Formando lectores no rural
Josefa Vázquez Fernández
Profesora de Xeografía e Historia e responsable da biblioteca escolar
CPI Poeta Uxío Novoneyra. Seoane do Courel
finavazquez@edu.xunta.es
A importancia da biblioteca escolar na contorna do noso centro
O CPI Poeta Uxío Novoneyra atópase situado en Seoane, no concello de Folgoso do Courel, en pleno corazón da serra do Courel. Trátase dun centro pequeno, con 32 alumnos/as repartidos entre infantil (5), primaria (12) e secundaria (15). A importancia que a biblioteca escolar ten neste concello é moito maior ca noutros, xa que nel non existen librerías e as ofertas culturais e informativas en xeral son bastante escasas. O concello conta cunha biblioteca, pero o seu horario de apertura é só de mañá. Ademais, debido á dispersión da poboación, ao reducido número de nenos/as e á falta de medios, o alumnado non ten a posibilidade de intercambiar experiencias lectoras fóra da contorna escolar.
A transformación da nosa biblioteca
Comezou durante o curso 2011-2012 coa solicitude e desenvolvemento dun grupo de traballo (A nosa biblioteca como centro de recursos) que nos axudou a crear as bases teóricas que servirían de guía para o remodelación da biblioteca (expurgación de libros, nova distribución dos espazos da biblioteca, clasificación dos fondos segundo os criterios da CDU…) e no que participou a meirande parte do profesorado. Esta transformación continuou ao ano seguinte (curso 2012-2013) coa solicitude do seminario As Novas Tecnoloxías na Nosa Biblioteca, co que pretendiamos seguir mellorando na xestión e dinamización da biblioteca escolar, na súa integración nos procesos educativos do noso centro e, sobre todo, na inclusión das TIC na biblioteca. E de novo, a meirande parte do profesorado participou neste seminario (14 profesores dun total de 16). Os resultados acadados con estes cambios son moi positivos, pero aínda nos queda moito por facer.
Nesta transformación da nosa biblioteca, ademais de todo o traballo levado a cabo polo profesorado do centro e a formación recibida nos cursos realizados, axudou moito a concesión das axudas do PLAMBE (Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares), xa que nos permitiron mellorar a organización da biblioteca (novos andeis, creación dun recuncho de lectura informal que esperamos que funcione a partir deste curso...) e, sobre todo, mellorar a actualización dos seus fondos, sempre atendendo ás posibilidades e necesidades do noso alumnado.
Quen utiliza a biblioteca do noso CPI e horario de apertura
Ata agora a biblioteca escolar era utilizada polo alumnado, o profesorado e o persoal non docente do centro; a partir deste mes de novembro esperamos que tamén o fagan os familiares do noso alumnado e outros veciños da zona que soliciten facerse socios dela. No festival de fin de curso convidáronse as familias a facer o carné da biblioteca, pero esta iniciativa non tivo moito éxito xa que só houbo tres solicitudes. Na reunión coas familias de comezo de curso, volveuse repetir a invitación e esta vez si tivo unha maior aceptación.
O horario de apertura da biblioteca vén marcado pola xefatura de estudos desde principios do curso, segundo a dispoñibilidade horaria do profesorado e sempre intentando que sexa o máis amplo posible. Neste curso 2013-2014, a encargada da biblioteca ten seis sesións de dedicación exclusiva á biblioteca no seu horario. Na hora de recreo da mañá e durante todos os días do curso, cóntase cun profesor de garda na biblioteca para atender os alumnos e alumnas (poden facer consultas, ler revistas ou xornais, realizar préstamos, conectarse a internet…); tamén está aberta no recreo do comedor (entre as 14.00 e as 14.50), momento no que é atendida por profesorado voluntario das tres etapas educativas.
Obxectivos que nos propoñemos
O obxectivo principal que nos propoñemos é a utilización da biblioteca escolar como un centro de recursos dinámico e en constante actualización, como un centro de recursos que nos axuda e resulta imprescindible para o desenvolvemento do currículo e a adquisición das competencias básicas (especialmente: competencia da comunicación lingüística, para aprender a aprender, para o tratamento da información, a competencia dixital e a competencia cultural e artística), así como a adquisición e consolidación do hábito lector, un hábito que debe ser fomentado desde a escola, pero sen nos esquecer do importante papel que neste campo xogan as familias, de tal xeito que o que se consiga na escola dependerá en gran medida do que aconteza na casa do noso alumnado. Polo tanto, é moi importante implicar as familias no gusto pola lectura, algo que podemos conseguir coa Mochila Viaxeira (que no noso centro funciona en todas as etapas educativas: infantil, primaria e secundaria), creando unha sección de libros e información de interese para os pais/nais, elaborando guías de lectura ou facilitando a presenza das familias nos encontros que realizamos con autores.
Por outra banda, vivimos nunha sociedade na que cada vez hai máis información ao alcance de todos, feito que fai necesaria a formación dos máis pequenos e da mocidade arredor da lectura e da selección e tratamento da información. É aquí onde o papel da biblioteca escolar resulta fundamental, como mediadora de toda esta información que se recibe e, tamén, como compensador das desigualdades ao lles proporcionar aos nenos e nenas das familias desfavorecidas recursos dos que carecen na súa casa. No caso do noso CPI, as dificultades orográficas e as distancias fan que a biblioteca escolar cubra, ademais, funcións propias da biblioteca pública, ao ofrecer o servizo de préstamo para toda a comunidade educativa e mostrarse tamén como difusora cultural con sesións de narración oral, clubs de lectura, acceso ás TIC, encontros con autores etc.
Para conseguir estes obxectivos, é necesaria a planificación por parte do equipo da biblioteca e a realización dunha serie de actividades que, no caso do noso centro, comezan xa desde principios de curso coa formación de usuarios. Nas actividades de biblioteca colabora todo o claustro de profesores, tanto nas actividades puntuais realizadas con motivo dalgunha data significativa (elaboración de murais, gravación de vídeos…) como naquelas que requiren un compromiso de traballo ao longo do curso (club de lectura, Hora de Ler…). No deseño destas actividades sempre se pensa na globalidade do centro, escóllense e prográmanse para que todos os niveis poidan aproveitalas e participar nelas: desde infantil e primaria ata o último curso da ESO; e case sempre o tratamento é intra e interdisciplinar (hai que ler, escribir, debuxar, colorear, imaxinar, reflexionar, buscar información etc.) en todas e cada unha das áreas.
Ademais, entre os obxectivos de organización e xestión propostos na programación xeral anual recóllense: continuar na renovación da biblioteca e optimizar os seus recursos; reforzar e afondar en medidas que favorezan a mellora da lectoescritura; mellorar a coordinación das actividades organizadas polos diferentes departamentos didácticos, garantindo que sempre teñan unha xustificación educativa que lle facilite ao profesorado e ao alumnado as súas tarefas básicas de ensinar e aprender nas distintas áreas, así como en calquera tipo de actividades extraescolares e complementarias, tanto as lúdicas como as establecidas no proxecto curricular.
Actividades de dinamización da biblioteca e fomento da lectura
En todo o centro, e non só na aula ou na biblioteca, intentamos que se perciba a presenza da lectura. Aínda que é desde a biblioteca de onde parten a maior parte das accións de fomento da lectura, estas sempre se realizan en colaboración cos distintos departamentos de secundaria e os equipos de ciclos de infantil e primaria, e sobre todo co ENDL. Temos que destacar a boa acollida que estas actividades teñen entre o noso alumnado; por unha parte, o feito de ser tan poucos fai que sexa moito máis sinxelo que todos participen, por outra, os docentes intentamos facer atractiva a actividade para que o alumnado participe con gusto, a pesar de que as actividades se realicen nos recreos ou nas horas de titoría. O feito de que os alumnos vivan afastados uns dos outros e todos eles sexan transportados convértese nun feito diferencial, pois o escolar é o tempo no que poden estar xuntos e o noso empeño é que se converta nun tempo de calidade.
Algunhas destas actividades que vimos desenvolvendo son a formación de usuarios a través de xogo do bingo, actividades en JClic e en Word, para primaria e secundaria, e tamén, presentación, en espazos de máxima visibilidade, das novidades incorporadas pola biblioteca e realización de murais e/ou exposicións temáticas de libros do fondo da biblioteca relacionadas con algunha data significativa
En canto ao calendario de celebracións, no curso pasado, para o Samaín elaborouse un mural sobre a historia da Santa Inquisición baseándonos no libro de Rábade Paredes Branca de Loboso e realizouse unha exposición de obras literarias galegas de temática de medo (Cartas de inverno de A. Fernández Paz, Á lus do candil de Ánxel Fole...). Para conmemorar o Día da Declaración dos Dereitos Humanos, utilizouse a obra pictórica de Castelao, que se expuxo nun mural no que se reflectían os dereitos conculcados. Para o Día da Paz elaborouse o mural “Que é a paz para ti?” no que todos os alumnos e alumnas escribiron ou debuxaron o que significaba a paz para eles. Para a Semana da Prensa, a biblioteca adquiriu periódicos escritos en distintas linguas (francés, inglés, alemán, ruso, árabe, italiano etc.) que circularon polas aulas de infantil, primaria e secundaria durante toda a semana; o obxectivo que se pretendía era que o alumnado puidese coñecer prensa doutros países e se percatase de que en Galicia non temos prensa escrita en galego; tamén se fixo un mural cos distintos xornais españois e un tendal coas noticias que elixiron os/as alumnos/as; ao final da semana proxectouse un vídeo sobre a prensa escrita en distintas linguas no que participou todo o alumnado do centro. Para o Día do Libro tamén se realizaron varias actividades: durante o recreo, o alumnado de ESO presentounos unha nova forma de contar contos: o kamishibai, e con el contáronnos unha fermosa historia; ao longo da semana elaboramos o mural “Érase unha vez...”, no que recordamos os contos dos que nos disfrazaramos no Entroido (de Carapuchiña Vermella, de 101 Dálmatas, de Hansel e Gretel etc.); no mural estaban expostas as fotografías do alumnado disfrazado e ao seu carón as fotografías dos auténticos protagonistas dos contos, así como os libros que contiñan os ditos contos, libros que os/as nenos/as podían coller na Hora de Ler ou nos recreos e logo colocaban de novo no seu lugar. Tamén durante esta semana alumnos/as de primeiro de ESO dramatizaron algún destes contos que lles ían contar aos máis pequenos (infantil e primeiro ciclo de primaria).
Realizáronse sesións de contacontos para infantil e primaria e encontros con escritores (abertos a calquera área de coñecemento: literario, ciencia, arte...). O curso pasado tivemos a sorte de contar co científico galego Xurxo Marino (que nos falou de neurociencia e de como o cerebro procesa a información que vén do exterior) e coa escritora Pilar García Negro, que veu acompañada da poetisa Marica Campo. Nestes encontros, a biblioteca colaborou proporcionando lecturas destes escritores.
Creáronse clubs de lectura co alumnado do terceiro ciclo de primaria, coordinado pola profesora deste ciclo. Tras a lectura, os/as alumnos/as, xunto coa mestra, fan unha charla-comentario sobre o libro que leron e que logo soben ao blog Os libros nos dentes dos lobos. Neste blog, o alumnado tamén sobe comentarios sobre calquera outro libro que lese. En secundaria tamén se creou un club de lectura, dirixido polas profesoras de Galego, Relixión, Inglés e Lingua Castelá (os comentarios sóbense á páxina web na sección da biblioteca “A min gustoume”). Tanto no club de lectura de primaria como no de secundaria, a participación do alumnado é do 100 %. Durante este curso, intentaremos tamén crear un club de lectura cos máis pequenos (entre os 5 e 8/9 anos), en colaboración coa librería Trama de Lugo que nos proporcionará de xeito gratuíto os libros para o dito club; a primeira sesión será a finais deste mes e intervirá unha persoa allea ao centro, con experiencia neste campo. Veremos como funciona e se o proxecto ten continuidade.
A biblioteca colabora xestionando as lecturas e dixitalizándoas a través das tabletas e dos e-books que se mercaron o curso pasado grazas ás axudas concedidas polo PLAMBE, xa que fomos un dos centros seleccionados para poñer en marcha o proxecto piloto E-ELBE (polo que nos concederon tres e-books).
Realizamos lectura en voz alta, de forma esporádica e en actividades comúns para conmemorar algunha data significativa (por exemplo, os/as alumnos/as do terceiro ciclo de primaria leron en voz alta uns poemas de Rosalía de Castro durante o horario de comedor para conmemorar o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos); ou ler algunha noticia importante que apareza nun xornal ou revista relacionada coa zona na que vivimos.
Chamámoslle “Ven que che leo” ao intercambio de lecturas entre alumnos de distintos niveis (por exemplo, que un alumno de cuarto da ESO lle lea un conto a un alumno de infantil ou primeiro curso de primaria) ou ben que un profesor de secundaria escoite ler a un neno/a de primaria... e, para ler e escoitar, calquera recuncho do centro é perfecto.
Contamos cun obradoiro de escritura que foi creado a raíz da adquisición dun kamishibai pola biblioteca. Esta actividade parécenos moi interesante xa que o/a alumno/a traballa distintos aspectos como a expresión oral, a escritura, a expresión plástica... No festival de fin de curso, os/as nenos/as de terceiro ciclo de primaria elaboraron un conto que dramatizaron a través do kamishibai.
A chamada Hora de Ler en primaria (todos os días de 12.50 a 13.20) é o horario no que o alumnado de primaria tamén pode utilizar o servizo de préstamo da biblioteca e Hora de Ler en secundaria vén sendo unha sesión á semana que vai cambiando seguindo unha continuidade no horario de cada grupo, comezando a primeira hora do luns en outubro e rematando a última hora do venres en maio.
Na Mochila Viaxeira inclúense libros en diferentes idiomas, algún cómic, vídeos e libros de lectura para pais/nais. O curso pasado a mochila chegou a infantil, despois de que xa viña “viaxando” por primaria e secundaria.
Ademais de todas estas actividades que esperamos seguir realizando durante este curso, tamén queremos poñer en marcha outras que nos axuden a continuar coa dinamización da biblioteca e contribúan a fomentar o hábito da lectura, como a Olimpíada do Saber (que nos permitirá traballar máis a autonomía do alumnado na procura de información), o Mercado de Revistas (para darlle saída ás numerosas revistas atrasadas que hai na biblioteca (o alumnado poderá levalas para as súas casas sen que as teñan que devolver), o xa mencionado club de lectura cos máis pequenos, a Adiviña do Mes, o cineforo (O mércores, cine)...
Todas estas actividades buscan a formación de lectores competentes na zona máis rural, en pleno corazón da serra do Courel, onde as dificultades orográficas dificultan as comunicacións e o achegamento entre o noso alumnado nos períodos non lectivos. Desde o equipo que formamos, a biblioteca e o profesorado en xeral pretendemos achegar a lectura a toda esta rapazada e espertar o seu gusto por ela, co que se consolida o hábito lector ao tempo que intentamos levar a cultura desde o centro aos distintos fogares. Deste xeito compensamos un pouco a carencia de centros culturais e de recursos a que se ve abocada a poboación que vive nesta zona. Finalmente, desde a biblioteca intentamos facer posible que este alumnado se beneficie de boas experiencias de lectura, semellantes ás que poida ter calquera outro alumno dunha gran cidade. Só así é posible a igualdade de oportunidades entre uns e outros, independentemente de onde vivan –sexa en zonas máis ou menos poboadas, máis ou menos afastadas dos grandes centros de decisión– ou de pertenceren a familias máis ou menos ricas económica e culturalmente.