándoo ao concepto de cambio climático, para moitos ata agora descoñecido.

Foi xa no segundo trimestre cando nos puxemos mans á obra e o alumnado comezou a actuar. Unha característica que hai que destacar é a pluralidade da idade dos nenos e das nenas, xa que neste programa participaron unha aula de quinto de educación primaria, outra de sexto de primaria e catro do segundo ciclo de educación infantil. Para estes últimos, a temática e os conceptos eran abstractos e amplos, pero conseguiron participar activamente e entender o impacto das nosas condutas na natureza, como, por exemplo, o lixo tirado no chan.

A METODOLOXÍA que se empregou estivo baseada na resolución de problemas, intentando construír aprendizaxes significativas, partindo do contorno máis próximo e de coñecementos previos que recollemos en distintas fichas, tomando como base debates entre o alumnado ou chuvia de ideas.

Os mestres exercemos a nosa función como elemento dinamizador ou encauzador das ideas, descubrimentos e vías de avance do alumnado, intentando estimular a investigación con suxestións concretas cando foron necesarias, sen pasar por alto que os nenos e as nenas debían atopar os seus propios resultados. Eles crearon, investigaron, observaron, reflexionaron e falaron das consecuencias das nosas accións sobre o planeta.

 

COMO O FIXEMOS?

Desde o primeiro momento intentamos que o proxecto se desenvolvese dun modo globalizado, integrándoo nas diferentes programacións, áreas e materias, favorecendo o seu tratamento nas diferentes competencias básicas. Así foi como traballamos…

O punto de partida atopámolo na motivación do alumnado que se conseguiu a través dunha carta que os invitaba a reflexionar sobre o cambio climático. Esta misiva, da que cada aula recibiu unha copia, procedía da Antártida e viña asinada por un pingüín (si, estades a ler ben, o remitente era un pingüín). Nela cóntanos a súa preocupación porque o xeo no que vive se derrete por mor dalgúns comportamentos do ser humano. Tras esta carta, comezamos a extraer as ideas previas do alumnado, que lle deron pé para investigar na rede, reflexionar e elaborar propostas de mellora, mediante unha chuvia de ideas e debates dentro de cada titoría. Unha vez que tiveron claro que era, xurdiu o reto: como podo contribuír a frear o cambio climático?

Moitas destas propostas de mellora realizámolas ao longo do curso. Agora vos conto polo miúdo, pero antes temos que recoñecer que algunha foi descartada, pois houbo quen pensou en levar un conxelador xigante ao Polo Sur para solucionar o problema do desxeo ou pedirlle os renos a Papá Noel para levarlles xeo aos pingüíns... Despois dun longo debate, concluíron que non era moi factible!

Os nenos e nenas propuxeron construír unha mascota e convocamos un concurso. Só había unha consigna moi clara establecida polos propios nenos e nenas: a nosa mascota ía ser unha vaca, facendo así honra á tradición gandeira da vila. Marela, gañadora do concurso, serviunos como portadora de novas para as vindeiras actividades.

 

 

Marela enviounos cartas mensuais para investigar sobre conceptos como a chuvia ácida ou o efecto invernadoiro, proporcionounos chalecos para a actividade dos ecovixías, papeleiras para separar o lixo…

En ningún momento esquecemos a nosa creatividade. Velaí algunhas das ACTIVIDADES realizadas:

  • Os rapaces e as rapazas de terceiro ciclo de primaria elaboraron unha actividade plástica con debuxos, lemas e consellos para deter a emisión de CO2 á atmosfera. Os mellores consellos que se lles ocorreron, e que ademais podían levar a cabo, foron usar máis a bicicleta e menos o coche, arranxar as fugas das billas, sementar árbores, ducharse en  lugar de bañarse e recargar as pilas.
  • En educación infantil, construíron un mural cos distintos colectores nos que separar o lixo mediante a técnica do estampado sobre papel.
  • Os máis grandes crearon, desde a área de lingua, obras de teatro.
  • Asemade, os especialistas en lingua estranxeira axudaron os rapaces e rapazas a realizar uns cómics en lingua inglesa sobre a reciclaxe. Este traballo foi elixido para aparecer no noso xornal, Rular.
  • O blog http://oplanetadamarela.blogspot.com xogou un gran papel neste proxecto, xa que serviu de nexo de unión para todas as actividades. Nel enlazáronse os diferentes traballos realizados, así como vídeos, presentacións, cancións e xogos, que lles ofreceron aos alumnos máis recursos cos que aprender e concienciar sobre o cambio climático, e que lles serviron como base para a investigación, busca de información...
  • Algúns dos xogos publicados foron realizados polo profesorado do centro coas ilustracións e debuxos do alumnado, de xeito que se creou un Jclic sobre o cambio climático e unha actividade LIM e un vídeo sobre a reciclaxe.
  • Aproveitando que contamos con aulas Abalar no terceiro ciclo de primaria, os alumnos elaboraron unha curtametraxe moi sinxela con bonecos de plastilina, na que Marela aconsella empregar máis a bici. Os nenos e nenas de quinto de primaria, convertidos en auténticos cineastas, recrearon os personaxes, escenario e texto. Seguindo a técnica stop motion, sacaron as fotografías necesarias para ordenalas e construír a súa película.                 
  • Dúas das actividades que máis éxito tiveron entre os cativos foron dotar as aulas con papeleiras de cores para separar o lixo e organizar patrullas de ecovixías. A figura do ecovixía tivo a responsabilidade de velar pola axeitada limpeza dos nosos espazos, o aforro de auga nos baños e de calefacción nas distintas aulas, vixiando que as portas e as fiestras estivesen pechadas. Convertéronse nunhas figuras moi respectadas no noso centro, tanto entre os mestres como entre o alumnado, deixando todos os días plasmadas cunha cámara fotográfica accións que prexudican o medio. Foi moi interesante descubrir o impacto que lles produciu a observación, a posteriori, destas fotografías. “Vaia descoido!” dicían moitos deles ao ver luces acesas en aulas baleiras ou fiestras abertas coa calefacción en funcionamento. Non eramos conscientes de canto mal lle faciamos ao planeta! A concienciación foi o máis salientable deste apartado do proxecto, a “ecovixiancia” xerou os seus froitos!

 

 

UN PROXECTO SÓ DE CENTRO?

Tan importante como a concienciación do alumnado era a divulgación a toda a comunidade educativa, polo que os nenos e as nenas se converteron en axentes para o cambio.

Para achegar o noso traballo aos fogares, realizouse unha actividade na que se solicitou que as familias participasen creando xoguetes con material de refugallo, outra forma de aprender a reciclar. Con estes xoguetes, en colaboración co plan Xogade, fíxose unha exposición aberta a toda a comunidade educativa. Algúns dos familiares comentaron que tiñan na casa a verdadeiros defensores do planeta. Moitos deles tiveron que cambiar actitudes impulsados pola insistencia dos seus fillos e fillas, como, por exemplo, cerrar a billa durante a ducha, separar o lixo…

 

 

Nun intento de que o noso labor se fixese extensivo á sociedade, contactouse con diferentes medios de comunicación e fomos recibidos cos brazos abertos! As iniciativas levadas a cabo foron publicadas na prensa e comentadas na radio e os nosos nenos e nenas tiveron a enorme satisfacción e responsabilidade de transmitir o aprendido en varias entrevistas radiofónicas.

 

 

Como peche do proxecto Climántica organizouse un minicongreso (en colaboración cos outros programas nos que participou o centro: o xa mencionado plan Xogade e o de distribución de froitas aos centros escolares, todos eles enmarcados no Plan Proxecta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria) para difundir e impulsar o aprendido polas rapazas e os rapaces. Esta actividade estivo aberta á comunidade e anunciouse en Radio Arzúa, nela fixéronse exposicións orais das nenas e dos nenos, así como proxeccións de vídeos elaborados polo alumnado. Foi, polo tanto, unha conclusión encamiñada á concienciación da comunidade educativa sobre o cambio climático.

Tivemos, ademais, a oportunidade de vivir unha experiencia moi gratificante e compartir o noso proxecto con nenos e nenas doutros centros de ámbito nacional, ao ser invitados a participar no I Encontro para Xoves pola Sustentabilidade e a Paisaxe, realizado o 19 de xuño de 2013 en Pontevedra. Despois de varias exposicións de experiencias e xogos, leváronse a cabo diversos obradoiros. O CEIP de Arzúa, representado polos seus alumnos e alumnas, preparou unha actividade na que se ensinaba como construír un coche con material de refugallo.

 

ACADAMOS O NOSO RETO?

A avaliación do alumnado baseouse na observación da súa participación e implicación no programa, valorouse a súa autonomía na busca de información e o traballo en grupo, que quedou rexistrado nas actividades levadas a cabo durante o curso e expostas no blog.

A avaliación fíxose en distintas fases:

  • Unha avaliación inicial realizada polos titores a través de cuestionarios, conversa co seu alumnado, comentario de láminas etc., para coñecer o grao de coñecemento do que parten os nenos e nenas. Tal e como queda descrito anteriormente, unha vez que se lle enviou a primeira carta ao alumnado, recollemos por escrito as ideas mediante asembleas e debates na aula.
  • Unha avaliación ao longo do curso para indagar se as actividades propostas se axeitaban ao nivel dos nenos e se os obxectivos se estaban a cumprir. Centrámonos, sobre todo, en observar a participación do alumnado en cada unha das actividades, que sempre foi moi activa. Estaban moi motivados e o seu interese ía medrando paulatinamente; puidemos comprobar que se converteran en verdadeiros axentes do freo do cambio climático, o que quedou ben patente no labor dos ecovixías.
  • Unha avaliación final na que se comprobou a consecución dos obxectivos propostos no programa, sobre todo como frear o cambio climático co noso gran de area a través de preguntas como: Que aprendiches neste proxecto? Que foi o que máis te sorprendeu? Que dificultades atopaches? Sabes buscar información sobre o tema traballado? Cres que agora respectas máis o medio no que vives, por que?

A valoración final revelou resultados moi satisfactorios:

1. Acadouse un grao de concienciación cara ao cambio climático moi elevado.

2. A implicación nas actividades propostas superou as expectativas.

3.  Vivíronse experiencias moi satisfactorias que se puideron compartir en diferentes medios e contextos, o que os levou a sentirse moi orgullosos do SEU proxecto.

 

E PARA FINALIZAR…?

En definitiva, podemos concluír que a nosa participación no programa Climántica foi moi positiva. O alumnado viuse moi motivado para a proposta e realización de actividades, converténdose en verdadeiros mediadores e transmisores de accións a prol da sustentabilidade.

Seguimos con enerxía para continuar contaxiando o noso apego pola natureza, xa que aínda nos queda moito por ver e descubrir!

 

 

Bibliografía: 
 
Sección: