Bibliotecalandra: unha fiestra aberta á ciencia

Con motivo do lema “Ler ciencia na biblioteca escolar”, a Biblioteca do IES Parga Pondal de Carballo repasa a súa andaina desde os inicios ata converterse no primeiro referente de activividades culturais do centro, entre as cales o desenvolvemento das TIC e as materias relacionadas co ámbito das ciencias foron adquirindo un papel cada vez máis relevante.

José Manuel García Casal
Coordinador de Biblioteca do IES Isidro Parga Pondal de Carballo
Departamento de Lingua Castelá e Literatura
jgcasal@edu.xunta.es

Cando desde o IES Isidro Parga Pondal de Carballo se decidiu darlle unha nova orientación á biblioteca escolar, todo estaba aínda por facer. Naqueles momentos a biblioteca era, na práctica, un simple almacén de libros e non sempre de fácil acceso. A comunidade educativa vivía de costas a este espazo e o alumnado non tiña practicamente ningún tipo de relación, nin moito menos interacción, cos recursos educativos e de lecer que a biblioteca escolar lles podía proporcionar. Para reverter esta situación foi fundamental o entusiasmo duns cantos profesores que decidiron botarse a andar neste terreo, máis ben ermo, e formar un grupo de traballo desde o que abrir as portas da biblioteca a toda a comunidade educativa. A partir de aí, o centro foi admitido na cuarta  convocatoria no Plan Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) e ese foi o impulso definitivo para o seu desenvolvemento. Desde o PLAMBE aprendemos a optimizar os recursos, fixemos nosas as experiencias doutros e tivemos tamén unha importante inxección de fondos que nos permitiron dar os primeiros pasos desa andaina con pé máis firme.

A marca Bibliotecalandra

Desde un primeiro momento quixemos facernos visibles e, máis importante aínda ca iso, “distinguibles” da oferta de propostas, ás veces máis ben indefinida, que se lle fai chegar ao alumnado. Queriamos que se nos recoñecese claramente e que se soubese o que podiamos ofertar, así que se nos fixo imprescindible dotarnos a nós mesmos cunha etiqueta, cunha marca, por sabermos o significativas que son estas para os adolescentes. Ao tratarse dun centro situado en Carballo e no cal o traballo está dirixido aos froitos máis novos da comunidade, eses que algún día esperamos ver agromar en todo o seu esplendor, a nosa elección estaba clara, a nosa biblioteca sería Bibliotecalandra. Seis anos despois podemos dicir, orgullosos, que practicamente toda a comunidade educativa do IES Parga Pondal coñece a marca Bibliotecalandra, recoñece o seu logo, le os seus blogs, goza coas súas actividades, móvea nas redes sociais e ten o seu desenvolvemento paralelo noutros departamentos, como o demostran os blogs de tecnoloxía (Tecnolandra), filosofía (Filolandra) etc.

Que ofrecer? Empecemos polo máis lóxico... as humanidades

Meternos nun terreo que apenas coñeciamos fíxonos ir polo camiño que considerabamos máis seguro... ou máis lóxico. Cando pensamos en que ofrecerlle á comunidade educativa desde a biblioteca, inmediatamente pensamos en materiais relacionados co ámbito das humanidades: a accesibilidade aos libros de lectura obrigatoria, a ampliación do noso catálogo de literatura xuvenil, a creación do noso club de lectura Vixías das Letras, a catalogación dos fondos bibliográficos existentes e o comezo da dotación da videoteca e da discoteca que deran conta dos títulos e obras máis salientables da historia do cine e da música, así como a introdución dos primeiros volumes de banda deseñada “de autor” etc. Pero pronto vimos que todo isto, con ser un bo comezo, non era suficiente. Necesitabamos sentir o alento, a resposta dos alumnos e do resto da comunidade educativa, xa que ata ese momento a información só circulaba nunha soa dirección: da biblioteca cara aos demais, pero non retornaba. Pouco a pouco, fómonos decatando da importancia que terían que xogar as TIC e as comunicacións a través das redes sociais, así que o seguinte paso foi a creación do noso blog http://bibliotecalandra.blogspot.com.es/, no cal, ademais de informar, invitabamos á participación, colaboración e achega de suxestións de todos os que nos visitaban, que cada vez ían sendo máis. Posteriormente creamos a nosa propia wiki para o club de lectura, fixémonos visibles nas redes sociais dos nosos tempos: Facebook, Twitter, Youtube, Scoop it! E, pouco a pouco, dun enfoque puramente humanístico, acabamos mergullándonos no mundo das novas tecnoloxías e da ciencia.

