O camiño de Bolonia dunha biblioteca escolar

Desde o ano 2009, a Biblioteca do IES A Xunqueira II de Pontevedra deu un salto cualitativo no camiño de achegar a ciencia ao alumnado mediante un proxecto orientado especificamente a este obxectivo. Exposicións, concursos, libros de divulgación e revistas científicas contribúen a romper barreiras e a tratar de engaiolar os estudantes co saber científico. Os progresos feitos neste tempo non deben facer esquecer que aínda hai importantes resistencias que vencer para aproximar un coñecemento que, en palabras de Einstein, é “o máis fermoso que podemos experimentar”.

Josefa Vicario Quintana
Profesora de Filosofía e responsable da Biblioteca
do IES A Xunqueira II de Pontevedra

mvquintana@edu.xunta.es

“Antes de volverse quisieron ver todas las más famosas ciudades de Italia; y habiéndolas visto todas, pararon en Bolonia, y admirados por los estudios de aquella insigne Universidad, quisieron en ella proseguir los suyos” (Cervantes, 1986, p. 241). Aínda que, tal como refire Cervantes, os cabaleiros principais don Antonio de Isunza e don Juan de Gamboa andasen máis pendentes das aventuras da non menos principal dama Bentibolli ca dos seus estudos, o certo é que a súa elección non foi unha decisión no baleiro. De volta da guerra de Flandres, optaron por unha universidade que, xa daquela, ensinaba “artes” como a medicina, a lóxica, a aritmética ou a astronomía e que non se limitaba á glosa ou ao saber retórico ou xurídico.

A célebre institución académica da Emilia-Romaña dera xa no século XIV un salto de proporcións considerables na procura da modernidade. Iniciado o século XXI, á Biblioteca do IES A Xunqueira II quedáballe, non obstante, un longo esforzo por facer se quería mellorar a súa enxoita oferta no eido da divulgación científica. Seiscentos anos despois, un estudante do centro non tería dificultade ningunha se quixese saber das andanzas de Isunza e Gamboa, é seguro que atoparía La Señora Cornelia nos estantes da biblioteca do centro, ben dotada en literatura e humanidades. Pero non é menos seguro que tería máis dun problema se quixese dar con textos que lle axudasen a iniciarse na aventura da biociencia, as matemáticas, a química ou a física.

Un proxecto que data do ano 2009 marcou o particular camiño de Bolonia que queriamos seguir no instituto. Os profesores que integrabamos o equipo da biblioteca constataramos que o fomento da lectura se centraba en textos literarios, fundamentalmente de ficción. A meirande parte das consultas dos nosos fondos estaba referida a cuestións históricas e culturais, mentres que os documentos científicos apenas eran utilizados. Tiñamos, pois, por diante o reto de propiciar o achegamento a textos e material de carácter científico, imprescindibles hoxe, así como a outras formas de linguaxe e de comunicación a través das novas tecnoloxías. Todo iso, claro está, sen abandonar a posta ao día da riqueza acadada no acervo literario e humanístico da biblioteca.

O título do noso proxecto, A biblioteca, outra forma de aprender, recolleu o interese fundamental que nos moveu cando o elaboramos. Pretendiamos que os recursos da biblioteca fosen máis e mellor utilizados nos procesos de ensino e aprendizaxe. Ademais de actuacións de fomento da lectura, dentro do desenvolvemento do proxecto lector de centro, apostamos pola ampliación de fondos e a organización de actividades de formación en técnicas de investigación e acceso á información, que posibilitasen a autoaprendizaxe do noso alumnado e a igualdade no achegamento aos bens culturais.

A emoción fundamental

“O máis fermoso que podemos experimentar é o misterio. É a emoción fundamental que está na orixe da verdadeira arte e da verdadeira ciencia. Quen non o sente non pode asombrarse máis, xa non experimenta sorpresa, é como se estivese morto, como unha vela extinguida” (Parker, 2005, p. 138) deixou dito Einstein. Enganchar cos misterios da ciencia non era, xa que logo, cousa doada. Supón per se todo un desafío nunha sociedade moitas veces mediatizada por un feixe de mensaxes de vulgaridades varias. Tratábase dunha empresa que precisaba, cando menos, paciencia e tempo, apostar pola evolución e a constancia como mellor antídoto para o risco evidente de tordear se acometiamos a tarefa dun golpe. Era preciso abrir pequenos buratos polos que asomarse e conectar cos espazos e sectores máis preocupados polo saber científico e tecnolóxico, un mundo novo para moitos alumnos, aínda que, co tempo, moito máis apaixonante para eles do que puidesen sospeitar.

Un dos balcóns a este novo mundo foron as exposicións e as actividades organizadas na Semana da Ciencia. Pareceunos que podería ser unha boa plataforma non só para se achegar cada ano ao que “se coce” nos fogóns do saber e da investigación (premios Nobel dese ano, aínda que tamén os antiNobel para dar un toque de humor) senón tamén a algúns dos ensaios, acertos e erros que foron necesarios para chegar ata alí (historias da ciencia, curiosidades, anécdotas…).

A Semana da Ciencia xira sempre arredor do tema escollido polas Nacións Unidas como Ano Internacional (astronomía, biodiversidade, química, enerxía sustentable, auga). No ano 2008 fixeramos xa un ensaio cunha primeira mostra sobre a exploración do universo. A exposición, deseñada pola profesora de Matemáticas, Carmen Ruano, na que participaron alumnos de diferentes niveis, titulábase Leccións de Astronomía, unhas leccións que foron plasmadas en paneis monográficos dedicados ás galaxias, ao sistema solar, ao planeta Terra, ás viaxes espaciais, ás astrónomas que fixeron historia, aos principais astrónomos, aos calendarios e a outros temas. A exposición, aberta a toda a comunidade escolar, podía ser visitada de xeito individual ou en grupos, guiados por profesores de distintos departamentos. Estes facían lecturas diferentes e á vez complementarias, segundo a perspectiva da súa materia e o nivel dos alumnos aos que ían dirixidas.

Realizouse un concurso de preguntas: Quen? Cando? Como? Por que? Facíase unha pregunta por semana ao longo do segundo trimestre, cuxa solución, seguindo as pistas, se podía atopar nos paneis da exposición, nalgún documento da biblioteca ou en páxinas de internet. O Meu Xenio é foi outra das actividades ofertadas. Consistía en elaborar unha breve biografía dun científico, ilustrada con debuxos. Para iso os alumnos tiñan que buscar a información, seleccionala, organizala e, con este material, crear a súa composición. Salientamos esta actividade porque favoreceu a aprendizaxe autónoma, selectiva e crítica. Aquel ensaio pechouse cunhas xornadas de cine de ciencia ficción e de documentais científicos.

Medir o raio da Terra

Un ano despois, a astronomía foi tamén o tema elixido polas Nacións Unidas e, xa que estabamos en marcha coa experiencia de 2008, non quixemos abandonar a nave. Nesta ocasión, dedicouse a Einstein polos 100 anos da teoría da relatividade. Ademais, achegouse a astronomía ao alumnado en clave de humor a través de viñetas de coñecidos debuxantes, como Forges, Quino, Mingote. Incorporouse a sección de Sabías que?, elaborada polos alumnos, así como un taboleiro con Anécdotas e Novas de ciencia, onde calquera persoa da comunidade educativa podía ir incorporando recortes de prensa, notas, curiosidades ou recensións.

O centro participou naquela edición nunha actividade moi interesante e dalgún xeito “astronómica”. O día 26 de marzo do 2009, máis de 10.000 alumnos de toda España repetiron un experimento que 2000 anos antes levara a cabo Eratóstenes. Tratábase dun proxecto incluído dentro do Ano internacional da Astronomía consistente en medir, como fixera o matemático e astrónomo grego, o raio da Terra utilizando tan só un gnomon e, claro está, o método científico. Na experiencia participaron alumnos de cuarto da ESO e de primeiro e segundo de bacharelato do noso centro xunto con profesores de Física e Química, Matemáticas e Filosofía. Pódese ver a experiencia no antigo blog da biblioteca.

Botaba a andar coa edición do 2009 o proxecto A biblioteca, outra forma de aprender, cuns obxectivos moi ambiciosos: achegar a ciencia ao alumnado ou mellor o alumnado á ciencia, renovar e dinamizar os fondos da biblioteca no que se refire ao coñecemento científico e animar á lectura de textos non só literarios ou de ficción. Pretendiamos dar acceso a obras de divulgación científica ou revistas de ciencia e tamén potenciar o uso das novas tecnoloxías para a busca de información e lectura científica. Propuxémonos a maiores involucrar os distintos departamentos nas actividades, buscando non só a interdisciplinariedade senón tamén a constatación de que os diferentes campos do saber e das artes teñen moito de común.

No ano 2010, ofertouse a exposición Biodiversidade. Constaba de 16 paneis divulgativos con unidades didácticas adaptadas aos diferentes niveis da ESO e bacharelato. Estas unidades foron traballadas en diferentes materias, non só en Bioloxía. Tamén se presentou a mostra Unha Mirada Matemática, cedida por Nieves Díaz Fernández, profesora no IES Porta da Auga de Ribadeo (Lugo). A semana completouse coas seccións de Sabías que? e Novas de ciencia, achegadas por alumnos, profesores e persoal non docente. Finalmente, estreamos o concurso de fotografía Bibliototem que, nesta primeira edición, tiña por tema “Natureza é beleza”. O obxectivo desta actividade era  constatar que a ciencia non é un saber afastado, árido e aburrido, senón que forma parte da nosa vida cotiá e non é contrario á arte, porque, ao igual ca ela, precisa da imaxinación.

No 2011, o tema foi a química. Nesta ocasión a exposición tiña tres partes: Entre moléculas, A química na vida cotiá e Homenaxe a Marie Curie. Á parte das sección fixas, elaborouse un libro cos premios Nobel de Química e realizouse un concurso de preguntas con cinco probas, unha por cada día da semana, en tres niveis diferentes (primeiro e segundo da ESO, terceiro e cuarto da ESO e bacharelato). As respostas podíanse atopar nos paneis da exposición, en documentos da biblioteca ou en páxinas web. Finalmente, tamén se presentou unha selección de libros de ciencia.

A química deu paso á enerxía sustentable no 2012. Abriu a Semana da Ciencia a exposición titulada A Enerxía Móvenos, co correspondente concurso de preguntas. Tamén houbo unha sección dedicada ao aforro de enerxía con consellos ofrecidos por calquera membro da comunidade escolar. A auga é o eixe central da semana do 2013. Está montada xa a exposición A Esfera da Auga e foron convocados o concurso de fotografía Bibliototem co tema “Somos Auga” e o concurso de preguntas Agudiza o teu Enxeño. Ao igual ca en edicións anteriores, todas estas mostras son reflectidas no novo blog da biblioteca.

A sedela das exposicións non foi a única coa que espertar o interese pola ciencia. Unha ollada ao sucedido coa divulgación científica na biblioteca pode ilustrar mellor o camiño seguido. Títulos como El mono desnudo de Desmond Morris (1967), La evolución de las especies de Darwin (1859) ou a Estructura económica de España de Ramón Tamames (1960) foron en décadas pasadas os que tiveron varias xeracións de estudantes ao seu dispor nos centros. Hoxe, no IES Xunqueira II pódense consultar referentes na materia como Viva la ciencia de Sánchez Ron, La evolución del talento de Bermúdez de Castro, Breve historia del tiempo de Sthefhen Hawking, La magia de la realidad de Richard Dawkins, Einstein: pasiones de un científico de B. Parker, La ciencia de los superhéroes de J. Scaliter ou El dedo de Galileo de P. Atkins.

Algo semellante sucede no campo da prensa ou do cómic. A día de hoxe, ademais dos xornais xeneralistas, canle diaria de información científica, pódense atopar no centro revistas como National Geografic, Investigación y Ciencia, Redes, ou cómics de divulgación científica, como o xa clásico Aterrizaje en la luna de Hergé, Darwin, la evolución de la teoría de J. Bayarri ou Neandertal de E. Roudier.

O mellor escaparate

Todo este acervo de fondos ten o seu mellor escaparate na selección de lecturas e novidades de contido científico que periodicamente se mostran na biblioteca –non só na Semana da Ciencia–, nas guías de lectura, no blog e nos libros, revistas e cómics desta temática que se incorporan nas caixas da Hora de Ler, un tempo diario de 15 minutos no que participan todos os alumnos do primeiro ciclo da ESO. Ademais de libros de poesía, teatro, novelas e contos, esta actividade plántalles nas caixas revistas e libros de divulgación científica axeitados á súa idade e nivel de comprensión lectora. Hai que sinalar, ademais, que as excelentes edicións que se publican na actualidade contribúen a facer máis atractiva a lectura científica.

Este ano aproveitamos o lema do cartel do Día das Bibliotecas “Ler ciencia na biblioteca” para facer a habitual exposición de textos científicos na sala, pero cunha novidade: os alumnos puideron escoller libros e revistas para incorporalos á Hora de Ler. Tamén aproveitaron a ocasión para levar en préstamo para a súa casa libros relacionados coa ciencia.

Aínda que o camiño dista moito de estar percorrido na súa totalidade, o balance do proxecto A biblioteca, outra forma de aprender é positivo. As nosas estimacións apuntan que un centenar de alumnos pasa pola biblioteca cada día. Unha enquisa feita no 2013 indica que o 78 % dos alumnos consultados utilizou a biblioteca, fundamentalmente nos recreos, unha ou dúas veces por semana. O 30 % vai co profesado unha ou dúas veces ao mes e o 53 % desexaría que a frecuencia fose maior. O 45 % participa activamente, polo menos algunha vez, nas propostas da biblioteca. Son datos que moven á esperanza, mais non todo é de cor rosa. Parte do alumnado aínda non descubriu a nova oferta e moitas veces amosa unha certa resistencia a participar nas actividades, o que fai que os esforzos realizados non dean os froitos desexados.

Vencer esta desidia require un esforzo de todos. Tal como apunta Gloria Durban en La biblioteca escolar hoy: un recurso estratégico para el centro:

(La biblioteca) debe encontrar su anclaje en el sistema educativo al articularse como recurso educativo facilitador que genera posibilidades reales de apoyo a la labor docente, sin falsos protagonismos y con plena efectividad (…) Es posible y necesario valorar en el interior de la escuela todo el potencial pedagógico de que dispone la biblioteca escolar como herramienta didáctica en manos del profesorado. Ellos son los que deben decidir cuándo y cómo utilizarla con el apoyo del coordinador de la biblioteca, y éste ha de poder desarrollar una función facilitadora como guía y mediador de estas posibilidades” (Durban, 2010, p. 8).

Malia as dificultades, hai que dicir que desde o 2009 as actividades e iniciativas da biblioteca propiciaron cambios na dinámica da aula en particular e do centro en xeral. A través de prácticas, como as desenvolvidas na Semana da Ciencia, na Hora de Ler, a formación de usuarios, o club de lectura e a educación para o uso e produción de información, a biblioteca conecta co saber científico propio do noso tempo e contribúe de xeito efectivo á unha aprendizaxe máis autónoma e crítica. É parte do seu esforzo para estar máis preto da ciencia, das novas tecnoloxías e, polo tanto, do porvir. E tamén a súa aposta para combater esa mentalidade pesimista tan estendida no noso tempo e que tan contundentemente expresara Henry James (James, 1984, p.28) ao dicir que “todos os futuros son fuscos”. Estamos seguros de que, neste particular camiño de Bolonia, Cervantes non se enfadaría de verse compartindo estantes con Einstein ou Hawking no IES A Xunqueira II e de que, de vivir hoxe, tampouco vería mal que don Antonio de Isunza e don Juan de Gamboa andasen máis pendentes de National Geografic ca das aventuras da non menos principal dama Bentibolli.

Bibliografía: 

CERVANTES, M. de (1986). Novelas ejemplares,II. Madrid: Cátedra (1.ª ed.).

DURBAN ROCA, G. (2010). La biblioteca escolar, hoy: un recurso estratégico para el centro. Barcelona: Grao (1.ª ed.).

JAMES, H. (1984). Otra vuelta de tuerca. Barcelona: Seix Barral (1.ª ed.).

PARKER, B. (2005). Einstein. Pasiones de un científico. Bos Aires: El Ateneo (1.ª ed.).

Sección: