“Ler ciencia na biblioteca escolar”
Asesoría de Bibliotecas Escolares
Cristina Novoa Fernández
Pilar Sampedro Martínez
Xosé Luís Barreiro Cebey
bibliotecasescolares@edu.xunta.es
Para o desenvolvemento do plan LIA de bibliotecas escolares (lectura, información, aprendizaxe), a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén poñendo en marcha diversas accións destinadas a facilitar a renovación das bibliotecas escolares, adaptándoas a un novo modelo acorde coas necesidades do alumnado actual. Así mesmo, vén desenvolvendo outras iniciativas destinadas a fomentar a lectura en centros de ensino, con atención a todos os sectores da comunidade educativa, baixo o paraugas do programa denominado Hora de Ler. Unha destas accións, cómplice tanto do programa de bibliotecas como do programa Hora de Ler, é a edición dun cartel anual, cun lema específico, para facer visible a biblioteca, os seus recursos e as súas posibilidades, así como propiciar o coñecemento e o uso por parte do profesorado, do alumnado e das familias deste importante instrumento educativo. Estes carteis conteñen sempre un lema referido á biblioteca escolar e unha imaxe potente, froito da interpretación que do lema elixido fai un debuxante profesional, do ámbito da ilustración galega, con experiencia en literatura infantil ou banda deseñada. Os carteis son distribuídos a todos os centros públicos da comunidade autónoma.
O lema elixido para o presente curso 2013-2014, “Ler ciencia na biblioteca escolar”, busca sensibilizar sobre a importancia da lectura de textos de carácter científico, de textos divulgativos ou de textos literarios que tratan temas relacionados coa ciencia.
Por unha parte, procúrase que as bibliotecas escolares lle presten atención a este tipo de materiais e actualicen os fondos da colección que poidan servir para o tratamento do currículo das áreas de ciencias. Segundo as recomendacións internacionais (IFLA 2002) e o Marco de referencia sobre as bibliotecas escolares, publicado polo Ministerio de Educación (2011), as coleccións das bibliotecas deben estar conformadas nun 60 % por materiais de carácter informativo para facilitar as aprendizaxes nos distintos campos do saber, e inclúense aquí materiais en soporte impreso ou electrónico (audiovisuais e recursos dixitais). Isto significa que a biblioteca debe ofrecer suficientes fontes informativas que permitan o desenvolvemento do currículo de todas as áreas de aprendizaxe, incluídas as de carácter científico. Pero ademais “Ler ciencia na biblioteca escolar” pretende facer unha chamada de atención sobre a importancia de incorporar os textos de divulgación científica nas actividades de lectura libre ou de lectura compartida que se leven a cabo na biblioteca (ou nas aulas, por proposta desta), como unha forma de lle achegar ao alumnado uns textos que adoitan ser atractivos, pero que precisan dunha mediación para que poidan exercer toda a súa sedución cos mozos e mozas. Ao tempo, chama ao profesorado das áreas de ciencias a demandar da biblioteca escolar os recursos informativos ou de ficción que lles sexan precisos para o exercicio do seu labor docente e da súa función como mediadores de lectura, neste caso, de lectura de textos relacionados coas ciencias.
Desde o seguimento do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares obsérvase que, cando os departamentos de ciencias se involucran directamente na xestión e nas actividades deseñadas pola biblioteca escolar, os avances no uso deste recurso educativo por parte de profesorado e alumnado son máis significativos, polo que esta campaña quere tamén buscar a súa complicidade. Pero aínda hai unha última razón para promover a lectura de ciencia na biblioteca escolar: existe un claro interese no ámbito educativo europeo por relanzar a cultura científica entre o alumnado mediante iniciativas que favorezan unha percepción da ciencia como parte natural da cultura e un achegamento ás explicacións científicas da realidade máis cotiá, así como maiores índices de competencia en lectura, matemáticas e ciencias (Educación e Formación 2020 - ET2020).
Desta forma, “Ler ciencia na biblioteca escolar” vén servir de coartada para a organización de exposicións de materiais existentes na biblioteca relacionados coas ciencias en xeral ou especificamente con algunha delas: matemáticas, física, química, ciencias naturais, xeoloxía, bioloxía etc. Pode incentivar a organización de actividades de lectura e de busca de información como olimpíadas culturais, de carácter xeral ou específicas sobre unha das ciencias; concursos relacionados con algún personaxe científico ou actividades de formación de usuarios ou de alfabetización informacional centradas nalgún tema concreto. A coincidencia da Semana da Ciencia en Galego, tamén a comezos de novembro, contribúe a que os centros se sumen a este tipo de iniciativas con diversas propostas. En definitiva, trátase dunha chamada de atención ao profesorado sobre a importancia de valorar este tipo de lectura a través das súas propostas no centro.
Esta campaña de inicios de curso para impulsar a lectura de ciencias nas bibliotecas escolares e, como consecuencia, no conxunto das prácticas educativas é o último elo dunha serie iniciada en 2008 cun cartel ilustrado por Manuel Lariño co lema “Biblioteca escolar, servidor central”.
En efecto, a biblioteca escolar é un espazo educativo que funciona á maneira dun servidor informático que permite non só a almacenaxe de información senón que tamén distribúe esa información cando e onde se precisa. Da mesma maneira en que a caída do servidor deixa incomunicados os ordenadores que del dependen, a biblioteca escolar que non está activada (que non exerce as funcións que lle corresponden) é un valor negativo para o centro educativo ao que se debe; esta falta de funcionamento supón, seguindo coa metáfora, unha caída no fluxo da información e, como consecuencia, nas posibilidades de acceso ao coñecemento da comunidade educativa.
A chegada aos centros educativos deste cartel supuxo, en palabras de moitos profesores e profesoras, unha oportunidade para visualizar o novo modelo de biblioteca escolar que desde a consellería se estaba a difundir: espazos diversificados, integración dos recursos electrónicos, lugares reservados para a lectura informal ou para o traballo en grupo. Fixo visibles, especialmente, a necesidade de crear recunchos de audiovisuais para un uso autónomo por parte do alumnado, ou a presenza das publicacións periódicas (revistas e xornais), de forma que sexa posible a lectura de todo tipo de textos en todo tipo de soportes e formatos.
En 2009 pedíuselle a Miguelanxo Prado, recente Premio Nacional de Cómic, a plasmación nunha imaxe do lema “Bibliotecas escolares, espazos de lecturas”.
En efecto, a biblioteca escolar é un lugar no que achegarse a múltiples saberes a través da lectura de textos variados: textos de ficción e textos informativos dos distintos campos do coñecemento; pero tamén textos xornalísticos ou divulgativos, textos lineais ou con hipervinculados; continuos ou descontinuos; libros xogo, álbums de gran riqueza plástica ou cómics de calidade que narran aventuras e historias imaxinarias, pero tamén biografías ou acontecementos históricos. Ademais, estas lecturas están en soporte impreso e poden, tamén, presentarse en formato electrónico a través dos ordenadores ou dos dispositivos de lectura dixital. E na biblioteca, ademais de libros, hai música, cine e internet e todos eses soportes achegan información e ficción, palabras e imaxes... desde a biblioteca podemos realizar múltiples lecturas da realidade na que nos movemos, do noso mundo interior e de todos os mundos. Ao tempo, Miguelanxo Prado introduciu a metáfora da escola-biblioteca, entrar nunha supón introducirse na outra pois son, ou deberían ser, dúas realidades plenamente integradas; non existe hoxe unha escola eficaz que non conte cunha biblioteca activa que lle dea soporte a toda a súa actividade.
Marina Seoane foi a ilustradora escollida para interpretar o lema “Biblioteca escolar, un “mundo” de oportunidades”, o cartel editado en outubro de 2010.
Conseguiu plasmar nunha imaxe as moitas actividades que se poden levar a cabo na biblioteca dun centro educativo ao longo dun día calquera: a lectura individual ou compartida, unha sesión de narración oral, un club de lectura, un traballo en grupo, unha investigación, unha busca documental... A biblioteca escolar ofrécelles múltiples oportunidades a profesorado e alumnado para poñer en práctica a experiencia lectora, para reforzar aprendizaxes das distintas áreas, para levar a cabo actividades que contribúan á adquisición de competencias clave, para construír coñecemento e establecer vínculos con outros en tanto que seres sociais e participantes dunha comunidade educativa inicialmente e dunha sociedade diversa en última instancia. Na ilustración de Marina Seoane estaban incluídos os diferentes soportes de lectura, porque o novo modelo de biblioteca escolar integra as tecnoloxías como un equipamento imprescindible para lle seguir dando soporte á información, como noutro tempo foi o papel impreso e moito antes os manuscritos, os pergameos, os rolos ou as táboas de arxila. Pero tamén alimenta a imaxinación con ese globo aerostático que suca os ceos e nos traslada a paisaxes de aventura, coma esas lecturas que nos permiten viaxar a países remotos e a tempos pasados ou futuros e que agardan por nós na biblioteca.
A ilustradora faille unha chiscadela á diversidade e á multiculturalidade porque a biblioteca é tamén un espazo de convivencia onde caben todas as diferenzas e onde a participación de culturas, sensibilidades, ideas e aptitudes diferentes enriquece o conxunto e axuda a medrar como persoas xustas e solidarias. Os libros e a escritura como soporte das distintas actividades falan do que é fundamental, o mesmo que a imaxe dun mozo en cadeira de rodas lembra a necesaria accesibilidade (física ou intelectual) como un obxectivo que hai que acadar á hora de deseñar ou renovar as bibliotecas dos centros.
En 2011, o lema elixido foi “Biblioteca escolar, última xeración” e nesta ocasión foi a ilustradora Enma Ríos a encargada de interpretar este lema a través dunhas imaxes moi persoais, cargadas de simbolismo e de referencias do mundo cinematográfico, entre outras.
A biblioteca que nos debuxa Enma ten espazos individuais, case cabinas, que pechan o lector na intimidade do libro ou da pantalla. Pero tamén ten espazos abertos que permiten a comunicación co outro, o intercambio de opinións sobre o que se está lendo. Esta biblioteca na que se intercambian os papeis cotiáns (mentres a moza consulta un ordenador portátil, o robot co que se comunica está a ler un libro impreso) é unha metáfora da integración da cultura impresa e da cultura dixital que atopa na biblioteca o espazo máis natural. É tamén unha alerta sobre a capacidade dos clásicos para engaiolar os lectores, por moito que estes pertenzan a xeracións altamente dixitalizadas. A presenza dunha gran pantalla ao fondo invita á lectura dos audiovisuais e ao coñecemento das linguaxes dos medios de comunicación; fala así de alfabetización mediática, unha das funcións da biblioteca escolar. Tamén hai unha presenza constante da multiculturalidade e da convivencia entre persoas de distinto nivel de idade e coñecemento. Porque iso é a biblioteca escolar, un espazo de encontro entre os membros da comunidade educativa, un lugar para vivir e medrar en cidadanía. A imaxe central aparece enmarcada nun mundo de fantasía, porque cómpre lembrar que as persoas precisamos da imaxinación para medrar, para alimentarnos, para desenvolver pensamento, para crear; que as bibliotecas, todas as bibliotecas, son un instrumento ao servizo da nosa imaxinación; que a literatura debe entrar na escola en toda a súa riqueza para axudarnos e formar a nosa personalidade, e para que o alumnado poida atopar nela os referentes que precisa para entenderse e entender o mundo e a sociedade na que vive, cos seus símbolos e os seus segredos.
A través do seguimento do programa de bibliotecas escolares observáronse os grandes avances que se poden dar nun centro educativo en relación coa asunción de prácticas pedagóxicas de carácter innovador, na medida en que a biblioteca se vai transformando nun espazo máis aberto e plural, acorde co novo modelo que se persegue como centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe para toda a comunidade educativa. Estas novas bibliotecas, ademais, están liderando o deseño e posta en marcha de proxectos de carácter interdisciplinar destinados a desenvolver contidos curriculares arredor dun tópico, un centro de interese. Por esta razón, no ano 2012 o lema escollido foi “Biblioteca escolar, acelerador de innovación”, coa participación do ilustrador Andrés Meixide.
O cartel que chegou aos centros públicos, como todos os cursos, antes do 24 de outubro, Día da Biblioteca, pretendía incidir nesta potencialidade da biblioteca escolar, sempre que se dean os requisitos necesarios para que poida desenvolver as súas funcións ao servizo do proxecto educativo de centro e do desenvolvemento do currículo (e sempre que dispoña dos recursos materiais e humanos suficientes, así como da implicación do conxunto do centro para que isto sexa posible). A biblioteca é un acelerador de innovación porque todas as propostas que saen dela pretenden cambios e melloras na formación do alumnado; porque ofrece recursos variados, actualizados, seleccionados con criterio de calidade, e destinados a complementar (e mesmo a substituír) a única fonte informativa que supón o libro de texto, sempre limitada; porque introduce contidos e actividades destinadas á formación do alumnado como usuario e produtor de información en todo tipo de linguaxes e formatos; porque co seu apoio o profesorado pode abordar un traballo diferente, co uso de distintas fontes informativas e aproveitando todas as súas posibilidades; e porque, cando a biblioteca está activada e conta coa complicidade de todo o claustro, asenta no centro unha dinámica de traballo colaborativo que provoca cambio nas metodoloxías e nas prácticas cotiás (que neste momento, se manifesta na aparición de traballos de carácter interdisciplinar como resposta a un currículo por competencias). Porque non hai transformacións na biblioteca escolar se non hai detrás un equipo de profesoras e profesores con perfil innovador.
A imaxe de Andrés Meixide facía fincapé na necesidade de integrar o mundo da ciencia e o mundo da imaxinación, o mesmo ca os soportes diferentes nos que se transmite a información e a través dos cales podemos acceder ao coñecemento, sen esquecer as bases do método científico, precisas para os traballos de investigación e para a adquisición de habilidades e competencias de aprendizaxe permanente ao longo da vida: a competencia de aprender a aprender.
Cómpre destacar o labor de engrenaxe que supuxo o proceso de todos e cada un destes carteis. A colaboración entre as persoas responsables da Asesoría de Bibliotecas Escolares e os ilustradores seleccionados para levar a cabo cada proxecto foi esencial á hora de conseguir unha imaxe que respondese ao modelo que precisaba ser fixado e difundido, aínda que aberto sempre a novas adaptacións ás necesidades emerxentes.
Xunto cos carteis, os centros integrados no Plan de Mellora de Bibliotecas recibiron outros materiais, como marcapáxinas ou cadernos (con diversas informacións relacionadas coa biblioteca e a lectura), co fin de que puidesen ser empregados nas prácticas de fomento da lectura e de uso da biblioteca do centro entre os distintos sectores da comunidade educativa.
Ao longo destes últimos cursos, as bibliotecas dos centros acolleron estes materiais cunha excelente receptividade e empregáronos no seu contexto de formas diversas. Estas imaxes ocuparon e ocupan aulas, corredores e salas de lectura e van incorporando ao imaxinario de todos unhas bibliotecas diferentes onde é posible acceder de forma igualitaria aos recursos culturais e ás formas de construír coñecemento. Ao mesmo tempo, puxeron ao alcance do alumnado unhas ilustracións de calidade onde os libros, a lectura, a investigación, o saber son protagonistas. Constitúen, en definitiva, unha ferramenta para modificar a visión da biblioteca, mudar preconceptos e reforzar a súa presenza no sistema educativo, como instrumento esencial ao servizo da aprendizaxe.
IFLA - International Federation of Library Associations and Institututions (2002). Directrices de la IFLA/UNESCO para la biblioteca escolar. Dispoñible en http://www.ifla.org/ES/publications/the-iflaunesco-school-library-guidel...
Ministerio de Educación (2011). Marco de referencia sobre las bibliotecas escolares. Dispoñible en: http://www.mcu.es/bibliotecas/docs/MC/ConsejoCb/CTC/Marcoreferenciabesco...
Novoa, Cristina (2010). “Bibliotecas escolares para tiempos confusos”. Ortiz Cruz, M.; Area Moreira, M. (coord.). Bibliotecas escolares, ¿el último reino de papel? Consellería de Educación, Gobierno de Canarias, pp. 57-62. Dispoñible en: http://issuu.com/morrison46/docs/_el__ltimo_reino_de_papel_
Novoa, Cristina; Sampedro, Pilar (2010). “Camiño longo: as transformacións das bibliotecas escolares cara a un novo modelo”. Revista Galega de Educación (1:48), pp. 20-23.
Novoa, Cristina; Sampedro, Pilar (2010). “Outro alumnado, outras bibliotecas”. Revista Galega de Educación (1:48), pp. 16-19.
Novoa, Cristina; Sampedro, Pilar (2012). “Las bibliotecas escolares, motor de innovación”. Cuadernos de Pedagogía (1:423), pp. 33-36.