Biblioteca e ciencias. As primeiras colaboracións co Departamento de Matemáticas

O obxectivo que tiñamos en mente cando iniciamos a nosa tarefa era que a biblioteca se convertese nun elemento integrador e vertebrador de moitas actividades do centro, ata chegar a ser a súa referencia cultural, que vai máis alá dun espazo de lectura e préstamo. Así, como alternativa de lecer, o alumnado dispuxo de xogos educativos, entre os cales non tardou en despuntar o xadrez. Dado o éxito desta actividade, pronto a trasladamos ao noso blog, para o que introducimos unha aplicación coa finalidade de que os que quixesen puidesen botar unha partida en liña, e tamén propoñiamos diariamente a resolución dun problema de xadrez. Paralelamente, o Departamento de Matemáticas e o de Filosofía comezaron a organizar o Torneo de Xadrez anual, co cal a biblioteca colabora, non só coa achega de material (taboleiros, reloxos...) e de espazo físico, senón tamén coa exposición de libros e materiais dos nosos fondos dedicados ao tema e un torneo paralelo en liña a través do blog onde os participantes han de resolver unha xogada proposta.

A Semana das Matemáticas

Estas primeiras colaboracións co Departamento de Matemáticas, pronto deron paso a proxectos máis ambiciosos, que asentaron o carácter integrador e multidisciplinar da biblioteca. A Semana das Matemáticas é unha das actividades anuais e fixas, organizadas por este departamento, e na cal a biblioteca xoga un papel destacado. Nela trata de amosarse o mundo das matemáticas desde un punto de vista máis lúdico, sacándoas das aulas e procurando a participación e implicación de todo o alumnado. A biblioteca tamén colabora e se integra nesta Semana das Matemáticas de moi diversos xeitos:

  1. A película recomendada: cada día da semana recomendamos unha película cuxo argumento ten que ver coas matemáticas (Unha mente marabillosa, A habitación de Fermat, Ágora, Os crimes de Oxford, 21 Black Jack, Donald no país das matemáticas). Elaboramos unha ficha co argumento e algúns outros datos de interese sobre o filme e nos recreos facemos a proxección da película recomendada para ese día. Todas esas películas están na biblioteca e o alumnado pode levalas en préstamo.
  2. O libro recomendado: cada día da semana recomendamos unha novela que trate algún tema relacionado coas matemáticas (O oito, O asasinato do profesor de matemáticas, O tío Petrus e a conxectura de Golbach, O curioso incidente do can de medianoite, O diabro dos números, A fórmula preferida do profesor, Os crimes de Oxford). Dispoñemos de exemplares de todos eses libros na biblioteca e elaboramos unha ficha sobre cada un deles. Á hora de realizar a selección, tratamos de que sexan libros con moita aceptación por parte dos lectores.
  3. Exposición de libros matemáticos: todos os anos na biblioteca se realiza unha exposición temática de libros de lectura, relacionados coas matemáticas. Fíxose tamén unha exposición sobre libros antigos de matemáticas e outra sobre os libros de texto “dos teus profes”.
  4. Fotografía matemática: cada ano organízase un concurso de fotografía sobre temas variados relacionados coas matemáticas (as matemáticas na moda, na cidade, no fogar, nos deportes, na natureza...).
    Os premiados son os que presentaron a mellor foto, segundo un comité composto polo profesorado do Departamento de Matemáticas, un representante da biblioteca, un do equipo directivo, un profesor de Plástica e un representante do persoal non docente.
  5. Xogos matemáticos: durante todos os recreos da Semana das Matemáticas colócase un posto con xogos de distinto tipo: de estratexia, de lóxica, de razoamento, de habilidade, tangrams, quebracabezas de figuras xeométricas... para que poida xogar toda a comunidade educativa, tanto en solitario como enfrontándose por parellas.
  6. “Xincana” matemática: durante toda a semana proponse unha xincana con problemas de enxeño, cálculo, lóxica ou da historia das matemáticas. Para resolveren unha gran parte das preguntas, teñen que buscar a información nos libros que se expoñen durante esa semana na biblioteca ou na exposición que se fai de Matemáticos na Historia.

A biblioteca e o desenvolvemento das competencias básicas nos currículos de ciencias

Entendido e asumido por todos o novo papel integrador de Bibliotecalandra na vida cultural e educativa do centro, o noso seguinte paso foi proporcionar recursos e materiais que puidesen completar os currículos das distintas áreas, xa que concebimos a biblioteca escolar como o espazo interdisciplinar por excelencia. Estes recursos e materiais deberían, ademais, ter unha formulación interactiva, con especial protagonismo das TIC. En principio, a biblioteca xa contaba con fondos bibliográficos e outros recursos dos que podían botar man os diferentes departamentos para traballar os contidos do seus currículos, pero a nosa intención foi elaborar uns materiais complementarios, creados  como actividades de reforzo, que calquera membro da comunidade educativa puidese ter á súa disposición no momento que os necesitase. Para isto, os integrantes do equipo de biblioteca, embarcámonos nun grupo de traballo a través do cal elaboramos unha ampla oferta de actividades realizadas baixo as plataformas LIM e ARDORA, ás que se pode acceder a través da nosa canle habitual, o noso blog. Tras solicitar a colaboración dos departamentos didácticos a través da Comisión de Coordinación Pedagóxica (CCP) para a selección dos contidos, no ámbito das ciencias elaboráronse actividades de Física e Química (modelos atómicos), Economía (sectores económicos, contabilidade) e Matemáticas (encrucillado de números, elaboracións de gráficos por sectores). En todas elas priman os materiais de aprendizaxe competenciais, de reforzo, propios destas plataformas, co obxectivo último de facilitar o desenvolvemento do currículo das distintas áreas e a adquisición das competencias básicas.

A ciencia a través das emocións. O club de lectura e o concurso interdisciplinar Sabías que...?

Se de ler ciencia se trata, tamén aproveitamos este ano para achegarnos a ela a través do noso club de lectura, desde o punto de vista máis atractivo para un lector novo: a ciencia ficción. A primeira lectura deste ano consistirá nunha breve escolma de relatos deste xénero nos que teñen cabida Arthur C. Clarke, Isaac Asimov, Edmon Hamilton etc. Nas xuntanzas complementaremos as lecturas coa proxeción de películas antigas e estableceremos uns coloquios que formulen a visión da ciencia na literatura de ficción e a visión de futuro que tiveron no seu día estes autores.

Postos a ir un paso máis alá, Bibliotecalandra propúxose organizar unha actividade interdisciplinar na que todas as áreas tivesen cabida. O obxectivo principal, coma sempre, era espertar o interese do alumnado e a súa participación, posto que concebimos este proxecto de biblioteca por e para eles. Xa non se trataba, logo, de centrarse no ámbito das humanidades, senón que as ciencias, as matemáticas, a tecnoloxía e demais materias tiñan que ter igual relevancia ca aquelas. Xunto coas materias propiamente académicas debiamos introducir temas que fosen de interese persoal inmediato dos participantes: música, pero a música que eles escoitan, e o mesmo no caso do cine, a banda deseñada, as novas tecnoloxías... e todo iso, facéndoo atractivo. Artellamos esta iniciativa baseándonos nun concurso cultural, o  Sabías que...?, que coñeciamos porque se viña celebrando noutros centros, en distintas modalidades, pero ao que tamén lle fomos dando estrutura e vida propia. Ao igual que sucedera cos recursos ARDORA e LIM, solicitamos a colaboración dos diferentes departamentos -a través da CCP- para que achegasen preguntas e probas para o concurso. Hoxe en día podemos dicir que é a actividade “estrela” do noso centro e os alumnos están pendentes e expectantes por esas 4-5 semanas que dura, desde principios de curso. Pouco a pouco, ao longo das sucesivas edicións, o concurso foi botando man das posibilidades que ofrecen as TIC e hoxe en día case todo el se pode desenvolver (e participar) en liña a través do blog que creamos para o efecto. Isto permite que incluso participen ex-alumnos que xa remataron os estudos no noso centro e, ao mesmo tempo, tamén favorece cada vez máis, a introdución de materiais e probas que teñen que ver co mundo da ciencia. Así, o concurso divídese en tres probas que abranguen os seguintes contidos:

  • A pensadela: unha adiviña relacionada co pensamento lóxico-matemático, que os participantes han de resolver no menor tempo posible.
  • O preguntón: mediante pistas que se ofrecen diariamente, hai que averiguar o feito, personaxe ou lugar polo que preguntamos.
  • O cuestionario semanal: procuramos que haxa preguntas de todos os ámbitos, tanto humanístico coma científico e, xa na fase presencial do concurso (semifinais e final), sométense os participantes a probas de lóxica, matemáticas, ciencias naturais, entre outras, ademais das consabidas cuestións relacionadas cos demais ámbitos.

Como acabamos de anticipar, a actividade consta dunha fase final “presencial” á cal chegan os catro primeiros clasificados de cada categoría. Isto permítenos non perder o contacto físico co alumnado, que eles recoñezan a biblioteca como espazo onde compartir coñecementos e tamén valoralos, mediante o xogo da competición e, sobre todo, vivir experiencias que van moito máis alá da adquisición de coñecementos, e que traspasan a barreira da emotividade. A gran final do Sabías que..? convértese nunha festa onde participan alumnado e profesorado cunha implicación emocional aberta e sincera que coidamos que non conseguiriamos nunca, polo menos dese xeito, senón a través da nosa biblioteca escolar, Bibliotecalandra.

Avaliación

A mellor avaliación que podemos facer é ver o grao de implicación e participación do alumnado nos proxectos e actividades e o achegamento ao espazo físico da biblioteca, como punto de encontro onde comparten todo tipo de experiencias vitais. Despois deste longo camiño que vimos de andar, concluímos decatándonos de que a biblioteca non é só un lugar onde atopar libros. Nela ten cabida calquera actividade que supoña unha ancoraxe co mundo que nos rodea: as letras, pero tamén as ciencias, xa que a división letras e ciencias responde a uns criterios escolares quizais necesarios, pero en absoluto opostos ou excluíntes. Un suxeito culto e consciente debería poder moverse con habilidade, entre a información de materias dispares. E á fin e ao cabo, as matemáticas son outra linguaxe que nos permite descifrar o mundo, ese lazo que une os alumnos coa súa realidade, que lles axuda a coñecerse a si mesmos. Medrar como persoas e superar desigualdades é o que tratamos de ensinarlles a anoar desde a biblioteca. Pero ao mesmo tempo é o que nos ata emocionalmente a eles, establecendo relacións de afectividade moito máis profundas ca as da simple relación profesor-alumno e que nos leva a continuar con entusiasmo o noso labor.

Sección: