Bibliotecas escolares e divulgación científica

As nosas marabillosas Alexandrías
A biblioteca escolar ten moito que lles ofrecer ás materias de contido científico e debe de facelo. Calquera proxecto relacionado coa biblioteca no que participen as materias de ciencias enriquécese con multitude de sorprendentes e enriquecedoras actividades.

Margarita Olivar Roldán
Profesora de Grego e encargada da Biblioteca Carlos Nieto do IES de Ames
margaritaolivar@edu.xunta.es

1. CONTEXTUALIZACIÓN

As bibliotecas escolares pasaron en pouquísimo tempo de non existir ou ser redutos pechados e ás veces lugares de castigo a ser lugares luminosos en todos os sentidos. Son o punto vertebrador e de inspiración da maioría dos proxectos interdisciplinares e educativos máis interesantes que se están a desenvolver en moitos centros. Contribúen de maneira decisiva a dinamizar e modernizar os procedementos de traballo e a interrelacionar a todos os departamentos e membros da comunidade educativa. Axudan a romper as barreiras entre materias, barreiras que prexudican a calidade do ensino. As postas en marcha e as actuacións das bibliotecas escolares melloraron en moitos colexios e institutos a maneira de ensinar e aprender.

2. OBXECTIVOS

As bibliotecas escolares, ademais dun importante lugar de lecer, deben ser lugares de aprendizaxe activa e o labor do equipo de biblioteca e de todo o profesorado é proporcionarlle ao alumnado os materiais e as técnicas que lles permitan mergullarse no fascinante mundo da investigación. Xa na antigüidade o famoso complexo da Biblioteca de Alexandría tiña un laboratorio anexo e varias salas dedicadas á investigación en todos os campos do saber. As nosas bibliotecas escolares deben aspirar a iso, a convertérense en lugares de lecer e de investigación nos que todos os membros da comunidade educativa atopen os materiais necesarios e o apoio para poder desenvolver unha aprendizaxe activa e de calidade.

3. RECURSOS EMPREGADOS

Para poder sacar adiante proxectos de investigación nos que participen o maior número posible de alumnos e o maior número posible de materias, é necesario contar con recursos de dous tipos, materiais e humanos. Por unha parte, é necesario revisar os fondos documentais e facer as adquisicións necesarias para facilitar o traballo de alumnado e profesorado. Ás veces, é necesario tamén contar con orzamento para a realización de posibles actividades que complementen e enriquezan o proxecto co mundo de fóra das aulas: visitas ao centro de conferenciantes, visitas do alumnado a museos, laboratorios, fábricas…

Por outra banda, os recursos humanos son imprescindibles para a posta en marcha dos proxectos: a incorporación dos profesores das materias de ciencias aos equipos de biblioteca é imprescindible para o seu deseño.

4. ACTUACIÓNS CONCRETAS

Nestes últimos cursos intentamos, desde a Biblioteca do IES de Ames, promover entre o profesorado de ciencias a participación activa e produtiva no proxecto escolar de centro, axudando na posta en marcha dos proxectos lectores dos seus departamentos, facendo un esforzo significativo na dotación documental da biblioteca do centro e deseñando actividades específicas. Os plans de lectura dalgunhas materias fanse en estreita colaboración co equipo de biblioteca e os resultados demostran que a colaboración é cada vez máis proveitosa e enriquecedora.

As primeiras experiencias didácticas con lecturas de textos divulgativos ou científicos ou de textos literarios que tratan temas relacionados coa ciencia foron preparando o camiño para proxectos interdisciplinares de máis envergadura.

4.a) Lecturas de textos científicos e divulgativos

Ao facermos un breve repaso entre os plans lectores dos distintos departamentos do IES de Ames destes últimos cursos, chama a atención que o volume de lecturas de textos científicos e divulgativos que os departamentos programan para os alumnos foi aumentando considerablemente. Por citar algúns:

  • MIRA, J. A ciencia no punto de mira. Auga Editora. Libro de lectura obrigatoria para terceiro de ESO na materia de Física e Química. O autor veu á biblioteca falar do seu libro. A experiencia foi moi boa e volveremos telo de novo neste curso na nosa biblioteca.
  • MARIÑO, X. Neurociencia para Xulia. Ed. Laetoli. No curso 2012-2013 foi un dos libros de lectura obrigatoria para a materia de Filosofía de primeiro de bacharelato. O autor veu ao centro e a súa amena charla espertou moitísimo interese entre o alumnado e o profesorado. Incluso houbo pais e nais que viñeron preguntar pola posibilidade de organizar outra charla en horario extraescolar. Este curso volve ser libro de lectura para os alumnos, pero o autor está de “ano sabático”, así que teremos que esperar ao próximo curso para volvelo invitar ao centro.
  • A materia de Antropoloxía propón para cada trimestre unha lectura que se pode elixir e unha película

Cadro 1. Plan lector da materia de Antropoloxía

PLAN LECTOR ANTROPOLOXÍA

1º trimestre: antropoloxía biolóxica

  • Nuestra especie de Marvin Harris. Alianza Editorial
  • El mono desnudo de Desmond Morris. Ed. Orbis
  • El mono obeso de J. Campillo. Ed. Crítica
  • La cadera de Eva de J. E. Campillo. Ed. Crítica

Visión e debate: En busca do lume de J.J. Amaud

Preparación dunha exposición sobre os fondos da biblioteca. Elaboración dun tríptico

2º trimestre: antropoloxía cultural

  • El simio y el aprendiz de sushi de Frans de Wall. Ed. Paidós
  • Vacas, cerdos, guerras y brujas de Marvin Harris. Alianza Editorial
  • Memorias del ártico de James Houston. Alba Editorial
  • Canibales y reyes de Marvin Harris. Ed. Arial
  • Bailando sobre la tumba de Niguel Barkey. Ed. Anagrama.

Visión e debate: Os dentes do demo de N. Ray

3º trimestre: antropoloxía filosófica

Lectura de escolma de textos

A natureza humana no cine

Visión e debate: Blade Runner de Ridley Scott

Comparación entre IA de Spielberg e EVA de Kike Maíllo

  • No marco das actuacións de lectoescritura do Contrato–Programa 2011-2012, a temática para as lecturas foron biografías. Moitas das biografías eran de científicos: Ramón y Cajal, Pasteur, Arquímedes, Darwin, os Curie… da colección sabelotod@s da editorial Rompecabezas.
  • Neste curso 2013-2014 o alumnado de primeiro de bacharelato ten que entregar, cada mes, unha recensión dun artigo científico de calquera das revistas que temos na biblioteca: National Geografic, Investigación e Ciencia, Muy Interesante, Cerna… É unha boa maneira de crear un hábito de lectura de textos divulgativos científicos e de aproveitar a nosa estupenda hemeroteca.

4.b) Lecturas de textos literarios que tratan temas relacionados coa ciencia

Farei unha pequena relación de libros propostos como lecturas nas materias de Física e Química, Ciencias Naturais e Matemáticas:

FORREST, C. Montañas como islas. Duomo ediciones

DURRELL, G. Mi familia y otros animales. Alianza Editorial

MARTÍNEZ, G. Los crímenes de Oxford. Ed. Destino

SACKS , O. El tío Tungsteno, recuerdos de un químico precoz (cadro 2)

BRADSHAW, G. El contador de arena, Ed. Salamandra (cadro 3)

O alumnado realizou traballos de diverso tipo para as diferentes materias. Como exemplo de actividades feitas, presento dous exemplos concretos que formaron parte dun proxecto de Ciencia e Lectura que presentamos á III Olimpíada Galega de Química no curso 2010-2011 e co que obtivemos o primeiro premio.

Cadro 2. El contador de arena

El contador de arena, un relato de ficción sobre os anos mozos de Arquímedes, pretende dar a coñecer o contexto social e cultural no que viviu Arquímedes ao chegar a Siracusa despois da súa estadía en Alexandría. O amor, a guerra e a ciencia mestúranse ao longo do relato, como se mesturan as actividades que realizou parte do alumnado.

PROXECTO INTERDISCIPLINAR: EL CONTADOR DE ARENA

Traballouse o libro en cuarto da ESO, en Física e química, Tecnoloxía, Cultura Clásica e Inglés. As actividades consistiron na elaboración de textos escritos relacionados coas historias narradas nos libros, guías de lectura, xogos de comprensión lectora e científica, actividades prácticas de laboratorio, realización de maquetas sobre aparellos etc.

As actividades foron desenvolvidas ao longo do curso en distintas áreas:

  • Física e Química: cartas a un científico, novas de prensa, eureka.
  • Cultura Clásica: xogos, o contexto cultural grecolatino en Siracusa, guías de lectura.
  • Tecnoloxía: maqueta dunha catapulta, maqueta dun parafuso de Arquímedes
  • Inglés: redacción de textos en inglés, speaking about the uncle Tungsten.

ACTIVIDADES DE INVESTIGACIÓN E LABORATORIO

1. ALUMINIO E MERCURIO: Por que non se permiten levar termómetros de mercurio nos avións?

En iberia.com hai unha listaxe de artigos perigosos que só se permiten como equipaxe de man e con condicións especiais. Entre eles: "Un barómetro ou un termómetro de mercurio (transportado por un representante dun organismo oficial), sempre que vaia embalado cunha embalaxe exterior resistente e unha bolsa interior selada a proba de filtracións e de perforacións, e que impida a fuga de mercurio do paquete independentemente da posición. Nota: Débeselle notificar ao comandante do avión.

Di a lenda que, durante a Segunda Guerra Mundial, comandos infiltrados aplicaban unha pasta de mercurio sobre os avións alemáns. Esta pasta corroía o avión, o que provocaba a súa caída en pleno voo.

El tío Tungsteno (cap. 4, páx. 44-45)

Ensinareiche algo interesante, díxome. Tomou un anaco máis pequeno de aluminio, de superficie lisa e brillante, e untouno con mercurio. De pronto –foi como unha terrible enfermidade– a superficie descompúxose e comezou a estenderse unha substancia branca similar a un fungo [...] Iso libera o mercurio para volver formar a amálgama e proseguir o proceso de oxidación (ver vídeo).

Outros exemplos dos danos que produce a formación de amálgamas Al-Hg

Información sobre os elementos químicos:

Aluminio.

Mercurio.

Cadro 3. El tío Tungsteno

El tío Tungsteno permitiu achegar o alumnado aos grandes avances da química no século XX a través da visión dun neno e no contexto da Segundo Guerra Mundial.

4.c ) Proxectos interdisciplinares:

  • Ciclo de charlas A voltas co…

Xurdiu a idea do compañeiro de filosofía Anxo Sampedro hai xa algúns anos, coa intención de romper o esquema expositivo da aula e integrar o alumnado, o profesorado e as familias nun marco de aprendizaxe común. Profesores voluntarios de todas as materias enfocan o tema proposto cada curso desde a perspectiva da súa materia ou dos seus intereses persoais. O primeiro ano, o tema foi A voltas cos gregos e, para que non se creasen malentendidos e quedar encaixados en temas de humanidades, o curso seguinte andamos A voltas coas ciencias. Os temas foron moitos e variados: a auga, as viaxes, o amor, a creatividade, o corpo e, este ano, o cine. Parte do éxito da iniciativa débese a que o tema proposto é revisado desde todas as materias, as de humanidades, as de ciencias… Participa profesorado de Matemáticas, Educación Física, Bioloxía, Física e Química, Educación Plástica, Música… Pódese acceder ás charlas dos últimos anos na páxina web do centro. Actualmente a temática das charlas centra o tema principal do Proxecto Lector de Centro e é o tema dos nosos proxectos interdisciplinares. Foi a consecuencia lóxica tras os traballos, tan orixinais e divertidos, que xurdiron nalgunhas materias a raíz do tema das charlas. Mencionarei algún dos traballos realizados nas materias de ciencias:

Cadro 4. O ritmo da materia

O ritmo da materia

Como se comporta a materia? É esta unha pregunta moi simple que non sempre ten unha fácil resposta. Por iso puxemos en marcha un pouco de física e química, algo de música, baile e plástica, e un montón de entusiasmo para elaborar unha representación sobre o ritmo da materia. Os alumnos e alumnas vístense como moléculas de auga e experimentan por si mesmos os movementos e características das moléculas nos tres estados da materia. Vibran, flúen e móvense no caos, seguindo os ritmos marcados polas cancións.

Cadro 5. Love is in the lab. Biografía “divertida” de parellas de científicos

Biografía “divertida” de parellas de científicos

Tomando como base a biografía de homes e mulleres de ciencia que compartiron a súa vida, o alumnado de cuarto da ESO da sección bilingüe rodou un divertido vídeo en inglés, despois dun traballo de investigación e elaboración dun guión.

  • Con A de Ames, con A de Ágora, con A de Astronomía

Proxecto interdisciplinar de centro desenvolvido no curso 2011-2012 que recibiu unha Mención de Honra do CSIC no certame de Ciencia en Acción, realizado en Cosmo Caixa. Este proxecto foi un dos 150 seleccionados de toda España e América do Sur. O xurado destacou a variedade de actividades realizadas e o gran número de materias e profesores que colaboraran.

Este proxecto puido saír adiante coa complexidade e participación que obtivo porque os dous profesores que o deseñamos (o profesor de Física e Química, Jesús Fidalgo, e mais eu) tiñamos unha hora de garda de biblioteca simultánea para facilitar a colaboración.

No contexto de elaboración dun proxecto multidisciplinar que rompese as barreiras entre humanidades e ciencias, e que incorporase o mundo das ciencias á biblioteca escolar, parecía moi oportuno tomar como punto de partida un traballo centrado na figura dunha científica que desenvolveu o seu labor nun lugar coma a Biblioteca de Alexandría.

Aínda que foi un proxecto interdisciplinar destinado a alumnado de terceiro e cuarto da ESO, algunhas das actividades organizadas ofrecéronse e leváronse a cabo con todos os niveis do instituto.

Os materiais didácticos de partida foron:

  • A película Ágora, de Alejandro Amenábar
  • O libro Hipatia la maestra, de Florenci Salesas. Ed. Elrompecabezas

Os distintos departamentos que interviñeron foron: Física e Química, Cultura Clásica, Matemáticas, Educación Física, Plástica, Tecnoloxía, Bioloxía e Xeoloxía, Lingua francesa, Lingua Inglesa.

Algunhas das actividades que se realizaron na área de ciencias foron as seguintes:

  • Ciencia que Conta

Os alumnado de terceiro e cuarto da ESO participou no concurso de creación literaria Ciencia que Conta, convocado pola Universidade de Vigo, no mes de novembro. Oito relatos de oito alumnos do IES de Ames resultaron seleccionados para ser publicados no libro Ciencia que Conta 2011.

  • 8 de marzo: Desde Hipatia ata nós unha loita de XVI séculos
    • Exposición na biblioteca do centro. Expuxéronse libros e películas relacionados co papel da muller na astronomía, e na ciencia en xeral, ao longo da historia.
    • Charla-Debate. Participaron Josefina Ling, matemática e astrónoma da USC. Falou sobre a figura de Hipatia. Tamén deu a súa visión do contexto de traballo das mulleres no campo da ciencia, en especial a astronomía. Dolores Vilavedra Fernández, profesora de Literatura Galega na USC, centrouse no papel da muller no campo das humanidades e na conciliación entre a actividade investigadora e a maternidade. Finalmente, Sonia González Somoza, directora de RRHH de Feiraco, deu a súa visión e falou da súa experiencia como muller no campo empresarial.
  • Exposición Con A de Astrónomas. Esta exposición recórdanos a moitas mulleres que se dedicaron ao estudo dos corpos celestes. A mostra componse de 13 paneis: 9 dedicados a conceptos astronómicos. Estes paneis acompáñanse de guías didácticas en rede para traballar os distintos aspectos.
  • Unha ollada ao ceo. Leváronse a cabo dúas sesións de contemplación do ceo coa colaboración dun profesor da USC e un magnífico telescopio. Convidouse a todo o alumnado, profesorado do centro e familias.
  • Fotografando as matemáticas: as seccións cónicas
    Actividade en colaboración cos departamentos de Matemáticas e Plástica. Partindo da análise das escenas da película (Ágora) nas que aparece o cono de Apolonio, especialmente aquelas nas que Hipatia reflexiona sobre as figuras que describen as órbitas das “errantes”, o alumnado tiña que presentar catro fotografías cada un, unha por curva cónica. Pódense ver todas as fotos presentadas a concurso nesta ligazón.
  • Tecnoloxía: o cono de Apolonio
    Tamén partindo da película Ágora, o alumnado de Tecnoloxía de cuarto da ESO, como proxecto na terceira avaliación, deseñou –no material que quixeron– un cono de Apolonio.

Colaboración co musical Unha viaxe no tempo: escenas de Hipatia e escena de Pitágoras.

5. AVALIACIÓN E CONCLUSIÓNS

O traballo que se está a desenvolver desde as bibliotecas escolares, nestes últimos anos, non debería ter marcha atrás. Resulta impensable un centro educativo cunha ensinanza de calidade e innovadora sen unha biblioteca dinámica detrás, vertebrando e facilitando proxectos de traballo e rompendo barreiras entre materias; facilitándolles os recursos a todos.

Desde a inspección e a dirección dos centros deberíase facilitar a posta en marcha de proxectos educativos innovadores e dar facilidades, como horas de titoría de proxectos recollidas no horario escolar, ou darlles preferencia aos coordinadores e participantes nestes proxectos á hora de asignar as horas de biblioteca ou asignar horas de garda simultáneas aos profesores que traballen nos mesmos proxectos… Os resultados son ricos e brillantes. É o camiño que hai que seguir.

Sección: